Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 6 de xaneiro de 2016

Carlos Guitián: "Tiven pacientes que deixaron de vir a miña consulta por falar en galego"

Marta Salgado entrevista a Carlos Guitián, o urólogo ourensán que na década dos 60 foi o primeiro médico en practicar a técnica da resección transuretral, en La Región

Foi xefe do servizo de Uroloxía do antigo Hospital Provincial durante máis de 45 anos, traballo que compaxinaba coa súa consulta sita na rúa Progreso. Agora está xubilado pero segue cas mesmas inquedanzas de cando era máis novo. Di que sempre lle gustou estar ao carón dos humildes e defender o uso do galego, "unha lingua moi maltratada durante a época de Franco", explicou. Foi un dos poucos médicos da provincia que empregou o galego na sanidade pública arriscándose a que o expulsasen do Hospital.
Por que ese amor polo galego?
Naquela época, era unha lingua moi maltratada. Fixen a especialidade no Hospital de Sant Pau e durante a miña estancia en Barcelona percateime de que os cataláns estaban orgullosos do seu idioma. Isto fíxome ref lexionar sobre a necesidade de defender o noso e decidín pres- cribir en galego a pesar do risco que esto supuña durante o franquismo.

Foi respetado polos seus compañeiros do Hospital Provincial?
Non. De feito, fun excluido de moitos círculos médicos da época por reivindicar o uso da nosa lingua. Sufrín moito ninguneo. Eu escribía os informes e historias clínicas en galego e algúns compañeiros devolvíanmos dicindo "no entiendo". Nunha ocasión ata me responderon en inglés. Tamén estou completamente seguro de que perdín moitos cartos porque algúns clientes deixaron de vir a miña consulta privada por fa- lar en galego.
O Festival Internacional de Cine Médico de Motril premiou o seu vídeo “Cirugía urológica endoscópica". En que consistía?
A min dábanseme moi ben as manualiades. De feito conservo moitas esculturas feitas con barro pintado. Unha delas adiqueilla ao meu fillo Óscar, que faleceu aos 17 anos en Portonovo ao volcar a embarcación na que ía cun veciño. Foi un golpe duro para a familia. Pero volvendo á distinción de Motril, falábase moito da técnica da resección transuretral pero non había ningunha proxección que a explicase. Entón decidín facer un vídeo didáctico empregando maquetas de plastilina de diferentes cores para deixar claro como era posible extraer tecidos enfermos de vexiga ou próstata sen abrir ao paciente. Non quero presumir pero fun un dos primeiros en practicar este tipo de intervención. De feito, Barcelona era pioneira no eido da mediciña pero non a facían.
O seu afán polo uso do galego le- vouno a correxir boa parte da toponimia galega...
Facíao de noite, en compañía da miña muller, María Asunción Monte- ro, mestra e galeguista coma min. Por certo, unha muller moi fermosa. Íamos collidos polo brazo por se nos vía a Policía e, disimuladamente, cunha brocha pintaba por riba da "J" de Rianjo unha "X". O mesmo fixen cun letreiro que había en Punxín. O xornalista Fernando Ónega deu conta deste feito no xornal madrileño "Arriba" cun artigo no que falaba de que había unha man misteriosa que reivindi- caba o galego. El non sabía de quen se trataba. Anos máis tarde coincidimos e díxenlle que esa man misteriosa era a miña. Coincidencias.
Chegou a ser detido en 1969. Como foi aquel incidente?
Estaba en Santiago ca miña muller. Facía un calor tremendo. Asistimos a unha misa en memoria de Rosalía. Ao acabar a eucaristía empezouse a cantar o himno galego. Eu creo que estaba autorizado pero non estou seguro. De repente, escoitouse un "¡Viva Galiza Ceibe!" e a policía comezou a porrazos con todos pero especialmente con Xaime Isla Couto (cofundador da Editorial Galaxia). Eu fun buscar o coche e pasaba por alí un home moi vello estranxeiro que dixo algo así como "Esto es una vergüenza, esto va a salir en periódicos de mi tierra". Un policía escoitouno e díxolle "a los americanos me los paso por debajo de los cojones". Entón eu encareime co policía e díxenlle "oiga, teña polo menos educación". Non sabía que se trataba dun axente e leváronme á comisaría chegando a poñerme un fusil na barriga.
Foi membro do Partido Galeguista con Beiras. Era vostede un militante activo?
Mantiven algunhas reunións clandestinas na miña casa cos militantes da formación política. Faciámolo aoredordunhalareira.Eu non tiña idea ningunha de política e aínda así queríanme poñer de quinto na lista. Naquela época había que andar con moito tino para non ir preso. Lém- brome de ter que levar agochado na gabardina o libro de Castelao "Sempre en Galiza" mentres había xente que se adicaba a ridicularizar aos galegos. Un deles era o actor Xan das Bolas. Tamén era moi frecuente ver carteis nos coches que puñan "ser gallego es una profesión y orensano, catedrático". Casualmente, un día viñamos a miña muller e mais eu dende Vigo e ao pasar por Pon- teareas vimos un letreiro que puña "fala galego". Entón, pensamos que estaría ben facer algo similar para poñelo no coche e acabar con esas mofas que ridiculizaban Galicia. Ao día seguinte fun á imprenta Tanco a sacar un centenar de copias e repartinas pola Auriense. Despois dunha reunión, os membros desta agrupación cultural decidimos que mellor era poñer "falemos galego" e con letra de Castelao.
E como xurdiu o seu interese polo cine?
Principalmente polo meu amor por Galicia. Eu tiña unha máquina de filmar de 8 milímetros e comecei a rodar a miña propia película en galego. Para iso, inspireime no conto de "O acomodador" de Marcial Suárez, un novelista de Allariz e que foi un dos tradutores do Quixote. Teño o guión pero nunha cheguei a rematala.
A súa amizade e o sue apego por Florentino Pérez Cuevillas tiñan moita sona. Por qué?
Cuevillas foi un fora de serie. Collinlle moito cariño e el a min tamén. Dábame clases de Historia aínda que era Químico e fora empregado de Facenda. Morreu no 1958 pero eu estaba en Barcelona e non puiden vir para despedirme del no seu enterro. Non obstante, non foi a única persoa importante na miña vida. Tamén teño fermosas lembranzas de Ben Cho Sei, primo da miña nai, e dos membros de Auriense como Ferro Couselo,NemexioVarxa,Vázquez Moxardín, Salvador Rei, Otero Pedrayo e Blanco Amor, entre outras personalidades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario