Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 31 de agosto de 2015

Discriminación lingüística en Afiando [23]



Non é mal momento para recordar este debate sobre a discriminación lingüística en Galicia emitido por Irmandade.TV
A partir do intre 10m10s (ata o 37m10s) podemos escoitar o debate do programa Afiando [23], no que debullan o caso de discriminación lingüística sucedido en Casas Novas no que unha nena de 10 anos foi recriminada pola monitora por falar en galego.

¿Dámoslle a volta ao conto?

por Inma López Silva, en La Voz de Galicia:

Xa llelo digo eu ás miñas fillas: moito tino cos que falan castelán; nada de subir a un coche cun deles, por Deus, non quero nin pensar o que vos podería facer. Así que cando usedes o Bla Bla Car, se quen conduce non se apea do castelán, sen mediar palabra, baixades. É mellor perder os cartos que correr perigo.

A chica da curva do Blablacar

por Xosé Manuel Pereiro, en La Opinión A Coruña:


Por Galicia, polo menos polas súas redes sociais e faladoiros virtuais, circula unha nova versión da lenda urbana da "chica de la curva", soamente que neste caso é real. Un mozo, Iago Varela, ofreceu o seu coche en Blablacar, ese sistema de compartir gastos para viaxar, para ir de Vigo a Ourense. Respondeu unha rapaza, Esther:

venres, 28 de agosto de 2015

Os incrementos da SXPL

Isto é o que di un anuncio recente da SXPL: "A Consellería de Cultura e Educación incrementa a oferta de 30 cursos de lingua preparatorios do CELGA". Se o incremento foi de 30 cursos, a canto ascenderá a cantidade total de cursos ofertados? Pódese seguir a ligazón pero non cómpre facelo, xa o contesto eu. O total ascende a 30.
Estamos diante do que é normal na SXPL, a desinformación e a mentira. Como a política lingüistica que se está aplicando é realmente unha agresión continua contra o galego, non teñen outra saída que a creación e a difusión dun mundo irreal para poder continuar tirando para adiante para non alporizar á cidadanía. O perigo de instalarse no embuste é que se acaban comentendo excesos coma este. Só é posible manterse nesta liña coa axuda dunha tupida rede de medios servís que desprezan o galego e que nin o usan nin tampouco o respectan.

Para aclarar realmente en que consistiu o incremento na oferta de cursos Celga anunciada pola SXPL, basta recuperar os datos dos anos anteriores. Recollendo as cifras ofrecidas pola propia SXPL para os anos 2010, 2011, 2012, 2013, 2014, e a referida deste mesmo ano, obtemos un gráfico que fala sen ter que engadir máis comentarios:
Gráfico elaborado cos datos obtidos da SXPL
Porén, aínda que desde a SXPL queiran centrar (e perder) o debate arredor da cantidade de cursos preparatorios impartidos, o fundamental non é iso. A historia dos Celga dos últimos anos demostrou que non se podía facer peor. Non houbo diálogo cos traballadores que se encargaban dos cursos, creándose un duro conflito laboral que acabou xudicializándose. O desprezo mostrado pola SXPL pechou todas as portas a futuras negociacións. En ningún momento houbo mesas de análise sobre os defectos que tiña o funcionamento do sistema de cursos. A CTNL ofreceu hai tres anos, antes de que estoupara o conflito laboral, unha proposta de mellora de xestión e planificación que podía evitar o que despois sucedeu. Polo momento, o resultado final é o dunha nova xeira de cursos Celga que comenzan cando xa tiña que estar todo o proceso rematado.
Durante toda esta desfeita non se falou en ningún momento de normalización lingüística, xa nunca se abreu esa oportunidade. Por exemplo, nunca se falou de establecer os níveis Celga para poder acceder aos distintos postos da administración. Como había de ser isto posible se a primeira medida tomada por Feijóo no seu primeiro mandato foi eliminar a esixencia do coñecemento do galego nas oposicións?

mércores, 26 de agosto de 2015

O último libro de matemáticas en galego


Nesta táboa recollo os datos do total de libros con ISBN publicados en galego no período 2008-2013. Cómpre dar o aviso de que hai libros editados e que quedan desta catalogación "por materias" xa que pode dar a impresión dun descenso continuado na edición durante todo este período cando durante o 2013 houbo unha pequena recuperación. Poden consultarse todos os datos neste informe do Consello da Cultura Galega.
O que querría destacar é o número de libros de matemáticas que se publicaron neste período. Son poucos e non se poden tirar grandes conclusións, pero chama a atención que o pico máis alto se deba xusto ao ano no que comenzamos a sufrir o funesto decreto 79/2010, o mal chamado decreto do plurilingüismo. Nos seguintes anos a sucesión de libros de matemáticas en galego non parou de baixar: dos 13 editados nos 2010 continuamos con 10, 5, e 1.
No 2013 só se editou un libro en galego de matemáticas. Volvemos ao ano 1979, o da edición do primeiro libro en galego de matemáticas (e tamén o primeiro libro da editorial Xerais), Matemáticas de 1º de BUP, do Colectivo Vacaloura. No 2013 xa atrasáramos 34 anos. Cal será a medida do noso atraso a día de hoxe?
Quixen saber cal foi ese libro, o único libro en galego do 2013, porque sospeito que por un tempo será o último libro de matemáticas en galego. Pois aquí o está, trátase de Matemáticas: grao en comercio, da profesora Amelia Verdejo Rodríguez, da Universidade de Vigo, editado polo servizo de publicacións desta universidade. Incluso podemos consultar o primeiro capítulo, sobre funcións reais dunha variable.
Curiosamente o libro comenza cunha cita da matemática alexandrina Hipatia, unha mensaxe que lle regalo aos defensores do funesto decreto 79/2010, pois eles non defenden o dereito a pensar dos nosos fillos:
Defende o teu dereito a pensar,
porque incluso pensar de xeito erróneo é mellor que non pensar.

martes, 25 de agosto de 2015

O escándalo da Feira do Moble da Estrada


Tal e como denunciou onte ProLingua, esta é a vergoña que temos que soportar os veciños da vila da Estrada por culpa das malas prácticas da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada. Velaí o cartel anunciador da edición número 29 da que viña sendo a Feira do Moble de Galicia e que agora, tal e como se evidencia no anuncio deste ano, se converterá na Feria Internacional del Mueble de Galicia. Se quixeran facer un icono do cosmopaletismo non poderían facelo mellor.
Que ninguén diga que non estaba avisado pois hai tres anos xa denunciabamos a pancarta que os organizadores da Feira colgaban nunha das estradas principais da vila para indicar o lugar no que se estaba a celebrar o evento. Agora dáse un paso máis. Tal como xa se puxo en evidencia, alén do ataque á lingua galega o cartel ten para máis escarnio, un evidente mal gusto sexista.
Para quen pense que se trata dun "simple erro", invítoos a que lle boten un ollo ao Dossier Promocional, un documento que non é máis que unha cativa tradución do de anos anteriores, que viña redactado en galego. No novo documento, tal e como denuncia ProLingua, podemos ver un ataque á toponimia que pensabamos xa estaba superado. Aparecen as formas ilegais e estragadas de *La Estrada e *Villagarcía de Arosa
Máis detalles que dan que pensar. Nos perfís sociais da Feira do Moble a redacción ata hai uns poucos meses era en galego. Era o menos que se podía pedir se temos en conta que normalmente referenciaban ligazóns de informacións xornalísticas sobre as actividades que desenvolvía a Fundación de Exposicións e Congresos e que prácticamente nunca viñan escritas en galego. Pero hai uns meses a cousa cambiou. Basta ver como nesta imaxe como se anunciaba a Feira de labores.
Quen era o responsable da Fundación nesa altura? Quen era o responsable cando se editou o cartel? A que fóra xerente na edición pasada dimitiu no mes de decembro. As decisións foron asumidas polo alcalde José López  (do PP) ata que foi elixido como novo xerente a finais do mes de xullo o concelleiro do PP Nemesio Rey. Sexa Xan, sexa Pericán, o culpable da desfeita é o mesmo. Chegados a este punto non podemos esquecer que o político máis destacado do PP local era o que pechaba a lista nas eleccións do pasado maio. O seu nome, Valentín García; o seu cargo, secretario xeral de política lingüística. A complicidade entre el e José López é coñecida públicamente pois eles mesmos se encargaron de difundila nunha serie de vídeos preelectorais na que eran os únicos  Hai, polo tanto, unha liña directa entre o vergoñento cartel que anuncia a Feria do Moble deste ano e o máximo responsable da política lingüística galega. 
Imaxe do vídeo de propaganda electoral "Para seguir avanzando"
Valentín García (esquerda) e José López (dereita)

martes, 4 de agosto de 2015

A lingua dos nenos



Documental producido por Rinoceronte Editora e dirixido por Uxía Piñeiro. Trata do tema da perda da lingua materna que sofren os nenos galegofalantes, vista dende a óptica dos seus pais. Unha nova demostración do desastre educativo que está a supoñer o funesto decreto do plurilingüismo. Nunha sociedade na que todos os estímulos, sen contrapeso ningún, levan impulsan ao uso exclusivo do castelán, que se extenda esta exclusión ao ensino é fatal para a transmisión xeneracional da lingua oprimida.
Henrique Arguindey, Tati Mancebo. Ramiro Torres, Isabel Ferreiro, François Davó, Mónica Pazos son os pais que, en primeira persoa,  falan da situación da lingua dos nenos.
Vía Sermos Galiza

luns, 3 de agosto de 2015

A minha criança fala em galego

por Ramiro Vidal no Sermos Galiza:


A minha criança é umha excelente estudante, obtivo umhas magníficas qualificaçons ao final do periodo acadêmico, e agora toca-lhe disfrutar do verao...quê melhor que premiá-la inscrevendo-a num acampamento desportivo, por exemplo? Pode haver melhor prémio que estimular as suas afeiçons? Claro que, o monitorado vai ter que ter em conta umha circunstáncia especial. E qual é essa circunstáncia?

sábado, 1 de agosto de 2015

Takekazu Asaka e a edición xaponesa das cantigas de amigo de Martín Codax

por Francisco Fernández Rei, nas Voces de ProLingua:

O Día das Letras Galegas do 2012 celebrouse na capital de Xapón, na sede do Instituto Cervantes, cun ciclo de tres sesións de música e poesía galega que organizou Takekazu Asaka, profesor de Filoloxía Románica da Universidade Tsudajuku de Toquio desde 1988. Asaka leva un bo quiñón de anos estudando a lingua, a literatura e a cultura galegas e espallándoas no seu país, á vez que exerce como incansable brigadista no uso e defensa do idioma propio de Galicia cando está entre nós. Embarcouse en ProLingua cando esta comezou súa singradura e realizou a versión xaponesa do manifesto fundacional desta plataforma apartidaria a prol do galego.

xoves, 30 de xullo de 2015

Para unha nova e verdadeira política a prol do galego

por Marcos Maceina, no Sermos Galiza:

Coa lembranza activa de Rosalía, ás portas de conmemorarmos o centenario das Irmandades da Fala, e tras avaliarmos o escaso nivel de cumprimento dos principais acordos a respecto da nosa lingua, concretados no Informe sobre o cumprimento do PXNLG, no Relatorio sobre o incumprimento da Carta Europea das Linguas ou na recente denuncia sobre a vulneración de dereitos lingüísticos presentada no Consello de Dereitos Humanos da ONU, na Mesa pola Normalización Lingüística decidimos dar un paso á fronte e impulsar, sen exclusións de ningún tipo, unha Declaraciónde unidade a prol da normalización da lingua galega, finalmente asinada pola inmensa maioría dos partidos actuantes en Galiza.

Voltarmos ao consenso lingüístico

por Xoán Antón Pérez Lema, no Sermos Galiza:

O acordo a prol da promoción da lingua asinado por todos os partidos, a medio dos bos oficios da Mesa, ten unha trascendencia indubidábel. Por unha banda vencella á nova esquerda de Podemos coa nidia liña de discriminación positiva que debulla o acordo. Por outra, visualiza a ruptura aparente do PP coa utilización partidista que leva facendo do galego dende fins do 2008. Utilización que xerou graves danos, non só ao uso da lingua, nomeadamente no ensino, senón á mesma cohesión social. Semella que o PP dá por amortizada a adscrición electoral a Ciudadanos (C´s) da minoría galegófoba, pouco significativa en cantidade, mais de certo en minguante predicamento en determinados sectores urbanos. E tenta achegarse ao centro e a un discurso de integración que o PP tiña moi claro antes do 2006.

mércores, 29 de xullo de 2015

A Igrexa e o galego: un problema de secularización

por Pedro Castelao en La Voz:

O 5 de xullo cumpríronse 50 anos da primeira misa en galego. Foi presidida polo padre Seixas, en Santiago, na igrexa de San Domingos de Bonaval, lembrando a Rosalía. Que dicir deste medio século da relación entre a Igrexa e o galego?

martes, 28 de xullo de 2015

'Deitado frente ao mar', no Luar



Para os que víramos en directo algunha vez esta marabilla, a sorpresa non é tan grande, pero volver a escoitar esta excelente peza de María Lado e Lucía Aldao, é realmente agradable... e escacharrante.


xoves, 16 de xullo de 2015

Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega




Onte todos os partidos políticos mostraron asinaron unha declaración conxunta (ao PP custoulle bastante, pois non o fixo ata o último momento) que lles fora proposta pola Mesa para a Normalización Lingüística. O acto tivo lugar ao mediodía ao pé do monumento de Rosalía de Castro na Alameda compostelana.
Velaquí a declaración:

A lingua galega é a grande obra colectiva do pobo galego. A que nos une e nos identifica, a que nos dá voz propia nun mundo plural e diverso ao que queremos contribuír.
O galego é garantía de futuro, de existencia digna e próspera como pobo. O idioma é o mellor instrumento común que creamos todas e todos os galegos e unha necesidade para avanzarmos xuntas as xeracións presentes, en todos os ámbitos, na cultura, na educación, no progreso social, económico e político.

Recentes estudos de organismos oficiais voltaron pór de manifesto un preocupante retroceso social da lingua que mostra a necesidade de avanzarmos para erradicar vellos e novos prexuízos.
É preciso abrir unha nova etapa de normalidade para a lingua galega, coa implicación de todos os sectores, afirmando conxuntamente a nosa intención de aplicación, mellora e introdución de todo canto for preciso para garantir o dereito a vivirmos en galego e conseguirmos para el verdadeira igualdade e oficialidade real, tomando como punto de partida os acordos comúns e amplos establecidos na Lei de Normalización Lingüística, na Lei de uso do galego como lingua oficial de Galiza polas entidades locais, e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004.
Do mesmo xeito, reafirmámonos no disposto na Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos promovida en 1996 pola UNESCO e na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas promovida polo Consello de Europa e ratificada polo Estado español en 2001, e ambas as dúas coa adhesión unánime do Parlamento galego.
As organizacións políticas galegas, coas nosas diferentes alternativas, proxectos e ideoloxías, queremos manifestar a nosa unidade na vontade de normalizar a lingua galega e devolverlle o protagonismo que nunca debeu perder, retomando e iniciando todas as medidas e accións que foren precisas para a súa reposición, rehabilitación e plena normalidade, comprometéndonos a reactivalas e promovelas en todas as áreas e institucións onde teñamos responsabilidade de goberno.

Santiago de Compostela, Galiza, 15 de xullo de 2015.
No 130 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro.

martes, 7 de xullo de 2015

Setestrelo


Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente do CCG, Marilar Aleixandre, catedrática da USC e membro da Sección, a xornalista Iolanda Casal e Manuel Gago, director de culturagalega.gal presentaron onte Setestrelo, un espazo do Consello da Cultura Galega (CCG) adicado en exclusiva á ciencia. Así amplíase o apoio do CCG á difusión do coñecemento científico galego xa demostrado coa apertura e mantemento da páxina do Álbum da ciencia.
Unha boa nova que a divulgación da ciencia en galego conte co apoio do portal Culturagalega.gal. A presentación coincidiu cun magnífico artigo asinado por Iolanda Casal sobre a visita de Schrödinger a Galicia no verán do ano 1934.
O obxectivo declarado desta  iniciativa é " achegar ao público a ciencia que se fai, se divulga, se ensina e se aprende en Galicia, así como a ciencia que fan galegos e galegas noutras partes do mundo. Dar a coñecer a nosa actividade científica no sentido máis amplo."
Aquí atoparemos, entre outras moitos contidos, material para as clases de ciencia en galego; xusto o contrario do que propugna a zunia gobernante, quen, dálle que dálle, continúa a defender un funesto decreto do plurilingüismo que prohíbe precisamente as aulas de ciencias en galego.

xoves, 2 de xullo de 2015

Entrega de premios do uso do galego nos comercios estradenses



O veciño e compañeiro de loita na lingua, David Otero, como primeiro motor desta inciativa, fai a presentación da entrega do  3º premio do IES nº 1 da Estrada ao uso do galego no comercio no concello. Nesta ocasión o comercio que recibe a homenaxe é Copistrada pero na entrega do premio tamén están os representantes das outras dúas empresas premiadas nas dúas primeiras edicións, a liberería Marxe e a tenda de roupa Treixa.
A asociación local de comerciantes, ACOE, tivo a boa iniciativa de gravar o acto e divulgalo polas redes sociais, velaquí pois unha outra nova iniciativa construída por particulares, asociación de comerciantes, centro de ensino, e co agradecemento da veciñanza por facer visible aquelo que debería ser normal, pero que aínda é unha heroicidade no eido comercial. Iso si é facer cousas na boa dirección, outras cousas cheiran a propaganda para ocultar o puro baleiro.

mércores, 1 de xullo de 2015

De blogues.40

Imaxe da Wikipedia

  • O talento de Ikeda Yosuke, 02/06/15, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
  • Artistas da lingua, 02/06/15, no blogue Galego en Londres, sustentado por Xaime Varela
  • O noso último (e non derradeiro) filme en galego, 03/06/15, por Manuel Arca en Derrubando isoglosas
  • Onte 1347: Agustín premiado polos clubs de lectura, 06/06/15, por M. Bragado en Brétemas
  • O mestre dos anagramas, 06/06/15, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
  • Escribir coma os bois, 10/06/15, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
  • Hai maxia nas palabras!, 18/06/15, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
  • A suposta "buena educación" prexudica á lingua galega, 23/06/15, en Galician State
  • As exportacións e os idiomas (I), 26/06/15, en Galician State
  • As exportacións e os idiomas (II), 27/06/15, en Galician State
  • Fin de curso con entrega de diplomas do ENDL, 30/06/15, no Bico da ría, do ENDL do IES Félix Muriel (Rianxo)

luns, 29 de xuño de 2015

"Que bonito é..." o CEIP de Rubiáns



No CEIP de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa) lanzaron este vídeoclip que ten o mérito multiplicado de que tanto a letra como a música son orixinais compostas polo alumnado e profesorado do centro. A imaxe de fondo do vídeo, "Mujeres", foi cedida pola súa autora, a ilustradora Inés Vilpi.
Esta peza musical e audiovisual é o punto final dun proxecto, Mulleres na historia, que desenvolveron durante o curso.
Como ningunha das que escolleron era matemática, voulles recomendar esta publicación para que, no vindeiro curso, engadan algunha mulles dos números á súa lista.

sábado, 27 de xuño de 2015

A discriminación do galego na ONU



Marcos Maceira, presidente da Mesa, denuncia coa asociación non gubernamental ELEN (European Language Equality Network) denunciaron a política discriminatoria que está a sufrir a lingua galega. Este vído da rolda de prensa non é o único sobre o tema realizado por IrmandadeTV, mais si que nel podemos escoitar como se denunciou a prohibición do uso do galego nas clases de matemáticas e tecnoloxía.


  • A Mesa pola Normalización Lingüística participa na delegación de ELEN que denunciará vulneración de dereitos lingüísticos polo Estado español ante o Consello de Dereitos Humanos da ONU, 22/06/15, na Mesa
  • España obvia ante a ONU as denuncias de discriminación do galego, 24/06/15, na Praza
  • A Mesa reclama en Xenebra que se abra un procedemento de infracción contra España por discriminación lingüística, 24/06/15, no Sermos Galiza
  • “A realidade da discriminación dos galego-falantes estase a coñecer no mundo”, 25/06/15,no Sermos Galiza
  • A Mesa reclama ante as Nacións Unidas que se respecten os dereitos das e dos galegos falantes, 25/06/15, na Mesa
  • "Sorprende que a discriminación do galego se debata na ONU e non no Estado", 25/06/15, na Praza
  • Presentación do libro "300 galegos con estilo", 25/06/15, na TVG [NOTA: como a TVG non ofreceu información sobre este tema, poño un exemplo do que os responsables dos informativos da televisión pública galega consideran unha noticia máis importante que a da denuncia feita pola Mesa]