Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 25 de xaneiro de 2016

A vindeira Xunta de Galiza e o galego

por Henrique del Bosque Zapata, no Sermos Galiza:


Hai grandes posibilidades de acabar coa maioría absoluta do Partido Popular nas vindeiras eleccións galegas. A constitución dun novo goberno de progreso e comprometido co país vai despertar esperanzas, ilusións e expectativas. Desde o primeiro momento terán que amosarse acenos e decisións, tanto simbólicas coma materiais, que fagan tanxíbel o vencello coa cidadanía e dean satisfacción ás arelas de cambio. Novos estilos, novas formas, novas linguaxes; novos significantes que arroupen contidos e significados que, ás veces, van ser dífíciles de implementar e desenvolver e para o que cumprirá moita proximidade e pedagoxía coa xente do común, mais sen que isto supoña renuncias ao seu cumprimento.

Mais este futuro e próximo goberno galego tamén vai ter que afrontar, de ser coherente, furibundos ataques por parte da forte estrutura dese poder, cuxo entramado gobernante fica desprazado, e que non vai dar tregua desde o comezo. Un dos albos destes ataques van ser todas as decisións que supoñan a progresiva normalización do noso idioma e a súa dignificación. A necesaria derrogación do Decreto de Plurilingüismo no ensino e a elaboración da norma substitutoria alporizará ao sector esencialista e integrista español que unha outra vez será utilizado coma ariete ofensivo contra o dereito dun pobo á oficialidade da súa lingua.
Un dos argumentos que a caverna empregará para tentar fabricar un estado de opinión belixerante será o da ilegalidade ou antixuricidade de outorgar preminencia ao galego sobre o castelán e que se concretaría nuha maior presenza horaria de aquel. Este argumento terá de ser contrarrestado inmediatamente a fin de desvelar a falla de escrúpulos e rigor coa que se desenvolven e intoxican nestes temas.
Dúas sentenzas do Tribunal Supremo de abril de 2015 consideraron razoábel fixar nun 25% o uso do castelán nos centros educativos cataláns, incluíndo nesta porcentaxe unha asignatura troncal. Se ben é certo que estas sentenzas se dictaron para limitar a total inmersión lingüística en catalán, a realidade foi que non inquietaron nin perturbaron gravemente á Generalitat, mais si frustraron fortemente aos sectores nacionalitarios españois. De partirmos da situación de que no noso país a paridade entre as dúas linguas é unha ficción, a marxe de actuación con estas porcentaxes, e antes de que prospere un recurso contra a nova norma, é moi ampla.

Outra proposta teimuda do unionismo é a do apartheid ou segregación por elección de lingua. Con esta proposta pretenden que a lingua supoña un elemento de afastamento entre nós; pretenden que nos eduquemos arredados, coma se fósemos dúas comunidades alleas, amosando esa fasquía xenófoba dos grupos de extrema dereita que odian e desprezan todo o que non vai acompasado co himno español. Formular que as novas xeracións poden ser educadas nun itinerario diferenzado consonte o uso idiomático supón criar unha fenda social, cuxa única finalidade só pode albiscarse nun futuro de desnacionalización e perda de identidade común. Pois aínda que tamén aquí fracasaron sempre, xurídica e politicamente, non se deben escatimar medios para deixar en evidencia semellantes despropósitos que de seguro han de reutilizar.
Un dos eixos sobre os que, aquí en Galiza, se pode artellar a distribución horaria sería o de considerar ao galego coma centro de gravidade do sistema educativo. Esta consideración xa fora recoñecida para o catalán desde 1994 en sentenza do Tibunal Constitucional e, en boa lóxica, estas sentenzas citadas fanse eco da mesma. Consideración que é integramente aplicábel no sistema educativo galego.

Foi precisamente, sobre o alcance deste principio cando o Tribunal Supremo conclúe que "resulta perfectamente lexítimo que o catalán, en atención ao obxectivo da normalización lingüística, sexa o centro de gravidade do modelo sempre que non exclúa ao castelán coma lingua docente e se garanta a súa aprendizaxe". A non exclusión do castelán do sistema educativo implica, como xa vimos, que se empregue alomenos nunha cuarta parte do currículo e que inclúa unha asignatura troncal.
Para a creación dun clima favorábel e receptivo á normalización e á normalidade lingüística, e non só no sistema educativo, vai ser precisa a colaboración e a participación das entidades tanto institucionais coma civís que pulan e defenden o noso idioma. Sabemos que o idioma fai parte esencial na conformación da identidade e padecemos a cotío a imposición e a intolerancia para anular calquera manifestación da mesma. Aproveitemos as oportunidades!

Ningún comentario:

Publicar un comentario