Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 22 de marzo de 2010

“O novo Decreto supón un retroceso de trinta anos en educación”

Reproducimos parte da entrevista a Carmen Panero, profesora e escritora, en Galicia Hoxe

Licenciada en Filoloxía románica española, Carmen Panero foi profesora de Secundaria, desde 1972, primeiro no Instituto de Monforte de Lemos e despois en Vigo, no IES Alexandre Bóveda ata xubilarse en xuño pasado.
Publicou o libro de relatos Diario do Mimo (Galaxia, 1989); deste libro reproducíronse á parte O estraperlo (A. Xirgado, O relato breve. Escolma dunha década. 1980-1990. Galaxia 1991); Fragmentos e cartas do diario do mimo traducido ao castelán por Xosé Bolado ( Lúnula, do Ateneo Obreiro de Xixón, 1989); e O Pazo de Campolongo, entre os textos dun manual didáctico de Elsa Lamas. ...

Carmen, supóñote, como non, preocupada polo intento –para min perverso– do novo Decreto de Normalización Lingüística… Eu enténdoo coma un retroceso. O trilingüísmo, á parte das opcións persoais, paréceme unha mascarada perversa, galegófoba e por engádega lingüicida. Cal é a túa reflexión a propósito desta pregunta?
Perverso é o adxectivo axeitado. Quere dicir malvado, pérfido, propio de quen fai o mal. Perverter é perturbar o estado das cousas, provocar confusión e desorde. Así sucede: o novo Decreto supón un retroceso de trinta anos en materia de educación, non só respecto da lingua senón tamén respecto do medio: o coñecemento do mundo depende do coñecemento do propio medio que permite comparar e contrastar.
A lingua galega é unha cuestión ecolóxica que esixe un esforzo de conservación cuxo perdurar pasa pola escola. O alumnado, fale en galego ou non, ten hoxe unha competencia moi alta no que se refire ao seu coñecemento e á cultura de Galicia, e aos avatares históricos que o escureceron durante séculos. Por outra parte, o profesorado de calquera lingua sabe moi ben que beneficios comporta o coñecemento de cantas máis linguas: o coñecemento do galego non resta, senón que suma. O actual Goberno da Xunta alenta o señoritismo e aproveita perversamente o descoñecemento popular en materia de ensino; por se fora pouco, irresponsable, en vez de resolver conforme á realidade da estrutura escolar, engana as familias cun trilingüismo que en absoluto pode ofrecer; por non falar do menosprezo dos ensinantes e do seu carácter de expertos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario