Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 15 de marzo de 2010

Nin equilibrio, nin convivencia

por Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización, en Galicia Hoxe

Na conferencia de imprensa do pasado sábado, na cal a Xunta presentou as liñas xerais do decretazo contra o galego, os xornalistas preguntáronlle ao conselleiro de Educación cales eran os motivos que levaban a recomendar que se impartisen en español as materias de física e química, matemáticas e tecnoloxía. Jesús Vázquez Abad respondeu que era por "tradición".

Será a mesma "tradición" de exclusión do galego á que se refería un portavoz da Congapa o ano pasado, José Ramón Hermida: "Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego." Oito científicos galegos do Centro Europeo de Investigación Nuclear e o colectivo de docentes de ciencias en Galiza, Enciga, responderan xa daquela con claridade e contundencia a eses prexuízos carpetovetónicos, agora repetidos irresponsabelmente polo máximo responsábel da Consellaría de Educación. Cal é esa suposta "tradición" que sustenta a exclusión do galego de determinadas materias? Hai algún verdadeiro criterio pedagóxico ou racional que poida alicerzar ese disparate?

Sen diálogo real

As liñas xerais que este sábado pasado presentaron o conselleiro e o secretario xeral de Política Lingüística resúmense en que levan o idioma galego no sistema educativo a 30 anos atrás. A situación que propoñen e queren impor a pesar do rexeitamento unánime da comunidade educativa é preautonómica. O decretazo regula e limita o idioma galego como un coñecemento opcional até que se cumpran os seis anos, varrendo de facto a súa presenza na educación infantil nas cidades. Este é o golpe máis letal, co que se pretende acelerar aínda máis a erradicación da lingua propia de Galiza, asegurándose a súa plena residualización no medio prazo.

Ademais, este decretazo abre as portas a que se expediente o profesorado que imparta determinadas materias en galego, como as matemáticas, a tecnoloxía e a física e química. Reparemos, ademais, en que a materia que a Xunta vai recomendar tanto en primaria como en secundaria que se imparta só en español (as matemáticas) é xusto a mesma que o Parlamento galego recomendou no ano 2004 por unanimidade que fose ministrada na lingua propia do país... Daquela, recordémolo, para abraio e indignación, Alberto Núñez Feijóo era vicepresidente da Xunta. Preguntemos de novo: Hai algún criterio pedagóxico ou racional que fundamente esta radical mudanza?

En síntese, os dirixentes do PP queren que este sexa o decreto que acelere a extinción do galego. Mais que non se confundan. A realidade é máis complexa do que eles quererían e non lles abondará con ter o poder institucional, mediático e económico. Nós temos a forza que nos dan a razón e saber que defendemos un dereito básico e xusto.

Non imos cesar nesta loita cívica. Tócalle ao conxunto da sociedade mobilizarse con máis forza para parar este despropósito. Repito: tócalle ao conxunto da sociedade; tanto aos que falan castelán, como aos que falan galego. E mesmo lles toca mobilizarse con máis forza aos votantes do PP en anteriores eleccións, que deben reflexionar se apoiaron este partido para que enterre o noso idioma.

Con este decretazo, seremos a única comunidade autónoma do Estado con lingua propia diferente do castelán na que se poñan topes para a presenza do idioma histórico e xenuíno. Seremos a única comunidade do Estado con lingua propia diferente do castelán en que se impida que o profesorado a poida usar en determinadas materias. Tamén seremos a única comunidade do Estado en que se posibilite que haxa nenos e nenas que non escoiten a lingua propia na escola até faceren os seis anos. Non hai comparación posíbel con outros territorios do Estado, nin tan sequera cos gobernados polo PP, como foron Balears ou Navarra no seu día e hoxe o é a Comunidade Valenciana.

Non hai mellor xordo...

As liñas avanzadas o pasado sábado polo conselleiro de Educación sobre o decretazo contra o galego son, en todo o fundamental, as mesmiñas que as xa anunciadas no texto coñecido até o momento, que o presidente da Xunta presentara na véspera de fin de ano. Son, pois, as liñas rexeitadas de forma contundente pola inmensa maioría da sociedade e de forma unánime polas organizacións representativas da comunidade educativa. Ademais, débese facer notar que algúns cambios a respecto do texto do 30 de decembro aínda supoñen unha involución maior, como cando se sinalan en secundaria que as materias de matemáticas, tecnoloxía e física e química non se deben impartir en galego.

Non coñezo outro caso dun goberno democrático do mundo que teña tal nivel de rexeitamento a unha reforma educativa e que continúe adiante cos seus plans, sen escoitar as entidades representativas de profesorado, estudantado e nais e pais, nin as principais institucións culturais do país, como son no noso caso o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega. Con isto demóstrase que estamos ante un goberno teledirixido, no que Núñez Feijóo non fai máis que aplicar un plan deseñado en Madrid, que quere levar a cabo no noso país con independencia da opinión da sociedade galega. Fronte a isto, cómpre activarmos a dignidade: mobilizarnos e desobedecer esta contrarreforma.

Concentracións hoxe

Este serán, trece concellos do país acollerán concentracións ás oito do serán en contra deste decretazo. Serán na praza do Toural de Santiago, diante do Marco en Vigo, na praza de Pontevedra na Coruña, diante dos respectivos edificios administrativos da Xunta en Ourense, Lugo e Ferrol, na praza da Peregrina en Pontevedra, na praza de España en Ferrol, na praza de Galiza en Vilagarcía, diante das respectivas casas consistoriais en Noia, Foz e Carballo, así como na praza da Farola na Estrada. Na Pobra do Caramiñal será a concentración ás 20.30 h no Cantón da Leña.

Que se vaian!

Perante esta situación, cómpre tamén acentuarmos a campaña de envío de correos electrónicos ao presidente da Xunta reclamándolle unha mudanza urxente das súas políticas culturais, educativas e lingüísticas. Esa mudanza debe pasar, irremediabelmente, polo cesamento de ambos os conselleiros.

O texto de correo-e proposto pola Mesa pola Normalización Lingüística, que vos recomendo enviar desde a súa páxina web (http://www.amesanl.org/campanhas.html) é o seguinte:

Señor presidente:

Diríxome a vostede para reclamarlle unha mudanza urxente e profunda da súa política cultural, educativa e lingüística.

O seu goberno está a romper consensos sociais fraguados durante anos nesas áreas e a enfrontarse coa práctica totalidade dos axentes que actúan nas mesmas, o cal está a producir unha crecente crispación, enfrontamento social e preocupación sobre o futuro do noso idioma e da nosa cultura.

Este necesarísimo cambio de políticas debe comezar polo cesamento dos titulares destes departamentos, que demostraron a súa incompetencia para gobernar e a súa prepotencia á hora de falar cos principais axentes dos seus respectivos sectores.

Debe saber que a inmensa maioría da sociedade galega considera que o goberno que vostede preside está queimado, rexeitado e desacreditado, mais escríbolle este correo electrónico coa esperanza de que vostede comece a escoitar a sociedade e rectifique.

Se continúa sen ouvir as demandas da sociedade galega e mantén esta política de crispación e división, os problemas non farán máis que agravarse, o cal non será bo para ninguén.

Cumprimentos cordiais..

Ningún comentario:

Publicar un comentario