Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 19 de marzo de 2010

Deslinguado

por Fran Alonso, na Nosa Terra

O último agasallo lingüístico de Alberte Núñez Feixóo viaxa nun sobre. É unha carta de ameaza aos alcaldes para que supriman a proba de galego. Ten mérito, esa teimosía na persecución do galego para impoñer o castelán. Ademais, non se nota: é unha persecución branqueada con cirurxía estética. A Feixóo sáelle esa vocación dermoestética cando trata de disimular as operacións de limpeza lingüística. Logo, declara o que declara. Por exemplo, hai pouco asegurou que un paciente que está no quirófano non necesita que o médico saiba galego senón que sexa un bo profesional da medicina. Pode ser, pero eu teño unha amiga que acudiu ao Hospital Xeral por un problema nun nocello e, para a súa sorpresa, fixéronlle a radiografía dun xeonllo. O médico non entendeu cal era exactamente o “nocello” e indicou na orde “radiografía de rodilla”. Francamente, dentro do quirófano eu preferiría non arriscarme. Claro que se o médico fose galegofalante e non entendese o castelán, amais de armarse un escándalo público, abriríanlle expediente e inhabilitaríano para o exercicio da medicina. Todos estamos obrigados a coñecer e falar o castelán, pero non o galego. Nin sequera no ensino e na función pública. A política lingüística de Feixóo é unha operación impositiva de carácter totalitarista para facer desaparecer a lingua galega dos ámbitos administrativos e de poder.
A Feixóo tanto lle ten: importa a profesionalidade, non a comunicación. Seguro que é dos que vai á peixaría pedindo gallo en vez de linguado. O problema sería que dese cun peixeiro galegofalante que un día lle metese pito en vez de linguado. Claro que non sei se ao presidente da Xunta lle importaría demasiado a confusión. No fondo, é un deslinguado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario