Presentamos o que pensamos que é unha bo recurso que pon á nosa disposición o Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo, o tradutor OpenTrad apertium.
A Nosa Terra tamén fala del dun xeito pouco xusto, divulgando a nova (?) de que os tradutores automáticos cometen erros como o que destacan no titular: 'Alicerce Vermello', presidenta do parlamento. Lembremos que o nome da presidenta é Pilar Rojo.
Fóra do campo do frikismo, invitamos aos lectores desta bitácora a faceren uso desta ferramenta, pois todo o mundo sabe que un tradutor automático non é un licenciado en filoloxía.
Da noticia da Nosa Terra destacamos a parte que debería formar parte do titular, a entrevista que lle fan aos técnicos de Imaxin, a empresa creadora do OpenTrad:
Malia estes pequenos erros, os técnicos de Imaxin insisten en defender a utilidade dos tradutores. “Hai que ter en conta que facilitan moito o traballo, pero que só sacan a parte gorda, a parte creativa tena que poñer o ser humano”, explican.
Segundo sinala un dos empregados da empresa informática, “os galegos somos menos esixentes cos tradutores que os cataláns”. “Isto débese a que parte da sociedade do país ten unha percepción bastante nefasta da nosa lingua”, apunta.
Como exemplo, subliña que en Galiza se ve con “total naturalidade” que se traduza “coche por coche (no canto da verba 'carro') ou ordenador por ordenador (no canto de 'computador'). “Estas traducións en Catalunya non se permiten porque os cataláns buscan a máxima diferenciación da súa lingua respecto ao español”.
Nesta liña, advirte da “calidade inmellorábel” do par portugués-galego no Opentrad. “A tradución portugués-galego ten un resultado a nivel sintáctico boísimo, porque se parte da sintaxe do propio portugués”. “No caso do castelán ao galego a calidade que resulta non é comparábel ao caso anterior, xa que partimos das estruturas do español, que non teñen a ver co galego na medida na que o fai o portugués”, conclúe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario