Entrevista a Xosé Lois García, escritor, en Galicia Hoxe
Xosé Lois, o Decreto de Normalización Lingüística, por certo ben de mínimos e incumprido case en liñas xerais, o Decreto digo, que agora o PP español en Galicia pretende trocar que a min se me antolla perverso e coa única intención de vernizalo co bilingüismo ou trilingüismo coa única intención de lle dar unha estocada mortal ao galego, con obxecto de facelo desaparecer, ou en todo caso de perpetuar a diglosia e mesmo fomentar ou fornecer a galegofobia e o autoodio… Cal é a túa resposta a esta miña pregunta?
O "idioma do Imperio" é unha das armas integracionistas do españolismo, representado pola dereita egocentrista de todos os tempos con diversas tácticas. É a arma máis usual para combater calquera expresión lingüística que sexa diferente ao castelán e que se fale na península Ibérica. A estratexia do PP non cambiou moito, respecto das intencións de paralizar o galego como idioma vivo e vehículo de comunicación. Neste caso, coincide coas ditaduras de Primo de Rivera e de Franco. As frontes que abriu o partido popular en Galiza, responden a un novo escenario disparatado de crear un estado de opinión adverso ao galego e mesmo unha fobia agresiva pero mal calculada, que comezou por aquel xuntoiro de "intelectuais" mesetarios que orquestraron en Compostela unha exhibición de forza e os que manipulaban o esperpento eran os do PP. Despois disto transcenden as eleccións de hai un ano e o ataque ao noso idioma ten un nome: Decreto de Normalización Lingüística. As respostas populares que se deron contra estas manobras, desde o 17 de maio do pasado ano até o 21 de xaneiro do actual, cunha implicación moi puntual de masas, foron catro avisos contra a política da Xunta que tenta despersonalizar e devastar o noso idioma. Esta cruzada contra os idiomas periféricos ten comezado en Galiza dunha maneira moi perversa. A dereita de sempre é consciente que o Estado español non está consolidado como nación, o idioma é o atributo máis definidor da mesma e no contexto do Estado español hai tres nacións sen Estado, con idioma propio e para integralos hai que desartellalos para que o Estado español deixe de ser nación artificio. Mais o que vale neste contencioso é continuar coa mobilización de masas e crear unha opción que xere un estado amplo de opinión radical apto para frear o radicalismo que emprega a Xunta do PP. O disparate desa impotencia administrativa hai que parala con ofensivas ben coordinadas, a non ser que queiramos desaparecer estupidamente como pobo.
-Para min, nacionalismo en si non di nada. En todo caso o nacionalismo ten e debe ser arredista, independentista, solidario e internacionalista… Non che parece?
É bo non confundir nacionalismo con nazi/onalismo. Cando un país como Galiza é desprezado, someténdoselle a unha das desfeitas máis agresivas e organizadas desde o Estado centralista, desde os Reis Católicos até agora, convén facer varias lecturas do que representa esta longa colonización. O noso nacionalismo inicial, en súa expresión provincialista e rexionalista, naceu dun arrouto ben concertado en favor dos intereses de Galiza e que representa un acto de dignidade, fronte ás imposicións e arremetidas foráneas. Se o nacionalismo o percibimos como arredista, ese non é o noso. O Partido Galeguista en 1932 mostrou o seu carácter de non illamento ao ser Galiza recoñecida como nación no IX Congreso das Minorías Nacionais Europeas, celebrado en Berna e adscrito á Sociedade de Nacións, e recoñecida como nación pola Terceira Internacional. Por estas dúas referencias e outras mais, o noso nacionalismo non é sospeitoso de arredismo. E isto nos permite traballar pola autodeterminación, se non o facemos con bases sólidas estaremos incorrendo nas incapacidades que nos asistiron en moi diversos períodos da nosa historia. Nestes procesos é lícito pensar e defender a independencia da nosa nación por tratarse dun acto de solidariedade colectiva.
O galego con respecto ao castelán está nunha desproporción brutal, non hai máis que fixarse nos medios de comunicación, etc. Hai xentes colonizadas que odian o idioma dos nosos devanceiros por parecerlle unha lingua inferior, e mesmo na súa ignoración ousan dicir que determinadas disciplinas científicas non poden ser explicadas en galego,o cal amosa a súa estulticia, ignorancia e estolidez. A ti que che parece isto, Xosé Lois?
Cando se fala de harmonización e de igualdade lingüística non deixa de ser unha falacia. Unha irreverencia ante os problemas que pode ter un idioma orixinal fronte a un intruso, como é o caso do galego fronte ao castelán. Cando o foráneo se impón cunha maquinaria poderosísima e devastadora, tendo os medios de comunicación a seu dispor e a mais os poderes económicos e de clase, a colonización dun país, como no caso galego, está servida. Por iso que o colonialismo ten varias faces e refuxios onde as clases dominantes teñen a seus unxidos e a uns axentes sempre dispostos a facilitarlle ao nacionalismo de Estado varias vías de depredación. Nesta estratexia está a alienación dos individuos, sempre obedientes á mensaxe divulgada e asumida, na que encontramos referentes que van desde o voto cativo até outro tipo de alienacións.
A Constitución española, con tantas contradicións nos termos defende ao idioma nacional galego, así como o noso Estatuto de Autonomía ou "estatuto de comunidade eremitoria", como adoitamos dicir moitos e moitas. Porén, o goberno maioritario de PP español en Galicia, pretende substituír o aínda vixente estatuto por unha falcatruada babeca ou fóra de si, cunha ataraxia profunda….Cal é a respecto disto a túa opinión?
A mellor Constitución dun país é aquela que non está escrita. Ou a que se escribe en papel de lixa para que a clase dominante non poida limpar o membro anal con ela, como dixo Castelao. É claro que as autonomías tuteladas por unha Constitución teñen moi pouca marxe para romper barreiras. Por tanto, as autonomías no Estado español serven para aprazar problemas de Estado e, sobre todo, as reivindicacións das nacionalidades históricas, e así poder perpetuar o desgaste das mesmas. Marx sentenciou: "Un país autónomo, non é un país libre".
Monarquía parlamentar e democracia "participativa", non resulta unha controversia, un antagonismo irreconciliábel por máis que se vernicen os termos ou sintagmas?
Reis e raíñas na Europa actual son atrancos decorativos que lle custan ao cidadán moito diñeiro sustentalos. O problema das monarquías e que os seus compoñentes ademais de ostentar un poder reaccionario e despótico, historicamente, amasan fortunas que transcenden a seus herdeiros e sucesores, perpetuándose como clase dominante. Isto é unha nas mais nefastas controversias. Os sistemas democráticos burgueses, admiten este tipo de clan por coincidir nos mesmos intereses. Mais a estrutura do Estado español contemplada na Constitución de 1978, é curioso que todos os cargos públicos que conforman o organigrama do Estado son electos e resulta sorprendente que o de xefe de Estado se engadiu dunha maneira meteórica sen pasar polas urnas. Por tanto foi imposto pola dereita neofranquista e consentido pola esquerda con ambicións mediáticas. Por iso é que as contradiccións están servidas.
Escríbese en Galicia a mellor poesía do Estado español como manifestou publicamente o poeta Antonio Gamoneda…?
Antonio Gamoneda foi sempre un bo captador da poesía galega, pola proximidade que hai entre León –onde vive– e Galiza e, tamén, pola relación que ten con moitos poetas galegos. Neste tema non debemos xeneralizar, coido que Gamoneda simplemente matizou. De todas as maneiras a poesía galega actual pasa por un momento creativo excelente. A creación poética en Galiza está apoiada por novas xeracións de extraordinarios creadores que marcan un novo rumbo, tanto conceptual como estilístico na poesía galega. A incorporación da muller ás nosas letras marca, actualmente, un enorme potencial creativo que desbota calquera incerteza sobre o presente e o futuro literario. A achega feminina e feminista expresa unha nova orde nas diversas categorías e estilos da nosa literatura. Quizais Gamoneda incida neste punto tan evidente.
A vida en xeral é un desconstruír e volver construír moitas veces disparatada?
Cada temporalidade ten a súa expresión e a súa obstinación. En ocasións, o novo desbota o antigo. Non podemos pensar como Zaratustra, destruír para construír. En casos moi especiais pode que o concepto sexa aceptábel.
