Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 22 de marzo de 2010

'A inmersión é o único que garante o bilingüismo'

Entrevista a Vicent Miralles, profesor da Universitat de Valencia, na Nosa Terra

Vicent Miralles Martí é profesor do Departament de Didàctica de la Llengua i la Literatura da Universitat de Valencia, na que ocupou a Dirección do Servei de Normalització Lingüística. Ademais de traballar na Escola de Magisteri, é membro da Mesa per l'Ensenyament, unha plataforma a prol do valenciano. Defensor da inmersión –'que vén sendo o mesmo que se aplica nos colexios bilingües español-inglés, onde ninguén protesta'– rexeita o anteproxecto do decreto que reduce o uso do galego no ensino. Miralles explica nesta entrevista o emprego da lingua na educación nun país que 'apoia plenamente que se impartan materias como Bioloxía Molecular en valenciano'.

Cales son os modelos lingüísticos que se están a aplicar no ensino valenciano?

Na Comunitat Valenciana existen tres modelos educativos a elixir polas familias nun sistema semellante ao de Euskadi. Os pais e nais poden escoller o modelo de inmersión –no que se imparten as materias en valenciano e que se destina a estudantes castelanfalantes–, o modelo de ensino en valenciano –no que se imparten aulas en valenciano cuns destinatarios valencianofalantes– e, por último, atópase o modelo de incorporación progresiva –coa instrución das materias en castelán e algunha en valenciano.

Cal é a opción maioritaria no sistema de ensino valenciano?

A da incorporación progresiva. Tanto o modelo de inmersión como o de ensino en valenciano suman en total o 27 por cento da oferta da Generalitat Valenciana. Segundo os datos da Escola Valenciana, neste último curso a demanda tanto no modelo de inmersión como no de ensino en valenciano foi insatisfeita. Se a Administración ofrecese máis centros de ensino con estes dos sistemas, poderíase chegar ao 55 por cento da “clientela”, superando así as aulas en español.

Entón, o Goberno está a primar a incorporación progresiva en detrimento da inmersión...

A Administración está a ignorar as peticións de inmersión e ensino en valenciano e prima o español. De permitir un maior número de centros que ofertasen as aulas en valenciano, en boa parte das vilas do país terían que pechar as escolas en castelán.

Como lle está a afectar á sociedade esta distribución?

As cidades están a ficar como reduto do castelán, xa que nas urbes é onde máis se ofrece a incorporación progresiva. Máis do 50 por cento dos centros de ensino concertados posúen este modelo educativo. Isto supón que os estudantes que se matriculan en colexios con incorporación progresiva do valenciano nun contorno castelanfalante como son as cidades nunca chegarán a ser bilingües.

Como invertería esta situación na que as cidades fican como reduto do español?

Coa inmersión en valenciano. Este modelo nos núcleos castelanfalantes é o que mellor funciona para que os estudantes sexan competentes nas dúas linguas. Con outro método, non son quen de conseguilo. Cómpre lembrar que as leis da Comunitat Valenciana instan a que o alumnado sexa competente en valenciano e en castelán ao acabar o ensino.

Con todo, os negacionistas rexeitan a inmersión...

A inmersión é unha palabra asociada a termos negativos. Os negacionistas vincúlana coa imposición. Porén, a sociedade valenciá apenas emprega esta falacia, xa que se decatan de que os pais e nais reclaman a inmersión. Realmente, é o mesmo modelo que se aplica nos coñecidos como colexios bilingües que abundan en Madrid. Nestes centros, ben sexa coa dicotomía francés-español, inglés-español, úsase a inmersión e ninguén protesta. A inmersión é simplemente un sistema de facilidade para que os nenos e nenas activen a competencia en varias linguas, máis nada. Con todo, cando este modelo se aplica aos distintos idiomas que existen no Estado español dáselle a volta ao concepto e cárgase de prexuízos que non teñen razón de ser.

Gañou o valenciano prestixio na educación?

Si, e aínda está a gañalo grazas ao colectivo de docentes, que se implicou moitísimo na promoción do valenciano, e estes contaxiaron os pais e nais. En Valencia non se pon en cuestión a utilidade da lingua. Só casos moi escasos, case que anecdóticos, din que o valenciano non serve. A sociedade valenciá apoia plenamente que se impartan materias como Bioloxía Molecular en valenciano.

E na sociedade, cal é a situación da lingua?

É deficitaria, xa que o papel da Administración deixa moito que desexar. Trátase dunha situación paradoxal, o valenciano gaña prestixio pero o Goberno dálle as costas. O PP castelanizou aínda máis a radio e a televisión, onde a presenza do valenciano é completamente residual. Ademais, a actitude dos políticos en xeral deixa moito que desexar. E non só a actitude do PP, tamén a do PSOE. Ambos os dous partidos empregan o idioma dun xeito simbólico, case insultante. Mesmo nos discursos do Debate do Estado da Autonomía prima o castelán sobre o valenciano.

Ningún comentario:

Publicar un comentario