Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 20 de xaneiro de 2016

Blogomillo

O Inoreader
A partir dunha acaída reflexión de Xabier P. Igrexas  (Contradiscurso) feita pouco antes de finalizar o 2015, a blogosfera galega comenzou a moverse. Quen o diría!
A iniciativa partía dun feito: da desconexión existente entre a blogosfera galega ao non haber un referente onde podermos achar as entradas en galego que se están a publicar na actualidade.
Polo seu aniversario, Brétemas divulgaba e apoiaba a proposta de Contradiscurso. Aos poucos días Pedro Silva, construía o que el mesmo chamaba, un mapa no deserto, a partir dun listado que Xabier P. Igrexas facía público, cun total de 72 blogues. Era un bo principio.
Facendo uso  dun agregador de blogues, o Inoreader, Pedro Silva construíu unha gorentosa xanela que nos permite ver o que se coce na blogosfera galega. Non é éste o último paso. Agora cómpre engadir á base de datos deste mapa, un listado que conteña o maior número de blogues que editen os seus contidos en galego. Para isto elaborouse un formulario que nos permite empadroar novos blogues. Todos deberiamos contribuir a elaborar este novo mapa para conquistar, tan siquera, unha pequena veiga da nosa identidade.

O Planetaki
Houbo uns anos nos que podiamos estar informados do que se cocía nos ENDL dos centros de ensino grazas a unha ferramenta, o Planeta de ENDLs, elaborado coa ferramenta Planetaki. Alí podiamos seguir as entradas que cada día se engadían nos blogues dos ENDL e en webs afíns á cuestión da normalización. Pero un día este recurso tecnolóxico deixou de ofrecer os seus servizos, e quedamos orfos dunha continua fervenza de información.
Para continuar co mantemento deste blogue precisaba da información que desaparecera do Planeta de ENDLs. Por esta razón comencei a recompilar todos os blogues dos que tiña algunha referencia, especialmente daqueles asociados a centros de ensino que divulgaban actividades normalizadoras. Deste xeito no blogroll da columna da dereita, A miña lista de blogues, acabei xuntando unhas 300 referencias que lle enviei a Pedro Silva para que engadira ao novo mapa do Blogomillo

Nova lapela
Para contribuir á difusión dos contidos do novo mapa do Blogomillo engadín unha nova lapela na cabeceira do blogue e axustei algunhas características para que a consulta sexa máis fácil.

Creo que sería un paso adiante que plataformas como a da CGENDL acubillaran no seu seo este novo mapa de blogues, ou que, en todo caso se elaborara cos mesmos vimbios un específico adicado á normalización.

Ningún comentario:

Publicar un comentario