Xosé Lois poden medrar as flores riba dos entullos o o desiderato provocado pola infamia falaz e capitalista?
Si neste tipo de sedimentos medran as flores e moitos non se decatan da precaria solidez en que se asentan, menos se decatarán das flores que tapan as fendas e as gretas do edificio en que se mantén o sistema capitalista. Estamos nunha sociedade que nos encanta admirar e ulir as flores que tapan as ruínas dun sistema corrupto.
Ves moi afastada a nosa independencia nun Estado federalista, por exemplo?
A estas alturas creo máis na independencia que no federalismo. O totalitarismo de Estado desprezou a fórmula federal como unha vía de convivencia soberanista entre nacións, dentro do contexto ibérico. Coido que hoxe esa idea é inviábel pola negativa da dereita que encarna a prepotencia máis ríxida e, tamén, porque hoxe xa non achega solucións. A independencia pode ser unha reivindicación que xere interese e resulte correcta ante a praxe do inmobilismo de Estado.
Goza a literatura galega actual de máis luces que de sombras?
A literatura galega está entre luces e sombras. O esforzo impagábel dos escritores que procuran recursos creativos e sustentábeis, co fin de consolidar e normalizar a nosa literatura, son elementos poderosos de radiante luz. As sombras que perturban e enrarecen a nosa lingua e a nosa literatura residen no protagonismo escurantista que propicia a Xunta do PP.
A poesía sempre é tristeira… O poeta como dicía Pessoa un finxidor?
Non debemos xeneralizar este termo. Pessoa referiuse á dor do poeta: "Que chega a fingir que é dor". De todos os xeitos estamos nun mundo de finximentos insoportábeis.
O uso do término Lírica medieval galega-portugesa é unha definición apropiada, ou hai algo de deturpación nesa nomenclatura?
Apropiado ou non é o que se usa e polo que entendemos ese universo creativo dunha lingua común e dunha proxección universal que nos fascina, como é a lusofonía.
Cal é a túa actitude con respecto ás crenzas?
Respecto todas as crenzas aínda que non comparto ningunha delas. Desprezo aqueles que explotan o ser humano utilizando a prédica do engano e da usurpación. Son ateo convencido e isto, eticamente, axuda a que un respecte a liberdade de opinión e de credo dos demais. Coido que en moitos casos a relixión continúa sendo un opio para os máis necesitados cultural e economicamente.
Acabas de escribir un luminoso ensaio verbo de Uxío Novoneyra, para min un dos grandísimos poetas de Galicia. Tiña nos ollos e no pensamento a Terra clara, a nación asumida… Cóntame cal foi a xénese deste libro?
A grandeza de Uxío Novoneyra reside nesa revelación tan especial que nos legou, que é a de coñecer e amar a nosa Terra. O esencial da nosa nación foi captado e preservado na súa obra. Claro que Uxío, asumiu nación nun concepto amplo que el connotou como "Patria-Lingua". Neste meu libro, retomo o contacto e o convivio do amigo, agora revisitado, tanto o seu pensamento como a súa enerxía é unha oferta dialéctica para realizarnos nunha Galiza plena e ceibe.
Con Xosé Luís Méndez Ferrín na presidencia da Academia as cousas poden ir a moitísimo mellor?
Non sei se van ir a mellor, o que si é verdade que Ferrín poñerá matices nos temas que máis incumban a Galiza desde a Academia, e isto xa é moi importante nunha institución con certo peso do pasado. É importante que os matices académicos esclarezan o que realmente é o noso país. Ferrín é unha persoa de fiar que deixou a pel e moitas breas, creando infraestruturas desde moitos ámbitos co fin de que Galiza fose outra cousa. Estamos falando dun inmenso escritor; dun intelectual íntegro e dimensional. Con Xosé Luís Méndez Ferrín haberá máis precisión, compromiso e esclarecemento de Galiza desde a Academia.
En que "aventura" literaria cavilas agora?
Cabilo en xubilarme, dentro de mes e medio, por rigorosa quenda de antigüidade, poder ler máis e viaxar.
Que pantasmas nos zurran politicamente e non nos deixan vivir como galegos que sen lugar a dúbidas somos?
Moitas veces o pantasma que nos zurra é o que levamos dentro de nós sen sabelo, ou simplemente tolerándoo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario