por Marcelino Fernández Mallo, do sector financieiro, en Vieiros
O que máis me sorprendeu da infausta frase da vasca ultraespañolista foi a falta de conexión aparente entre pregunta e resposta. Quero dicir que, pretender descualificar co termo “gallego” a un suxeito non nacido en Galicia, implica ter moi gravada tal asociación na mente. Ó meu entender, o miolo da historia atópase no proceso de gravación, no método mediante o cal tal asociación penetra nun cerebro en principio neutral.
Mesmo despois chegou a contrarréplica, se cadra aínda máis intempestiva cá declaración orixinal. Entón un decátase de algo de maior fondura estar a operar, algo que merece ser analizado lonxe da visceralidade. E o primeiro que lle chimpa á cabeza son as imaxes da vasca ultraespañolista a carón da Gloria Lago e os seus mariachis monolingüístas entre os que atopamos, por exemplo, a Alfonso Rueda e a Corina Porro, actual Conselleiro da Presidencia e anterior alcaldesa da cidade máis populosa do País. Compartirán Alfonso Rueda e Corina Porro a opinión da súa compañeira de manifestación? E fóra de Galicia, que cren: haberá moitos que compartan tal pensamento? De onde lles virá idea tan fatídica?
Se cadra, do propio goberno... Recordemos que é Núñez Feijóo quen goberna en Galicia tralo exercicio electoral soberano do pobo galego: Núñez Feijoo, o mesmo que impediu a promulgación dun Estatuto de primeiro nivel para Galicia, quen retirou o noso País do grupo de cabeza na configuración do Estado para postergalo no pelotón das Comunidades sen dereitos históricos nin vocación de autogoberno. E a carón de quen goberna este home? Pois duns conselleiros que, coma el, renegan abertamente, sen prexuízos, dos riscos diferenciais de Galicia e dos seus sinais de identidade. Ademais do mencionado, velaí Jesús Vázquez, Javier Guerra, Beatriz Mato, Roberto Varela... son galegos inda que non o pareza tendo en conta a súa acción de goberno. Actúan en contra da cultura galega, da lingua galega, da bandeira galega, ata da toponimia e antroponimia galegas... de todo canto supoña un factor de autoidentificación ó tempo que promoven pautas e códigos aliñantes con outras realidades que se queren seguir impoñendo como propias. Complexo? Asimilación? Autonegación? Trátase do goberno escollido polos galegos, cidadáns libres dispostos a apoiar unha e outra vez as propostas sometidas ós “superiores intereses da nación española”. Porque este goberno galego non foi ningún accidente senón, polo contrario, o herdeiro “natural” doutros gobernos galegos deseñados a partir dunha filosofía de submisión ás directrices do poder central.
Submisión que se estende a moitos outros niveis. Ei-la destrución do medio natural galego para o beneficio de compañías madrileñas, norueguesas, vascas ou catalanas. Ei-las empresas galegas que, tralo seu asentamento no mercado, terminan desprazando os seus centros de decisión ou produción cara a Madrid ou Barcelona. Velaí os membros galegos do goberno español actual, Elena Salgado, José Blanco, Francisco Caamaño, Antón Louro, liderando dende as esferas centralistas a operación para privar a Galicia dun poder financeiro autóctono... Seica o concepto “galego” ten, para moitos de nós, máis un contido romántico e folclórico e non tanto presente e real.
Sentimos carraxe cando nos ofenden ou desprezan dende fóra mais adoitamos manternos impasibles ante tantas aldraxes internas. Cabréanos, por exemplo, que IKEA non valore o coñecemento da lingua galega para os seus empregados na Coruña e si outros idiomas. Porén, admitimos sen resistencia que no último servizo municipal constituído, a “Casa del Agua”, ninguén sexa quen de prestar unha atención en galego; nin sequera os caixeiros automáticos do aparcadoiro, capaces de operar en castelán, inglés, francés, portugués e catalán. Así os mandaron e así os aceptamos. Non será que nos ignoran porque nosoutros mesmo nos ignoramos antes?
Saltemos de ámbito para lembrármo-lo trato ben preferente outorgado a UPyD nas últimas eleccións autonómicas polo xornal galego que goza do 50% de cota de mercado en Galicia, o cal lle deu cobertura de alternativa real sen ningún argumento fóra dunha manifesta “sintonía” natural. Non esquezamos tampouco que o principal editorialista dese xornal amosou a súa indisimulada simpatía polos preceptos defendidos por esta señora, desde a recuperación da política centralizadora ata a aniquilación dos riscos culturais propios pasando pola zuna contra todo nacionalismo non español; nin que o ínclito embaixador vaticano, alcalde “eterno” da segunda cidade de Galicia, declarou repetidamente a súa afinidade coa galegofóbica deputada euscalduna.
As súas declaracións representan unha probable paranoia digna de terapia e tratamento. E sen embargo, un escóitaas e pensa da dobre moeda que Galicia representa, a dobre faciana dun País en crise de identidade permanente. E a min, confésoo, unha desas metades non me gusta nadiña. Mira que se a muller leva algo de razón...
Ningún comentario:
Publicar un comentario