Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 15 de marzo de 2016

Ordenanza do galego, si

por Antón Bao, no portal do BNG de Lugo:

Lugo, no ano 2012, cando se aprobou a ordenanza de uso do galego, era unha das dúas cidades galegas que non tiña establecido ningún regulamento que especificase os criterios á hora do emprego do idioma. A ordenanza, posta en marcha naquel pleno do 7 de maio do 2012, dá garantías a todos os servizos do Concello para o emprego tanto oral como escrito da lingua galega. Ademais, foi aprobada por unanimidade o que non só avalaba naquel intre a posición do goberno senón de toda a corporación formada por PSOE, BNG e PP (unha aperta a Arcadio Silvosa polo seu interese e traballo a prol desa unanimidade).“En Galicia, onde a inmensa maioría da poboación fala ou entende a súa lingua, as corporacións locais poden e deben desenvolver accións encamiñadas a recuperar o noso idioma para os usos administrativos. A lingua galega precisa o recoñecemento oficial previsto nas leis para que os complexos lingüísticos presentes na nosa sociedade desaparezan. O papel que xoguen os concellos resulta de gran relevancia en calquera proxecto oficial que busque unha grande efectividade social, por seren institucións de enorme espallamento e as máis próximas á cidadanía”.Esta parte do preámbulo da ordenanza deixa claro o obxectivo que se pretendía con ela. Entendíase por parte de todos que a situación do galego, con perda continuada de falantes e usuarios, precisaba e precisa de compromisos claros das administracións públicas. Ese paso dado polo concello é un exemplo da responsabilidade contraída para co noso idioma.Unha ordenanza sobre a nosa lingua nun concello ten, por un lado, o valor simbólico de amosar o compromiso desa institución para co noso idioma, co valor engadido da de Lugo terse ratificado por unanimidade naquela altura (e agora parece que tamén). Compromiso que, ademais, está indicado claramente en leis e normas de rango superior: Estatuto de Autonomía, Lei da Administración Local de Galicia, Lei de Normalización Lingüística, Plan de Normalización Lingüística.Por outro lado, ten o valor práctico de regular, organizar, planificar (como se queira chamarlle) todo o que rodea o emprego da lingua nos actos e relacións do concello. Exactamente igual que existen leis, normas, ordenanzas, para protexer e impulsar outros elementos importantes do noso patrimonio cultural, véxase a Muralla de Lugo, ou medioambiental, véxase o río Miño.Esta ordenanza non vai contra nada. Ao contrario, pretende axudar ao máis débil. E o débil hoxe en día, e cada vez máis, é o galego. Unha lingua que perde falantes, sobre todo nas xeracións máis novas, está nunha situación grave en canto ao seu futuro pois rompe a súa cadea de transmisión: se nenos e nenas de agora non o falan, mañá evidentemente non llo transmitirán aos seus fillos e fillas. Non vou citar aquí a abundante información obxectiva, estatística que avala este argumento por que se pode atopar por múltiples vías ou coa constatación directa da anemia da lingua galega que hai que solucionar con transfusións de compromiso con ela.Isto non o soluciona a ordenanza do galego do concello de Lugo por si soa, pero si é unha achega máis das moitas que aínda se deben facer para, polo menos, chegar a esa igualdade entre as linguas da que tanto se fala dende moitos sectores, pero que está lonxe de existir hoxe en día. Por que normalizar a lingua significa recuperar o seu uso en todos os ámbitos. A normalización lingüística é un proceso que ten como protagonista principal a sociedade galega e que os poderes públicos teñen a responsabilidade de apoiaren e promoveren, como fai e fixo daquela o concello de Lugo con esta ordenanza.Unha reflexión que debemos facer é aquela, constatada, de que nos catro anos de existencia desta ordenanza de uso do galego, non houbo ningunha queixa sobre ela en ningún ámbito de Lugo, nin daqueles que manteñen relacións administrativas co Concello. Dito doutro xeito, non provocou ningunha crítica, ningún conflito, agás de alguén que dende centos de quilómetros de Lugo presentou un recurso, creo que inspirada unicamente pola máis absoluta intransixencia e sectarismo.Perante situacións de conflito sempre agardo que impere o sentido común e a razón obxectiva. Creo que o sentido común significa que todo isto quede só nunha mala noite e que a ordenanza do galego siga viva dando algo de osíxeno á nosa lingua.Podería rematar escollendo variadas citas arredor do asunto, de Castelao e o seu por que somos galegos?, de Cunqueiro e as súas primaveras, pero prefiro deixalo en algo máis prosaico aínda que importante: ordenanza do galego si, por que non?

Ningún comentario:

Publicar un comentario