Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns 07 marzo 2016

Maio longo

por Xosé Rodríguez, no Praza Pública:

"O PP sempre estivo nas convocatorias a favor da lingua galega, e mesmo as promoveu” é o titular da entrevista que lle fixo Xurxo Salgado (@xurxosalgado) a Valentín García, para o Galicia Confidencial, e que, a primeira hora da mañá, me saltou do twitter aos ollos como a navalla de Buñuel.
Foi o mesmo día que rematou co agradábel vídeo de Lúa, a filla de 3 anos dunha benquerida amiga, que recitaba a Rosalía co xenio da artistiña que leva nese corpiño de nena resolta (hai futuro).
De seguido lembrei cando, nos albores do milenio, a nosa Alba invocaba as cores: “afun”, “meneno”, “amaleno”, primeiras palabras que a Ana e máis eu celebrabamos engaiolados con afouteza de seareiras enfeitizadas, coma dous seres que sufriran o encantamento da fórmula do conto, como corresponde á audacia propia do incomparábel amor que se sente por unha filla.
Polo medio coñecín á Amalia que, entre o “lonxe” que lle aprenderan na casa e o “lejos” da escola, optou por transaccionar un “longe” que as maiores lle riamos á nena polo que tiña de solución perspicaz e lle maldiciamos á escola polo seu labor castelanizador.
Deume para botar a vista atrás como parte das primeiras xeracións que tivemos aulas en galego, lingua que na miña casa falaba todo o mundo con naturalidade e que na escola se convertía nunha complexa disciplina que, ao igual que o inglés, se aprendía a partir do castelán: “traduza para o galego o seguinte texto en castelán” e, como sucedía co inglés, o seu uso na aula só era preceptivo para contestar ao que se preguntaba nos exercicios.
Xa sei que o que conto xa está visto e vivido, que calquera persoa que lea isto, coas variantes xeográficas correspondentes, pode identificar a situación; por iso volvo ao principio: mente o señor García, don Valentín. Dos 35 anos de post-franquismo que van desde o ano 1981 ao 2016, en que estamos o PP, coas súas marcas (Alianza Popular e Partido Popular) gobernou 28, polo tanto é responsábel de todos os fracasos nas políticas estratéxicas –esas que non se poden virar nunha lexislatura- entre as que poderíamos citar a forestal e outras, e entre as que tamén está a política lingüística. O actual presidente da Xunta e os seus secuaces, entre os que está don Valentín, racharon o consenso sobre o uso do galego no ensino impondo un novo decreto para saciar a cobiza dos avogan pola ignorancia, eses nacionalistas españois que esixen o seu dereito a descoñecer, a ignorar, a ser incompetentes na lingua dos seus avós; ou, como dixo moito mellor do cá min, Celso Emilio:
patufos desleigados,pequenos mequetrefes sen raícesque ao pór a garabata xa non sabenafirmarse no amor dos devanceiros
Hai abundante bibliografía sociolingüística á que me remito. A intención deste artigo, lonxe da historia da lingua ou da sociolingüística, é a de empoleirarme no titular que deu este representante público para, nas palabras de Rosalía na voz da Lúa, invocar o futuro, chamar pola xente para que se sume ás que si levamos estando nestes 35 anos a favor da lingua galega, cada unha coa nosa responsabilidade e capacidade. Porque o futuro da lingua, que sobreviviu na fala da xente a séculos de opresión e prohibición e ausencia de escrita, depende agora de nós, de cada unha das persoas que habitamos esta terra e que amamos e reivindicamos o saber. Está visto que as que viñemos loitando pola pervivencia da lingua seguimos a cumprir, mais non chegamos. É preciso seguir sumando falantes, vencer resistencias, tecer complicidades. Por iso, Sr. García, se, a partir de agora, están, de verdade, por contribuír á normalidade do uso da nosa lingua serán benvidos.
Somos moitas e constantes as que si levamos estado sempre nas convocatorias a favor da lingua galega: escritoras, poetas, xentes da música, algúns medios de comunicación (Praza Pública, Sermos Galiza, ou o propio Galicia Confidencial onde se recolle a entrevista que dá lugar a este texto), institucións (a AGAL, A MESA, a RAG... ), editoriais e tamén as equipas de normalización lingüística dos centros, que fan un intenso labor de base, imprescindíbel, fomentando o amor polo galego. De feito as propias equipas de normalización lingüística, son, a un tempo, a solución e o síntoma: que país cuxa lingua non estea ameazada e perseguida as precisa?
E son tamén miles de persoas anónimas, de toda clase, condición e credo, as que fan que o galego siga a ser unha realidade mediante o seu uso diario, mesmo dunha forma inconsciente, desprovista de calquera compromiso militante, coa naturalidade de quen tan só fala na súa propia lingua, na que lle deron as súas devanceiras.
Maio longo todo cuberto de rosas, como a Lúa, como a Olimpia de Vilar de Parada, a miña mai, ou a benquerida tía Lola que, ademais, falaba inglés porque tivo que ir traballar a London.

Ningún comentario:

Publicar un comentario