Comunicado da RAG ante o IV Informe do Consello de Europa sobre a CELRM:
O Consello de Europa acaba de manifestar a súa preocupación polo efecto negativo da "redución gradual" do galego no ensino en Galicia, unha advertencia que concorda coa posición da Real Academia Galega fronte ao Decreto 79/2010 da Xunta de Galicia. O organismo europeo emitiu esta semana un novo informe sobre a aplicación da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias en España que identifica "problemas importantes", entre os que sinala expresamente a redución do ensino en galego como consecuencia da aplicación do devandito Decreto, unha norma que entra "claramente en contradición" cos compromisos adoptados polas autoridades ao asinaren a Carta, engade o documento.
Este último informe, redactado polo Comité de Expertos da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, constata que a Xunta de Galicia incorre nun flagrante incumprimento da Carta en España, tal e como denunciou a Real Academia Galega nos recursos presentados ante o Tribunal Supremo e o Tribunal Constitucional contra o Decreto 79/2010. Xa que logo, a Academia considera que pon tamén de relevo a falta de fundamento da sentenza do Tribunal Supremo, que rexeitou o recurso da RAG que incluía, entre outros motivos de impugnación, esa vulneración; e que igualmente evidencia a falta de rigor do Constitucional ao non admitir a trámite o recurso de amparo posterior.
A Real Academia Galega foi unha das institucións consultadas polo Comité de Expertos para a elaboración do seu informe. Con ocasión desta consulta, redactou un documento dispoñible nesta ligazón. Neste texto, ademais de analizar a situación da lingua, a Academia instaba a Comisión de Expertos a que lle solicitase ao Comité de Ministros unha recomendación específica para que o goberno galego eliminase os obstáculos normativos que impiden o cumprimento da Carta. Tras unha profunda análise da situación do galego en Galicia, o informe redactado polo Comité de Expertos faise eco da chamada de atención da RAG e subliña que o Decreto 79/2010 "ten un impacto moi negativo ao fixar un máximo do 50% do ensino en galego, co obxectivo final de reducilo a un terzo, mentres que ao mesmo tempo prohibe expresamente o ensino en galego de Matemáticas na Primaria e de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química na Secundaria". "Con respecto ao ensino na etapa de Infantil, o galego só está presente en niveis do 6,57% en cidades de máis de 50.000 habitantes", engade.
O Comité de Expertos tamén recolle a preocupación da RAG pola situación do galego fóra de Galicia e urxe as autoridades a actuaren con decisión na promoción do galego en Asturias, Castela e León e Estremadura. Na mesma liña, tamén chama a atención sobre as carencias en materia de dereitos lingüísticos por parte da administración xeral do Estado, a xustiza ou a sanidade.
Ante este novo diagnóstico, a Academia insiste en que a normalización da nosa lingua é un obxectivo irrenunciable da sociedade galega e que tanto a Xunta de Galicia como o Goberno de España están moral e legalmente obrigados a tomar medidas positivas para conseguila.
Ningún comentario:
Publicar un comentario