Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 18 de marzo de 2010

Anxo Lorenzo contra Jesús Vázquez

O Xornal de Galicia adianta, baixo o titular Anxo Lorenzo contradí a Jesús Vázquez ante os editores a nova que deixamos aquí abaixo segundo a que Lorenzo di que os libros de texto de matemáticas terán que estar editados en castelán, no entanto Jesús Vázquez di que tamén se poderán comprar na outra lingua. Pero tamén poderíamos titular Anxo Lorenzo contra Anxo Lorenzo, pois nunha entrevista nesta mesma semana concedida a La Opinión, o propio Lorenzo dicía o mesmo que Jesús Vázquez, isto é, o contrario do que di agora.

Educación non se aclara. O conselleiro Jesús Vázquez e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, non fan as mesmas declaracións no que ten que ver coa suposta “liberdade” que terán os alumnos para adquirir o material escolar na lingua que desexen. Se ben no anteproxecto se especifica que “os materiais e libros de texto nas materias impartidas en galego e en castelán estarán redactados na lingua en que se imparta a materia”, o conselleiro asegurou onte nunha entrevista que “a liberdade lingüística do alumnado se estenderá á compra dos libros no seu idioma de preferencia”. Non obstante, de xeito paralelo a estas declaracións, Lorenzo asegurou no día de onte aos editores galegos que non se debían “preocupar” xa que os libros de texto “na aula” deberían estar na lingua na que se impartise a materia correspondente.

No marco dunha reunión de carácter privado, o secretario xeral de Política Lingüistica mantivo un encontro coa Asociación Galega de Editores. Este colectivo manifestoulle a Lorenzo o seu malestar polo “dano” que ao seu entender o decreto fará no mundo editorial galego. “Preocúpanos especialmente o feito de que os alumnos poidan adquirir o libro en calquera lingua. En principio, xa nos parece mal pedagoxicamente porque é inviable que un profesor dea as clases en galego mentres un alumno le un libro en castelán e se dirixe a el en castelán. Por outro lado, se alguén quere un libro en castelán terá que acudir a unha editorial de fóra de Galicia, co que o material escolar non estará adaptado aos currículos escolares da comunidade”, explicou Francisco Alonso, vicepresidente da Asociación Galega de Editores.

Ante a preocupación dos editores, Lorenzo asegurou, contradicindo a Vázquez, que na clase os alumnos deberían ter o seu material adaptado á lingua da materia. “Lorenzo díxonos que os pais eran libres para comprar un libro de texto noutra lingua pero para traballar na casa, non para levar á aula”, asegurou Alonso.

Por se xa había poucas declaracións contraditorias na xornada de onte, a consellería de Educación aclarou que “a concesión de axudas ás familias para a adquisición dos libros de texto entre o alumnado estará condicionada a que o material escolar estea redactado no idioma de cada materia, aínda que os alumnos poderán utilizar o material escolar na súa lingua de preferencia”.

Educación asegura que aínda que se “fomentará” que os estudantes utilicen o material escolar na lingua na que se imparta a clase, “non se obrigará” ao alumno a utilizar os libros de texto nunha lingua determinada e haberá “liberdade de elección”.

A dualidade de noticias non é ben acollida polos editores que demandan ao Goberno galego “que se aclare”. “Insistimos moito en que é necesario que a consellería se coordine porque senón con este tema dos libros vaise crear moito conflito”, dixo Alonso, quen incidiu en que “no anteproxecto non se di que os familias poidan escoller o idioma do material escolar, por iso non entendemos que logo, os cargos fagan manifestacións que contradin a normativa”.

O feito de que os alumnos poidan escoller tamén o idioma dos seus libros de texto tampouco convence aos sindicatos. “Esta é unha consellería totalmente despilfarradora, e isto é unha mostra máis diso. Por outro lado, é unha concesión máis que se fai a Galicia Bilingüe porque isto non está no anteproxecto”, asegura Anxo Louzao, secretario xeral da CIG-Ensino.

A respecto deste tema hai aínda moitas incógnitas, xa que o actual sistema de préstamo determina que ata dentro de dous anos non se poderán cambiar os libros e con eles o seu idioma.

Ningún comentario:

Publicar un comentario