Velaí está unha das caras do bilingüismo amable.
Hai algúns días Manola López Besteiro, quen fora responsable de educación do seu partido, o PP no parlamento autonómico, a ex-conselleira de familia e actual inspectora educativa en Lugo, obrigou moi amablemente a unha mestra a que, sen que se saiba, fixera unha excepción cunha alumna para que lle permitira obxectar do galego.
Non temos a outra cara do bilingüismo amable, a da nai que lle enviou un burofax a esta amable inspectora, á dirección do colexio privado concertado ao que acude a súa filla e á profesora que lle imparte clase. E moi amablemente o amable burofax acusaba á profesora de coaccionar á filla da amable nai que o enviou. E moi amablemente exixía o burofax que se lle respetara o amable dereito constitucional a falar en amable castelán, facer os exames en amable castelán, e todo en amable castelán. Moi amablemente a amable nai acusaba á profesora de provocar na filla o odio ao galego.
Claro, a profesora non fixera caso da amable nai nun primeiro momento cando moi amablemente lle exixira que a súa filla empregase o amable castelán nas materias en galego. Así calquera lle colle odio a esa lingua... Algúns tanto a queren que a acaban afogando.
Ningún comentario:
Publicar un comentario