Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 13 de marzo de 2016

Orgullosa de falar galego

Carta de opinión de M. X. Blanco, en La Voz de Galicia:

Eu, que mamei o galego desde pequena, emprégoo en todos os eidos da miña vida e achego o meu grao de area para perpetualo a través dos meus fillos, asisto con tristura a un fenómeno que semella non ter volta atrás. Os resultados das enquisas máis recentes revelan que o número de persoas que recorren á lingua nai para comunicarse redúcese de xeito alarmante, pero non fai falla botar man destes ou outros estudos para confirmar unha realidade que é evidente. No parque, na escola ou en calquera actividade na que se xunten un grupo de nenos é doado comprobar que o galego non atravesa o seu mellor momento e que o futuro non é nada esperanzador.

Non é só que os futuros mestres, médicos, avogados, albaneis, camioneiros e enxeñeiros empreguen o castelán para comunicarse, senón que pais e avós afánanse en falarlle aos seus descendentes a lingua de Cervantes aínda que a algúns, que de lonxe se ve que medraron co galego, ese empeño os leve a cometer continuos erros lingüísticos que, en casos, rozan o ridículo. A min gustaríame poder desvelar o misterio, saber cal é o escuro motivo polo que esta estampa se repite a diario nas grandes cidades de Galicia pero, cada vez máis, en localidades pequenas como as de Barbanza.
Podo xustificar que aqueles que viviron a censura idiomática en carne propia optaran no pasado por educar aos seus descendentes en castelán, temerosos de que a historia se repetira ou sinxelamente convencidos de que un futuro de proveito pasaba obrigatoriamente por afastarse do galego. O que nin sequera son quen de entender é que hoxe en día, en pleno século XXI e nunha sociedade máis aberta que nunca, haxa quen renegue da súa lingua nai.
Eu, que pertenzo a unha xeración que tiña case como meta obrigada o paso pola universidade, son testemuña fiel de que tamén os que falan galego son quen de forxarse un futuro digno profesionalmente, de chegar a ocupar postos de responsabilidade e mesmo de valerse por si mesmos cando se ven obrigados a abandonar Galicia. A escusa de que só o castelán abre portas hai tempo que quedou desfasada e a que empregan aqueles que queren facerlle ver ao resto que aos seus nenos, a esas esponxas ávidas de deixarse empapar por coñecementos, lles custa convivir con dous idiomas cae polo seu propio peso.
¿Que leva entón a unha persoa de hoxe en día a avergonzarse do seu idioma, das súas raíces? Supoño que aqueles que teñen a resposta non están dispostos a compartila. Pola contra nós, os que contra vento e marea seguimos empregando o galego, non temos reparo en saír na súa defensa. Sabemos que a batalla é dura, pero é un orgullo loitar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario