Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 30 de abril de 2020

30 propostas de música en galego actual que tes que coñecer



Para coñecermos máis (a) música en galego actual velaquí unha selección de 30 grupos/artistas de todos os estilos, especialmente pensada para xente moza feita por Nel Vidal. Ademais do vídeo temos en Edupuzle unha proposta para traballalo, unha ruleta de palabras en Educaplay e, como non! un Kahoot!
Unha actividade gorentosa e moi, moi completa.



martes, 28 de abril de 2020

Rosalía de Castro internacional e aleatoria



Nunca pensei que fose recoller neste blogue algo do profesor de matemáticas Manuel Vilariño, sobre todo desde que neste centrei este blogue arredor da normalización e fun deixando para os Retallos os centrados na ciencia dos números. Pero velaquí que se lle ocorreu a frikada que podemos ver neste inclasificable vídeo: o poema rosaliano "Adiós ríos, adiós fontes" traducido verso a verso ás 101 linguas soportadas por Google Translate, e verso a verso, escollidas aleatoriamente, isto é, ao chou.
Nunca Rosalía foi tan internacional..., nin tan aleatoria.
Encantoume

venres, 24 de abril de 2020

4000 libros e 40 motobombas

Non os toques! son libros!
Onte foi o Día do Libro. Foi un Día do Libro moi especial. As librerías estaban pechadas e só desde as institucións podían ofrecernos unha aposta organizada a favor da lectura en galego. Unha pequena mostra de apoio tanto ao libro como á lingua. Pero, como xa é habitual, isto non foi así.
Primeiro vai a nova, divulgada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), entre outros organismos da Xunta. Despois virá a explicación.
Titular: "A Xunta distribúe polo Día do Libro 4000 obras entre pacientes, acompañantes e persoal dos 14 hospitais públicos"

Este é o típico titular co que nos bombardea o servizo de información da Xunta de Galicia. Tanto ten que sexan 1000 ordenadores, como 4000 libros como 40 motobombas.Os números non están postos aí para dar conta dunha boa xestión, senón que están aí, simplemente. Son unha morea colocada para impresionar.
Non sei se estades afeitos a sofrir o telexornal da TVG. Durante todo o verán sempre hai unha nova na que se di "controlado o incencio de .... no que participaron 3, brigadas, 2 helicópteros e 5 motobombas". Sempre rematan coas motobombas. A conclusión é que en Galicia non hai eucaliptos, nin hai incendios. Só hai motobombas.

Entrada: "A partir de hoxe e durante os vindeiros días poranse en circulación estes volumes que buscan fornecer dunha opción de lecer para quen así o desexe e visibilizar o importante papel que o libro galego desempeña dentro da sociedade"

Ese "a partir de hoxe" indica que no Día do Libro só se sacaron fotos para dar a nova e que todo foi unha improvisación. "A ver, Balseiro, chama aos departamentos de cultura e que che baixen uns poucos libros ao CHUS. Si, fáloche desa farramallada que temos ocupando sitio no almacén. Imos facer como daquela, que llos mandamos aos colexios. Agora van para os hospitais.... e bulindo que é con présa". Un facer que se fai. Isto está mal, pero non é o peor. O peor é que é así acotío. A ninguén en San Caetano lle importa o sector do libro, aínda máis, ven con malos ollos se o libro ese está en galego. Para disimular este desprezo teñen a SXPL que retransmite a fazaña sen decatarse de que no vídeo de propaganda o libro que se ve con máis claridade é un de fotografía de Carlos Rodríguez, que tal e como vemos na imaxe, non foi pensado en galego. Do porco, todo se aproveita.

mércores, 22 de abril de 2020

E despois...





Pola rolde de ProLingua chégame este vídeo-poema de Paco Rivas, tremendamente actual, tremendamente fermoso.
Esta poesía do confinamento sérveme para lembrar, cun día de atraso, o Día da Poesía.

luns, 20 de abril de 2020

Caranvexo TV

Os centros CEIP A Guía, CEIP de Abelendo, CEIP de Quintela, CEIP de Reibón,  CEIP de Seara, CEIP de Tirán,  CEIP Domaio,  EEI de Verducedo,  EEI do Con,  IES A Paralaia e o IES As Barxas xuntáronse arredor do proxecto Caranvexo TV e fixeron esta enorme marabilla co patrocinio da Área de Normalización Lingüística do concello de Moaña.
O portal está inzado de vídeos e escoller un para compartir aquí non só é difícil, senón tamén inxusto cos moitos outros proxectos cheos de traballo e ilusión. Con todo atrevinme a deixar aquí unha elección. Forma parte tamén do audiovisual do IES As Barxas, que xoga noutra liga. Na seguinte peza, de Manuel Currás, entendo que un alumno do centro, cóntase a verdadeira historia da película "Los lunes al sol". Para min moito máis emocionante esta curta documental sobre o conflito de Ascón contado por Manuel Currás. Unha marabilla.

venres, 17 de abril de 2020

Telexornal Carvalho Calero



A pesar das circunstancias, outro  ano máis, o Departamento de Lingua e Literatura Galega do CPI dos Dices (Rois), achéganos a figura do Día das Letras nun Telexornal. Poderemos ver entrevistas a Xosé Luís Axeitos, Alfonso Vázquez Monxardín, Xulio Xiz, Araceli Herrero, Paulo Fernández Mirás, Miro Vilar, Eduardo Maragoto, Laura Tato Fontaíña e Ramona Giráldez

mércores, 8 de abril de 2020

Desamparo

por María Reimóndez, no Nós Diario:


Por debaixo da dor e do ruído, son días estes de estraña introspección, de facer exercicios de empatía e de pensar en comunidade. Tamén de comprobar como hai demasiada xente incapaz de poñerse no lugar da outra e para a cal o importante segue sendo o mesmo de sempre. Sen ir máis lonxe, para o Sr. Núñez Feijóo, o importante segue sendo calquera cousa menos as persoas galegofalantes: intervencións públicas en castelán e imposibilidade de acceder á información e á atención sanitaria na nosa lingua.

domingo, 5 de abril de 2020

Ao concello da Estrada


Para manter un mínimo de dignidade do bloque tiña que poñer unha imaxe coa proxección dos Concheiros. Como estou farto de que a megafonía dos municipais da Estrada nos desprece insistentemente coas recomendacións do confinamento en castelán, aquí lles deixo a miña mensaxe. A ver se a si a len.
O feito de que o concello da Estrada faga este desprezo demostra que outras actividades nas que parece que se mostra como defensor da lingua non son máis que fume, actividades coas que quedar ben, e que agochan a cara verdadeira, a do desprezo da lingua propia. Estou a falar deses marabillosos vídeos que o concello presenta no Día de Rosalía. Onde quedan agora?

mércores, 1 de abril de 2020

Grazas Carmen Pomar, grazas Valentín García

Grazas, Carmen Pomar. Grazas por excluír outra vez a lingua galega dos mínimos de uso pola Consellería de Educación. En días pasados podiamos ver como a plataforma de vídeoconferencia contratada por esta consellería para os tempos do confinamento accesible en 16 linguas, non estaba dispoñible en galego. Agora este desprezo amplíase á distribución dos contidos E-Dixgal aos centros que non forman parte desta rede. Resulta que estes centros deben solicitalos ás empresas que publican estes contidos. Para iso habilitáronse uns formularios. Os dous de Planeta [1, 2] e o de Edebé [3] , a pesar dos centos de miles de euros que reciben da Xunta polo material para a plataforma E-Dixgal, os formularios de petición, que se fan en cinco minutos, esqueceron a lingua galega.
Se o que queremos é mostrar, unha e outra vez que o galego é prescindible, a señora Pomar está a facelo moi ben.
Tampouco vin á Secretaría Xeral de Política Lingüística interesándose por estas desfeitas. Debe ser porque desde este organismo aportan todo o que poden para secundarizar a lingua galega pois a última das súas propostas foi a de subvencionar un concurso (xacobeo, por suposto) de obras de ensaio (de tema xacobeo, por suposto) que poderán estar redactadas en español, e no caso de cometer a indignidade de premiar a unha obra en galego, tamén a publicarán en español [ver as bases]. Por todo iso, grazas tamén Valentín García.

martes, 31 de marzo de 2020

Trinta anos

por Mª Pilar García Negro, no Nós Diario:

Tal día como mañá, 25 de Marzo, de hai trinta anos, falecía en Santiago de Compostela Ricardo Carvalho Calero. Neste seu cabodano, a Mesa pola Normalización Lingüística e mais a Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura tiñamos pensado lembralo cunha oferenda floral na súa tumba, no cemiterio de Boisaca, e homenaxear a súa persoa e obra cunha actuación da coral compostelana Solfa, perante o que fora o seu domicilio en Santiago, na Carreira do Conde, moi perto de onde se instalou o busto que o recorda, en 2010, no centenario do seu nacemento. Por todas as circunstancias que estamos a viver, faise forzoso adiar estes actos, que esperamos, porén, celebrar noutra data do ano presente.

