por Manuel Vidal Villaverde, en Galicia Hoxe
Onte fíxose público neste xornal o Borrador do decreto para plurilingüismo no ensino non universitario. Teño que lelo con calma e rigor; de entrada, así por riba paréceme unha cerellada ou envurullo por non dicir unha zarapallada, palabras que veñen significando o mesmo, por non dicir que é unha trapallada. O que cómpre aquí é unha discriminación positiva, xusta e moral para rematar coa diglosia, e chegar cando menos a un mesmo status. A diferenza entre o castelán e o galego é estarrecedora. O galego, no eido popular segue a ter un corpus empobrecido, desasistido, e polo tanto cun valor inferior a respecto do castelán que deu orixe ao invento egocéntrico do español como lingua dominante no Estado. A diglósica, si señor, Gloria Lago, presidente da belixerante organización subvencionada –é algo máis ca unha sospeita– con cartos públicos, despois saber do decreto para o aberrante trilingüismo, chufándose da súa gloria, proclamou "esto ya pinta mejor".
O goberno maioritario do PP español en Galicia xoga con lume e o folión pode chegar máis lonxe do que eles pensan. En primeiro lugar haberá que lles recordar que conculcan o propio Estatuto de Galicia e fano igualmente co Tribunal Supremo español e a propia Constitución española. Hai que ser cego, fatuo e banal, por non procurar adxectivacións máis duras para non se querer decatar da inferioridade secular aínda vixente do galego fronte ó castelán, do sistema menos sutil de colonización lingüística; así non nos fartamos de que lle indicar que boten unha ollada aos menos de comunicación onde o galego brilla pola súa tristeira ausencia, e non só nos medios de comunicación escritos ou orais, senón no resto das empresas estranxeiras que comen e beben de Galicia. Claro que hai que poñer algunha excepción, escribir un mutatis mutandis ben cativo ou pequecho.
O borrador pois, deste borrador, non é máis que unha encamisada para perpetuar o castelán como lingua superior na negada nación galega, porque non abonda que o meu amigo Senén Barro, reitor da USC dea as súas clases en galego, non. Estannos levando ao abismo e non nos decatamos ou non nos queremos decatar; seguen as perversas consignas das FAES aznarianas envelenadas, que odian todo canto non signifique España e as súas provincias, o célebre café para todos, e aínda isto parécelles pouco, de maneira que a súa perversidade e perseverar na puñeteira diglosia ata ferir de morte o idioma de noso.
Se os pais teñen a facultade omnisciente de escoller a lingua na que queren que sexan educados os seus fillos e fillas, que hostia –perdón– pintan os profesores, os docentes, e xa sei que os hai para todos os gusto, velaí senón o caso da mentada señora Lago. Acontece isto en Francia, en Rusia, no Reino Unido ou en Portugal, por non poñermos máis exemplos? Levamos atraso cultural no canto do castelán, levamos retrato na maldición do xoldra do AVE para comunicarmos coa capital, coa gran metrópole. Estamos incomunicados entre nós, non hai trens de proximidades para ir de Vigo a Lugo, por exemplo, temos que dar unha volta infernal, patética. No entanto, o pobo segue falando en galego, agás a burguesía señorita de toda a vida, pobres diglósicos tamén eles e elas. Son galegófobos, lingüicidas que non entenden nin o valor nin a riqueza e polo tanto a cultura dun idioma no que escribiu Afonso X o Sabio, que segundo deles/delas se desprende, debería ser alcumado o Parvo. Que fai en Vigo polo galego o Club Financeiro, pouco máis que saraos e pequenas romarías. Coa boca chea falan en Madrid de nacionalismos periféricos, e un está coa definición do meu colega e amigo Xiao Roel… Para nós a periferia é Madrid, eles son o centro xeográfico de si mesmos. Non, nin sequera na xeometría espacial somos periféricos, non ho!
Ningún comentario:
Publicar un comentario