Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 19 de marzo de 2010

Normalización: as teses negacionistas

Liberdade, esa é a palabra clave que con maior frecuencia utiliza o goberno de Núñez Feijóo para referirse aos seus sucesivos borradores do Decreto de Plurilingüismo, todos eles elaborados cunha filosofía común: asegurar a forza do castelán frente á posibilidade de que o galego se puidese converter na lingua vehicular de Galicia, o cal, por outro lado, sería o máis sensato, lóxico e natural. De feito, o galego, foi ata hai escasos anos, o idioma maioritario da poboación -arredor do 80 por cento- aínda que esa hexemonía estivese negada nos ámbitos decisorios: desde a Administración á medicina, pasando polas notarías, a Xustiza e, sobre todo, o ensino. O obxectivo da Lei de Normalización Lingüística (aprobada no 1982) foi precisamente "normalizar" aquela realidade invisible na realidade decisoria, obxectivo que -é evidente- non se cumpriu. A importancia desta "normalización" reflíctese na desaparición deste termo dos anteproxectos de Núñez Feijóo: A "normalización" recoñece unha disfunción social no uso do galego e se o recoñecese desbarataríase a súa tese de que o galego e castelán teñen unha situación equiparada. Só desde a equiparación pode xustificar a liberdade de elección. A diglosia é, por suposto, outra palabra prohibida, en palabras recentes do conselleiro de educación Jesús Vázquez, simplemente non existe. O monográfico que hoxe publicamos inclúe unha análise comparativa do novo decreto que presentou o Goberno cos que o precederon, así como un artigo onde o especialista Bieto Silva expón unha proposta de modelo de Educación plurilingüe para Galicia.

Esta é a presentación do último número da Revista das Letras, un suplemento de Galicia Hoxe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario