Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 27 de marzo de 2016

Vasoirar todas as tebras

por Marta Dacosta no Terra e Tempo:

Este vinte e un de marzo celebramos o día internacional da poesía, unha data instituída en prol da diversidade lingüística e a posibilidade de expresión das linguas ameazadas. Eu tomo a data como celebración da poesía en por si, porque esta forma de expresión merece ser conmemorada, mais tamén como unha oportunidade de festexarmos a nosa lingua, e de facelo relendo a poesía de noso, especificamente a que nos fala do noso idioma.
Por iso recollín a proposta da Fundación Manuel María de celebrar a data compartindo versos do noso poeta. O meu poema foi “Canción para cantar todos os días”, ese que comeza dicindo: “Hai que defender o idioma como sexa” e logo di:

“Seríamos, sen fala, unhos ninguén,unhas cantas galiñas desplumadas.Os nosos inimigos saben benque as palabras vencen ás espadas.O idioma somos nós, povo comun,”.

Pertence ao libro Cancións do lusco ó fusco, polo que sempre sentín unha especial inclinación.
Este poema, e o libro, estaban escritos en 1968, xa logo farán o medio século. Nese ano as Cancións do lusco ó fusco foron presentadas á censura que autorizou a publicación, mais suprimindo precisamente este poema. Os censores non querían que o libro dixese que:


“Hai que defender o idioma como sexa:con rabia, con furor, a metrallazos.Hai que defender a fala en loita rexacon tanques, avións e a puñetazos.
Hai que ser duros, peleóns, intransixentescos que teñen vocación de señoritos,
cos porcos desertores repelentes,cos cabras, cos castróns e cos cabritos.
Temos que pelexar cos renegados,cos que intentan borrar a nosa fala.Temos que loitar cos desleigadosque desexan matala e enterrala.”
Mais a censura non puido impedir que o poema se publicase, e por certo ao mesmo tempo có propio libro ao que pertencía, ambos os dous no mes de xuño de 1970. Foi nunha revista escolar, Aturuxo, do Colexio Santa María de Ourense. Di Camilo Gómez Torres en Manuel María: os traballos e os días (2001): “Os teimudos manexadores das tesoiras da censura franquista non poderían sospeitar que o noso poeta ousase entregar a unha revista escolar un poema tan “Subversivo”. Cabería dicir que os camiños da liberdade son impredicíbeis”. A cousa foi que o libro comeza publicarse tamén con este poema a partir de 1972, nas edicións que do libro se farían noutras linguas (foi publicado en francés, bretón e holandés), o que, para Mercedes Queixas Zas, “acrecenta o valor e intención do silenciamento ao que aquí estivo exposto.” (Labrego con algo de poeta, 2016).

Camilo Gómez, relaciona a escrita deste poema censurado coa participación de Manuel María na mesa redonda “A problemática do escritor galego” no Círculo das Artes de Lugo, o 19 de maio de 1967. “Mais á altura de 1967, Manuel María, ao denunciar aos “oportunistas” e “progres”, está a proclamar a necesidade dun compromiso total coa lingua: ten claro, ben claro, que non abonda xa con escribir en galego; tampouco abonda escribir sobre Galiza… é necesario un paso máis, porque o problema da lingua é o problema de Galiza.” (Camilo Gómez Torres, O tempo vital de Manuel María, 2005).
Ironías da vida, aquel poema censurado durante o franquismo e que chegou ás e aos lectores a través dunha revista escolar, foi censurado case corenta anos máis tarde (2007) noutra revista escolar, En galego,… máis e mellor do CEIP de Randufe (Tui). Houbo no centro quen sostivo que o poema incitaba á violencia (alguén que esqueceu as figuras retóricas e a historia da lingua), e esixiu que se eliminase. O responsábel do Equipo de Normalización negouse a esa censura e a revista non foi distribuída polo centro entre o seu alumnado. “Temos que loitar cos desleigados”, dixera o poeta.
Os censores franquistas eliminaron o poema, van intento, pois esta amputación non minguou o ton reivindicativo do conxunto, un conxunto en que se insire o marabilloso “Canción pra agardar un novo día”, poema este que ben poderíase ser un himno, ou Canto de esperanza, como o renomeou A Quenlla ao escribirlle Xosé Luís Rivas Cruz, Mini, as partituras, en 1986.

Este poema, como outros de Cancións do lusco ó fusco, resume no seu significado simbólico a necesidade dun tempo, a necesidade de opoñerse á opresión, de loitar, a necesidade de vencermos a opresión e camiñarmos cara á liberdade. E para expresalo Manuel María recorre á contraposición dos símbolos da escuridade e da luz. Por iso a reiteración de expresións como as que atopamos neste poema: estamos enterrados entre nebras,temos que basoirar tódalas tebras para espertar, berrarlle a todo o mundo, encamiñarnos pro albor, colleitar espranza e máis futuro!. Un poema que se resume nun verso que pode ser aparentemente unha contradición, mais que deixa de selo en canto decodificamos o seu significado simbólico: Non podemos durmir, anque é de noite. Un claro chamamento ao compromiso co futuro, ao compromiso coa terra e a fala, pois neste sentido hai que entender o chamamento de Manuel María.

Un poema que nos impele a chamar polos irmáns, e faino con ese termo que nos remite ás Irmandades da Fala, que nos lembra o mandato daqueles que se comprometeron a que a nosa lingua seguise viva, asumindo eles en primeiro lugar o deber de manter a súa presenza a través do mecanismo indispensábel: o seu uso.
O libro é, como o seu nome indica, un conxunto de cancións pensadas para distintos momentos: “Canción para a hora de xantar”, “Canción para a hora de morrer”, “Canción para a hora de tronar”, “Canción para cando se escoita falar en castrapo”. Cancións todas, se cadra así tituladas para que se convertesen, si, en cancións nos pentagramas e, de aí, música que colocase nas nosas bocas un chamamento a recoñecérmonos e construírmonos como pobo. Cancións que “popularizaron enormemente o corpus maxistral dunha obra que superou modas e tempos nas voces e nos cantos do pobo e dos seus músicos” (Mercedes Queixas Zas, Labrego con algo de poeta, 2016).

Cancións cheas de amor, que en días coma estes toman un novo significado e resumen os nosos desexos:

¡Temos que sementar amor e máis furorpra colleitar espranza e máis futuro!”
Poesía para manter o noso compromiso, para entender e soportar este presente, para procurar e construír novos futuros. Aínda tan necesaria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario