por Marcelino Fernández Mallo, economista, en Vieiros:
A lingua galega non vale para aprender Matemáticas, Física, Química ou Tecnoloxía. Velaí o corolario do aniversario. En Brasil van ter un problema, e así tamén en Portugal. Iralles Feijóo co decreto e as Ciencias, a partir de entón, en castelán. Se non serve acó tampouco non servirá acolá. Seica no canto de fonemas e sintaxe, estes manexan prexuízos, servidumes e miserias persoais.
Ei-lo logro principal do Partido Popular: demostrar que soamente a través dunhas linguas elixidas se poden trasladar coñecementos complexos. Non é o caso da lingua galega, non. Como explicar límites ou derivadas en galego? Será porque, cando se pilla un galego no medio dunha ecuación, non se sabe se suma ou resta. As linguas, din os científicos, multiplican. Algúns gobernos dividen. Este, ademais de incapaz, saíunos cateto. Sumamente cateto. Multiplicadamente cateto. E será, tamén en galego, o cadrado da hipotenusa igual á suma do cadrado dos catetos?
Ei-lo mérito fundamental do Partido Popular: contentar a ABC, a COPE, El Mundo e a Rosa Díez, por máis que ela disimule. Feijóo, o pexorativo. Meteu a Falanxe en Presidencia e o Opus na Comunicación. Como nos anos 50. E foi visita-lo Papa. Non era Pío senón Bieito, ou sexa, Benedicto. Benedicto sabía da existencia da lingua galega. Feijóo fai todo o posible pola súa inexistencia. E como non levaría a Rosa Díez? Abondaríalle con poñerlle unha cruz dourada no peito.
Ei-lo obxectivo esencial do Partido Popular: convence-los galegos do seu fado pexorativo. Porén, non condenan o franquismo. Todo o contrario, louvan a Millán Astray. Quen son os pexorativos? O un de Ferrol, o outro da Coruña, este d’Os Peares. Quere mandar á cadea os profesores de matemáticas que impartan a materia en galego, por nacionalistas. Aquí, ou nacionalista galego ou nacionalista español. E que Viva la Guardia Civil!
Ei-las matemáticas básicas do Partido Popular: os votos outorgan o dereito a facer e desfacer, sobre todo a desfacer. Agora, medidas contra a crise económica, cero, conxunto baleiro. Quizais queiran coa-las edificacións no litoral e nas reservas naturais. A destrución do medio polos votos cidadáns. Coma Hitler, que tras gaña-las eleccións, provocou unha guerra mundial. Ou Bush, que invadiu Irak. Ou Chavez, a quen o monarca mandou calar. A cousa é sumar máis votos. Despois, a gobernaren como sempre fixeron. E como aprendeu Feijóo se cadra dende a escola; en castelán.
Ningún comentario:
Publicar un comentario