Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 27 de xaneiro de 2016

Debullando a resposta da Xunta ao IV Informe da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias

Introdución
A Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM) é un tratado europeo promovido polo Consello de Europa que ofrece unha variada posibilidades de ratificación aos estados da Unión Europea. Cada país pode subscribir a Carta con distintos graos de compromiso. España ratificou o máximo nível de protección e promoción das linguas minorizadas no ano 2001. Desde aquela a CELRM forma parte do ordenamento xurídico,  con rango de lei, sendo por tanto de obrigado cumprimento e aplicación polos tribunais, coa particularidade de que é unha norma que non pode ser modificada ou devaluada polos órganos lexislativos (estatais, autonómicos ou locais) internos.
Cada tres anos un Comité de Expertos avalía a aplicación da CELRM, para o que solicita documentación dos estados e dos gobernos locais, así como de asociacións profesionais e de defensa da lingua. Ese Comité de Expertos emite un informe no que xunto coa avalición  pode realizar recomendacións para mellorar a lexislación e as políticas lingüísticas. O pasado 06/10/14 o Comité estivo en Galicia co fin de recadar datos para o IV Informe sobre o cumprimento da Carta respecto do galego, e fíxoo non sen certa polémica, xa que unha organizacións que foron chamada noutras ocasións, como a plataforma apartidaria ProLingua, a CTNL ou a CGENDL ficaron excluídas do chamamento do Comité. Estes descartes notáronse na emisión dun informe que,se por unha banda é duro cunha política lingüística de minoración do galego, por outra parte tamén presenta algunhas eivas que levaría a unha avaliación máis severa e realista das prácticas dos gobernos galego e español.

A primeira páxina do IV Informe
O pasado 20 de xaneiro o Comité de Expertos emitiu o IV informe avaliando o cumprimento da CELRM en España. Entre as principais conclusións o Consello de Europa recrimina  aos gobernos responsables da redución do uso do galego no ensino non universitario coa introdución do modelo trilingüe, un modelo que ademais limita a un máximo dun 50% o uso do galego na escola. Por iso é especialmente interesante e reveladora a resposta que deu a Xunta ás poucas horas. Así a Consellería de Educación comenta que o IV Informe
enxalza en primeiro lugar que a situación tras o último, efectuado en 2012, "mellorou considerablemente". Constata o “moi elevado nivel de protección" que teñen as linguas rexionais e minoritarias en España, e tamén sinala certas carencias no uso das cooficiais na Xustiza ou a asistencia sanitaria. 
Para comentar isto hai que tomar aire e ir aos poucos.
O IV informe consta de 111 páxinas. Na primeira media páxina preséntase un resumo con algúns dos puntos principais que se desenvolverán no resto do documento. No punto 3 deste resumo recórdase, tal e como se informou na introdución desta entrada, que España asinou "un moi elevado nivel de protección" no ano 2001, o que non constata que o teña. Para que se faga efectiva tal constatación compríría antes que se demostrase que se cumpre co asinado. Tamén no punto 3 se indica que a situación xeral verbo da CELRM "mellorou considerablemente", mais se un le as 110 páxinas seguintes quédalle moi claro que esta mellora fai referencia a Euskadi e Cataluña. Pola contra a situación da política lingüística central, a de Valencia, Baleares e a que nos interesa especialmente, a galega, é continuamente posta en cuestión polo seu carácter regresivo respecto das linguas minorizadas.
Significativamente a Xunta esquécese do punto 6 do resumo inical que fai referencia a que a implantación da LOMCE non foi ben recibida polos falantes das linguas minorizadas xa que implica un reforzamento do castelán no ensino a expensas das outras linguas do estado. Ademais ínstase ás autoridades a que deben evitar que a LOMCE xunto co modelo trilingüe afecten negativamente ao ensino e á promoción da lingua galega. Polo momento non enxergamos ningún paso nesta dirección e aposto a que non se dará.
Sobre "certas carencias no uso da linguas oficiais na Xustiza", no resumo faise unha referencia explícita á Lei Orgánica do Poder Xudicial como un dos maiores atrancos para o cumprimento da CELRM. Tamén se constata un nível de uso residual no ámbito xudicial con menos dun 5% de sentenzas en galego, así como a imposibilidade de tramitar os expedientes en galego mediante o programa Minerva.
O certo é que parece que a nota da Xunta parece feita despois de ler só a primeira media páxina do IV informe xa que non hai ningunha referencia a ningunha das outras 110 páxinas e media do mesmo.

Mentira sobre os medios de comunicación
Máis sorprendente resulta a seguinte apreciación da Consellería de Educación:
Entre os aspectos positivos que destaca en Galicia, atópase o incremento do número de medios de comunicación audiovisual privados que emiten parte da súa programación na lingua propia da Comunidade.
Segundo as recomendacións do Comité de Expertos, nas adicadas expresamente a Galicia, fálase precisamente da "insuficiente oferta de programas da televisión privada". Non quero ser mal pensado e quizais ese "incremento do número de medios" teña que ver co parágrafo 687 do Informe no que, efectivamente fala de tal incremento, citando como medios que proliferaron neste cuarto período xusto estes tres: Radio Fene (que comenzou a emitir no 1984), Radio Oleiros (no 1980) e Radio Estrada (1958). Quen lle dou esta información ao Comité de Expertos foi a Xunta, por medio do goberno central,
Sobre os medios de comunicación, no parágrafo 705 recoméndaselle á Xunta que promova a prensa escrita en galego.

Nada sobre o galego fóra de Galicia
O Comité non recibiu ningún tipo de información das autoridades sobre a situación do galego en Castela e León ou en Extremadura e só recibiu aportacións confusas sobre o galego en Asturias. Conviña ter moi presente este dato cando os responsables da Xunta se autopromocionan gabándose da promoción da nosa lingua alén do Padornelo


O dato favorito
O Instituto Galego de Estatística (IGE)  publicaba en outubro do 2014 os datos sobre o coñecemento e o uso do galego dunha enquisa que permitía comparar datos do 2001 cos do 2011. A Xunta repite unha e outra vez que o coñecemento do galego é de case un 99%. Non conta que os datos neste período apenas variaron, e o que si cambiou (e isto é o máis relevante do traballo do IGE) é o do número de falantes. Nese intervalo de 10 anos constatouse un decrecemento dun 14%. Ademais os grupos de idade máis novos son os que menos empregan a lingua galega. Realmente o que nos mostran os datos é que cómpre unha política lingüística que favoreza o uso do galego, comenzando por unha aposta decidida e favorable no mundo do ensino.
Non hai ningunha referencia no IV Informe aos datos do IGE. Aparece na resposta da Consellería de Educación como forma de autoxustificar a súa política de ataque á lingua galega.

O decreto 79/2010, outra vez.
Os cativos das cidades, na maioría dos casos, non teñen outra relación coa lingua galega máis que a da escola. O funesto decreto do plurilingüismo non fixo outra cousa que afastar aos rapaces da inculturación en galego. Para máis, agora coa LOMCE blíndase e sobreprestíxiaxe á que xa é lingua blindada e sobreprotexida: o castelán. Todas estas apreciacións tamén aparecen reflectidas no informe do Comité de Expertos.
No Informe establécese o moi negativo impacto do establecemento da prohibición de impartir aulas en galego que establece o decreto 79/2010. O establecemento dun máximo dun 50% para o emprego do galego na escola, acompañado coa intencionalidade de reducilo a un 33% é unha clara contradición coa elección establecida na CELRM dunha educación predominantemente en galego.

Colaboración con outras Comunidades
Outros dos puntos tratados no informe é o da colaboración con outros territorios con linguas minorizadas. A Consellería xustificouse cun protocolo de colaboración con Euskadi e Cataluña no que o papel de Galicia foi vergoñento. Os tres gobernos acordaran exixirlle ao central a edición multilingüe (euskera, catalán, galego e español) de obras significativas das literaturas periféricas. Na presentación desta inciativa o representante galego desmarcouse desta petición.

O titular
Finalmente, o titular:
A Xunta de Galicia tomará en consideración as recomendacións do Consello de Europa para o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias
Tomará en consideración, pero non: asumirá nin tomará as medidas que lle reclama o Consello de Europa.
Despois de todo o que repasamos máis arriba, sobran os comentarios sobre cales son as verdadeiras intencións do goberno que sufrimos. E xa que eles non repectan nin cumpren as leis vixentes, como a CELRM, non vexo eu que nós teñamos que facer outra cousa que seguir o seu exemplo e non respectar nin cumprir o funesto decreto do plurilingüsmo.

Ligazóns:
Informe do goberno español sobre a situación das linguas rexionais ou minoritarias, xx/02/14
IV Informe do Comité de Expertos sobre a CELRM, 20/01/16
Extracto do IV informe do Comité de Expertos sobre a CELRM, (en galego), 20/01/16
Nota de prensa do Consello de Europa sobre o IV Informe, 21/01/16
Nota de prensa da Consellería de Educación sobre o IV Informe, 21/01/16

Ningún comentario:

Publicar un comentario