A comezos de marzo presentouse no Parlamento de Gales un proxecto de lei sobre a lingua galesa. Entrará en vigor antes de que remate o ano, e os novos dereitos lingüísticos concedidos representarán un tremendo paso adiante no grande e exitoso consenso lingüístico que se chama Gales.
En primeiro lugar, confirmará a cooficialdade do galés. Na práctica a lingua nativa do país xa goza dese estado, logo de dúas decadas dende que se promulgou a primeira lei en exclusiva sobre a lingua galesa. Dende aquela, a situación e a saúde do galés melloraron de moitas maneiras distintas, mais segue tendo importantes desafíos diante. O obxectivo da lei consiste en outorgarlle á lingua galesa as ferramentas que lle permitan no século vinte seguir medrando e gozando de boa saúde a carón do inglés. En segundo lugar, vai gravar en pedra o dereito dos galesesfalantes a seren atendidos en galés, inda que en xeral o espírito do consenso prevalece, e mellorará coa provisión desta lei. Acabáronse as olladas irónicas, os comentarios sarcásticos ou a incomprensión insolidaria nas tendas, con esta reivindicación oficial. Asemade, modernizarase o marco legal dos usos lingüísticos e a xestión dos servizos públicos, para reducir a burocracia nas organizacións privadas e garantir que realmente integran o galés. En terceiro lugar, o máis sobranceiro será o nomeamento dun comisario encargado de vixiar a nova lei e promover a igualdade entre as linguas inglesa e galesa. A figura deste valedor da lingua daralle un perfil humano a este cambio lexislativo decisivo e histórico.
Sempre sostiven que Gales podería deprenderlle moito a Galiza, e que podería ser unha relación mutua, recíproca e beneficiosa. Xa están en marcha varias iniciativas, pero queda que os políticos e entidades culturais de ambas as nacións fagan o seu traballo. De momento, abondaría con que o presidente da Xunta de Galiza meditase no feito de que, mentres o seu goberno toma medidas para debilitar a lingua nacional, noutros lugares semellantes acontece xustamente ao revés, aínda que pervivan parecidas pantasmas dun pasado colonial coma o autoodio, a falta de autoestima colectiva, o caciquismo e a endogamia. En Gales triunfa o consenso, a sensatez e mais o respecto pola lei das linguas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario