Onte o secretario xeral de política lingüística compareceu no parlamento galego. Falou do decreto, Anxo Lorenzo: "O impulso do galego debe ir máis alá do ensino"
E no ensino? Dámoslle impulso ou poñémoslle o freo?
Fóra do ensino: eliminamos as probas de galego para o acceso á función pública. Freo ou acelerador? Fóra do ensino: presionamos ás corporacións municipais para que non fagan probas de galego nas súas convocatorias de oferta de emprego. Freo ou acelerador?
Anxo Lorenzo tamén falou dun ámbito completamente desgaleguizado: o do tráfico. A este respecto, o nacionalista Bieito Lobeira cuestionou ao responsábel de Política Lingüística sobre as razóns polas que nos paneis de tráfico dalgunhas estradas as mensaxes apareceron durante o temporal do pasado mes de xaneiro "unicamente en castelán".
Consecuentemente, Anxo Lorenzo "garantiu" que as estradas competencia da Xunta "cumpren escrupulosamente" coa rotulación nos dous idiomas e recordou que algunhas vías son "de competencia estatal". Efectivamente, as estradas de competencia estatal só en castelán e as de competencia galega en galego e en castelán. Niso consiste o equilibrio bilingüe: castelán ou galego/castelán.
O galego debe circular por vías secundarias, as autoestradas reservámolas para o castelán. Iso sí, a peaxe da autoestrada pagámola todos, os que a usan, e aqueles aos que nos obrigan a ceder o paso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario