Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 30 de xaneiro de 2016

A nova marxinación do galego de Asturias

por Xosé-Henrique Costas González e Francisco Fernández Rei, Membros da Cerna de ProLingua:

O pasado 22 de xaneiro estivemos en Oviedo para xulgar unha tese de doutoramento. Ese mesmo día fomos sabedores da publicación (por fin) do IV Informe do Comité de Expertos do Consello de Europa sobre o cumprimento en España da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias.

A tese que xulgamos, e que obtivo a máxima cualificación, era un estudo gramatical funcionalista moi completo da variedade lingüística galega falada historicamente entre os ríos Eo e Navia, no occidente de Asturias. Antes de principiar a defensa da tese, o seu autor, Xavier Barcia, púxolles ao tribunal e aos presentes un fragmento dunha entrevista con Dámaso Alonso no programa A Fondo da TVE na que, entre outras cousas, o ilustre filólogo manifestaba:

Me considero gallego, aunque nacido en Madrid, porque en realidad tengo tres cuartas partes de sangre gallega. Gallega de las dos riberas del Eo, porque la ribera opuesta a Ribadeo, Castropol, es Asturias políticamente, o administrativamente, pero en realidad es de raza gallega y de lengua gallega. Con rasgos ligeramente dialectales en relación al gallego interior de Galicia, pero es un gallego, un dialecto que pertenece al gallego, que se habla hasta Navia. (https://www.facebook.com/groups/galegoestremeiro/?fref=ts)
Dámaso Alonso fora o creador en 1945 do glotónimo gallego-asturiano co que el se refería a “una rama del gallego leonés” falado entre os ríos Navia e Eo que “muchas veces, por rapidez, llamamos gallego-asturiano”. Por “gallego leonés” entendía Dámaso Alonso “el gallego hablado fuera de Galicia, en tierras españolas limítrofes con ella”. Xa que logo, para Dámaso Alonso e para toda romanística, o gallego-asturiano era o galego autóctono falado no occidente de Asturias: gallego era o substantivo (lingüístico) e asturiano o adxectivo (xeográfico, político).
Nos últimos vinte anos xurdiu en Asturias a polémica sobre a adscrición lingüística destas falas do occidente asturiano. Mentres algúns filólogos, sobre todo desde a Academia de la Llingua Asturiana, negaban a galeguidade lingüística e inventaban “una fala de transición que nun ye gallega”, outros filólogos asturianos mantiñan que o falado nesa zona era galego. Aínda que a prensa e a clase política seguían e seguiron empregando a denominación “Fala”, a etiqueta “gallego-asturiano” quedou oficialmente establecida da Lei 1/1998 de uso e promoción do bable/asturiano, que no art. 1 se considera “lengua tradicional de Asturias” e que “gozará de protección. El Principado de Asturias promoverá su uso, difusión y enseñanza”. No art. 2, dedicado ao “gallego/asturiano”, considérase que é “modalidade lingüística propia”, sen especificar de que lingua (da galega? da asturiana?); en todo caso -oficialmente-, o “gallego/asturiano” parece non ser lingua tradicional de Asturias.
Xa en 1995, na reforma dos estatutos da Academia de la Llingua Asturiana, introduciuse un artigo 1.k) polo que a ALLA “promoverá y velará por la variante lingüística gallego-asturiana o astur-galaica”. Era a primeira vez na historia que unha academia dunha lingua velaba e protexía dúas linguas, a propia e outra cualificada de “variante” e denominada cos glotónimos ambiguos (ou polo menos non sinónimos) de “gallego-asturiana o astur-galaica”, co que a intención quedaba clara: significar que o galego de Asturias era, por pura decisión política, unha variedade asturiana. En 1996 creouse, como apéndice e dentro da ALLA, unha Secretaría Llingüística del Eo-Navia que en 2011 (sen que conste autoría) publicou unhas Normas ortográficas del gallego-asturiano, normativa para o galego de Asturias sobre a base do asturiano con moitas concesións a solucións vulgares.
A Real Academia Galega, en liña con toda a filoloxía e a lingüística hispánicas e románicas, nos seus estatutos de 2000 deixara claro no seu artigo 4 galego era o idioma propio de Galicia “así como as súas variantes faladas nos territorios exteriores (Asturias, León e Zamora)” e en 2004 nomeara un académico correspondente para o Eo-Navia, Carlos X. Varela Aenlle. E o Instituto da Lingua Galega da USC cando deseñou a comezos da década de 1970 un atlas do dominio galego non dubidou en trazar unha rede de puntos nos falares galegos do Eo-Navia.
O Consello de Europa ata agora fora claro e contundente nos seus tres informes anteriores. O Consello de Europa falaba de “gallego-asturiano” (como denominación oficial) pero tamén de “gallego en Asturias”, e solicitaba reiteradamente nos seus tres informes anteriores que as autoridades asturianas o promovesen e o visibilizasen na vida pública. En 2005, punto 44, o I Informe do Consello de Europa declaraba “en Asturias se habla una variante del gallego, el gallego-asturiano” e nas recomendacións finais declarábase que:

