Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 29 de setembro de 2023

Memorial da lingua prohibida


 por Marga Romero en Nós Diario:

Tomo o título desta columna dun libro fundamental e necesario, con moitas páxinas, tantas que mete medo; setecentas sesenta e seis exactamente para nos explicar: O libro negro da lingua galega. Crónica de quiñentos anos de represión e silenciamento. Desta obra, publicada en 2022 por Edicións Xerais e da autoría de Carlos Callón, gustaríame falar moito contigo, querida Luísa. Moita memoria recuperada, moitas máis páxinas que anos, para se tratar dunha antoloxía que relate: "Mil e unha noites de pedra". Xa se nos advirte no inicio: "Non hai páxinas suficientes para todos os días solleiros que se eclipsaron en prohibicións, calumnias e furias". Non hai palabras para agradecer este estudo.

xoves, 28 de setembro de 2023

Florencio Delgado Gurriarán, asinante de Galeuzka

No ano 1944 asínase en México un pacto entre organizacións catalanas, vascas e galegas. Francisco Delgado Gurriarán actúa non só como o representante do Partido Galeguista,  senón que é un dos máximos impulsores deste texto, que recollo e traduzo nunha pequena parte do libro de Xosé Estévez, Galeuzca. La periferia contra el páramo (Nabarralde 2022):

Segunda. Que se oporán a todo intento de restauración monárquica, antipopular e antidemocrática, así como a todo réxime que non sexa aceptado polas vontades libres e soberanas dos seus respectivos pobos.

Terceira. Que proclaman unha vez máis que Catalunya, Euzkadi e Galicia constitúen, polos seus títulos históricos e lingüísticos, polas súas características culturais e polas súas tradicións políticas, tres nacións claramente definidas, coas súa vontade nacional reiteradamente expresada e demandan para elas os dereitos fundamentais que corresponden a toda nación no concerto dos pobos civilizados, tales como: a súa liberdade. a súa soberanía e o seu dereito de autodeterminación, postulados polos que loitan as Nacións Unidas contra o fascismo internacional.

Cuarta. Que se compromenten a defender para os seus pobos respectivos un réxime republicano democrático, basado no respecto á liberdade e dignidade da persoa humana e inspirado en postulados de xustiza social.

Lingua de primeira

 


por Alberte Mera en Nós Diario:

O Estado español decidiu priorizar o catalán sobre o galego á hora de procurar un acordo na UE para oficializar como linguas da Unión os idiomas da Galiza, Euskal Herria e os Països Catalans. Di o Executivo de Pedro Sánchez que empeza polo catalán por ser o que máis falantes ten. Isto é a secundarización da Galiza e responde á aritmética electoral, a do tanto tes, tanto vales. 

 

xoves, 21 de setembro de 2023

Rueda, Feixoo: galegofobia

 


por Alberte Mera en Nós Diario:

É ben triste ter que recoñecer que as galegas e os galegos temos un presidente e un ex presidente do noso país que son galegófobos. Escribía a semana pasada sobre, precisamente, esa tristeza, non só a que nos toca a nós como habitantes dun país a quen os seus mandatarios tratan de pór límites á súa lingua e cultura propias, senón tamén sobre a tristeza que provoca ver xente -máxime cando son os dirixentes dun país- que operen nesas coordenadas de autoodio. Pregúntome recorrentemente a que se deberá ese autorrexeitamento, que mágoa unha vida enteira autonegándose, agochándose.

 

mércores, 20 de setembro de 2023

O PP de Galicia a favor da prohibición do uso do galego


No pleno do Parlamento do pasado 12 de setembro, despois dunha lección maxistral da deputada Mercedes Queixas, procedeuse a votar a iniciativa que presentou en nome do BNG co fin de apoiar a eliminación da prohibición do uso do galego no Congreso dos Deputados en Madrid. No vídeo podemos asistir á vergoñenta posición do PP de Galicia, que votou a favor de manter a prohibición. 

 É moi significativo o estrondoso silencio dos populares galegos sobre este tema. 

Un patrimonio común

 por Víctor Freixanes en La Voz de Galicia:

A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección», di o terceiro punto do artigo 3 da Constitución. Nos puntos 1 e 2 do mesmo artigo dise que «o castelán é a lingua española oficial do Estado, que todos os españois teñen a obriga de coñecela e o dereito de usala, e que as demais linguas españolas serán linguas oficiais nas súas respectivas comunidades autónomas consonte cos seus Estatutos».

 

Galego oficial na UE?


 por Marcos Maceira en Nós Diario:

Galiza non conta cun Estado que ampare a súa lingua e garanta que poida ser empregada en todos os ámbitos, para desenvolver calquera acción. A desigualdade respecto do español é clara. Non é preciso lembrar que no Estado español só hai unha lingua oficial. Para o resto a Constitución deixounos o consolo do “especial respecto e protección” que se traduce nunha suposta cooficialidade condicionada á subordinación ao español e, cada vez máis, so a vixilancia do poder xudicial.

 

martes, 19 de setembro de 2023

Lingua e rango

 


por Nemésio Barxa en Nós Diario:

Lástima que não fosse num ato mais transcendente, mas no inútil trâmite de investidura de Núñez Feijóo, no Congresso, vai ser possível o uso, sem restrições, das quatro línguas cooficiais do Estado espanhol e a ver se de uma vez se enteram os do idioma único que na Galiza, Euskadi ou Països Catalans tanto oficial é o castelhano como o galego, euskera ou catalão, que é o que significa a palavra "cooficial"; se a Constituição define rango de cooficialidade é claro que não é de subsidiariedade ou possibilidade. O Sr. Feijóo sentirá agravado o suplício de esse remedo de investidura com estampar-lhe nos focinhos o idioma ao que tanto maltratou e despreciou como presidente da Xunta. Pessoalmente tenho motivos de preocupação; o euskera, sendo o que conta com menos falantes, não terá problema de uso. Mas o galego terá que definir-se: comum, oficial, da RAG ou reintegracionista; suponho que infelizmente optaram polo da Xunta, bastante alongado do seu tronco da lusofonia para achegar-se ao tronco do castelhano. Há um galego-português universal e internacional, com todas as particularidades que poda ter no Brasil, Angola, Galiza desde há um tempo…, no que vive e tem futuro o galego, com esse galego culto, comum e internacional é com o que deveríamos apresentar-nos no seu uso nas instituições. Catalunya terá que enfrentar semelhante problema.

mércores, 13 de setembro de 2023

Feixoo renega do galego

 


por María Obelleiro en Nós Diario:

De ser presidente do Goberno galego de 2009 a 2022, enarborando o “Galicia, Galicia, Galicia” como slogan para gañar unhas eleccións, e de ser senador por designación autonómica de 2022 a 2023, só para marchar da Galiza e irse para Madrid, Feixoo pasou, directamente, a renegar do galego. Fíxoo de maneira explícita, sen arrubiarse, ao rexeitar o uso do idioma propio do país do que comeu nos debates e nas iniciativas do Congreso.

 

Manter o galego


por Manuel Bragado no Nós Diario:

 Nos centros educativos participei en conversas en contextos formais, fose en claustros, reunións, cursos ou entrevistas e xuntanzas con familias, nas que algunha das participantes que decote fala galego deixa de repente de facelo cando outra persoa se expresa en castelán. Un comportamento atribuíble a unha mal entendida "cordialidade lingüística" que no contexto das dúas linguas en contacto obrigaría a renunciar sempre ao uso do galego como expresión de achegamento comunicativo coas persoas participantes.

 

luns, 11 de setembro de 2023

Que pasa co galego?

 


por Xosé Luís Méndez Ferrín no Faro de Vigo:

A lingua é unha facultade que distingue a especie humana indisolubelmente unida ao exercicio da razón e da comunicación estética. A lingua humana é unha, e, sen embargo, maniféstase en forma de linguas particulares e diversas. A maioría dos humanos, mesmo os poliglotas, comunícanse usando preferentemente unha soa lingua: a propia da comunidade orixinaria das partes comunicantes. Iso levou a sentir o mito de Babel coma unha maldición divina e, a diversidade lingüística coma algo chamado a ser abolido polo Progreso. 

mércores, 30 de agosto de 2023

O empresariado galego


 por Xosé Antón Laxe Martiñán en La Región:

Ramón Canal, empresario e articulista, publica neste mesmo xornal o artigo “El caramelito de las lenguas” o día 21/08/2023. No primeiro parágrafo, o artigo está en castelán, o Sr. Canal laia ironicamente pola exclusión do idioma galego das linguas do Estado español que o presidenciable Sánchez di reivindicará en Europa. Critica unha medida que o futuro goberno do Estado só aplicará para catalán e vasco en función do “número de votos”, e compara a estratexia gobernamental cunha lambetada que, di o articulista rozando o paroxismo pedófilo, “podríamos (sic) utilizar a las puertas de un colegio, ofreciéndole a un niño o una niña un caramelito para que se vaya contigo”.

sábado, 22 de xullo de 2023

Xálima: unha ruta pola alma dos "Tres Lugaris"


Queres coñecer o Val do Xálima, en Extremadura? Visitamos As Ellas, San Martiño de Trebello e Valverdi do Fresnu (os Tres Lugaris) e aprendemos sobra a súa cultura, os seus costumes e a súa Fala, unha lingua que só se dá nesta zona e que se di que provén dunha colonización galega acontecida no século XII.

mércores, 12 de xullo de 2023

Explícoche matemáticas 2.0. Edición 2023

Xa choveu desde aquela 1ª edición do concurso no ano 2012. A proba do acerto deste certame é que foi copiado por outros SNL ( ETSEFacultade de QuímicaSNL da USC)  e que 11 anos despois continúa na fura de diante. 

Resulta que a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas  resolveu o concurso Explícoche Matemáticas 2.0 na edición do presente ano 2023. De seguido presentamos os gañadores:


Carmen Castelo Monteagudo, Inés Prado Justo e Noa Salinas González do IES Isaac Díaz Pardo, titorizadas pola profesora Beatriz Máquez Villamarín, proclamáronse vencedoras do certame ‘Explícoche Matemáticas 2.0’ cun vídeo de animación moi orixinal titulado ‘Cero e os infinitos’

   

 O segundo galardón foi para Carla Dopazo Pavón, que amosou moita desenvoltura diante da cámara rexida por Santiago Vilas Subirán. Ambos son do IES Eusebio da Guarda e presentaron o vídeo ‘Teoría de grafos en 2 minutos’. A titora foi Beatriz Sixto Rodríguez

Dous terceiros premios

   

 Un dos terceiros premios foi para Rocío Rodicio González polo vídeo que leva por título ‘Domingo Fontán’do Colexio Santa Teresa de Jesús (Ourense)

   

‘Teoría de grafos’, titorizado por Rosa Mª Álvarez Nogueiras, é o título do traballo de Lucía Yáñez Carrasco, Mónica Diz Rodríguez e Mª José Dosil Villavicencio, do IES Otero Pedrayo (Ourense)

luns, 10 de xullo de 2023

Xabier P. Docampo, o lóstrego do conto


 por Malores Villanueva en ProLingua:

Un lustro é o tempo que pasou dende que Xabier P. Docampo deixou de contarnos historias. Nestes cinco anos perdemos, de seguro, algunha narración que abrollaría do seu maxín para facer as delicias das persoas que agardabamos os seus libros coma, nestes días de tanta calor, anhelamos unha airexa. Sempre xeneroso, deixou dúas obras que se publicaron postumamente: O pintor cego, unha historia lendaria, de gusto clásico, que ofrece unha reflexión sobre a bondade e a xustiza; e os Contos de obxectos, que un imaxina na voz rotunda do autor, á vez que saca do peto as cousas das que fala, nunha posta en escena xa só soñada. 

xoves, 6 de xullo de 2023

Existe un problema lingüístico?


 por María Obelleiro no Nós Diario:

Si, na Galiza existe un problema lingüístico. Un problema lingüístico que é de carácter político e que leva a que se nos negue o dereito a vivir en galego, a que se perdan falantes no idioma propio e a que entidades de carácter ultraespañolista teñan vía libre para faceren apoloxía do odio e para apelaren a incumprir a lexislación vixente. Existe un problema lingüístico, gordo, aínda que nos últimos tempos ficara nunha marxe da axenda política. Non hai máis que ser conscientes da imposibilidade práctica de empregar con normalidade o idioma propio na meirande parte dos ámbitos.

 

sábado, 1 de xullo de 2023

Vémolo nós

Vémolo nós é un certame do SNL da USC que busca promover a través desta iniciativa a produción e a difusión de vídeos curtos e orixinais que fomenten o galego como lingua de divulgación científica. 

Na categoría de ‘Divulgación do Coñecemento’, impúxose o traballo de Alejandro Gómez Pazo titulado ‘Con: as dinámicas costeiras e cambio global’. ‘O cronómetro’ de Paulo Miguel Mouriño Pereiro, Celia Eiras Rubín e Estrela Ocaña Abadín foi o traballo vencedor na categoría ‘Descubrindo a USC’. Finalmente, en ‘A utilidade do galego’, volveu gañar Alejandro Gómez Pazo co traballo ‘A costa galega en galego’. 

Como observamos, unha vez máis, a sociedade galega vai nun sentido e a política lingüística da Xunta vén no contrario. Aquí temos o exemplo dun concurso que pula por abrir espazos en galego para a divulgación científica mentres nas consellarías manteñen a prohibición de impartir as clases de materias científicas en galego.


mércores, 28 de xuño de 2023

Como a política lingüística do PP destrúe o galego

Na manifestación de onte en Santiago de Compostela contra o desmantelamento do Ensino Público paseou esta pancarta que pon en evidencia a política lingüística do PP

martes, 20 de xuño de 2023

O Prestige 20 anos despois


Video documental de Rocío Romar e Luz Cures, do IES Urbano Lugrís (Malpica) no que se lembra a través de entrevistas aos protagonistas, como se viviu a catástrofe do petroleiro Prestige, afundido no ano 2002.

luns, 19 de xuño de 2023

40 anos da Lei de Normalización Lingüística


 por Henrique Monteagudo na Tribuna da RAG:

O 15 de xuño fanse corenta anos da aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de Normalización Lingüística de Galicia (LNL). Esta desenvolve o artigo 5º do Estatuto de Autonomía, que declara o galego "lingua propia de Galicia", dispón a súa oficialidade, proclama o dereito de coñecelo e usalo e contén un mandato normalizador para que os poderes públicos o promovan "en todos os niveis da vida pública, cultural e informativa". A partir da aprobación da LNL, o goberno galego centrou a súa política lingüística en fomentar o prestixio cultural da lingua, promover o seu uso nas administracións públicas, a educación, os medios de comunicación e a produción cultural, e mellorar as competencias e actitudes lingüísticas da poboación. O galego gañou novos ámbitos de uso, a maioría da xente sabe lelo e escribilo, a produción cultural florece. Hoxe temos galegofalantes cunha robusta conciencia lingüística, educados no seu idioma e capaces de desenvolvérense nel en todos os ámbitos da súa vida. Non obstante, o galego segue perdendo falantes, ten unha presenza pouco máis que testemuñal nos principais medios de comunicación, e os vellos prexuízos rebrotan, mentres xorden outros novos.