Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 18 de marzo de 2016

Quen pode non amala?

por Celia Armas García, no Sermos Galiza:

Eu teño unha ferramenta. Unha ferramenta case única, pouca xente (poucos miles, algún millón) a posúe. A miña ferramenta é moi práctica: úsase para todo o que calquera poida imaxinar. A ferramenta é grande, enorme, ten un tamaño realmente impresionante. Mais a ferramenta é á vez miúda, pequeniña, doce, suaviña. Podo empregar a ferramenta de día e de noite, no solpor e no amencer, polo lusco e fusco e máis pola mañanciña. A ferramenta serve para comer, como quen di para xantar, para o almorzo, sexa pequeno ou grande, para merendar, para tomar a parva, para a cea, para as paparotas, as enchentas e as revodas. Unha ferramenta multicolorida e multiforme, que se malea, que se adapta, permeábel, fluída, cambiante. Esta ferramenta tamén é antiga, tamén é de toda a vida, tradicional, logo. Aínda así a ferramentá está de plena actualidade, é moderna e está á última. É algo lampantina esta ferramenta, gusta moito da troula, do balbordo, das festas e das romarías. Mais non só: a ferramenta consola na dor, nas desgrazas e nos velorios, na enfermidade e na pena, mesmo na penuria. Gusta a ferramenta de axudar, sempre podes contar con ela. Cando emprego a miña ferramenta sempre me sinto acompañada, aínda que estea soa. Os meus fillos están aprendendo a usala, a ferramenta, e eles incluso lle dan outra saídas: xogan coa ferramenta, fabulan con ela, berran, saloucan, consólanse… Porque esta é unha das propiedades máis gorentosas da miña ferramenta: serve para amar, para bicar, para acariñarse, para se apertar, para acubillarse ao calor da casiña, para mirarse, para escoitarse, para sentirse. Para todo, serve esta ferramenta antiga e poderosa!

De tan rebelde e orgullosa hai quen a ve como ameazante á miña ferramenta. Perigosa. Por loitadora. E por rebelde. E por teimuda. Como pode ser, sendo como é a miña ferramenta miña e de cada un? Como pode ser, se non hai obra máis compartida, máis convivida? É das que somos, de todos os que foron, incluso de todas aquelas que estaban aínda moito antes. E, sobre todo, da xente que virá, da que está comezando a ser e a estar, daquela que nin aínda imaxina que existirá. E todos os que somos, todas as que somos, temos un compromiso coa nosa ferramenta, un compromiso que adquirimos só por termos nacido aló onde ela existe, aló onde ela é. Temos que luíla, temos que pulila, temos que erosionala, temos que gastala ben. Temos que empregala tanto que cada vez brille máis. E terá máis usos, a ferramenta, á forza de a usar. E terá máis utilidades canto máis útil se nos semelle. A miña ferramenta, a túa ferramenta... Quen pode non amala?

Ningún comentario:

Publicar un comentario