por Anxo Tarrío Varela, aparece en Galicia Hoxe
Os de Manichia, os Manichos, malia teren dúas mans, eran todos zurdos. Pero comezaron a chegar xentes de Manquia, concretamente de Destria, ás que lles faltaba o brazo esquerdo. Estas xentes foron ocupando cargos importantes e, pouco e pouco, alí onde antes había só Manichos e onde todo estaba disposto ao seu xeito esquerdeiro, empezou a aparecer xente Destra cambiando a disposición das cousas para mellor traballar coa única man de que dispuñan, de tal xeito que os Manichos, incómodos, tiñan que facer o seu oficio coma se a realidade estivese do revés.
Nesta situación, algúns Manichos con ambición de poder comezaron a utilizar a man dereita, dando lugar a escenas chuscas, pois ben se vía os esforzos que facían para pasar por Destros. Moitos vestían camisas dunha soa manga, agochando a man esquerda atada ás costas. Ao chegaren a casa, liberábanse durante unhas horas da molesta camisa de forza. Pero ás veces, ao faceren as reverencias, víaselle o brazo agochado. Por iso, os que tiñan recursos amputaban o brazo esquerdo para non ter xa que disimular nada: quedaban Destros de obriga, por máis que os hábitos zurdos forzábanos a se desenvolver cunha torpeza prosmeira.
A xente Manicha do común seguiu utilizando a súa man de sempre e axudábase da outra para algúns menesteres, como contar chistes de Mancos, dar un corte de mangas ou limpar as partes, operación esta que, pouco e pouco, foi consolidándose en elemento discursivo de íntima resistencia identitaria. E así pasaron séculos, durante os que moitos Manichos, de tanto inhibir o brazo esquerdo avincallándoo ás costas chegaron a renegar del e a teren por descendencia criaturas que nacían con dous brazos pero tan só podían mover o dereito en público.
Chegou un día no que a algúns Manichos, coñecedores da historia do seu país, ocorréuselles dubidar da lexitimidade dos Destros para ocuparen en exclusiva os sitiais do poder, polo que comezaron a facer estudos comparativos sobre pobos zurdos e a reivindicar a man esquerda cada vez máis, que, deste xeito, empezou a lles medrar con certa normalidade. Os Destros dicíanlles que non fosen cabestros, que compría ser patriotas educados e utilizar a man dereita, que era a natural e civilizada; que non se deixasen impoñer a man zurda; que debían esixir liberdade de uso se querían prosperar e ter un futuro. Moitos Manichos creron niso porque vían que as autoridades civís e eclesiásticas eran todas Mancas, aínda tratándose, en ocasións, de veciños e veciñas Manichos de sempre, a quen vían a miúdo na televisión cun só brazo ocupando cargos públicos.
Aos poucos, os Manichos concienciados foron obrigando ás autoridades Mancas a facer leis que favorecesen o uso, polo menos, das dúas mans pero discriminando positivamente a esquerda, que fora historicamente a propia de Manichia e agora tíñana encrequenada e maimiña por falta de uso. Foi nese momento cando as autoridades Mancas comezaron a poñerse unhas próteses de brazo esquerdo, que decote lles funcionaba fatal, e propuxeron un fifty-fifty para a educación infantil pero consultando os pais, coa esperanza, non descamiñada, de que moitas familias Manichas, coidando así protexer os fillos, declarasen que na casa foran Destros de toda a vida. Non se sabe o final da fábula, pero os Destros (xa fosen dos Mancos de xinea xa dos amputados) seica estaban desexando poder tirar ao lixo as próteses zurdas e de camiño aos propios Manichos, sempre ás voltas coas identidades…
Ningún comentario:
Publicar un comentario