Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 17 de marzo de 2010

Conflito sen precedentes.

O Consello da Cultura Galega está a celebrar estes días un Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia.

Na xornada de onte houbo críticas contundentes ao proxecto de decreto. O xuíz Luis Villares aprecia no anteproxecto do decreto do idioma de Galicia presentado pola Xunta “bases para que poida ser declarado ilegal” polos tribunais "De repente, sen que mudase a situación de feito, a norma non respecta isto, e iso invalida a súa legalidade, na miña opinión", engadiu. Ademais, o decreto "confunde a igualdade como medio e como fin, e a liberdade como medio e como fin", incidindo no que é "unha mesquindade xurídica".

O coordinador do Seminario, Henrique Monteagudo, asegurou que o ditame do CCG respecto das bases do decreto "practicamente pode aplicarse ao cen por cento" ao actual anteproxecto de decreto. Lembrou que o presidente do Consello, Ramón Villares, considerou que "non se pode tratar igual a ambas as dúas linguas" –galego e castelán– ao estar "en situación diferente". Deste xeito, a aplicación do novo decreto implicará, ao seu ver, "un retroceso" evidente. Polo tanto xa sabemos que o CCG está en contra do proxecto de decreto, e na mesma dirección apuntan declaracións dos membros da RAG. Estamos ante un conflito sen precedentes.

Angel López García-Molíns, da Universitat de Valencia, enmarcou a realidade galega nun contexto estatal onde a política lingüística, ao seu ver, "non existe" e o Estado tenta "favorecer un modelo, en xeral, monolingüe" en castelán.

Ningún comentario:

Publicar un comentario