Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 13 de marzo de 2016

Coruña imposible



Cando fun mirar no blogue Son de noso, do ENDL do IES de Curtis (blogue que recomendo vivamente que o sigades) non esperaba atopar esta sorpresa da que gosto especialmente pois permíteme facer unha entrada tanto neste blogue como no que teño de matemáticas.
Precisamente entre a curiosa comunidade do profesorado de matemáticas é moi coñecida a figura do artista neerlandés Maurits Cornelis Escher, autor de gravados que se usaron mil e unha veces para ilustrar conceptos como o da recursividade. Exemplo destacado disto é o libro de Douglas R. Hofstadter, Gödel, Escher, Bach: An Eternal Golden Braid, libro galardoado co Púlitzer no 1980.
A obra de Escher é o eixo arredor do que xira esta curta multipremiada, que, entre outros, recibiu o premio da IGAPI á mellor curtametraxe no 1995-96 e no ano 2000 foi considerada polo CGAI como a mellor curta de ficción dos anos 90.
Decontado pensei que esta peza audiovisual podería formar parte dun proxecto que veño seguindo durante todo este curso. Trátase de Curtas.gal, Os xoves, na biblioteca do IES Félix Muriel (Rianxo) proxentan unha curga galega. Unha iniciativa que debería ter imitadores en moitos outros centros e que conta xa cunha boa escolma que podemos consultar aquí.
"Coruña imposible", dirixida por Paco Rañal, era unha das pezas que formaba parte de Flocos e que desapareceu no exiguo catálogo da esquecida e inútil substituta, Canle.tv. Ante este panorama o propio director decidu subila ao You Tube 

4 comentarios:

  1. Grazas, Cibrán, as simpatías e antipatías acostuman ser mutuas. Eu sempre lles digo aos meus alumnos e coñecidos: pero ti non coñeces Carta Xeométrica??, :-).
    Coma ti, animo aos centros a dar a coñecer o noso audiovisual. En Curtis, hai tres cursos tiñamos unha sección semellante á do Félix Muriel, chamábase Recréate coas curtas e proxectabamos todos os luns. Aínda que tiña un público moi fiel, resultaba complicado competir co patio... Dende aquela fomos ensaiando distintas fórmulas e, a deste ano, Son curtas, está a dar moi bo resultado, e xa hai alumnos que din que isto de ver curtas é un vicio...! E xa se sabe que os vicios coma este, cómpre ben potencialos.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas a ti, por estas palabras e por nos achegar esta curta.
      Nós pensamos facer iso das curtas no primeiro trimestre, pero ao final non o levamos adiante. Sería boa cousa compartir información sobre as curtas que se proxectan nos centros que se leva adiante esta iniciatirva. Seguramente sería unha idea que tería difusión. E xa que esfandangaron o Flocos, non estaría mal crear unha base de datos co audiovisual que está na rede.

      Eliminar
  2. Pois claro que sería boa cousa! Estou segura de que somos moitos os que estamos levando a cabo esta actividade e a idea debémoslla, como tantas outras, á CGENDL que no curso 2010-2011 propúxonos aos centros unha actividade que se chamaba Semana das Curtas. En colaboración co IES do Audiovisual de Vigo ofrecían unha plataforma para a descarga de curtas e unha listaxe con teléfonos e correos electrónicos de directoras e directores galegos. Sumámonos moitos e foi moi ben recibida.
    A perda de Flocos foi dolorosa, coma tantas outras iniciativas que estaban a xermolar e se decapitaron gratuítamente. Plataformas que recompilen o audiovisual galego, a partir de aí, naceron moitas (na pestana Audiovisual de Son de Noso enlázanse varias) e aloxan un bo número de producións. Pero o problema, ao meu ver, é que se trata de repositorios estancos, que non permiten interactuar e que non teñen a forza de Flocos!
    Animádevos e se non é este curso facédeo para o que vén porque é unha actividade agradecida.

    ResponderEliminar