por Xoán Antón Pérez Lema, no Praza Pública:
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a medio dunha sentenza profusa, confusa e difusa, ven de estimar parcialmente o recurso contencioso interposto por unha coñecida organización contraria á nosa lingua a respecto da Ordenanza Municipal sobre uso do galego no concello de Lugo, aprobada no 2012 por unanimidade (PP. PSOE e BNG). A sentenza non foi quen a interpretar a xeito os preceptos do noso Estatuto e das nosas Leis de normalización lingüística e de Administración Local de Galicia, creando un perigoso precedente para inviabilizar determinadas medidas de discriminación positiva a prol da nosa lingua, que é a propia do noso País e a que soporta unha moi minorizada posición, alicerzada tamén por unha insuficiente protección legal.
O fallo anula as obrigas de uso do galego impostas aos concesionarios e contratistas, por considerar que non se pode vulnerar o dereito de opción lingüística dos cidadáns e emprtesas privadas. Esquece clamorosamente o TSXG un principio básico do Dereito Administrativo que distingue entre cidadáns en xeral e persoas suxeitas a unha relación de suxeición especial. Concesionarios e contratistas atópanse neste último suposto e, xa que logo, é perfectamente legal esixirlle un comprotamento lingüístico determinado. Como acertadamente afirma a recoñecida administrativista da USC, Alba Nogueira, deste xeito dase o paradoxo de que se recoñeza a externalización dos servizos públicos no ámbito local (blindada pola Lei de modernización dos gobernos locais aprobada polo PP) como fonte lexítima de discriminación dos nosos dereitos lingüísticos.
Mais o fallo xudicial vulnera a protección legal da nosa lingua noutros importantes aspectos, ao prohibir a sinalización monolingüe en galego ou o uso preferente da lingua tanto na atención ao cidadán como na formación específica do persoal. Para máis anula o concepto “ámbito lingüístico”, descoñecendo que en Galicia o galego é lingua plenamente oficial e subordinando de feito a nosa lingua a unha posición preeminente do castelán en todo o Estado, que non atoparía cumprida excepción no noso territorio.
Mentres o TSXG acertou claramente ao eximir no IRPF do transmitente os pactos sucesorios subscritos en vida do mesmo, na cuestión lingüística ven de se trabucar gravemente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario