Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 8 de marzo de 2016

A desfeita de Flocos.tv

Na madrugada do 28 de febreiro do 2011, sen aviso ningún, pechou o portal do audiovisual galego Flocos.tv. Chegara a ter picos de 10.000 visitas diarias. Estivera aberta durante dous anos e tres meses, pero tanto foi o seu éxito que aínda hoxe, cinco anos despois sentimos o enorme burato que significou o seu peche.
Desde Flocos.tv tivemos acceso a máis de 350 vídeos en streaming, presentación da que era un portal pioneiro.  No momento da súa desaparición había agardando 300 filmes preparados para subir á plataforma, pero estaban parados porque a Xunta deixara de pagar o mantemento desde a toma de posesión de Feijóo como presidente.
Flocos.tv era tamén unha rede social con 1800 membros rexistrados que poñía en contacto ao público cos creadores. Tanto foi o seu éxito que non tardou en ser recoñecida co premio Mestre Mateo á mellor obra interactiva en 2008.
Por se todo isto fose pouco, é moi certo o que a profesora Pilar Ponte destacaba como quizais a máis importante virtude dese portal:
era un impresdindible e insubstituible material pedagóxico e un lugar común onde toda a cidadanía podía gozar do patrimonio filmográfico galego.
Ligazóns da AGADIC
Como exemplo da utilidade daquel portal tiñamos o imprescidible documental Linguas cruzadas, (desaparecido en Canle.tv), que viña acompañado dunha unidade didática (antes tamén accesible no portal da SXPL, agora tamén desaparecida dalí)
Entón, por que se pechou? Xaime Quintanilla, o que daquela era director dun Consorcio Audiovisual Galego que recibía multitude de críticas por levar paralizado desde a entrada de Feijóo no goberno, explicaba nunha entrevista que estaban traballando para que "Flocos.tv tivera continuidade". A entrevista facíase tres semanas antes do peche da plataforma audiovisual. O certo que que Foclos.tv desapareceu e nunca se deron explicacións. Ante as protestas e o escándalo xenerado pola decisión a Xunta decidiu volver a poñer en marcha outro portal, Canle.tv. Fíxoo un ano despois,  Martin Pawley  desde o princiapio poñía en dúbida a funcionalide do proxecto: "nace como un depósito tristeiro do pasado", con escasa información de cada filme, con moitas menos entradas (120 fronte a 350), ademais entradas anticuadas xa desde a súa inauguración e sen a interacción social que permitía Flocos.tv. Pero o peor non é iso.
Para culminar a desfeita, Canle.tv ao cabo duns poucos meses fica abandonado. A última entradas son de finais do ano 2012. Desde aquela, leva máis de tres sen actualización. Tal é a larafuzada que representa Canle.tv que nin a empresa encargada da súa posta en funcionamento, ACV Galaica  fai referencia ao portal que creou para a AGADIC. Supoño que estarán avergoñados.

Cinco anos despois
Pasaron cinco anos. Cal é o panorama agora?
Podemos pechar os ollos e tragar toda a zaragallada que se argalla desde a Xunta. Pero basta dar un paso e ir ao portal da AGADIC para comprobarmos que hai unha serie de iniciativas ás que podemos acceder (as da imaxe da esquerda): galescena.info ,  cinemas de Galicia,  Galicia Escena Pro, ao Centro Dramático Galego, ao Centro Coreográfico Galego, ao CGAI, a galiciantunes, ao European Acoustic Herigage, ao proxecto creativa ou ao portal da Consellería de Cultura, Educación e O.U., pero Canle.tv non aparece por ningunha parte. Ulo?
Como cadáver fedorento podemos acceder a el aquí. Pero é imposible chegar a el desde o portal da AGADIC. Se alguén aínda tiña dúbidas, que as vaia despexando. A única razón da creación da Canle.tv era a de amortecer as críticas polo fulminante e nunca explicado peche de Flocos.tv.
A pregunta fundamental foi sempre, e ségueo sendo agora: por que se pechou Flocos.tv? Eu só acho unha resposta. Fíxose para minorizar a identidade galega, para que os galegos non nos sintamos orgullosos de nada feito por nós e en galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario