Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 8 de marzo de 2010

Deputados contra a lingua galega

Dunha entrevista a Manuel Ruíz Rivas, avogado e parlamentario do PP, no Xornal de Galicia

Considera axeitada para a promoción da lingua a actitude de todos os deputados do PP?

Aos deputados sempre se lles lembra que un dos nosos compromisos é a defensa da lingua galega. Ás veces, dáse o principio acción-reacción. Se o castelán, tamén propio dos galegos, suxire o insulto doutros grupos, a un pódeo levar a reafirmarse na defensa da súa liberdade.

Touro, Toro

Roberto Varela, outra vez, no mesmo vídeo, usa unha toponimia estrafalaria e di Toro polo concello do Touro. Ver vídeo da mensaxe anterior.
Tamén se pode comprobar nesta ligazón como o conselleiro nega o que aquí se ve evidente, e ademais retruca facendo graves acusacións.

domingo, 7 de marzo de 2010

Sobrado dos Monxes, Desván de los Monjes

Había hai algunhas semanas un conto que circulaba polos medios que dicía que Roberto Varela, conselleiro de Cultura (?), nunha intervención na feira de turismo de Madrid, FITUR, dixera Desván de los Monjes ao referise a Sobrado dos Monxes... el incluso negara tal sucedido....
Minuto 1, segundo 10, e seguintes...

Queremos (máis) galego

Queremos Galego preséntase en Marín, esta plataforma está coa campaña de recollida de sinaturas para a seguinte Iniciativa Lexislativa Popular

A escola do colonizado

por Xosé Manuel Beiras, economista e político, en Galicia Hoxe

Cómo se transmite a herdanza dun povo? Pola educación que dá aos seus fillos, e pola língua, celeiro maravilloso incesantemente arrequecido por novas experiéncias. As tradicións e adquisicións, os costumes e as conquistas, os feitos e os actos das xeracións precedentes, son así legados e inscritos na história.
Ora, a grande maioría dos cativos colonizados vive na rua. E o que tiver a sorte de ser recibido nunha escola, non se salvará na sua nacionalidade: a memória que se lle ofrece non é a do seu povo. A história que se lle ensina non é a sua. El chegará a saber quen foi Colbert ou Cronwell, mais non quen foi Khaznadar(1); quen foi Jeanne d"Arc, mais non quen foi Khaena(2). Terá a sensación de que todo aconteceu en calquer lugar, agás no seu país. O seu país e máis il mesmo son irreais, ou só existen en referéncia a un outro calquera; en referéncia ao que il non é: ao cristianismo, que non é a sua relixión; ao Oucidente, que se pecha diante dil nunha liña tanto máis lonxíncua canto que é imaxinária. Os libros fálanlle dun universo que en nada relembra o seu: o rapaz chámase Quim e a rapariga Maria; nos seráns de inverno, Quim e Maria voltan prá casa por camiños cubertos de neve e detéñense a mercar castañas. Os mestres non son o representante do pai, non son o sustituto prestixioso e salvador como tódolos mestres do mundo: son intrusos. A transmisión non se realiza, nen do neno en relación ao mestre, nen -moitas veces, compre afirmalo- do mestre en relación ao neno: tudo isto, o neno sínteo perfeitamente. Un antigo compañeiro de escola confesoume que a literatura, a arte e a filosofía ficáranlle como seren cousas completamente estrañas, como pertenceren a un mundo que non era o seu: o mundo da escola. Compríralle unha longa estadía en Paris antes de poder entrar verdadeiramente nesas matérias.
Mais, mesmo cando a transferéncia se consegue realizar, ainda daquela comporta certos riscos: o mestre e a escola representan un universo demasiado diferente do universo familiar. En calquera dos casos, lonxe de preparar ao adolescente de xeito que il fique totalmente entregue nas suas proprias mans, a escola enxendra, no seu íntimo, unha dualidade definitiva.
A mantenta transcribin na sua literalidade este retrinco do libro de Memmi. Quero dicir que mantiven as específicas referéncias exemplificadoras dos seus asertos que, no noso contexto proprio, seguramente vos resultarán exóticas, e mesmo algunhas poden ser extemporáneas. Inda que sería moi doado, e ben podería tomarme esa licéncia para un simples artigo de xornal, non quixen sustituilas por outras máis acaídas e identificábeis na nosa realidade peculiar e no noso proprio universo vivencial. Preferín manter as que identifican o concreto contexto sociocultural vivido e retratado polo autor, tan aparentemente distante do noso: un país mediterráneo nordeafricán cando era colonia, stricto sensu, do Estado francés, no canto dunha fisterra atlántica subrepticiamente convirtida en "colonia interna" do Estado español -e máis, arestora, tamén da UE. Noutras verbas, preferin manter incólume, neste retrato da "escola do colonizado", a ostensíbel presencia dos dous elementos que integran toda definición, a saber, o xénero próximo e a diferencia específica. O xénero próximo éo o feito ou situación colonial -ou o "sistema", como prefire dicir Sartre. É o que temos en común padecermos Memmi e nós. A diferencia específica é, neste caso, dupla. Por unha banda, a que existe antre ser unha colonia externa ao estado metropolitán, cun estatus colonial esplícito, ou ser unha colonia interna ao proprio estado -ou supraestado- colonizador, e disfrazada cun estatus de "provincia" -con ou sen "autonomia" administrativa, que pouco máis ten. Por outra banda, a diferencia existente antre unha cultura arabo-bereber mediterrán e outra europea atlántica. Esta segunda diferéncia é ostensibel, e tododiós a percibe. En troques, a primeira resulta enganosa: o "disfraz" oculta a natureza da colonia "interna", de xeito que o proprio colonizado coida ser un membro normal da metrópole. Acontece coma no racismo, cando a sua vítima ten a mesma cór de pel ou carece de rasgos étnicos diferenciais manifestos. Eu adoito dicir que os galegos somos coma os negros nordeamericanos, coa desventaxa, para a nosa desalienación, de que cando o negro se observa nun espello decátase de que o é -e nós, naturalmente, non.
De xeito que eu convídovos a ler o retrinco de Memmi na sua literalidade e facéredes, logo, as oportunas sustitucións nas referéncias concretas que atinxen ás diferencias específicas antre o caso tunesino e o galego -e máis aqueloutras que reflicten distintas fases temporais ou momentos históricos. É moi simples: sustituide Colbert por Olivares, Xoana de Arco por Isabel a Católica, Khaznadar por Lanzós, e Khaena por Maria Castaña. Veredes como é cuspidiño o que lle acontecía á miña xeración na escola. E tamén á dos meus fillos. Mais hoxe mesmo: esprícaselles quen foi Lanzós na segunda rebelión Irmandiña?. A min non. Aos meus fillos tampouco. Espricábasenos o dos Comuneros de Castilla do s.XVI, e até a revolta dos mouriscos das Alpujarras e mesmo as Germanías. Pero as duas guerras Irmandiñas do s.XV, esa alianza de clases fronte aos magnates feudais, esas duas revolucións galegas tardo-medievais que se adiantaron nun século ás xermánicas do tempo da reforma, ésas non existían na história de España que nos ensinaban. E o máis pavero é que, involuntariamente, acertaban: iso non era história de España, senon história da Galiza: e cómo ían ensinarlles aos colonizados a história do seu povo?. Andaría errado o Memmi. Mais, cántos e cáles "profes" a ensinan hoxe?. E logo Maria Castaña. Eu ouvira xa de neno o requilorio español aquíl de "eso es más viejo que maricastaña", e imaxinaba eu ser unha vella meiga ou máis ben bruxa de cando os reis godos, que nos facían recitar como as "virgo" da letanía do rosario. Aprendérame logo don Xesús Pereira que Maria Castaña fora unha heroína das revoltas populares do s.XIV contra o bispo de Lugo, e anos máis tarde miraríaa nos debuxos de Seoane nos que descubriría outra María lexendaria, a Balteira. Estou a enredarme, mais, apréndenllelo aos nenos de arestora? Ou confúndenas con Juana la Loca, por caso?.
Leo no retrinco que "a maioría dos cativos colonizados vive na rua". E véxome a min mesmo cando neno. Non, eu non fun probe, nen neno labrego. Pero na Compostela da miña infancia xogabamos ás bolas na Rúa do Vilar, os buracos nas xunturas do vello enlousado eran os "guás", e ao frontón con pelotas de estambre nas paredes encaladas do grande vestíbulo das monxas do "Servicio Doméstico" na Rúa Nova, e algúns dos nosos compañeiros de xogos eran nenos dos arrabaldos que andaban pés nus mesmo no inverno, e cáseque ningún diles ía á escola, xa tiñan que traballar ou andar a faceren recados, como tampouco ían o Carmelo e o Roberto, os raparigos de San Paio do Monte meus amigos, cos que eu ía alindar as vacas na aba do monte Pedroso. E era Compostela, non a Terra Chá e moito menos o Courel de Novoneira. E foi antonte, son vivencias miñas, que seica xa vou vello pero inda estou eiquí, non son unha pantasma do século dazanove. No dazanove era algo pior. Ou era o mesmo conto?: "...e n"habendo deprendido en máis escola que a dos nosos probes aldeáns...". É, ben sabedes, Rosalía quen iso escribe verbo dela mesma no prólogo de "Cantares gallegos", no 1863. E é Viqueira, Xoan Vicente Viqueira, o grande pedagogo das Irmandades formado no krausismo, quen escribe estoutro no 1917: "¿Non é absurdo que hoxe nas escolas ruraes e nas máis das vilas falen os mestres aos discípulos en castelán...?. Isto é o mesmo que insinar na Castela en portugués ou en catalán. A máis sinxela pedagoxía dinos que o mestre ha de chegar cas suas palabras ao fondo da ialma do neno. ¿E cómo poderán chegar con verbas extranxeiras e incomprendidas?".
Pois hoxe, ano de des-gracia do 2010, a brigada de demolicións e limpeza étnica empoleirada na Xunta de Galicia ven de eliminar o requisito de saber galego para ser profesor/a no ensino medio público e oficial dunha "comunidade autónoma" que no seu Estatuto declara ao galego idioma co-oficial... e "propio de Galicia". Daquela, quen ousará dicir que son exóticas ou extemporáneas as referencias tunesinas do Memmi no seu retrato da "escola do colonizado"... galego?. Xa sei: si, os bífidos glotófagos da Rediez. E o ágrafo brigadier do ocaso do ensino de oucidente, tamén. "Porca miseria"! -en italián, pesia a aparéncia...


(1) Khaznadar: un grande dirixente tunesino
(2) Kahena: unha famosa raíña bereber

Cervantes e Goethe contra Rosalía

O Instituto Rosalía, un proxecto que non nace
A RAG non ten cartos. E Rosalía tampouco.
Hai uns días a Asociación de Escritores en Lingua Galega reclamaba a cración, por fin do Instituto Rosalía, unha institución do estilo do Instituto Cervantes, co fin de espallar a lingua e a cultura galega por todo o mundo.
A creación dun Instituto Rosalía de Castro que estivo a piques de saír adiante en 2007, pero o PSOE bloqueouno. O goberno actual non o ten no seu programa nin considera a súa creación, solicitada polos editores, por falta de cartos. O Partido Popular no seu programa non considerou este tema e falou de máis colaboración co Instituto Cervantes, “e tamén co British Institute ou o Instituto Goethe”.


Orzamento "cativo e incerto"

Orzamento "cativo e incerto" polo que o PSOE pide xa no Congreso que a RAG se inclúa nos presupostos co obxectivo de equiparalos aos de Cataluña e Euzkadi.
O Instituto de Estudos Cataláns e a Academia da Lingua Vasca recibiron 1,04 millóns e 520.000 euros do Goberno central. Con todo, as achegas a estas institucións autonómicas non son comparables coas que recibe a Real Academia Española (RAE) do Goberno central, case catro millóns de euros cada ano. A RAG recibiu só 168.000 euros.

sábado, 6 de marzo de 2010

O xel, el gel, the set


Conto verídico.
Isto sucedeu hoxe nun comercio dunha vila galega.
O cliente tiña pouco tempo, ve que na parafarmacia non hai clientes e entra pois pensa que o van a atender inmediatamente. Como así é.
Vendedora: Si?
Cliente: Quero un xel?
Vendedora (mira estrañada): Un que?.
Cliente: Un xel de baño.
Vendedora (máis estrañada): Como, un que?
O cliente xa estivera na mesma situación máis veces. Que fago? Insisto. Ben teño presa.
Cliente: Un xel, un gel.
Vendedora: Ah! Un gel. Pensaba que decías un set, un set de baño, de esas bolsas que llevan colonia, cepillo,..., así varias cosas.
O cliente fai a compra e marcha.

A política lingüística


Deus, Galicia e o 'Tribunal de Orden Público'

por Manuel Rivas, escritor, no xornal El País

O día en que o presidente da Xunta era recibido no Vaticano polo Papa Bieito XVI celebrábase en San Bartolomeu de Pontevedra o funeral de corpo presente por Manuel Espiña. Sen flores, sen esquelas. E eu diría que sen morte. Porque Manuel Espiña, nacido en Folgoso (Terra de Montes), cóengo da Colexiata de Coruña, fundador da comunidade do Home Novo, un santo clandestino e minimalista, sempre coas mans e as palabras cheas de frangullas de felicidade, Espiña, digo, enfrontouse á morte no seu día. Sen medo, a peito descuberto.

O retrato deste Goberno, un ano despois, é a dun grupo humano que mira con estupor o país
Foi en setembro de 1975. O ditador, nas portas el xa da porte, aínda tivo a derradeira vileza de asinar cinco condenas a pena de morte contra outros mozos antifascistas. Nin o rogo de Pablo VI conseguiu abrandalo. Nin o teléfono atendeu. Cando chamou o Papa, el mandou dicir que estaba a durmir.
Houbo un cura en Galicia que subiu ao púlpito ese domingo e chamou ao crime e ao criminal polo seu nome. E dixo que o ditador non estaba por enriba da lei de Deus, aínda que moitos fanáticos o cresen. Non, non foi hai tanto tempo. Manuel Espiña sabía que no templo había membros da policía secreta do franquismo a anotar as súas verbas. Sabíao ben, porque alí, na igrexa das Capuchinas da Coruña, ían cada domingo dende que en 1965 o arcebispo Quiroga Palacios autorizou aos padres Espiña e Morente a dar a santa misa en lingua galega.
Foi unha revolución. En realidade, Manuel Espiña non era un carácter para levar adxectivos. Era conservador e progresista, segundo en que cousas. Revolucionario? A iso dá unha boa resposta Victorino Pérez Prieto no seu magnífico libro Galegos e cristiáns (Editorial Sept), cando nos fala dun "cura con sotana" que, sobre todo, é un home bo: "Sería moito máis adiante cando descubrirá o galeguismo como compromiso cunha terra e o cristianismo como 'unha revolución sen estrear'".
Mais volvamos ao Vaticano, esta segunda feira. Segundo o testemuño de Núñez Feijoo, o Papa moveu con estilo a pequena réplica do botafumeiro con que foi agasallado e tamén preguntou se o Códice Calixtino, outro agasallo, estaba en lingua galega.
Mágoa que o xefe da Igrexa católica, a gran fe da maioría da xente galega, non preguntara por Espiña, o autor de Terra santa e un dos primeiros en verter os Evanxeos ao galego, que estaba a ter a derradeira despedida nese intre, cuberto o cadaleito coa bandeira galega, mentres no adro soaba o himno coa elevación das gaitas. E o Papa non sabería del, ho!
Si. É posíbel que Bieito XVI non se lembrase, mais aqueloutro que foi antes de ser papa, o cardeal Ratzinger si. El, o prefecto do Santo Oficio, el si tiña que saber a historia de Espiña. El tiña, ten, toda a información na cabeza. El sabería a historia daquel cura da Coruña que se atreveu a chamar verdugo a Franco. Que foi xulgado polo Tribunal de Orden Público (TOP) da ditadura e condenado finalmente a unha multa de 150.000 pesetas, que daquela eran millóns.
E tampouco non tería nin idea o señor Núñez Feijóo?
Coido que teño unha resposta para esta última pregunta. Non creo que o presidente da Xunta nin ningún dos seus conselleiros souberan de Espiña, autor d'A alma dos galegos. O retrato deste Goberno, un ano despois da gañar as eleccións, é o dun grupo humano que mira con estupor o país que goberna. Criticouse moitos días á Rosa Pexorativa, que non era a primeira que piaba, mais o rosadiecismo é unha compoñente ideolóxica fundamental do actual grupo dominante na dereita galega. O rosadiecismo está representado nos dicires e nos feitos de gran parte da Xunta e dos voceiros na política e na opinión xornalística.
Espiña non calou ante os devoradores do galego, por moi poderosos que fosen e cando os tempos eran dun viruxe que facía tremer as carqueixas. El publicou sempre en galego, e perante trinta anos, a sección O outeiro de San Xusto, La Voz de Galicia. Comezou en xaneiro de 1970, a proposta do entón director Francisco Pillado. Cada domingo, Espiña subía un chanzo daquel outeiro. Era unha epístola cada vez máis valente, máis luminosa, máis ecuménica, máis radical no sentido de profundadora.
Era un home dotado dunha "sinxeleza bíblica". E ese era o seu xeito para se relacionar con todo. Sabía que Xesús Cristo e os seus falaban a lingua do pobo, non tiñan complexos, e mesmo as imaxes e as parábolas recollidas polos evanxeos, e mesmo ese sentido común revolucionario que trouxo en moitos eidos o cristianismo, todo iso estaba moi inspirado pola cultura popular. El mamou o galego como o fillo do carpinteiro o arameo. Home animado, afábel, risoño como santo cómico con sotana, levaba con dor o calvario da lingua na que naceran as Cantigas de Santa María: "Galicia está viva, nunca estivo morta, aínda que houbo quen lle cantou o funeral. O espírito de Galicia sempre estivo con ela... Mais temos que confesar que en Galicia hai moitas cousas mortas e outras a piques de morrer. O máis grande que temos, a nosa lingua, pra moitos é como as follas secas, que se espera que o vente as leve a calquera recanto onde apodrezan... O pecado vén de moito atrás, xa case é pecado orixinal".
Unha vez nomearon un bispo que non quería saber nada do galego e entón Espiña mudou o desacougo e o fastío en humor e escribiu por primeira e última vez a sección co título El oterito de San Justino: "Pude ver con toda claridad que eso de que Galicia es diferente a Castilla y de que tiene una lengua e identidad propias, es una absoluta tontería. Aquí el noventa y cinco por ciento de los curas hacen todo en castellano y sus obispos también, y el diminuto número de disidentes es por política, y una política heterodoxa, separatista, revolucionaria y casi atea".
O Outeiro era o seu Sermón da Montaña, que non pretendía adoutrinar, senón, como os doce consellos de Xesús, espallar a Lei do amor. Esa que ten por regra de ouro: "Facede vós cos demais todo o que desexades que fagan eles convosco". El tiña moi presente o primeiro dos consellos: renunciade a acumular tesouros perecedoiros e buscade o tesouro que non esmorece endexamais. Con ese tesouro andaba o noso home. Cando lle puxeron aquela multa impagábel por denunciar a inhumanidade do medio de tanto silencio cómplice, chegoulle una inesperada axuda. A do pintor Luís Seoane, que lle enviou un dos cadros emblemáticos da pintura galega moderna: O Cristo obreiro. E co cadro unha mensaxe: "No Deus que vostede predica, tamén creo eu".
Si, a morte pasou de lonxe cando o enterro de Espiña. Respectouno. El non fora covarde. Dixéralle a verdade, pan por pan, o día miserábel.

venres, 5 de marzo de 2010

Confesión dun perturbado

por Francisco Rodríguez, político, publicado na AS-PG

Celebro a indignación de moitos compatriotas, sobre todo mocidade, contra Rosa Díez por usar despectivamente o xentilicio "galego". Supoño que estarán aínda máis alporizados polas reveladoras xustificacións exculpatorias dadas pola central madrileña do seu partido?A galegofobia da Sra. Díez, que presume de demócrata, española e universalista, exprésase con tal naturalidade que unha reacción digna dos afectados é cualificada como produto dunha perturbación nacionalista pola camarilla que a rodea. O seu esquema mental traduce a perspectiva de quen, en nome dos principio de igualdade,unión e democracia, arrasan o dereito do diferente a exercer como tal. A súa igualdade demagóxica e a súa unidade sacrosanta funcionan como tapadeiras para agachar un statu quo desigual, unha unidade xerarquizada, discriminatoria, inzadas de estereotipos e prexuízos ideolóxicos e emocionais. A exteriorización do seu prexuízo anti-galego pola Sra.. Díez , o seu empeño en consideralo natural, sen rectificación algunha, mentres arremete o seu entorno contra os ofendidos, acusándoos de seren perturbados nacionalistas, revelan cal é a súa concepción da igualdade e da unidade: cabe o desprezo pexorativo contra un pobo, ao que se lle esixe, ao mesmo tempo, submisión e obediencia cega. Asemade proban a quen atribúen a responsabilidade perturbadora do exercicio da dignidade colectiva, ao nacionalismo.
Porén, faríamos mal en considerar o uso despectivo do noso xentilicio, con semellante atrevemento "natural", para descualificar o adversario político, unha manifestación non significativa dunha arribista falsaria. Máis ben aboiou nela o que é unha consideración estrutural do papel de Galiza, e unha valoración dos galegos, na España? Fun portavoz do BNG no Congreso dos Deputados durante 12 anos. Sentín en carne propia a zunia xenófoba, a discriminación máis anti-democrática e a máis "natural" eliminación por parte dos meios de comunicación da Corte, privados ( o exemplo máis xenuíno, El Mundo) e públicos (Compañía de RTVE). Non era, nen é, exclusivamente por causa da nosa ideoloxía nacionalista e anti-imperialista, que desde logo non lles gosta. Era algo máis: sermos a representación única, xenuína, dunha Galiza que debe ser naturalmente inexistente no plano político. Os galegos non se poñen en predicamento porque non son colectivamente ( non deben ser) ninguén. Nembargantes, a nosa presenza, o noso activismo, era, e é, alí inxente en relación coa nosa representación. Pero non fomos, non somos, tratados, nen sequera nos meios públicos, coa mesma vara de medir que os demais. Alias, cál é o tratamento informativo que se lle dá a Galiza na RTVE?
Non vou falar do mal disimulado desagrado do Aznar presidente perante o nacionalismo galego e a súa displicencia con Galiza. Tampouco dos silencios ou reticencias expresivas do presidente Zapatero perante reclamacións cualitativas para o noso país (grupo lácteo galego, sector naval, unión das nosas caixas de aforros, aproximación cultural e lingüística a Portugal?). Non queren que o papel, o peso e o perfil de Galiza muden. No seu deseño de España Galiza non pode nen debe ser un país con relevo propio. O BNG conseguiu nestes últimos anos mudanzas cuantitativas: eliminación de discriminacións descaradas nos orzamentos do Estado, presenza digna da problemática galega, condicionando as actuacións do goberno e dos partidos estatais?Galiza existe, acurralada por liñas vermellas, que fan todo o posíbel para que non crucemos? Recoméndolles aos nosos compatriotas agora alporizados que cavilen por que se vincula a súa reacción, esta si natural e lóxica, perante a desconsideración xenófoba, á perturbación nacionalista. Elévense do anecdótico ao xeral, sen perder sentido da realidade, e comprenderán por que o nacionalismo non é só algo natural, lóxico e necesario na Galiza, senón tamén por que é tan combatido e discriminado na España. Aproveitemos tamén para cavilar, con auto-crítica, por que fiamos tanto nos deseños de fóra e tan pouco nos de dentro. A quen lle interesa que sigamos sen acreditar en nos mesmos e nas nosas capacidades?
Os nosos mellores homes e mulleres, no campo da política e da cultura, xa hai tempo que detectaron o noso andazo. O verso rosaliano "Galicia non debes chamarte nunca española?" non foi un exabrupto en boca dunha perturbada. Aquela advertencia de Castelao de que os galegos só imporemos respeito cando aprendamos a vivir con absoluta independencia ( de criterio, de ánimo, de perspectiva?) de España, proviña dun home experimentado e nada proclive a confrontacións gratuítas?Sentado no meu escano no Congreso, canto pensei nel, mentres contemplaba as estatuas de Isabel e Fernando que vixían aquel hemiciclo con ar de imperio decadente !!

A Coruña hoy

Ben, debería titularse máis ben, A Coruña antonte.
O PSOE veta a ordenanza do galego na Coruña
A Concellería de Normalización, que dirixe Ermitas Valencia, do BNG, ten listo para “regular o impulso do galego “ e establecelo como “a lingua normal” do Concello.
A negativa do PSOE frustra as posibilidades de dar luz verde á ordenanza, que segundo indicou Valencia ten “o visto e prace dos servizos xurídicos municipais” dende o 22 de febreiro. A concelleira defendeu que “non é nada do outro mundo” cumprir a lexislación vixente, que establece que “todas as comunicacións e tramitacións se farán en galego”, como fan a Xunta e a Deputación, puxo por caso. Recalcou que é especialmente importante neste momento de “involución” do proceso de normalización.
Visto isto buscamos a Javier Losada, alcalde da Coruña, no You Tube, onde ten unha canle con, polo momento, 69 vídeos. Un deles titúlase A Coruña hoy. Nese, como nos 25 nos que tivemos a anta paciencia de remexer, a única lingua é o castelán. Ben, hai unha excepción, trátase da reportaxe da visita de Javier Losada á sede da RAG, co cal nos está ensinando que éste é o único lugar da Coruña onde convén falar en galego.
Non podemos poñer aquí ningún vídeo porque as insercións están cortadas. Será por vergoña?

Cun libro na man e unha espada na outra

Que podemos esperar dalguén que odia as linguas?
"Las lenguas son una dificultad y una trampa. Babel es una maldición",
Que podemos esperar de quen defende o racismo lingüístico. Polo tanto non odia máis que ás outras linguas.
“no todas las lenguas sirven para lo mismo, (…) el castellano permite el entendimiento común de los españoles”
E que promove o exterminio das outras linguas que se falan en España, pois di que ao home da sociedade moderna, que propugna o desenvolvemento,
“no le importa que ese progreso acabe con su lengua materna”.
E ademais é un iñorante a respecto da situación das linguas do mundo. Actualmente fálanse 6000 linguas, só 500 teñen carácter oficial. A maior parte das linguas están expulsadas das escolas. En europa fálanse 230 linguas. Case non hai ningún estado no que só se fale unha única lingua.
España en el único país el mundo donde los ciudadanos no tienen derecho a estudiar en la lengua oficial del Estado.
Quen di estas cousas é o amigo de Rosa Díez. O racista Arcadi Espada.
Para acabar de coñecelo, escoitádeo falar en Onda Cero con Julia Otero.



Parbén para Julia

As rebaixas, las rebajas.

Canto odio lle teñen algúns ao galego!
Primerio elimínano das probas dos funcionarios.
Despois o discurso de que o galego é imposicion, que o castelán é libertade.
Eliminan o galego das oposicións a primaria e secundaria.
Presentan un decreto no que se reduce, elimina, despreza,... o galego do ensino non universitario.
Agora retiran o galego do comercio:
Os carteis en galego desaparecen da futura normativa do comercio
Lembremos que hai 500 normas que prescriben o uso do castelán en toda clase de ámbitos, a maior parte delas refírense ao mundo comercial

Linguas na Gran Bretaña



Cantas linguas se falan na Gran Bretaña? A resposta inmediata é: unha, o inglés. Non lles cómpre ningunha outra.

Se consultades o mapa das linguas podedes ver á Gran Bretaña en 5 cores, unha por lingua.

Unha delas é o gaélico. Entre os días 10 e 17 farase unha marcha Belfast-Galway: 1.600 quilómetros a prol do gaélico

Perturbada

por Marta Dacosta, escritora, na Nosa Terra:

Nun bar calquera dunha vila galega podiamos escoitar o venres á noite unha conversa entre amigos. A esas horas e despois dunha dura semana laboral poderiamos pensar que, entre cervexa e cervexa, os amigos estarían dicindo algunha parvada desestresante, entregados a unha conversa sen máis obxectivo que o de sacarlles unhas risadas. Pois non. Nun bar calquera dunha vila galega de 12.000 habitantes, xusto cando se inicia a ansiada fin de semana, un grupo de amigos reflexiona sobre as declaracións dunha biscaíña que tivo a ocorrencia de utilizar o xentilicio “gallego” no seu sentido pexorativo. Non todos falan en galego na mesa do lado, mais concédenlle tempo ao tema e van na procura do xornal para documentar a conversa. Desde logo para eles non hai contexto que valla e eu, que non podo evitar observalos, non creo que sexan intolerantes nin acomplexados, e do que si estou segura é de que non son uns perturbados nacionalistas, pois nas vilas todas e todos nos coñecemos e eles perturbados non son e nacionalistas non se consideran.
O que non lembran os veciños de mesa e, porén, non debe ser esquecido, é que estas apreciacións da que alguén chamou atinadisimamente “parva no sentido literal do termo” son coherentes coas súas actuacións en contra dos galegos e galegas. Lembremos que foi das primeiras en sumarse á cativa mobilización que reclamaba a exclusión do noso idioma do ensino, que desde as Españas chegou para pórse á fronte da pancarta. Moitas palabras en sentido pexorativo poderiamos dedicarlle mais nós non somos así. Simplemente, recomendámoslle que lea “Castellanos de Castilla”, un poema que ela actualiza.

A espada e a rosa


A Rosa xa ten espada.
"aldeáns, estúpidos, ignorantes e pueblerinos" son os calificativos que lle adica o señor Espada aos parlamentarios que representan ao pobo galego.

Isto parécese cada vez máis a unha banda deseñada.
Na foto sabemos quen é Rosa e quen Arcadi Espada. Falta por aparecer o tipiño gordo que se ve á esquerda,... e o can. Non tardaremos en coñecelos

xoves, 4 de marzo de 2010

Lingua e goberno na Galiza de Núñez Feijóo

por Henrique Rabuñal, escritor, no Xornal de Galicia

A política galega divídese nestes momentos a partes iguais entre a materia e a alma, o euro e a identidade, a aplicación da lei de caixas e o conflito lingüístico. Téndomos verdadeiro sentido de país e séndomos minimamente patriotas as dúas cuestións acharían unha solución para este tempo histórico de reorganización das entidades financeiras e para algún día actualizar a Lei de Normalización Lingüística que como tantas cousas ficou inservíbel para moitos problemas e necesidades aparecidos desde 1983.
O presidente Núñez Feijóo chegou ao goberno adobado por unha mentira que é ao tempo unha temeridade: a incríbel imposición do galego que ao parecer padecía o país. Esa idea foi alimentada polo fundamentalismo lingüístico antigalego que contou coa colaboración de importantes figuras do Partido Popular galego e o eco mediático de empresas que crean opinión. A ameaza dunha nova política lingüística sustentada naquela impostura e na lamentábel alteración da realidade idiomática do país acelerou a elaboración dunhas Bases que han regular as linguas no ensino non universitario e que foron contestadas por numerosas instancias académicas, pedagóxicas, políticas, sindicais e sociais (Queremos galego). Esas bases contaron tamén coa crítica moi ben fundamentada da Real Academia Galega e da moi serodia do Consello da Cultura Galega. A RAG deixou claro na súa análise que as Bases son un erro pedagóxico, xurídico, social e político e fixo un chamamento para retomar o consenso partindo do Plan Xeral que en materia de lingua galega aprobaran as forzas políticas parlamentares en 2004.
Núñez Feijóo e o seu goberno van camiño de se converteren en pioneiros na ruptura dos consensos nesta materia fulcral e en sementadores dunha política de regresión no atinente aos usos do galego que non ten precedentes desde a aprobación da Lei de Normalización Lingüística. Aqueles consensos, digámolo dunha vez, non satisfacían as demandas dos sectores máis galeguistas pero eran un pacto que nos podía permitir algúns avances e gañar tempo de cara a tomar medidas máis eficaces no difícil camiño da normalización lingüística.
O grave desta situación é que o goberno de Núñez Feijóo non parece disposto a rectificar na liña do demandado pola plataforma Queremos galego e do expresado pola masiva participación na folga docente no ensino non universitario e a manifestación no Obradoiro. No seu goberno instalouse a idea e a práctica dun compromiso mínimo co uso do galego, hai pouco escoitamos ao Presidente en Lisboa falar en español perante un grupo de empresarios e tamén recentemente o propio parlamento fixo un chamamento para que os cargos da administración galega (comezando polos conselleiros) e os propios deputados usasen máis o noso idioma, constatación do seu cativo uso.
Hai poucos días, na recepción do seu terceiro premio Goya, o actor chairego Luís Tosar deunos unha lección a todos usando o galego e dignificándoo tamén diante do propio presidente da Xunta a quen imaxinamos ruborizado por ter que ser un cómico do país e con conciencia de país quen faga o que nin el nin o seu Conselleiro de Cultura fan desatendendo así o que para nós son claros mandamentos das altas maxistraturas que ocupan e polas que ademais cobran.
Esta deserción involucionista do goberno de Núñez Feijóo ten un aspecto positivo: serviu para pór de manifesto a enerxía que este pais fabrica e que pode pór ao servizo da súa lingua en clave de uso efectivo, defensa e dignificación. E mentres esta nazón de bons e xenerosos sexa quen de seguir instalada na cerna da nosa sociedade, os proxectos linguicidas do PP fracasarán.
É para nós moi evidente que hai que pedir a dimisión dos responsábeis políticos que meteron o zoco de maneira intolerábel neste asunto e sobre todo recobrar o sentido da realidade, teimuda coma sempre. Sermos conscientes das dificultades que o galego segue a ter e da débeda que teñen con el, co noso idioma propio, xa non só os que o usamos habitualmente senón tamén os que non o usan ou o usan pouco e que teñen agora ocasión que lles vén como anel ao dedo para resarcirse. É o momento. Tamén quereríamos que o PP pagase algún día en forma de votos este desaire ao país, esta ofensa intolerábel ao seu primeiro sinal de identidade e que o escano que lle permite gobernar por maioría absoluta no Hórreo pase a aqueles que non toleran nin consenten o desaire e a ofensa.

Non vaias a Baiona

Durante toda esta semana o alcalde de Baiona e a concelleira de cultura estiveron promovendo a "Festa da Arribada". Acudiron á TVG e escoitáronse na Radio Galega. Só falaron en castelán.
Hai outros sitios a onde ir. A Arzúa, por exemplo.

O concepto do bilingüismo cordial

Feijóo estivo hoxe en Onda Cero e falou da lingua.
Descoñece a terminoloxía básica sociolingüística: " non creo na inmersión total de Galicia, nin en castelán, nin en galego". Inmersión só pode habela en galego, na lingua B, e é o método máis eficaz para a normalización. O outro caso sería submersión e tamén o camiño máis eficaz para o asesinato dunha lingua e que se practicou en Galicia durante case todo o século XX, polo menos.
Minte: "A inmersión é económica e lingüísticamente inviable"En todo caso sería necesario un plan con datas e obxectivos para levalo adiante.
Introduce preceptos racistas: "defendo o bilingüismo cordial". Só se fala de bilingüismo cordial ao referirse ao galego. Isto é, o galego debe ser cordial, debe ceder, aínda máis. A cordialidade non se predica, nunca do castelán. O castelán pode ser insultante, despreciativo, pode ir arrasando, ten preferencia. É unha forma curiosa de aplicar a política do equilibrio lingüístico que tamén predica este goberno. En definitiva, ao ser o concepto de bilingüismo cordial, unha idea que perxudica a unha lingua en beneficio absoluto da outra, é unha forma de defender o racismo lingüístico.
Despreza ao profesorado e a toda a pedagoxía: "restaurar o dereito dos alumnos para poder dirixirse ao profesor de forma oral e escrita, en clase, en calquera dos dous idiomas oficiais de Galicia". Como van aprender a falar en galego aqueles rapaces das cidades que desenvolven toda a súa vida en entornos castelán-falantes se nin tan siquera teñen obriga de falalo e escribilo na escola? E o repecto ao profesorado? E o respecto á nosa lingua? O único que importan son os dereitos individuais dos castelán-falantes cando falan en castelán, e o dereito a usar o castelán en Galicia en todos os ámbitos e por todo o mundo.

E a foto? Que ten que ver con todo isto?
Feijóo fixo máis declaracións. Estas sobre a visita do Papa a Santiago. Aclaramos unha cousa: que polo que nós sabemos este Papa non ten fillos, nin se lle esperan.
Despreza ao galego: Comentou que estaba moi satisfeito pola visita do Santo Pai.
O descoido e o descoñecemento son formas de desprezo.
O desprezo tamén é unha forma de desprezo. No seguinte artigo Henrique Rabuñal lémbranos como hai ben pouco tiñamos que oir a Feijóo falar en castelán en Lisboa.

Anxo Lorenzo tócanos a gaita

Anxo Lorenzo non é o Secretario Xeral de Política Lingüística. Non, é un gaiteiro, no sentido máis favorable da palabra.
"Na China flipan coa gaita" , di Anxo Lorenzo, que agora anda coa presentación do seu traballo Tirán.
Malia chamarse igual que o responsable de Política Lingüística do Goberno galego, a este músico aínda non lle pasou ningunha anécdota. "Eu non son tan polémico", chancea.
O guitarrista ten un aire con Jesús Vázquez, ou non?




E se a vasca levase algo de razón?

por Marcelino Fernández Mallo, do sector financieiro, en Vieiros
O que máis me sorprendeu da infausta frase da vasca ultraespañolista foi a falta de conexión aparente entre pregunta e resposta. Quero dicir que, pretender descualificar co termo “gallego” a un suxeito non nacido en Galicia, implica ter moi gravada tal asociación na mente. Ó meu entender, o miolo da historia atópase no proceso de gravación, no método mediante o cal tal asociación penetra nun cerebro en principio neutral.
Mesmo despois chegou a contrarréplica, se cadra aínda máis intempestiva cá declaración orixinal. Entón un decátase de algo de maior fondura estar a operar, algo que merece ser analizado lonxe da visceralidade. E o primeiro que lle chimpa á cabeza son as imaxes da vasca ultraespañolista a carón da Gloria Lago e os seus mariachis monolingüístas entre os que atopamos, por exemplo, a Alfonso Rueda e a Corina Porro, actual Conselleiro da Presidencia e anterior alcaldesa da cidade máis populosa do País. Compartirán Alfonso Rueda e Corina Porro a opinión da súa compañeira de manifestación? E fóra de Galicia, que cren: haberá moitos que compartan tal pensamento? De onde lles virá idea tan fatídica?

Se cadra, do propio goberno... Recordemos que é Núñez Feijóo quen goberna en Galicia tralo exercicio electoral soberano do pobo galego: Núñez Feijoo, o mesmo que impediu a promulgación dun Estatuto de primeiro nivel para Galicia, quen retirou o noso País do grupo de cabeza na configuración do Estado para postergalo no pelotón das Comunidades sen dereitos históricos nin vocación de autogoberno. E a carón de quen goberna este home? Pois duns conselleiros que, coma el, renegan abertamente, sen prexuízos, dos riscos diferenciais de Galicia e dos seus sinais de identidade. Ademais do mencionado, velaí Jesús Vázquez, Javier Guerra, Beatriz Mato, Roberto Varela... son galegos inda que non o pareza tendo en conta a súa acción de goberno. Actúan en contra da cultura galega, da lingua galega, da bandeira galega, ata da toponimia e antroponimia galegas... de todo canto supoña un factor de autoidentificación ó tempo que promoven pautas e códigos aliñantes con outras realidades que se queren seguir impoñendo como propias. Complexo? Asimilación? Autonegación? Trátase do goberno escollido polos galegos, cidadáns libres dispostos a apoiar unha e outra vez as propostas sometidas ós “superiores intereses da nación española”. Porque este goberno galego non foi ningún accidente senón, polo contrario, o herdeiro “natural” doutros gobernos galegos deseñados a partir dunha filosofía de submisión ás directrices do poder central.
Submisión que se estende a moitos outros niveis. Ei-la destrución do medio natural galego para o beneficio de compañías madrileñas, norueguesas, vascas ou catalanas. Ei-las empresas galegas que, tralo seu asentamento no mercado, terminan desprazando os seus centros de decisión ou produción cara a Madrid ou Barcelona. Velaí os membros galegos do goberno español actual, Elena Salgado, José Blanco, Francisco Caamaño, Antón Louro, liderando dende as esferas centralistas a operación para privar a Galicia dun poder financeiro autóctono... Seica o concepto “galego” ten, para moitos de nós, máis un contido romántico e folclórico e non tanto presente e real.
Sentimos carraxe cando nos ofenden ou desprezan dende fóra mais adoitamos manternos impasibles ante tantas aldraxes internas. Cabréanos, por exemplo, que IKEA non valore o coñecemento da lingua galega para os seus empregados na Coruña e si outros idiomas. Porén, admitimos sen resistencia que no último servizo municipal constituído, a “Casa del Agua”, ninguén sexa quen de prestar unha atención en galego; nin sequera os caixeiros automáticos do aparcadoiro, capaces de operar en castelán, inglés, francés, portugués e catalán. Así os mandaron e así os aceptamos. Non será que nos ignoran porque nosoutros mesmo nos ignoramos antes?
Saltemos de ámbito para lembrármo-lo trato ben preferente outorgado a UPyD nas últimas eleccións autonómicas polo xornal galego que goza do 50% de cota de mercado en Galicia, o cal lle deu cobertura de alternativa real sen ningún argumento fóra dunha manifesta “sintonía” natural. Non esquezamos tampouco que o principal editorialista dese xornal amosou a súa indisimulada simpatía polos preceptos defendidos por esta señora, desde a recuperación da política centralizadora ata a aniquilación dos riscos culturais propios pasando pola zuna contra todo nacionalismo non español; nin que o ínclito embaixador vaticano, alcalde “eterno” da segunda cidade de Galicia, declarou repetidamente a súa afinidade coa galegofóbica deputada euscalduna.
As súas declaracións representan unha probable paranoia digna de terapia e tratamento. E sen embargo, un escóitaas e pensa da dobre moeda que Galicia representa, a dobre faciana dun País en crise de identidade permanente. E a min, confésoo, unha desas metades non me gusta nadiña. Mira que se a muller leva algo de razón...

mércores, 3 de marzo de 2010

A lingua de Rosa non é a nosa

Rosa Díez di que a reacción do Parlamento galego demostra que hai "demasiado candidato a censor solto"
E no Xornal destacan a seguinte frase: " a inmensa maioría dos españois no seu conxunto e tamén dos galegos, están preocupados por cousas que non teñen nada que ver cos censores afeccionados que existen en calquera lugar"

Cristina Díaz Pardo, xornalista, no Xornal de Galicia, deixanos este artigo:

Autoestima galega
Nestes días todo o mundo fala das palabras da líder de UpyD, Rosa Díez, sobre o termo galego. Todas as forzas políticas condenaron as declaracións da ex socialista pero pouca xente foi ata o trasfondo das súas palabras. Durante o Café de Redacción de Xornal de Galicia que contou con Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG, como invitado houbo quen reflexionou moi atinadamente. O catedrático da UDC Xavier Vence manifestou que as declaracións de Díez entran dentro dunha sorte de “deriva da linguaxe política que tende a exacerbación das opinións”. Segundo a súa opinión, compartida por moitos, sobre todo no ámbito da dereita estatal estanse albiscando uns movementos recentralizadores moi fortes que veñen acompañados dunha durezas nas formas e no descurso (o dedo corazón de Aznar ben alto). Mágoa que no conxunto de España hai máis persoas que pensan como Díez e que cren que ser galego é un insulto, na vez dun orgullo. Quizais para combater eses sentimentos, que se acaban metendo tamén nos miolos dos galegos de xeito pasesiño, haxa que apostar, tamén dende os partidos, por un proceso culturizador. "Somos galegos e debemos externalizalo", dixo Pilar García Negro. "Un cambio cultural tamén nos partidos e esencial para a autoestima galega", dixo

A Xunta contra a RAG

Chéganos a nova de que a Xunta está pensando e restrinxirlle os cartos á Real Academia Galega. A idea non é de hoxe, senón que cobrou forza desde o día que a RAG publicou o seu ditame demoledor contra as Bases do decreto de plurilingüismo.
Xa sabedes, académicos, ou calades a boca ou non teredes nin un can para reparar o tellado da sede da Academia, que dá pena velo.

A Xunta contra o galego.

O BNG denuncia 'extorsión' para suprimir o galego das oposicións dos concellos.
O deputado do BNG Bieito Lobeira acusa a Xunta de 'enviarlle cartas de extorsión' aos concellos co obxectivo de suprimir os exames de galego nos procesos de selección de persoal, en concreto acusa ao director xeral de Administración Local, Norberto Uzal.
Norberto Uzal, ex(?)-falanxista, foi un dos nomeamentos máis polémicos do actual goberno da Xunta.
No entanto, en Cataluña os tribunais avalan as multas por non rotular en catalán. Ao non facelo vulneran os dereitos dos catalán-falantes.
Nós preguntámonos por que os cataláns si teñen dereitos e nós non. Será porque aquí aínda non se fixeran leis que favorecesen o galego?

Políticos e lingua galega

por Xoán Antón Pérez Lema, en de Luns a Venres

Malia que o galego sexa a única lingua propia da Galicia, o noso Estatuto recoñécelle tamén ao castelán rango de lingua cooficial no noso territorio. Velaí que calquera persoa sexa libre, en teoría, de escoller calquera das dúas linguas oficiais para o seu uso cotián, malia que pola súa minorización social e histórica sexa ben difícil para calquera de nós desenvolver íntegramente a súa vida en galego, mentres que sexa ben doado desenvolvela íntegramente en castelán sen sequer facer o amábel aceno de respostar en galego aos que galego nos falan.Porén, a liberdade de opción lingüística é un dereito de todos no ámbito da privacidade. Mais determinadas persoas suxeitas a unha relación especial co ámbito público non disfroitan desta libre escolla. Ensinantes e estudantes nas materias do ensino non universitario nas que o galego é lingua vehicular, traballadores da CRTVG e doutras emisoras de radio e TV públicas, funcionarios que traballan cara ao cidadán… teñen a obriga normativa de usar a nosa lingua en todas ou algunhas das ocasións da súa vida profesional.O Estatuto e máis a Lei de Normalización Lingüística dispoñen a discriminación positiva a prol do galego nas ordes todas da vida pública, social e informativa. As lexislacións local e educativa elevan ao galego á condición de lingua usual das Administracións municipais e educativa. O Parlamento galego ven de aprobar por unanimidade que os seus deputados fagan uso da nosa lingua, como esixencia política e moral da obriga de discriminación positiva que o Poder Galego ten a respecto da mesma.Velaí que os políticos, en canto exerzan cargos institucionais, teñen a obriga ética (e mesmo estética) de usar o galego cotiamente e cun mínimo de calidade. Porque actúan institucionalmente e non como simples cidadáns.Os alcaldes d’A Coruña e Vigo, algúns conselleiros, deputados do PP e altos cargos da Xunta, a presidenta do Porto de Vigo Corina Porro, o voceiro municipal do PP coruñés, Carlos Negreira e outros moitos incumpren, co seu uso monolingüe en castelán, esta obriga derivada do espirito do noso Estatuto. E proxectan, coa súa praxe, a falsa idea de que a nosa lingua é propia de seres marxinais e non ten futuro.

A galiña azul, agora na política lingüística

Un dos primeiros chanzos da política lingüística contra o galego foi o desmantelamento das Galescolas, que reconvertidas en Galiñas Azuis, tiñan como referente principal o de expulsar o hagalego das escolas infantís. Como é ben sabido, A Galiña Azul é unha obra de Carlos Casares. Pois agora trasládase o modelo á política lingüística.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística acaba de anunciar que participará no Proxecto Toromelos (unha iniciativa de promoción da creación dramática e teatral, e do teatro infantil e xuvenil en lingua galega, e que está dirixido a escolares de toda Galicia e que pretende achegar aos máis novos a obra de Carlos Casares.).
O Secretario Xeral, Anxo Lorenzo indicou que con esta iniciativa, ademais de axudar a promover o recoñecemento e a difusión da obra de figuras clave da literatura galega, como é Carlos Casares, “Política Lingüística segue a impulsar a extensión e a visibilización do galego en todos os ámbitos sociais".
Minte outra vez o Anxo Lorenzo, pois se de verdade a SXPL quixera impulsar a extensión e visibilización do galego en todos os ámtos sociais, estaría colaborando coa campaña orgullosos do galego, e non coas Galiñas Azuis.

Aceite galego

'Somos a única envasadora de aceite en galego'
Xosé Manuel Pérez Canal, un dos catro socios di que "adoptamos a etiquetaxe en galego para produtos que teñen como destino unicamente o mercado galego". Claro, pois algunhas desas 500 normas de imposición do castelán non fan máis que restrinxir as condicións para as etiquetaxes en galego.
Parabéns para os de Abril

O galego, o gallego, el gallego

Sen comentarios

O leite, a leite, a leche, la leche.

Este é o conto da leiteira.
Algúns din que a leiteira era de Rellas, outros que de Cortegada, e se lle preguntades a calquera da Bandeira, dirá, por suposto que a leiteira era veciña deles de toda a vida.
A cousa foi que a leiteira comenzou tendo catro vacas, alá en en tempos, cando o leite valía algo. Era moi espilida, sabía tratar cos bancos, e non tardou en montar un establo bastante grande. A cousa marchaba ben. Ata pensou e comercializar ela mesma o seu leite.
A leiteira era unha muller asisada, non como a do conto, tiña os pés na terra. Estaba orgullosa de ser quen era, de ser galega. Por iso sabía que o seu leite estaría etiquetado en galego, só en galego, para que se soubese de onde viña, e que era un produto de calidade, sen químicas. Ata lle tiña pensado o nome , sería O Leite, así, simplemente.
Volveu aos bancos, aos créditos, á compra de naves, de maquinaria, pero tivo que parar en seco. Un funcionario, un da consellería díxolle que non era posible, que a súa leite tiña que comercializarse en castelán, pois REAL DECRETO 1334/1999, de 31 de xullo, no seu artigo 18 decía:

Artículo 18. Lengua en el etiquetado.
Las indicaciones obligatorias del etiquetado de los productos alimenticios que se comercialicen en España se expresarán, al menos, en la lengua española oficial del Estado.


A leiteira loitou. Durante anos. Viñeron tempos peores, pagábanlle menos polo produto, aumentábanlle as facturas, a compra das cotas... En definitiva, como decía o seu fillo: isto é a leche!
Non lle quedou outra alternativa que deixar o seu soño aparcado. Agora véndelle todo o que lle dan as vacas a unha multinacional, moi coñecida, que comercializa, queixos, iogures, postres e toda clase de produtos lácteos coa marca: Que te pego, leche! . O slogan: La leche mejor preparada.
Quen sabe a química que lle botan! Di a nosa leiteira, e con razón.

P:D: A nosa lingua corre o perigo de dialectalización. A situación non é para botar foguetes. Cada vez máis xente deixa de dicir o leite, para cambiarlle o xénero ao coincidente co castelán: a leite.
O seguinte paso, eu xa o teño oído, comenza por frases como Nesa cafetería utilizan unha leche moi mala. E nese devalo andamos. Podémolo parar se estamos orgullosos, como a leiteira. Que sigue loitando.

Artigo sobre a lingua, premiado

Un artigo sobre a lingua recibe o premio Fernández del Riego de Xornalismo
O autor é Alberto Pena, e o artigo foi publicado polo Diario de Pontevedra 0 29 de decembro do 2009.
Aquí o deixamos:


COUSAS DA LÍNGUA
Cando era neno, na miña casa non había idiomas oficiais, pero o galego era a língua franca; especialmente para comunicarse cos animais. Cans, gatos, galiñas e porcos eran domesticados e obedecían en galego. Os porcos, ademáis, e non sei por qué, sempre lle poñían alcumes (“o famento”, “o ghulichón”, “o larfotes”), tan graciosamente connotados como os que se utilizaban para designar ós veciños con nomes de peixes ou crustáceos da ría: “a rincha”, “o queimacasas, “o xouba”, “o faneco”…Con caldos de polo e arrozadas de croques, fun medrando mentras a miña bisavoa materna facía esforzos, ás veces con resultados deliciosamente cómicos e outras simplemente ridículos, por falarme nun castelán castrapeiro que me facía sorrir: “A ver neno, no te achegues al cortello que vas a poner perdidos los zapatiños”. A miña avoa materna, que nunca aprendeu o castelán e que non sabía ler nin escribir, pero que nunca direi que era analfabeta porque era máis lista cun allo, falábame nun galego enxebre que destilaba sentido común e autenticidade. E a miña nai, que tamén empregaba un galego morracense con gheada, só me falaba na nosa língua cando facía algunha trastada (para berrarme) ou cando estaba na cama doente (para consolarme), o que me producía unha certa desorientación. Pero sempre pensaba que eran cousas da língua.
O meu avó paterno e o meu pai, que estaban sempre embarcados en buques que eran como arcas de Noé, cando chegaban do mar brincaban conmigo misturando palabras do inglés, o neerlandés e o portugués co galego e o castelán. A miña avoa paterna, que non daba puntada sen fío pois era redeira, cando me quería dar algunha lección moral, tiraba de castelán; debía parecerlle que así fiaba máis fino. E cada vran chegaba a miña tía da Alemaña con galdrumadas e con expresións cargadas da gheada alemá, que ainda que eran doces, tiñan o amarguexo da distancia. Wie ghet’s? (“cómo che vai?”), dicíame cando me vía. “Pregúntache si eres “vi-ghés”, dícía o meu pai. E eu respondía: “Non, son da Carrasqueira”. Eran as cousas da língua.
Sen embargo, o que falaba dunha maneira máis peculiar era meu avó materno, que sempre estaba bogando na súa gamela “Rola” como un cormorán solitario; cando estaba de bo humor dirixíase a min en castelán, e cando a cousa iba en serio, falábamos en galego. Se a miña avoa non vendía as centolas que él traía do mar nas patelas de vimbios e tiña que empregalas como fertilizante nas leiras que o cura lles arrendaba, o meu avó maldecía a situación en galego; e se a venda era boa, bendecíana en castelán cantando algún bolero de Machín con acento de ribeira. Pero o que máis me intrigaba del é que era capaz de falar o galego ó revés. O que facía era simplemente pronunciar as palabras silabeándoas en sentido contrario; en vez de medo, dicía “dome”. Eu costumba pedirlle que me falara ó revés porque quería comprobar si se estaba rindo de min; pero non: falaba un galego ó revés correctísimo, académico, que soaba, qué sei eu, como a turco. Ás veces, para provocarme, ollaba para min de esguello e soltábame algunha frase que tardaba en comprender: “None, medaxua a llercore a dere!” (neno, axúdame a recoller a rede!). Cando se incomodaba ca miña avoa, o meu avó sempre abandoaba as conversas rosmando do revés. Na verdade, esta habilidade idiomática do meu avó sempre me emocionou, porque era unha especie de metalinguaxe, unha creación senlleira que agochaba un misterio. Cos anos, souben que esta extraña forma de falar o galego aprendérana para evitar riscos; concretamente, para poder evitar os espías nas conversas cos amigos na Guerra Civil. Cousas da língua.
Cando todos os meus antergos creron que xa estaba feito un home, adoptaron empregar conmigo sempre o galego en calquera circunstancia da vida. Daquela xa era capaz de pensar como eles, e tanto me tiña o castelán, o inglés, o portugués, o alemán ou o neerlandés se non servían para entender quen era e qué quería ser. Cando visito o cemiterio, sinto a tentación de colocar o epitafio do meu avó en galego do revés. É o único que se me ocurre para preservar a súa língua íntima, ainda que poida ser interpretado como un lapsus linguae. Se cadra, ademáis, a miña família non o aprobaría; e se o crego me descubrise, excomulgaríame en latín. Son riscos que ás veces hai que correr. Porque hai cousas que non son só cousas da língua.

martes, 2 de marzo de 2010

Con orgullo

Con orgullo.
E sen apoios institucionais.
Con orgullo.
E sen apoios dos medios. Lembremos que La Voz non dou conta da campaña.
Con orgullo.
O orgullo lingüístico percorre a rede. o vídeo protagonzado polos actores Luís Tosar, María Castro, Martiño Rivas canda o produtor Antón Reixa, a xornalista Belén Regueira e a gaiteira Susana Seivane xa leva máis de 30.000 reproducións nestes sete primeiros días.
Con orgullo.
Orgullos do galego' triunfa na súa primeira semana de rodaxe con máis de 17.000 seguidores nas redes sociais.
Nós, os que estamos orgullosos de sermos galegos, podemos estalo do galego.

O parlamento contra Rosa Díez

Os grupos parlamentarios coinciden en reprobar as declaracións de Rosa Díez pola súa 'falta de respecto' aos galegos
Aínda non saben como, pero vanlle zurrar.
O simpático da nova é que (consultádea), os de Luns a Venres poñénlle aos posbiles comentarios da mesma Interésanos a túa opinión, pero 'con sentidiño'. Nada de insultos nin descalificacións.
Pois iso, aplícate o conto Rosa.

A Carta Xeométrica adianta o decreto do galego

Hoxe Jesús Vázquez, conselleiro de educación (!) adiantaba que O decreto do galego presentarase nos próximos días. Non é que saibamos do decreto máis ca el, pero coñecemos as liñas fundamentais sobre as que se sustentará.
Partimos para iso desta, parece pobre, pero é moi informativa, declaración do conselleiro Xesús Vázquez: 'Procuramos un equilibrio entre galego e español'
É como o conto daquel ao que lle cortaron a perna e o poñen a correr cun campeón de atletismo, "en igualdade de condicións". Pilar García Negro tamén contaba o caso dunha coñecida empresa alimentaria que tiña no mercado un concentrado de caldo de galiña. A empresa foi denunciada por mentir no produto e ademais por colaborar con compañías que se adicaban á caza de baleas. A resposta do directivo non ten desperdicio: "nós non enganamos a ninguén, no noso caldo hai un 50% de graxa de cada unha das especies, isto é, por cada galiña hai exactamente unha balea"
Pois non hai máis que dicir. Descubrimos as directrices do decreto:

Para os castelán-falantes, vía libre, preferencia. Todos os dereitos individuais, todas as ventaxas colectivas. O castelán é de obrigado coñecemento para todos. Todos, e cada un vai poder usalo cando e como queira. Liberdade.


Para os galego-falantes, limitacións, prohibido ir a máis de 30(%). Ningún dereito individual, todas as desventaxas colectivas. O galego non é de obrigado coñecemento. Todos, e cada un vai poder prescindir del cando e como queira. Imposición.
E aquí remata o conto.





Menos voces para as linguas minorizadas


Pecha a Axencia Europea de Linguas Minorizadas logo de 25 anos de traballo.
O organismo con labor consultivo para o Parlamento Europeo, e que a finais de 2009 instara á Xunta de Galicia a poñer fin á "política de desprotección dos dereitos da comunidade lingüística galega". "As medidas adoptadas contra a lingua galega desde o pasado mes de abril supoñen unha vulneración de tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos subscritos polo Estado Español", advertíanlle ao Goberno nun comunicado. Ao fío, engadían a súa vontade de trasladarlle a denuncia da situación aos diferentes foros internacionais nos que se integra o colectivo.
Por que pecha? Quen vai vixiar agora os ataques contra as linguas minorizadas en Europa?


Menos rosas e máis galegos

Membros de UPyD-Galiza cuestionan a desculpa de Rosa Díez, auguran ‘baixas’ no partido

luns, 1 de marzo de 2010

Funcionarios sen o galego


Fala Ferrín.3

Ferrín: 'É signo de mala saúde social que haxa sectores contra o galego'Ésta e outras cousas dixo o presidente da RAG hoxe nunha entrevista para o programa Bos días da TVG.
Ferrín ve unha 'falta de responsabilidade' suprimir o galego nas probas de Educación

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

“A arma integracionista do españolismo é o idioma do imperio”

Entrevista a Xosé Lois García, escritor, en Galicia Hoxe

Xosé Lois, o Decreto de Normalización Lingüística, por certo ben de mínimos e incumprido case en liñas xerais, o Decreto digo, que agora o PP español en Galicia pretende trocar que a min se me antolla perverso e coa única intención de vernizalo co bilingüismo ou trilingüismo coa única intención de lle dar unha estocada mortal ao galego, con obxecto de facelo desaparecer, ou en todo caso de perpetuar a diglosia e mesmo fomentar ou fornecer a galegofobia e o autoodio… Cal é a túa resposta a esta miña pregunta?
O "idioma do Imperio" é unha das armas integracionistas do españolismo, representado pola dereita egocentrista de todos os tempos con diversas tácticas. É a arma máis usual para combater calquera expresión lingüística que sexa diferente ao castelán e que se fale na península Ibérica. A estratexia do PP non cambiou moito, respecto das intencións de paralizar o galego como idioma vivo e vehículo de comunicación. Neste caso, coincide coas ditaduras de Primo de Rivera e de Franco. As frontes que abriu o partido popular en Galiza, responden a un novo escenario disparatado de crear un estado de opinión adverso ao galego e mesmo unha fobia agresiva pero mal calculada, que comezou por aquel xuntoiro de "intelectuais" mesetarios que orquestraron en Compostela unha exhibición de forza e os que manipulaban o esperpento eran os do PP. Despois disto transcenden as eleccións de hai un ano e o ataque ao noso idioma ten un nome: Decreto de Normalización Lingüística. As respostas populares que se deron contra estas manobras, desde o 17 de maio do pasado ano até o 21 de xaneiro do actual, cunha implicación moi puntual de masas, foron catro avisos contra a política da Xunta que tenta despersonalizar e devastar o noso idioma. Esta cruzada contra os idiomas periféricos ten comezado en Galiza dunha maneira moi perversa. A dereita de sempre é consciente que o Estado español non está consolidado como nación, o idioma é o atributo máis definidor da mesma e no contexto do Estado español hai tres nacións sen Estado, con idioma propio e para integralos hai que desartellalos para que o Estado español deixe de ser nación artificio. Mais o que vale neste contencioso é continuar coa mobilización de masas e crear unha opción que xere un estado amplo de opinión radical apto para frear o radicalismo que emprega a Xunta do PP. O disparate desa impotencia administrativa hai que parala con ofensivas ben coordinadas, a non ser que queiramos desaparecer estupidamente como pobo.
-Para min, nacionalismo en si non di nada. En todo caso o nacionalismo ten e debe ser arredista, independentista, solidario e internacionalista… Non che parece?
É bo non confundir nacionalismo con nazi/onalismo. Cando un país como Galiza é desprezado, someténdoselle a unha das desfeitas máis agresivas e organizadas desde o Estado centralista, desde os Reis Católicos até agora, convén facer varias lecturas do que representa esta longa colonización. O noso nacionalismo inicial, en súa expresión provincialista e rexionalista, naceu dun arrouto ben concertado en favor dos intereses de Galiza e que representa un acto de dignidade, fronte ás imposicións e arremetidas foráneas. Se o nacionalismo o percibimos como arredista, ese non é o noso. O Partido Galeguista en 1932 mostrou o seu carácter de non illamento ao ser Galiza recoñecida como nación no IX Congreso das Minorías Nacionais Europeas, celebrado en Berna e adscrito á Sociedade de Nacións, e recoñecida como nación pola Terceira Internacional. Por estas dúas referencias e outras mais, o noso nacionalismo non é sospeitoso de arredismo. E isto nos permite traballar pola autodeterminación, se non o facemos con bases sólidas estaremos incorrendo nas incapacidades que nos asistiron en moi diversos períodos da nosa historia. Nestes procesos é lícito pensar e defender a independencia da nosa nación por tratarse dun acto de solidariedade colectiva.
O galego con respecto ao castelán está nunha desproporción brutal, non hai máis que fixarse nos medios de comunicación, etc. Hai xentes colonizadas que odian o idioma dos nosos devanceiros por parecerlle unha lingua inferior, e mesmo na súa ignoración ousan dicir que determinadas disciplinas científicas non poden ser explicadas en galego,o cal amosa a súa estulticia, ignorancia e estolidez. A ti que che parece isto, Xosé Lois?
Cando se fala de harmonización e de igualdade lingüística non deixa de ser unha falacia. Unha irreverencia ante os problemas que pode ter un idioma orixinal fronte a un intruso, como é o caso do galego fronte ao castelán. Cando o foráneo se impón cunha maquinaria poderosísima e devastadora, tendo os medios de comunicación a seu dispor e a mais os poderes económicos e de clase, a colonización dun país, como no caso galego, está servida. Por iso que o colonialismo ten varias faces e refuxios onde as clases dominantes teñen a seus unxidos e a uns axentes sempre dispostos a facilitarlle ao nacionalismo de Estado varias vías de depredación. Nesta estratexia está a alienación dos individuos, sempre obedientes á mensaxe divulgada e asumida, na que encontramos referentes que van desde o voto cativo até outro tipo de alienacións.
A Constitución española, con tantas contradicións nos termos defende ao idioma nacional galego, así como o noso Estatuto de Autonomía ou "estatuto de comunidade eremitoria", como adoitamos dicir moitos e moitas. Porén, o goberno maioritario de PP español en Galicia, pretende substituír o aínda vixente estatuto por unha falcatruada babeca ou fóra de si, cunha ataraxia profunda….Cal é a respecto disto a túa opinión?
A mellor Constitución dun país é aquela que non está escrita. Ou a que se escribe en papel de lixa para que a clase dominante non poida limpar o membro anal con ela, como dixo Castelao. É claro que as autonomías tuteladas por unha Constitución teñen moi pouca marxe para romper barreiras. Por tanto, as autonomías no Estado español serven para aprazar problemas de Estado e, sobre todo, as reivindicacións das nacionalidades históricas, e así poder perpetuar o desgaste das mesmas. Marx sentenciou: "Un país autónomo, non é un país libre".
Monarquía parlamentar e democracia "participativa", non resulta unha controversia, un antagonismo irreconciliábel por máis que se vernicen os termos ou sintagmas?
Reis e raíñas na Europa actual son atrancos decorativos que lle custan ao cidadán moito diñeiro sustentalos. O problema das monarquías e que os seus compoñentes ademais de ostentar un poder reaccionario e despótico, historicamente, amasan fortunas que transcenden a seus herdeiros e sucesores, perpetuándose como clase dominante. Isto é unha nas mais nefastas controversias. Os sistemas democráticos burgueses, admiten este tipo de clan por coincidir nos mesmos intereses. Mais a estrutura do Estado español contemplada na Constitución de 1978, é curioso que todos os cargos públicos que conforman o organigrama do Estado son electos e resulta sorprendente que o de xefe de Estado se engadiu dunha maneira meteórica sen pasar polas urnas. Por tanto foi imposto pola dereita neofranquista e consentido pola esquerda con ambicións mediáticas. Por iso é que as contradiccións están servidas.
Escríbese en Galicia a mellor poesía do Estado español como manifestou publicamente o poeta Antonio Gamoneda…?
Antonio Gamoneda foi sempre un bo captador da poesía galega, pola proximidade que hai entre León –onde vive– e Galiza e, tamén, pola relación que ten con moitos poetas galegos. Neste tema non debemos xeneralizar, coido que Gamoneda simplemente matizou. De todas as maneiras a poesía galega actual pasa por un momento creativo excelente. A creación poética en Galiza está apoiada por novas xeracións de extraordinarios creadores que marcan un novo rumbo, tanto conceptual como estilístico na poesía galega. A incorporación da muller ás nosas letras marca, actualmente, un enorme potencial creativo que desbota calquera incerteza sobre o presente e o futuro literario. A achega feminina e feminista expresa unha nova orde nas diversas categorías e estilos da nosa literatura. Quizais Gamoneda incida neste punto tan evidente.
A vida en xeral é un desconstruír e volver construír moitas veces disparatada?
Cada temporalidade ten a súa expresión e a súa obstinación. En ocasións, o novo desbota o antigo. Non podemos pensar como Zaratustra, destruír para construír. En casos moi especiais pode que o concepto sexa aceptábel.
Xosé Lois poden medrar as flores riba dos entullos o o desiderato provocado pola infamia falaz e capitalista?
Si neste tipo de sedimentos medran as flores e moitos non se decatan da precaria solidez en que se asentan, menos se decatarán das flores que tapan as fendas e as gretas do edificio en que se mantén o sistema capitalista. Estamos nunha sociedade que nos encanta admirar e ulir as flores que tapan as ruínas dun sistema corrupto.
Ves moi afastada a nosa independencia nun Estado federalista, por exemplo?
A estas alturas creo máis na independencia que no federalismo. O totalitarismo de Estado desprezou a fórmula federal como unha vía de convivencia soberanista entre nacións, dentro do contexto ibérico. Coido que hoxe esa idea é inviábel pola negativa da dereita que encarna a prepotencia máis ríxida e, tamén, porque hoxe xa non achega solucións. A independencia pode ser unha reivindicación que xere interese e resulte correcta ante a praxe do inmobilismo de Estado.
Goza a literatura galega actual de máis luces que de sombras?
A literatura galega está entre luces e sombras. O esforzo impagábel dos escritores que procuran recursos creativos e sustentábeis, co fin de consolidar e normalizar a nosa literatura, son elementos poderosos de radiante luz. As sombras que perturban e enrarecen a nosa lingua e a nosa literatura residen no protagonismo escurantista que propicia a Xunta do PP.
A poesía sempre é tristeira… O poeta como dicía Pessoa un finxidor?
Non debemos xeneralizar este termo. Pessoa referiuse á dor do poeta: "Que chega a fingir que é dor". De todos os xeitos estamos nun mundo de finximentos insoportábeis.
O uso do término Lírica medieval galega-portugesa é unha definición apropiada, ou hai algo de deturpación nesa nomenclatura?
Apropiado ou non é o que se usa e polo que entendemos ese universo creativo dunha lingua común e dunha proxección universal que nos fascina, como é a lusofonía.
Cal é a túa actitude con respecto ás crenzas?
Respecto todas as crenzas aínda que non comparto ningunha delas. Desprezo aqueles que explotan o ser humano utilizando a prédica do engano e da usurpación. Son ateo convencido e isto, eticamente, axuda a que un respecte a liberdade de opinión e de credo dos demais. Coido que en moitos casos a relixión continúa sendo un opio para os máis necesitados cultural e economicamente.
Acabas de escribir un luminoso ensaio verbo de Uxío Novoneyra, para min un dos grandísimos poetas de Galicia. Tiña nos ollos e no pensamento a Terra clara, a nación asumida… Cóntame cal foi a xénese deste libro?
A grandeza de Uxío Novoneyra reside nesa revelación tan especial que nos legou, que é a de coñecer e amar a nosa Terra. O esencial da nosa nación foi captado e preservado na súa obra. Claro que Uxío, asumiu nación nun concepto amplo que el connotou como "Patria-Lingua". Neste meu libro, retomo o contacto e o convivio do amigo, agora revisitado, tanto o seu pensamento como a súa enerxía é unha oferta dialéctica para realizarnos nunha Galiza plena e ceibe.
Con Xosé Luís Méndez Ferrín na presidencia da Academia as cousas poden ir a moitísimo mellor?
Non sei se van ir a mellor, o que si é verdade que Ferrín poñerá matices nos temas que máis incumban a Galiza desde a Academia, e isto xa é moi importante nunha institución con certo peso do pasado. É importante que os matices académicos esclarezan o que realmente é o noso país. Ferrín é unha persoa de fiar que deixou a pel e moitas breas, creando infraestruturas desde moitos ámbitos co fin de que Galiza fose outra cousa. Estamos falando dun inmenso escritor; dun intelectual íntegro e dimensional. Con Xosé Luís Méndez Ferrín haberá máis precisión, compromiso e esclarecemento de Galiza desde a Academia.
En que "aventura" literaria cavilas agora?
Cabilo en xubilarme, dentro de mes e medio, por rigorosa quenda de antigüidade, poder ler máis e viaxar.
Que pantasmas nos zurran politicamente e non nos deixan vivir como galegos que sen lugar a dúbidas somos?
Moitas veces o pantasma que nos zurra é o que levamos dentro de nós sen sabelo, ou simplemente tolerándoo.

U-lo o decreto?

O novo decreto estará en febreiro, contaban os medios de comunicación a principios do mes pasado.
Non dicían de que ano. Ben, non temos présa.

Suplemento do Xornal

O suplemento dominical do Xornal traía onte dous artigos que nos interesaron moito.
Un deles Para que lle serve o galego a unha húngara? trata do caso de Vera Gergely, unha moza húngara que aprendeu galego para traducir a Cunqueiro. Agora mira o mito de Hamlet con outros ollos.
O outro artigo é unha das teimas que temos nesta bitácora: o mito da imposición. Case medio milleiro de normas obrigan a empregar o castelán nas actividades máis cotiás, pero algúns sectores da clase política porfían en falar da "imposición" do galego.
Como aquí gostamos moito de Pilar Gacía Negro, vexamos o que conta sobre este asunto:

Para ela resulta simplemente “aberrante” falar de “imposición” do galego xa que, dende o seu punto de vista, implica unha redución do idioma propio á categoría de “dialecto” ou “sublingua” dado que, apunta, “nas linguas de verdade”, coma o inglés, “non só non se maldí a imposición, senón que se patrocina”, caso das estancias de estudantes, relata, en países de fala inglesa nas que os máis novos “teñen que aprender á forza e por necesidade” a expresarse.

No caso dunha lingua “en conflito” –“e conflito”, matiza a filóloga, “non implica andar a puñadas, senón unha relación de xerarquía entre linguas”–, esa suposta “imposición” é “vital” para os expertos en eidos coma o escolar, xa que o contacto dos alumnos co idioma constitúe, en ocasións, só “unha mínima oferta de galego” nunha vida desenvolvida integramente en castelán. “Confúndese o verbo”, chancea García Negro. “Onde din ‘impoñer’ deberan eliminar o prefixo e dicir, simplemente, ‘poñer’ o galego”.