por Xoán Antón Pérez Lema, en de Luns a Venres
Malia que o galego sexa a única lingua propia da Galicia, o noso Estatuto recoñécelle tamén ao castelán rango de lingua cooficial no noso territorio. Velaí que calquera persoa sexa libre, en teoría, de escoller calquera das dúas linguas oficiais para o seu uso cotián, malia que pola súa minorización social e histórica sexa ben difícil para calquera de nós desenvolver íntegramente a súa vida en galego, mentres que sexa ben doado desenvolvela íntegramente en castelán sen sequer facer o amábel aceno de respostar en galego aos que galego nos falan.Porén, a liberdade de opción lingüística é un dereito de todos no ámbito da privacidade. Mais determinadas persoas suxeitas a unha relación especial co ámbito público non disfroitan desta libre escolla. Ensinantes e estudantes nas materias do ensino non universitario nas que o galego é lingua vehicular, traballadores da CRTVG e doutras emisoras de radio e TV públicas, funcionarios que traballan cara ao cidadán… teñen a obriga normativa de usar a nosa lingua en todas ou algunhas das ocasións da súa vida profesional.O Estatuto e máis a Lei de Normalización Lingüística dispoñen a discriminación positiva a prol do galego nas ordes todas da vida pública, social e informativa. As lexislacións local e educativa elevan ao galego á condición de lingua usual das Administracións municipais e educativa. O Parlamento galego ven de aprobar por unanimidade que os seus deputados fagan uso da nosa lingua, como esixencia política e moral da obriga de discriminación positiva que o Poder Galego ten a respecto da mesma.Velaí que os políticos, en canto exerzan cargos institucionais, teñen a obriga ética (e mesmo estética) de usar o galego cotiamente e cun mínimo de calidade. Porque actúan institucionalmente e non como simples cidadáns.Os alcaldes d’A Coruña e Vigo, algúns conselleiros, deputados do PP e altos cargos da Xunta, a presidenta do Porto de Vigo Corina Porro, o voceiro municipal do PP coruñés, Carlos Negreira e outros moitos incumpren, co seu uso monolingüe en castelán, esta obriga derivada do espirito do noso Estatuto. E proxectan, coa súa praxe, a falsa idea de que a nosa lingua é propia de seres marxinais e non ten futuro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario