Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 21 de marzo de 2016

Outros gorentosos blogues de cociña

Hai uns poucos días soltaba neste espazo da arañeira unha recompilación de blogues galegos de cociña. Para facer aquela entrada non fixera outra cousa que recoller os blogues que visitara recentemente e que seguía a través do blogroll que teño aquí á dereita. Nesa mesma entrada dábanme a referencia doutros dous blogues.
Un deles, cervexeando, xa o coñecía; incluso estaba tamén no blogroll, pero esquecérame del porque había un par de meses que non se actualizaba. Ten un listado alfabético de receitas que facilita moito a búsqueda, ademáis non só nos achega receitas, senón que as introduce con saborosos comentarios. Tamén podemos atopar entradas sobre novas gastronómicas, encontros, eventos,... E finalmente, ofrece unha curiosa ferramenta dixital que nos permite descargar as entradas en PDF.
O outro blogue do que me daban a referencia era Alicia entre receitas, que nos mostra como preparar masas e postres. Como axuda ofrece algunhas fotos de varios momentos da preparación dos pratos.
Con este lote no fardel, comencei a procura dalgún outro blogue, na seguridade de que, debido á miña pouca dilixencia ao facer búsquedas na anterior entrada, tería que acabar atopando. E así foi. Pero non sen traballo, xa que o que acabei constatando é o pouco asumido que ten a sociedade a imporrtancia da normalización da nosa lingua. Así pois, cando un busca blogues galegos de cociña acabará atopando unha chea de blogues de xente de aquí pero que fai renuncia expresa do galego para construir o seu blogue, De aí que a existencia, e resitencia, destas bitácoras galegas (=en galego) que poidamos atopar pola arañeira teña un mérito realmente centuplicado.
Nesa pesquisa o primeiro que atopei foi A cociña do meu avó, e aínda que ten entradas con toda clase de comidas, destacan as receitas mariñeiras. A súa autora mantén outro blogue paralelo en castelán, desafortunadamente hai xa varios meses que non actualiza o blogue en galego.
Pola contra, Horta e receitas de cociña, que levaba un tempo sen actividade, volveu a publicar unha entrada recentemente. Facendo honra ao título do blogue, adica varias entradas ao coidado da súa horta.
E aquí acababa todo. Daquela mirei se o exitoso programa da TVG, Larpeiros, non deixaría algún ronsel na rede. Efectivamente, ademais do seu portal no web da televisión galega publican receitas na súa páxina de facebook. E non só iso, unha das colaboradoras do programa ten un portal adicado á cociña: Lambetadas con Merchi, cun aspecto moi profesional, pero que parece que quedou fanado xa que eu só lle vin un par de receitas.
Como sobremesa a esta entrada, vai esta canle de vídeos, subidos no 2014. Pertencen a un programa da Consellería de Sanidade, Xente con vida, no que se dan consellos sobre a alimentación e o exercicio físico. Hai un total de 40 vídeos nos que comenzan cunha explicación das propiedades nutricionais dos alimentos para pasar a explicar como elaborar unha receita de cociña.



Ningún comentario:

Publicar un comentario