La situación del gallego-asturiano no está clara, pero parece que apenas se han hecho esfuerzos para promover esta lengua, ya que sigue sin reconocerse claramente su identidad específica como variante lingüística del gallego.
Nos informes II e III seguíase empregando a denominación oficial “gallego-asturiano” ao lado doutros sintagmas como “gallego en Asturias” ou “gallego de Asturias”.
A nosa sorpresa foi, cando o pasado 22 soubemos pola prensa da saída do IV Informe do Comité de Expertos do Consello de Europa (https://www.coe.int/t/dg4/education/minlang/Report/ PeriodicalReports/SpainPR4_esp.pdf.). Toda a prensa mencionaba que o Comité de Expertos do Consello de Europa pedía -entre outras moitas cousas-, a aplicación de medidas de protección para o galego “de Castela-León e Extremadura”. E o galego de Asturias ? U-lo galego de Asturias ?
Como tal galego só aparecía nun único parágrafo onde se daban datos sobre o número de falantes de galego en Asturias, León e Zamora e se aludía a que a RAG declaraba que o galego de Asturias perdía falantes. No resto de epígrafes fálase sempre de “galego-asturiano”, nunca se inclúe dentro das falas do galego estremeiro, senón sempre adosado como apéndice secundario do asturiano.
Nun dos epígrafes, o IV Informe di que o Comité de Expertos agrupou no mesmo capítulo as referencias feitas ao asturiano e ao galego-asturiano “without a clear distinction between the languages concerned, which remains confusing”. Isto é: fálase sempre de asturiano e de galego-asturiano porque non está claro se son ou non a mesma lingua. Auténticamente esperpéntico se non fose dramático. O Comité de Expertos estaba formado nesta ocasión por profesionais do dereito de diversos países europeos e por un lingüista galego nomeado polo goberno español.
O propio Comité de Expertos do Consello de Europa quéixase non poucas veces neste IV Informe de que os datos do asturiano e do galego-asturiano sempre aparecen mesturados, polo que resulta imposible saber a protección e medidas aplicadas a unha e outra lingua; pero é que ademais os escasos datos referidos ao galego de Asturias son falsos. Por exemplo, dise que existen 16 servizos de normalización municipais para a zona do galego-asturiano, o que non é certo, pois só hai dous: en Navia e na Veiga. Por este e por outros datos inexactos ou ambiguos, queda en evidencia que o Comité de Expertos creu relixiosamente na escasa información que lle trasladaron as autoridades asturianas sobre o “gallego-asturiano” e fixo caso omiso do Informe (en inglés e en húngaro) que lle entregou Prolingua en man a cada un dos expertos na súa visita a Santiago de Compostela en setembro de 2014.
Que un húngaro, unha holandesa ou un polaco ignoren a realidade sociolingüística das diversas linguas de España, e concretamente do galego en todos os seus territorios, pode ter unha certa explicación: parecer ser que se fiaron unicamente dos informes e declaracións das autoridades. Con todo, o que é absolutamente inexplicable é que, sendo o representante do actual goberno español no Comité de Expertos un lingüista galego, profesor nunha universidade galega, académico correspondente da Real Academia Galega e membro do seu seminario de sociolingüística, este experto do Comité non fixera notar no Comité que o galego-asturiano é cientificamente unha variedade galega falada en Asturias (como estableceu toda a filoloxía, como o recoñecía a actual presidente da Academia de la Llingua Asturiana nun informe do 1988 da propia ALLA e como recoñeceran ata agora os sucesivos Comités de Expertos do Consello de Europa) e que debería figurar como “Galego en Asturias” ao mesmo nivel de cando se trata o “Galego en Castela e León” ou o “Galego en Estremadura”.
Resignarse a tratar o galego de Asturias como un mero apéndice secundarizado e indivisible do asturiano, sobre todo desde unha óptica científica, é ceder ás chantaxes da irracionalidade dalgúns políticos e académicos asturianos, consentir activamente que se marxine novamente o galego eonaviego, ser cómplices do glotocidio premeditado que supón a aceptación do “galego-asturiano” como lingua diferente do galego e, na práctica, variante occidental do asturiano sen ningún tipo de accións efectivas para a súa normalización no ensino, na administración, nos medios ou visibilización pública desde o goberno central asturiano.
E o mesmo poderiamos decer do uso en exclusiva do glotónimo “valenciano” para o catalán de Valencia (http://www.abc.es/espana/comunidad-valenciana/abci-consejo-europa-diferencia-valenciano-catalan-entre-lenguas-minoritarias-201601211321_noticia.html) cando hai un bo quiñón de sentenzas do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo de España que avalan a doutrina científica de que valenciano é como se coñece en Valencia a variedade lingua catalá alí falada, tal e como recoñecían os anteriores informes do Consello de Europa. Á vista disto, sospeitamos de inxerencias dos gobernos de Valencia e Asturias na redacción deste IV Informe.
A plataforma apartidaria ProLingua non foi convidada esta vez a declarar por este Comité de Expertos, como si acontecera anteriormente. Tampouco foron convidadas a declarar asociacións de defensa do galego de Asturias, do Bierzo e de Estremadura, que si as convidaran anteriores Comités de Expertos. As persoas e institucións que puideron declarar ante o actual Comité pasaron previamente a censura da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia? Parece claro que nin esta institución nin o representante galego-español no Comité de Expertos souberon ou trataron de defender o galego de Asturias, nunha gravísima situación de minorización que esixe medidas políticas urxentes e claras, como tamén as necesitan o galego do Bierzo e As Portela de Zamora e as falas esencialmente galega dos somontes da Serra de Gata en Cáceres.

28 de xaneiro do 2016

Ningún comentario:

Publicar un comentario