Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 16 de marzo de 2010

Cando caen as máscaras, comenza o baile...

por Rafael Cuíña, empresario e militante do PP, no Xornal de Galicia



Inspirábame o título deste artigo unha conversa coa deputada autonómica Carme Adán, especialmente sensibilizada coa lea lingüística que estamos a sufrir nesta terra, e cuxo compromiso coa nosa cultura cualificaría de exemplar.
Resumiría todo o que sinto nestes momentos de decepción, cunha frase cuxa autoría é nin máis nin menos que do presidente da Real Academia Galega, Méndez Ferrín: “Os inimigos do galego apresúranse a evitar que a lingua sexa útil”. E así é...
O decreto do galego non é máis que unha “santa bárbara” chea de foguetes negacionistas, polas presións de sectores absolutamente obsesionados con reducir a presencia do galego na sociedade. Acomplexados pola pouca –segundo eles– practicidade do idioma desta terra, camiñan por un universo paralelo á súa Historia, tentando, como xinetes da apocalipse cultural galega, que se impoña progresivamente o monolingüísmo castelanista, escondido detrás de grandilocuentes verbas, prostituídas por saír dos beizos de quen veñen, como liberdade.
Repito, unha vez máis, que esta teima lingüística que algúns demostran día tras día, intentando buscar equilibrios inxustos entre o castelán e o atacado galego, non fan máis que reflectir unha triste situación de división social, á que debería dar fronte un goberno convenientemente concienciado da necesidade, e obriga moral, de gobernar para todos.
Penso, custe o que me custe, que o partido do Goberno, do que son militante e votante, debe facer unha reforma nos seus estatutos, e recoñecer que os actuais dirixentes decidiron deixar de ser un partido galeguista, pola súa lexítima concepción da política galega, e recoñecer que tentan facer un “rexionalismo” para non enfrontarse a sectores duros montados aos lombos dos poderes fácticos, a pesares que na súa organización, existan persoas de corazón profundamente galeguista, ao cales os medos á imposibilidade a acceder a determinadas poltronas fagan que calen publicamente o que din sentir por esta teima. Chegou o momento que dende as entrañas do partido máis importante de Galicia, por decisión soberana dos seus cidadáns, xurdan voces autorizadas e valentes que recoñezan abertamente o seu desacordo co texto do decreto, e que rebatan como fan tralas sombras, de xeito pouco comprometido, que este é o decreto “co que está de acordo todo o PPdeG”, que non só non é certo, senón todo o contrario. O PPdeG é un partido profundamente democrático no que se pode disentir, sen medo a reprimendas dos seus dirixentes, sabendo que opinar diferente está dentro das regras do xogo político, porque do contrario, estarían vostedes comigo, do que estaríamos falando sería doutra cousa...
Eu nunca tería o atrevemento de chamar a rebelión civil polo decreto, como si fai Esperanza Aguirre co tema da subida do IVE, máis si pediría por enésima vez reflexión aos nosos dirixentes, para non quedar marcados para a Historia desta terra como persoas que en troques de amala e promocionala, puxeron paos nas rodas do seu orgullo identitario.
O Goberno buscou a “cuadratura do círculo” e non contentou a ninguén, mais como di a canción do mesmo nome de Vetusta Morla, que escribo en castelán para que entendan algúns dirixentes acomplexados das nosas cidades:

“Cuadrar el círculo de esta obsesión
asumir que rendirse no es una opción
saber que no os puedo aniquilar
no es suficiente para firmar la paz”

Ou non?

Ningún comentario:

Publicar un comentario