Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 24 de marzo de 2016

O silencio da crítica fronte á mellor obra lírica de Manuel María

por Manuel López Foxo, no Terra e Tempo:


Quero tocar hoxe só un aspecto concreto, referido ás dificultades que Manuel María tivo para consolidarse como poeta e escritor galego. Analizarei, nos próximos meses, outros aspectos do poeta.

Afirmo sen dúbida algunha que o noso home foi o poeta máis popular da Galiza desde a posguerra. Podemos concretar aínda máis: desde os primeiros libros da súa ampla produción, aló polos anos cincuenta. Por que? Pola súa personalidade comunicativa: aberta, agradábel, animosa, viva, ilusionada, sinxela... á que lle axudaba a súa atractiva presenza, a voz timbrada, a sabedoría, a inmensa cultura e a memoria. Unha memoria fabulosa que eu sempre admirei. E humanizábase aínda máis, en contraste, cando contestaba con acesa ironía a quen trataba de soterrar ou disimular as súas orixes populares, o acento, o idioma propio... o saber popular. Non podía resistirse a ouvir iso de "tomar un vino del ribero" sen contestar, como el mesmo dicía, alporizado.
Estas características foron formando ou construíndo, aparte da comunicación cos demais, a súa obra literaria. Relación íntima, pois, entre o que se produce literaria e vitalmente, e o esforzo e traballo para que os demais participen diso, lle dean o sangue e o fagan vivo. Pode existir o creador sen o lector?
Cantos quilómetro andou, cantas horas investiu na cátedra, conversa ou chamada de quen o reclamase? Cantos cartos (e non lle sobraban precisamente) gastou nas incontábeis viaxes tamén para axudar á construción da nación, do mitin ou da reivindicación? Nisto estivo a chave da popularidade de Manuel María. E así foi a súa presenza constante nos centros de ensino, universidades, asociacións de todo tipo, principalmente culturais... fábricas ou cantinas do rural. E non falo dunha simple presenza regular no tempo, senón constante, activa, como quen ten a axuda e aportación para os de mais como traballo e esixencia. El quería un pobo consciente de si mesmo e orgulloso da súa historia, un pobo culto que soubese das súas raíces e do seu papel no mundo. Que fose, na súa diferenciación, libre.
Precisamente por esa actitude reflectida na súa obra enfrontouse a moitos problemas, el e tamén Saleta, o seu amor de labarada. O camiño non foi de rosas precisamente. O autor máis prolífico na nosa historia tiña problemas para publicar e as editoriais con máis medios non foron precisamente quen o axudaron. Cóntanse cos dedos das mans os libros que lle editaron. E tampouco os oficiantes de críticos, en termos xerais, o loaron ou animaron. El, que cultivou todos os estilos e temáticas, que foi rompedor tamén na poesía, era definido como un poeta ruralista, prosaico e tradicional.

Ao par, a oficialidade culturalista e política, tanto do franquismo como da democracia, abourouno incansabelmente pola súa batalla irrenunciábel a favor do idioma e dos dereitos sociais e nacionais de Galiza. A súa obra nunca se afastou do seu contexto xeográfico e social. E isto non gustaba. Había que actuar, seica, como se os problemas do noso mundo, o futuro da nosa literatura, coa morte do ditador, quedasen xa solucionados.
A pesar diso, os seus libros ou traballos foron saíndo desde diversos campos sempre populares: na emigración, nas pequenas editoriais do país, nas asociacións culturais ou veciñais, en centros de ensino, nas programacións de partidos e organizacións nacionalistas (AN-PG, UPG, BNG, CIG, CC.LL.), e polo traballo tamén dun bo número de persoas sen as cales os camiños e popularización da obra do noso poeta acabarían, en moitos casos, silenciados. Aínda sendo insuficiente a seguinte persoalización que habemos tomar só como unha pequena representación de centos de homes e mulleres máis, por se se esquece agora ou se ignora, quero dar un exemplo de quen dedicaron moito do seu traballo e mesmo da súa vida a Manuel María (e uno isto con quen, no persoal, compartiron tamén dun xeito profundo a súa amizade): Francisco Rodríguez, Pilar García Negro, Manuel Raxo, Felipe P. Buxán, Bautista Álvarez, Alberte Ansede, Marica Campo, María Calvo, Afonso Branco, Miguel Anxo Fernán Vello, Camilo Gómez Torres, Suso Vaamonde, Mini e Mero e A Quenlla, Felipe Senén, Manuel L. Foxo, Manolo Fernández, Raúl Río, Francisco Pillado e Noli, ou a familia da casa de Hortas, Xosefa e Carmiña, Tonecho e Mª Paz... sobre os que se ergue, obviamente, a figura de quen foi o seu amor, o pilar sobre o que Manuel María se sostivo: Saleta.

Eles e elas son o corazón do poeta, quen máis saben del, quen máis o coñecen, como neses longos anos da súa vida teñen demostrado, con libros, estudos, comentarios e accións. Sería fermoso, pois, que neste feliz ano de 2016 no que celebramos a dedicación do Día das Letras Galegas á súa figura, estes homes e mulleres foran aproveitados para que compartisen connosco ese traballo feito, e que o mesmo servise tamén para fortalecer a súa obra e o amplo coñecemento da mesma. Non temos agora, practicamente, aquelas editoriais que abriron camiños diversos e plurais na nosa literatura, un exemplo máis de como nos últimos anos fomos perdendo até a posibilidade de comunicarnos a través do libro, do libro libre, do libro da palabra nosa, amor sempre ilusionado de Manuel María. Pero temos, como el, a ilusión e a forza do amor e do cariño por ser liberadores, e, como non, a forza da nosa conciencia e da nosa fidelidade. Acaso a nosa valentía e coherencia.
Que a obra do noso poeta non caia, pois, en xardín dun día, no oportunismo de quen nunca o amou nen creu nel, nen nunha oficialidade de clan que mide os resultados según a súa comenencia.

Que o voso primeiro brinde, lectores e lectoras, a partir de agora mesmo, sexa con viño de Amandi e por el. Chin chin. Por Manuel María e o seu mundo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario