Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 3 de xaneiro de 2016

O libro no día das letras 1996



20 anos non che son nada.
Hai 20 anos, no Día das Letras adicado a Xesús Ferro Couselo,  na TVG podiamos ver o programa De Viva Voz, dirixido por Fidel Fernán. O programa  tiña como centro do debate "O libro". Nel participaba, entre outros Manuel María, protagonista do 17 de maio do presente ano. Os contertulios que o acompañaban eran Homero Pérez Quintana (Director Xeral de Cultura),  Damián Álvarez Villalaín (subdiretor da editorial Galaxia), Felipe Senén (director do Museo Arqueolóxico da Coruña), Xesús Couceiro Rivas (libreiro), e Anxo Tarrío Varela (profesor da Universidade de Santiago de Compostela).
Entre as curiosidades do programa está iso de poder ver a un contertulio, Pérez Quintana,  fumando no plató, ou que se fala do CD-ROM como a alternativa ao libro, posiblemente a ferramenta máis novidosa das novas tecnoloxías naquela altura.
Álvarez Villalaín fala de que o número de libros editados en galego (1.076) era menor que a dos editados en euskera (933), datos do 1994. Podemos comparar estes datos cos que  nos ofrece M. Bragado do 2014.
Tamén resulta moi curioso escoitar ao director xeral de cultura falar de normalización lingüística, normalización cultural, ou de nacionalidades históricas, conceptos expulsados do debate a día de hoxe.
[min 32] Tamén podemos oir a Manuel María falando daquela do Códice Calixtino, despois do seu roubo e recuperación no 2012. Quéixase da edición feita pola administración, en castelán, tal e como volveu a suceder o ano pasado. A historia repítese, tristemente, unha e outra vez. Tamén acusa á administración, especialmente os concellos e deputacións, que publican "auténticas mamarrachadas".
[min 37] Pregúntase pola rúa á xente sobre a lectura do libro en galego.
[min 44] Homero Pérez Quintana  loa o proceso de normalización lingüística no ensino que fixo que moita xente se achegara á lectura en galego. Di que se seguimos coidando os estratos máis novos, dentro de 15 anos, se fixéramos unha enquisa pola rúa, teremos moitos máis lectores en galego.
[min 60] Polémica sobre se o 17 de maio debe, ou non, ser festivo.
O programa remata da mellor maneira, cun recitado polo propio Manuel María, deste seu poema:


O povo que deixa perder a sua palabra
creada, herdada, usada, revelada,
aquela que lle é propia e singular,
a que é unicamente sua,
está empobrecendo ó mundo
e perpetrando o seu propio xenocidio.
Ese povo vil
ollará aniquilada a sua lembranza
e o seu nome indigno
borrárase, sen máis, do universo:
hai agresiós á beleza e ó espíritu
que a vida non tolera nen perdoa.

De Os Lonxes do Solpor, 1993

Ningún comentario:

Publicar un comentario