luns, 30 de marzo de 2020

O galego excluído da plataforma de vídeoconferencia da Consellería de Educación

imaxe do manual
A Consellería de Educación abriu un servizo de videoconferencia para estes tempos de coronavirus. Para explicar o funcionamento desta nova aplicación elaborouse un manual que inclúe impresións das pantallas que se deben ver ao acceder ao sistema. A cousa comenza a ser estraña cando vemos que todas estas imaxes do servizo veñen en español: "Crear una contraseña nueva", "introduzca su dirección de correo electrónico".
Non é cousa de quen fixo o manual. A razón é que o servizo de vídeoconferencia da
consellería non está dispoñible en galego, aínda que si en danés, alemán, italiano francés, sueco, ruso, xaponés, chino mandarín (tanto o tradicional como o simplificado), coreano,  español latinoamericano e español de España. En total, contando as variantes, un total de 16 linguas. O galego, unha vez máis, excluído.
A lección que sacamos de todo isto está clara. O galego non é lingua de referencia para o sistema educativo galego, ou polo menos esa é a mensaxe que nos envía a Consellería de Educación.

xoves, 26 de marzo de 2020

Estamos con vós



O descontrol do período de confinamento fixo que non escribise antes esta entrada, algo imperdoable. Velaquí os meus futuros alumnos. Rapaces de 1º da ESO do IES Antón Losada Diéguez (A Estrada) coordinados pola profesora Alexandra Pacheco, mándannos as súas mensaxes cargadas de agradecementos e de boas recomendacións.

mércores, 25 de marzo de 2020

Sr. Feixoo: o galego é un patóxeno?

por Mª Pilar García Negro en Nós Diario:


Refírome, sr. Núñez Feixoo, á lingua galega, aínda que por metonimia tamén se podería aplicar ao galego como povo, ao conxunto de todas e todos nós. Xa me chamou a atención (aínda que sexa un feito repetido) que, en falando das eleicións convocadas, e con toda a probabilidade suspendíbeis, vostede se expresou na lingua oficial do Estado, con omisión da lingua propria da Galiza, o galego. Claro, unhas eleicións son cousa seria, non banal. A cousa foi in crescendo cando, con toda a formalidade que requer unha crise ou pandemia grave como a que estamos a viver, vostede volveu facer uso do español, con desprezo, por exclusión, do galego. Que acontece, na súa mentalidade-conduta, sr. Presidente da Xunta? Acaso o galego é un elemento patóxeno? Talvez o considera inepto para falar de cousas graves e serias? Se cadra pensa que unha situación de emerxencia é incompatíbel coa comunicación en galego?

Realmente, é deprimente. Anos e décadas se acumulan e seguimos non nas mesmas, senón que imos a pior. A que rocho inútil e estúpido se relega o galego pola vía dos feitos? Que exemplo é o que dá a máxima autoridade da Galiza? Xa non é unha cuestión, reiterada, de fomento da diglosia: é a prescindencia total do galego, o que equivale, sen máis, a proclamar que non existimos, que a Galiza é un anaco (de)pendente do que dixeren, mandaren e dispoñeren desde Madrid. Dos contidos da súa alocución que escoitei atentamente (vostede é o presidente do meu país, por moito que eu non o teña votado), xa non falarei. Ela, a intervención de vostede, é a negación máis rotunda da ausencia total de autonomía: vostede, máis unha vez, limitouse a poñerse ás ordes das autoridades estatais. Axiña se produciu a confirmación de tal vaciado de poder coa intervención do presidente do goberno español, após o anuncio do decreto do estado de alarma: un novo 155. Mentres Urkullu e Torra alertaban sobre esta nova acometida xacobinista e reclamaban cooperación e colaboración interinstitucional, vostede, cal bedel aplicado, disponse a obedecer as ordes do decano. Merecería decontado os parabéns acesos do presidente español e dos seus comandantes, os catro ministros que asumen o mando en praza “en todos los territorios”. Alá se van polo río abaixo as pretensas competencias autonómicas, a necesidade de cooperación entre administracións (mesmamente o que foi esgrimido contra o goberno catalán), a avantaxe da proximidade, todo o palabreado, en fin, de benéficos, canto inúteis, propósitos!!.

Tanto tempo se pasou desde o chamado Desastre do noventa e oito, onde era pecaminoso nomear algo relativo á Galiza, para voltarmos ao mesmo. Agora importan os “cidadáns”, como se eles non puidesen ser atendidos desde o seu proprio goberno, en este existindo, claro está.

Povo que dorme, tirania que desperta, escrebeu Almeida Garrett. Cando estoura unha emerxencia tan grave como a que padecemos, fican as evidencias espidas: xúntase a fame coa necesidade, isto é, a radical insuficiencia da chamada autonomía coa actitude obediente e servil que vostede encabeza. Volto ao comezo: é o galego un virus do que se protexer, un virus que combater?

venres, 20 de marzo de 2020

A primeira vítima da COVID19 foi o galego





Hai un coche da policía municipal da Estrada que me chegou do catro ao cinco. Anda estes días coa megafonía ás costas insistindo en que non debemos saír das casas. Se a mensaxe, por repetida, xa sobre, o peor do caso é que teñen que traducila, e emitila, en castelán. Se un se pregunta a razón non pode facer outra cousa que concluír que só pode haber unha, a de facer ver que o galego é unha lingua inútil, relegada a celebracións e folclores, a usos secundarios. Pola contra para mensaxes importantes o galego non serve, e aínda menos mal que temos o castelán, senón, pobriños de nós!
A Estrada, cando pasa a megafonía da policía municipal
 O ouveo do coche da policía estradense ten o mesmo son que o de Feijóo no caso das súas comparecencias sobre o COVID19. A primeira, o 13/03/20, despois do Consello da Xunta, e posiblemente a máis importante pois era na que anunciaba as medidas que tiña previsto tomar a Xunta, foi a que marcou a liña da súa actuación. É a que, para vergoña de quen detenta a presidencia da Xunta, aparece destacada nesta entrada.
A seguinte, o 14/03/20 foi para informar sobre as medidas adoptadas no Centro de Coordinación Operativa creado para enfrontar a crise do COVID19, volveu a rechiar co mesmo son. Cando ao día seguinte comenzou a terceira, xa deberon chegar ao seu ouvido as queixas dos que estamos fartos desa música áspera, a do menosprezo á nosa lingua. Así, esta comparecencia comenzou coa seguinte mensaxe:

"Vou intervir en castelán porque non me dirixo só aos galegos e ás galegas senón aos cidadáns doutros lugares que agora están en Galicia"
Velaquí a mensaxe do auto-odio. Cando escoitamos estas palabras, estamos recibindo o seguinte aviso: "Vou intervir en castelán porque primeiro están os madrileños que viñeron irresponsablemente a Sanxenxo e eles son os que me interesan como presidente da Xunta. Los gallegos ya tal"

mércores, 18 de marzo de 2020

Aulas Galegas



Velaquí un novo e gorentoso proxecto da comunidade do ensino galego: Aulas Galegas
Trátase dun portal educativo realizado por un colectivo de profesoras e profesores sen ánimo de lucro que cren que ante a situación de illamento provocada polo coronavirus Covid-19 deben ofrecerlle unha axuda educativa á sociedade.
Segundo se declara no propio portal, Aulas Galegas

nace para axudar o alumnado, as familias e o resto de profesorado a atopar recursos e materiais educativos en galego.

A vocación deste portal educativo non é substituír as indicacións educativas que o profesorado lle faga ao seu alumnado no ensino regrado nin o papel das administracións educativas.

A nosa intención é ser unha fonte de recursos que sume no panorama educativo galego.

 Como comentario aparte, encantoume poder neste vídeo de presentación semi-desvirtualizar a Luz Beloso, a Xano, a Alberto Fortes ou María Loureiro

mércores, 11 de marzo de 2020

Retallos de matemáticas: un portal de matemáticas en galego

Un portal para as matemáticas en galego



Velaquí está, Retallos de matemáticas, un portal para as matemáticas en galego. A publicación do funesto decreto 79/2010, de expulsión do galego no ensino non universitario, foi o máis grave ataque á normalización dos últimos 40 anos. Unha das consecuencias do mesmo foi a prohibición de edición e uso de materiais en galego nas matemáticas. Como resultado temos una xeración con máis prexuízos e menor estima e coñecemento da lingua galega.

Con todo, a pesar das prohibicións, a resistencia social mantense e faise patente en toda unha serie de prácticas, documentos e recursos. Este portal quere ser unha porta aberta a todas as achegas ás matemáticas en galego. Por iso, se hai erros ou faltas, agradécese calquera contribución para ir mellorando o portal.


As súas seccións son:
  • Publicacións Todo comenzou porque en novembro publicara unha entrada neste mesmo blogue na que recollía algunhas reflexións sobre a lectura científica en galego xunto cunha recompilación de todo o material de matemáticas que coñecía que se publicara na nosa lingua durante os últimos 20 anos. Na miña fachenda pensei que a información podería ser útil polo que consideraba unha mágoa que ficase nun blogue, nunha entrada que vai desaparecendo nos cavorcos da publicación. Esta foi a motivación que me levou a crear o portal. Nesta sección engadinlle un apartado adicado a revistas de matemáticas.
  • Material didáctico. Na páxina principal desta sección hai unidades didácticas (U.D.) adicadas á historia das matemáticas así como un par de referencias a exposicións. Hai ademais tres subseccións con U.D. de Primaria, Secundaria e Universidade.
  • Non creo que haxa que explicar o que se recolle en Vídeos. Só un apunte: comparado con linguas próximas, a cantidade de vídeos en galego sobrte matemáticas é ridícula.
  • Na rede pódense atopar portais con recursos de matemáticas, así como unha sección de blogues
  • No apartado Normalización  hai campañas e referencias ao uso social das matemáticas na nosa lingua. Inclúese unha sección de Terminoloxía, pois o uso dunha lingua de calidade é un presuposto previo de calquera actuación normalizadora.
Espero que a alguén, algunha vez, lle sexa útil.

martes, 10 de marzo de 2020

Póñame cen gramos de galego (envasado, por favor)

por Mª Pilar García Negro en Nós Diario:


O presidente de Asturias (PSOE), en recente viaxe á Galiza, afirmou: “El PP gallego tiene el tema lingüístico completamente interiorizado”.

venres, 6 de marzo de 2020

Airiños da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo




Rosalía de Castro é un pozo sen fondo. Normalmente recollo traballos de centros de Secundaria porque é o que coñezo máis, aínda que non poucas veces teño traído cousas de Primaria. O realmente inédito neste blogue é algo como o de hoxe e que demostra que o fenómeno Rosalía de Castro é desbordante (e a Consellería de Educación segue sen incluír a data entre as celebracións escolares!). Na universidade tamén se apuntaron á celebración. Concretamente na de Vigo propuxeron lecturas e intervencións artísticas na Facultade de Ciencias da Educación.

Agora ben, o vídeo musical con música de Juan Ramos, neste tema cantado por Carol Sospedr, é simplemente espectacular. Parabéns a eles e ao alumnado colaborador.

domingo, 1 de marzo de 2020

Exposición "Ambos errantes polo mundo andamos" en Ares


Este póster é o primeiro dunha exposición organizada polo CPI As Mirandas (Ares) que se expón nos corredores do centro. Nela o texto de Rosalía de Castro vai acompañado das fotos do avó de Jéssica, emigrante en Alemaña. Invito a quen pase por aquí a que percorra o resto da exposición no blogue Tes moita lingua.
A proposta deste CPI segue as directrices marcadas pola AELG para a celebración do Día de Rosalía 2020.

venres, 28 de febreiro de 2020

Tecín soia a miña tea




Outro ano máis (2016, 2017, 2018 e 2019), o concello da Estrada presenta o vídeo no que homenaxea a Rosalía de Castro e así celebra o seu día. Un novo acerto e un vídeo marabilloso con música de Guadi Galego sobre o poema Tecín soia a miña tea e unhas imaxes tan ben recollidas que ata lugares tan pouco agraciados como a Rúa da Cultura pola que eu chego todos os días ao traballo, aquí son recollidos con tanta sabiduría que ata parecen fermosos.
A trama é simple e está moi ben traída. Rosalía sae da Casa da Matanza, e despois dun breve paseo por Padrón achégase ás terras estradenses. Na Estrada visita os máis diversos lugares, desde o Pazo de Oca, a ponte de Pontevea ou a Torre de Guimarei. A mensaxe está clara, Rosalía segue estando connosco.
O final do vídeo con Rosalía paseando pola feira ou falando cos rapaces do CEIP Pérez Viondi mentras soan os acordes doutro éxito de Guadi Galego cantando a unha lingua chea de vida é toda unha declaración, unha chamada a seguirmos a estela de Rosalía en todo momento e en todo lugar. Unha chamada a seguir usando a nosa lingua tanto no mundo empresarial como a transmitillo aos nosos nenos.