Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 15 de xullo de 2012

A estraña promoción do galego da Consellería de Educación

A parella formada por Jesús Vázquez (conselleiro de Cultura e Educación) e Anxo Lorenzo (secretario xeral de Cultura) son os protagonistas do anuncio que proclaman no web da Xunta na sinatura da colaboración coa Asociación Galicia Milenio encol das actividades culturais que se van realizar no 80 aniversario da misa de Rosalía de Castro. Segundo a nota de prensa da Consellería ésta é unha vía de 'promoción de utilización  da lingua galega'
Chamoume a atención a colaboración cunha entidade para min tan descoñecida como Galicia Milenio mentras que non hai forma de que asociacións do recoñecemento a historia e o prestixio da Mesa pola Normalización Lingüística reciban un trato semellante. Así que, comido pola curiosidade procurei información no buscador sobre Galicia Milenio e resulta que se presenta como unha foro de ideoloxía liberal e humanista. Iso si, hai que ser moi xeneroso (ou estar moi cego) para ver a promoción do galego detrás desta presentación

venres, 13 de xullo de 2012

Entrevista a Séchu Sende





Estounalavadora é o blogue de Noa Casal e Belén Quinteiro, dúas alumnas do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces). Presentan a súa xanela dixital indicando que 'as nosas entrañas precisan falar', e ben que o fan!.
Nesta ocasión cunha serie de preguntas moi ben escollidas que serían a envexa dos entrevistadores da TVG.  Hai futuro.

xoves, 12 de xullo de 2012

Consumogustos



Tal e como anunciaba o principal valedor deste acto, Pepe de Redondela, neste artigo de opinión, o pasado 7 de xullo de 2012, tivo lugar en Ribadavia a presentación pública da Irmandade Galega de Adegueiros, entidade que ten como obxectivo fomentar a etiquetaxe en galego dos produtos agroalimentarios.
A Irmandade, promovida polo Foro Enrique Peinador, está integrada por 34 adegas e 8 empresas de distribución que se comprometeron a usar o galego na etiquetaxe dos seus produtos, conscientes do poder do galego como elemento diferenciador e como marca de calidade.
Co ánimo de contribuír á comercialización destes produtos, o Foro Enrique Peinador difundirá a partir do 25 de xullo a campaña Consumogustos, destinada a  impulsar o proceso de galeguización dos produtos agroalimentarios.
Vía CTNL

mércores, 11 de xullo de 2012

O desprezo de Feijóo

Que o seu apelido continúe a ser Feijóo, e non Feixóo é un indicativo ben claro de cal é o lugar que lle corresponden á lingua galega no seu ideario.
Quen oíra algunha vez algúns minutos dun discurso seu tamén saberá do seu desleixo pois fala un galego contaminado.
Quen coñeza a política lingüística que defende, a da queima da normalización, a  prohibición do uso do galego, a exclusión e redución, tamén terá coñecemento do arraigado do seu auto-odio.
 Por se non quedara ben claro, onte volveu a facerlle un desprezo ao galego e polo tanto, a todos os galegos.
A situación era a seguinte: Alberto Ruíz Galladrdón, o ministro de xustiza mantivo un encontro co presidente da Xunta. O resultado dese encontro divulgouse mediante unha nota de prensa aos medios na que se nos ofrece un vídeo de estética completamente institucional, na que Feijóo se dirixe á poboación galega... en castelán. Isto non é o habitual, o Feijóo do desleixo, da prohibición, e da exclusión do galego non se pode presentar espido diante da poboación pois provocaría o rexeitamento;  pero claro, estaba de visita un señor de Madrid e o presidente da Xunta quixo deixar ben claro que  pesa máis a presencia dun castelán ao que, por certo, non se estaba a dirixir no vídeo, que os 2.800.000 galegos aos que nos estaba a contar un acordo co ministro de xustiza.
O resultado desta xuntanza publicitouse coas frases de Feijóo:“do mesmo xeito en que todo o mundo coincide en que o que contamina, paga; agora todo o mundo vai coincidir en que o que queima, paga”
E pagará o que despreza a lingua galega?

martes, 10 de xullo de 2012

Quarta feira logo vem



Nun documental de pouco máis de dez minutos realizado pola Gentalha do Pichel, podemos escoitar testemuños de xente da Limia, de Ortegal, Compostela, ou a Costa da Morte, que nos relatan como facían uso das formas segunda feira, terceira feira,.... para nomear os días da semana.
É unha mágoa que aqueles que tiñan que realizar este tipo de documentais, anden a nos contar trapalladas para xustificar as súas cadeiras.
Visto en Chuza! e en Sermos Galiza
P.S.: e tamén en Praza Pública

domingo, 8 de xullo de 2012

Grazas, Agustín!

por Mercedes Queixas Zas en Sermos Galiza:

A miña patria é a lingua, afirmou Pessoa, patriarca das letras portuguesas.
A patria do escritor é a súa lingua, recoñeceu novamente Francisco Ayala.
A lingua galega tense convertido tamén para o noso escritor Agustín Fernández Paz, no apoio óptimo para esvaír o fío imperceptíbel entre quen le e quen escribe e para, asemade, amplificar o convite social a xogar coas palabras que a lingua nos ofrece sempre, porque seguramente o noso veciño, profesor, parente, amigo e/ou compañeiro de viaxes, Agustín, participa e exemplifica a máxima de Cortázar, logo de ter viaxado a Galiza e se aproximar ao seu pobo: Os galegos respiran polo idioma.

Son un escritor galego

polo náufrago Francisco Castro, en Sermos Galiza:

Son un escritor galego e escribo este artigo nun aparcadoiro, nun descanso entre dúas xuntanzas, roubándolle tempo ao descanso e ao merecido piscolabis, que tan ben me sabe, porque, como tantísima xente que fai cultura en galego, temos que dedicarnos a outras moitas actividades para chegar a fin de mes e poder ir ao Gadis cun mínimo de dignidade.

Curriculum vitae dunha profesora



A escola concertada Laia do barrio de San Andreu, en Barcelona pechou boa parte das súas unidades e 73 alumnos quedaron sen centro e 7 profesores no paro. Núria Fusté Massana foi unha desas profesoras que quedou sen traballo e decidiu presentar este orixinal curriculum vitae en vídeo.
Sería posible que en Galicia un profesor presentara o seu curriculum vitae en galego para acceder a un posto de traballo nun centro de ensino privado? Para telo moi en conta.

Estounalavadora le poemas de Celso Emilio Ferreiro



As rapazas de Estounalavadora tamén quixeron celebrar o centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro. A mellor forma de facelo é recitando as súas poesías 'Irmás' (a versiónde Séchu Sende de 'Irmaus'), 'Consellos' por José Fernández e 'Espranza' por Estounalavadora

O cinema de Agustín



Montaxe con algúns dos filmes favoritos de Agustín Fernández Paz, proxectada durante a homenaxe nacional que se lle tributou o sábado 30 de xuño de 2012 en Vigo. Edición a cargo de Eloy Domínguez Serén.
Vía Martin Pawley

sábado, 7 de xullo de 2012

O Códice Calixtino e a lingua galega 1

por Xaquín Campo Freire en Sermos Galiza:
A tía Sabina de Agramonte, a nosa costureira cando ficamos sen nai, era unha muller sumamente intelixente. Hai que saber ler para hoxe e para o futuro, dicía. Coleccionaba historietas dos cegos. Catro por unha peseta na feira de Parga. E logo sacáballe punta a todo. Velaquí, en síntese, dúas delas e uns ganduxos de reflexión para chegarmos ao fondo da vida
Había unha vez un sitio, Galiza, que tiña un tesouro. Estaba na Catedral de Santiago. Uns polos outros, aquilo non estaba seguro. Un electricista, facía choiadas alí, e tivo a feliz idea de levalo un ano para a súa casa. Todos a laiar a inmensa perda do Códice. Descubriron e botáronse, coma tolambróns, contra del e da súa familia.

Dous vídeos do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón





Dous vídeos do CPI de Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro.
Vía CGENDL(facebook)

venres, 6 de xullo de 2012

Os inimigos do bilingüismo

por Filipe Díez en Praza Pública:

Nos comentarios ao meu anterior artigo en Praza Pública, Mauro Fernández aludía aos datos do IGE como xustificación do discurso da “imposición del gallego”, e iso levoume a revisitalos, con resultados que eu mesmo non previra. Ocorre que os datos poden ser vistos como fetiche (auto)xustificativo, como álibi inexpugnable ou como simple motivo para nos interrogarmos, con espírito de obxectividade mais sen pretensión de imparcialidade. Será neste último sentido que abordarei, nas liñas a seguir, os datos do IGE no tocante á evolución da presenza do galego e do español no ámbito escolar entre 2003 e 2008. Porén, antes debo deixar patentes dúas advertencias: a primeira, un oportuno recordatorio que ao fío deste asunto me facía hai uns días Xosé Luís Regueira canto ao carácter de datos manifestados, mais non comprobados, das estatísticas elaboradas no noso país a respecto das actitudes e dos usos lingüísticos; a segunda, da miña propia colleita, a total ausencia de mecanismos de seguimento e avaliación das medidas adoptadas, e isto vale tanto para o ensino como para o conxunto da política lingüística desenvolvida polas institucións autonómicas galegas.
Observación: para consultar as táboas cos datos do IGE, vai aquí.

A edición en galego descendeu un 10,2%

por Fernando Igrexas en Ollaparo:


“Desde que preside a Xunta Alberto Núñez Feijóo, non hai un só indicador positivo en políticas culturais, educativas ou lingüísticas”, apunta o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, á hora de valorar un novo “mazazo en datos”, neste caso sobre a situación editorial do galego. Segundo datos oficiais, entre os anos 2010 e 2011 o número de títulos editados no idioma de Galiza reduciuse un 10,2%, a maior caída que rexistra ningunha lingua oficial no Estado español. Fronte a iso, A Mesa reclama a “resurrección na Xunta da política cultural e do fomento do libro en galego”, pois “polo camiño actual só nos empobreceremos máis e máis”.

Dous lipdubs: Vedra e A Bandeira



Lipdub de 4º da ESO do CPI de Vedra recollendo  "A xustiza pola man", de Rosalía de Castro, nesta versión musical de Nao.
Vía CGENDL (perfil de facebook)




E xa postos vai tamén o fermosísimo lipdub do CEIP da Bandeira que nos mostra un centro cos corredores e as aulas decoradas marabillosamente.

xoves, 5 de xullo de 2012

Irmandade galega de adegueiros

por Xosé González Martínez (Pepe de Redondela), en Galicia Confidencial:

O Foro E. Peinador, que foi creado para restablecer o diálogo entre a economía e a identidade, vai constituír o próximo día 7 de xullo a Irmandade Galega de Adegueiros que etiquetan en lingua galega. A pretensión é dobre: insistir na necesidade de subliñar lingüisticamente a denominación de orixe, e procurarmos que os consumidores con demostrada sensibilidade polo noso feito diferencial apoien aos protagonistas deste sector facendo un consumo responsable, preferindo ás marcas que incorporan a lingua galega nas etiquetas.

Eu falarei, o making-off



A finais do mes pasado xa comentáramos o impresionante vídeo 'Eu falarei' do IES de Chapela, sostida por un traballo enorme no transcurso de varios meses. Como documento audiovisual de que isto foi así, recollemos este making-off.

mércores, 4 de xullo de 2012

A perda da identidade segundo o Carabouxo


Que lingua e identidade están fortemente relacionadas, ninguén pode retrucalo. Neste vídeo Xosé Lois, O Carrabouxo explica moi ao seu xeito en que consiste a perda de identidade, que na maioría dos casos vai aparellada á perda da lingua.
Curioso o papel que xogan os compañeiros de mesa de Xosé Lois nesta divertida conferencia no Institudo de Estudos Miñoranos. Moi serios,... só durante o primeiro minutos do vídeo.

martes, 3 de xullo de 2012

De blogues.4

Onte 222: Ofensa á Academia Galega, (18/04/2012) en Brétemas
Ar-Redadeg, o correlingua da Bretaña, (30/04/2012) en As crebas
Onte 222: Ofensa á Academia Galega (18/04/2012) en Brétemas
Ar-Redadeg, o correlingua da Bretaña (30/04/2012) n`As crebas de Miro Villar
O caso luxemburguês (27/06/2012) en Desperta do teu sono de José Manuel Barbosa e Carolina Hortsmann
Onte 246: Estranxeiros na súa terra (12/05/2012) en Brétemas
Onte 255: O Pedrón de Nova Escola Galega (21/05/2012) en Brétemas
Onte 264: puntoGAL (31/05/2012) en Brétemas
Unha neofalante en Bodaño (25/06/2012) en Made in Galiza, de Séchu Sende 
Deixeu-nos tranquils! (28/06/2012) en So de llengües blogue de David Valls i Botet

domingo, 1 de xullo de 2012

Uma alternativa natural

A empresa Leche de Galicia, S.L.U., con sede en Vilalba (Lugo) está a comercializar este produto 'con etiquetaxe en castelán e portugués.
En castelán: "Leche de cabra. Una alternativa natural a la leche de vaca"
En portugués: "Leite de cabra. Uma alternativa natual a la leite de vaca"
Deberíamos reflexionar ata que punto os galegos temos asumido que o natural é o castelán. Lembremos a campaña Galega 100%, sobre o leite galego.
Do grupo de facebook "Vivir o galego, vivir en galego"