Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 15 de marzo de 2010

Un proxecto con pés de barro

Este artigo, do Xornal de Galicia, é moi clarificador ( o destacado é noso)

A forma é a mensaxe. Pódense facer outras mil revisións do borrador, dá igual. Todas han ser variacións da mesma melodía. Todas nun compás que vén pexado dende o principio. Talvez a lexislación vixente estivese obsoleta, quen sabe, pero iso debía decidilo o Parlamento e non un candidato á presidencia da Xunta en plena campaña. Este proceso, cómpre recordalo hoxe, non pasou por unha mesa sectorial senón polos medios de comunicación afíns ao Goberno. Non se sustentou nunha rolda oficial de consultas senón nun sarillo amorfo de ditames e contrainformes. Nin sequera foi consensuado. A oposición, as anpas, o tecido asociativo e os sindicatos volvéronllo recordar onte ao Goberno: están en contra.

A Consellaría de Educación segue a manexar con escasa transparencia os tempos deste decreto. A primeira versión difundiuna un 30 de decembro, co país de vacacións. A segunda, onte, sábado, nas vésperas dun Debate sobre o Estado da Autonomía e sen facilitarlles aos medios de comunicación o documento completo. O déficit democrático do proceso é tan patente que debería ser abondo para invalidalo.

Sexa o que sexa este proxecto, ten os pés de barro. Ningún sistema de equilibrio entre as linguas oficiais no ensino, nin este nin ningún outro, ten credibilidade se non se aplica dende o primeiro ciclo. Como crer nas boas (e bilingües) intencións deste decreto cando permite que os cativos e as cativas saian das aulas de Infantil formados no máis estrito monolingüismo? Cando cheguen á Primaria e lles impoñan o esquema bilingüe, non acusarán o cambio? Non se sentirán estafados os pais que un ano antes puideron escoller? Como se vai xestionar esa conflitividade? Con outra revisión á baixa da presenza do galego no ensino?

As familias xa non decidirán que materias se imparten en galego e cales en castelán. Non en primeira instancia, polo menos. A Xunta deu onte un paso adiante –ou atrás, segundo se mire–, asumindo de entrada esa responsabilidade: Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química aprenderanse en castelán; Coñecemento do Medio, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Ciencias da Natureza, Bioloxía e Xeoloxía, en galego.

Así, Educación atenúa os problemas organizativos que se creaban co borrador anterior, onde os pais case usurpaban as competencias do claustro de profesores, pero os atrancos non desaparecen de todo. A Xunta concédelles aínda un dereito de veto. Cada catro anos, poderán corrixir a Administración e inverter ese esquema se a maioría absoluta das familias dos matriculados así o decide. De momento, até aí chega a súa potestade. O novo borrador deixa sós os docentes na batalla diaria pola lingua que os alumnos van empregar nas aulas. Que fagan o que queiran, pero que o fagan sós.

Esa interferencia das familias ten como único sustento unha promesa electoral, e con todo non é o máis grave do sistema que agora propón a Xunta. O peor é que non se sabe aínda que clase de criterios, pedagóxicos ou de calquera outra caste, fundamentan esa discriminación lingüística. Nin Anxo Lorenzo nin o seu xefe, o conselleiro Jesús Vázquez, aclararon aínda por que as ecuacións se resolven mellor en castelán nin por que os alumnos deben recitar de memoria, en galego, os ríos de Europa. Talvez o aclaren os pais e as nais que dentro de catro anos voten para que sexa xustamento ao revés. Ou os que perdan nesas urnas, para demostrar que a súa derrota foi inxusta.

O FRACASO DE ANXO LORENZO

A escenificación de onte en San Caetano constata, por último, o fracaso de Anxo Lorenzo. Primeiro, como secretario xeral de Política Lingüística, incapaz de desfacerse das promesas electorais do PP e incapaz de construír un novo consenso sobre a lingua. E segundo, fracaso no que era o seu principal cometido, a tarefa que Núñez Feijóo e un sector do galeguismo lle encomendaron hai case un ano: buscar a complicidade do PSOE para arrombar a “minoría nacionalista”, como lle chama o Goberno á terceira forza parlamentaria, e construír unha nova centralidade política no asunto do galego.

Non son poucas as voces arredor da Consellaría de Educación que falan dun pronto relevo do secretario xeral. Algúns mesmo aseguran que a folla de ruta está escrita e rubricada polo presidente. A comisión do Consello da Cultura Galega que o pasado 2 de febreiro aprobou o seu ditame sobre este proxecto de decreto incorporou dous membros alleos ao plenario da institución. Un era Bieito Silva, en calidade de experto en didáctica das linguas. O outro era Felipe Ferreiro, ex delegado de Educación en Ourense e no seu día candidato dos Baltar para ocupar o posto que finalmente foi para Anxo Lorenzo. Alguén sabe por que?.

Ningún comentario:

Publicar un comentario