Páginas
sábado, 6 de febreiro de 2010
Inmensión contra submersión
A demonización do concepto "inmersión lingüística" é a estratexia que o PPdeG está a seguir para quitarlle ferro ás críticas expresadas desde o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Real Academia Galega (RAG) sobre as bases para a elaboración do novo decreto sobre o uso do galego no ensino. Alberto Núñez Feijóo volveu antonte trazar co seu discurso un esquema alicerzado na oposición entre "modelo de inmersión" e "equilibrio".En realidade, o ditame do CCG propón un repartición do 50% "como marco de referencia xeral flexible", que se "terá que adaptar aos distintos contextos sociolingüísticos e educativos", de xeito que se poida superar a metade das materias na lingua propia do país en cumprimento do principio de "como mínimo, o 50% da docencia en galego" que establece o Plan Xeral de Normalización Lingüística.
Alén diso, o Tribunal Constitucional avalou a legalidade do modelo de inmersión e, tal como lembra a RAG no seu informe, esta estratexia é o que practican "as mellores academias de idiomas", ademais do método máis "rápido, eficaz e coa maior garantía", que se estendeu a outros países despois de iniciarse en Canadá.
Pablo Gamallo, filólogo, investigador na USC e doutor en lingüística pola Université Blaise Pascal impartirá hoxe, no Politécnico ás 12:00 horas, no seo das III Jornadas da Lingua en Ourense, -organizadas pola AGAL-, un relatorio sobre os modelos lingüísticos para a educación.
Que é a inmersión lingüística?
Hai unha definición primeira, que é a instrución dos estudantes nunha lingua que é diferente da súa lingua materna. Despois produciuse unha extensión do significado do termo, segundo a cal inmersión é instruír os alumnos nunha lingua minorizada, nun contexto no que hai unha lingua social hexemónica.
Hai varios tipos de inmersión.
Si. Inmersión total, -todo na lingua minorizada agás unha materia na outra lingua-; parcial -a partir do 30% ou do 50% das materias na minorizada: aquí non hai acordo entre os autores na denominación; e bilingüe -na mesma aula hai alumnos que falan dúas linguas, por exemplo castelán e inglés en Estados Unidos, e aplícase un programa didáctico especial-. A inmersión pode ser precoz -desde preescolar-, retardada ou tardía. Por exemplo, en Luxembrugo comezan con luxemburgués, introducen o alemán en infantil, francés na primaria e inglés na secundaria.
Hai outro concepto, que é submersión: escolarización na lingua maioritaria, excluíndo a minorizada. O resultado é a asimilación lingüística. Un exemplo sería o ensino no franquismo.
Si. Cando o conselleiro de Educación di que non permitirá a inmersión en ningunha das dúas linguas, comete dous erros. A lexislación vixente xa establece unha inmersión en galego, pero parcial. O decreto aprobado no ano 1995 polo goberno do PP vai máis alá do terzo: pódese chegar ata o 50% en galego. A diferenza básica co decreto aprobado polo bipartito no 2007 son as matemáticas, e a elección dos pais. A "inmersión" en castelán, para os galegos, non existe, porque o castelán é a lingua hexemónica. Se o alumno ten o castelán como lingua materna, estaremos ante o modelo clásico de instrución: é como se estuda en Valladolid, e ninguén lle chama inmersión. Se a lingua materna é o galego, trataríase non de inmersión senón de submersión. Agás que consideremos que o galego é a lingua hexemónica, de prestixio...
De onde vén a demonización do concepto inmersión?
Vén dada polo que pensan en Madrid sobre o que pasa aquí. En Cataluña o modelo deféndese, por moito que digan os medios de Madrid. Mesmo dentro do PP catalán se apoia.
O CCG salientou que as experiencias demostran que o modelo de inmersión é o máis eficaz en termos de capacitación nas dúas linguas, en contextos de bilingüismo social asimétrico como o galego. Que conclúen os estudos?
Que non hai modelo que supere a este. E se é total, e canto máis precoz, mellores son os resultados.
Un experto da USC, Miguel Pérez, está de acordo no da eficacia, pero di que a inmersión debe ser voluntaria. Que pensas ti?
En Cataluña o modelo de inmersión comezou no 83, cunha experiencia en Santa Coloma de Gramenet, impulsada polo Concello e a Generalitat. Despois estendeuse a toda Cataluña. Sempre pode haber pais que non estean de acordo, claro. No País Vasco si escollen os pais: entre a liña X -todo en castelán-, a A -en castelán con unha materia de éuscaro-, a B -inmersión parcial en éuscaro- e a C -inmersión total en éuscaro cunha materia de castelán-. Comprobouse que, despois de 25 anos, se estaba a incumprir a lei de normalización, pois máis da metade dos alumnos non estaban a aprender éuscaro ao nivel que para o inglés se chama First Certificate: aprobaban o 57% dos da liña D, o 27% dos da B e o O dos da A. Por iso se tentou ir cara ao modelo catalán, (o D), pero o actual goberno, do PP e o PSOE, anulou esta política para volver á escolla de liñas. Na escolla, por certo, a A era a maioritaria nos 80, pero no 2007 acadou o 56% dos alumnos en primaria.
O modelo comezou en Canadá. Como foi?
En Quebec, nos anos 60. Foi impulsado por pais e pedagogos da minoría anglófona, na comunidade St. Lambert (Montreal), para que os alumnos se integrasen a aprendesen mellor francés, lingua maioritaria na rexión. Fíxose coa inmersión total precoz en infantil ata segundo de primaria, despois 60% en francés e 40% en inglés en terceiro de primaria, e 40% de francés e 60 de inglés a partir de cuarto de primaria e toda a secundaria. Comprobouse que se igualaban aos anglófonos nativos en inglés e aos francófonos en francés. Tamén se aplican modelos de inmersión en Irlanda, Finlandia... aínda que en Finlandia pasa ao contrario que aquí: a lingua propia é a hexemónica.
Hai algún dato que sosteña a idea tan repetida de que se só hai unha materia na lingua hexemónica, esta non se aprende?
O Informe Pisa demostra que os alumnos da liña D no País Vasco obteñen resultados por enriba da media española en varias materias, entre elas lingua española. O nivel de castelán dos alumnos de Cataluña é máis alto que o de moitas comunidades monolingües. O importante, de todos os xeitos, é que haxa recursos, unha planficación, unha metodoloxía, estudos... Aquí só temos decretos que establecen cotas de galego.
Que modelo preferirías ti?
O ideal sería o catalán. Hai unha opción máis probabilista, parecida ao modelo vasco. Na enquisa ás familias que fixo o actual Goberno, en secundaria as dúas opcións monolingües superaron ás bilingües. Podemos partir dese 20% de pais que queren educación monolingüe en galego, que xa é máis que o que tiñan os vascos ao principio. Se hai recursos, e os estudos demostran os bos resultados, prestixiariamos o galego. O problema é que incumpririamos a lei de normalización, habería alumnos que non aprenderían galego por escoller a opción monolingüe en castelán, é politicamente incorrecto porque é parecido ao que quere Galicia Bilingüe, sería caro... Non creo que producise fractura social sendo o castelán e o galego tan parecidos. Co novo borrador, se cadra se podería acadar o 66% en galego: 33% en galego, e 33% en "lingua estranxeira" que sería o portugués...
Os zunantes de Renfe

Na imaxe podedes ver a denuncia que se fai. Renfe acaba de poñer en marcha novos convois, pero a pesar de que o galego, ademais do castelán e o inglés son as linguas oficiais da compañía, a catelería nestes coches é toda en castelán. Como sempre, está claro que isto non lle afecta nada á normalización do inglés, mais sí ao do galego.
O mesmo sucede cos sinais acústicos, que só os emite en castelán.
No artigo nomeado engádense estas outras afrentas:
O uso parcial do galego tamén se fai patente nas estacións, onde cada vez é máis habitual a súa exclusión, e na páxina web, onde se atopa relegado a un segundo plano da interface. Amais, o español segue a impoñerse no servizo telefónico de atención ao cliente. Nalgunhas ocasións, os teleoperadores chegan a solicitarlles aos galegofalantes que empreguen o castelán “ao non comprendelos ben”. E iso que a Carta Europea das Linguas Minoritarias recolle a obriga de empregar o galego no sector público. O propio Consello de Europa advertiu nun informe publicado no 2008 que “non se realizaron actividades para promover” o seu uso “no servizo de ferrocarrís (Renfe e Adif)”. “Nestas compañías, o galego utilízase nalgunhas ocasións en documentos oficiais. Con todo, existe unha escasa dotación de persoal galegofalante que poida prestar servizos nesta lingua”, conclúe
55 mentiras sobre a lingua galega.5
Vieiros fala de Notábel interese polas '55 mentiras sobre a lingua galega' e presenta unha escolma das presentacións en distintos lugares.Unha anécdota que non se atopa no libro é a dunha situación vivida nun programa de radio en Vigo. Hernrique Costas conta que a presentadora entrevista a un empresario de Lugo cun restaurante en Barcelona. No trancurso da conversa, a xornalista sorpréndese do éxito que ten alí o viño albariño ""y eso que la etiqueta está en gallego", engade. A resposta do lugués non ten desprezo: ""pero lo que se bebe no es la etiqueta".
Isto non ven máis que a demostrar ""os prexuízos contra o noso idioma", quéixase o profesor, ""pensei que era un morto que estaba enterrado, pero vin que non". Ademais, chama a atención de que se ""o decreto se aplica tal como está, será unha catástrofe, a convivencia rompe por todas partes". Deste xeito, ""a conta do idioma vai haber moitos enfrontamentos e iso é terrible".
En conclusión, Costas cre que é ""necesario que a xente se conciencie de que o galego é o maior patrimonio do mundo", polo que anima a vivir e gozar con el. Está convencido de que o libro servirá para ""vencer convencendo" aos que ""nos queren dicir que o galego é un adorno prescindible", afirma confiado.
Costas argumenta que o castelán ""fainos moita falta pero non é a nosa lingua", se ben matiza que ""a temos que aprender". Por iso lanza unha mensaxe á xente para que ""coiden a lingua de aquí". Ademais, lamenta que parece que ""co galego o que buscas é problemas" en situacións como pedir unha hipoteca en galego e que ""tarden tres meses" ou pedila en castelán e que se resolva ao momento. ""Estáselle dando claves á xente de que se non quere ter problemas para vivir tranquilamente" usen o castelán.
55 mentiras sobre a lingua galega.4
venres, 5 de febreiro de 2010
55 mentiras sobre a lingua galega.3

A de que o galego nunca foi prohibido. Efectivamente, non existe unha lei que prohíba falar en galego, o que si que hai é unha morea de decretos e de normativas prohibindo outra cousa que non sexa o castelán. Esa mentira é inmensa porque a xente sostén que aquí o castelán foi adquirido dunha forma moi tranquila e moi bonita, que o quería falaba galego e o que quería falaba castelán. Iso é unha burrada! Esta era unha comunidade monolingüe en galego. A principios do século XX o 90% da poboación galega era monolingüe. O castelán era a lingua das elites.
Cara onde mira Feijóo?

xoves, 4 de febreiro de 2010
Linguas cruzadas
Para sabermos cal é a situación do uso da lingua entre a nosa xuventude, deixamos aquí un moi bo documental sobre cinco menores de 30 anos que medraron aprendedendo galego na escola e escoitándoo na televisión.
Achégase tamén unha unidade didáctica sobre Linguas cruzadas.
55 mentiras sobre a lingua galega.2
Por que ten definido a obra como un manual de autodefensa?Porque a mentira é unha agresión contra a nosa lingua, contra quen fala galego e contra a nosa dignidade e neste contexto temos que defendernos con argumentos. Trátase dun libro para acabar coa mentira.
Cales son os prexuízos máis comúns verbo do galego?O galego non é útil, estase a cambiar a norma constantemente –cando o español se ten modificado moito máis que o galego–, a lingua actual é de laboratorio, é difícil de sistematizar... casos que no caso do español son moito máis esaxerados. Tamén din que non se poden explicar todas as áreas en galego porque non posúe un léxico axeitado...O suposto “tres ao caldeiro”...
Si, como o de “leiras magnéticas”... Todo isto é falso. Que digan en que centro de ensino, quen e cando dixo algunha destas expresións. Tamén está a mentira de que a maioría dos libros de texto están só en galego. Segundo as editoriais, véndense tres veces máis de exemplares en castelán que en galego dun mesmo libro de texto da mesma editora.
Quen busca o esmorecemento do galego?
A ideoloxía recentralizadora do Estado que está armándose nos laboratorios da FAES e que non só é de dereitas. Son os que defenden que cómpre “españolizar España”. A meirande parte dos medios de comunicación estaban interesados en que caese o bipartito e seguiron as directrices de Madrid. Foi entón cando empezou a xurdir a falsa imposición do galego e cando comezaron a encher minutos de televisión e páxinas de xornais personaxes como Gloria Lago ou Ignacio López Chaves. O discurso antigalego callou na sociedade e chegáronse a ver reaccións realmente agresivas contra a nosa lingua.
Como rebater esa carraxe?
Dificilmente, porque non gozamos dos altofalantes dos que dispoñen os asimilados que atacan a lingua. Con todo, temos ao noso favor que o pobo lle quere ao idioma. Hai mesmo votantes do PP aos que lles doe a política lingüística que segue o partido. O que podemos facer para que o galego sexa visíbel é non cambiar de lingua. Existe unha pauta de comportamento lingüístico que cómpre desterrar: cando unha persoa se dirixe a nós en castelán, os galegofalantes cambiamos de lingua e respondemos na do noso interlocutor. Isto supón unha ocultación case total da lingua. A transgresión desta norma tan falaz –das máis lesivas para o galego– é unha das condicións esenciais para avanzarmos na normalización.
No libro fala do bilingüismo...Existen individuos bilingües, pero non as sociedades bilingües. En Galiza dáse o bilingüismo asimilatorio, xa que o galego é absorbido polo español porque nin se reforzou a nosa lingua nin se aplicou a lexislación lingüística. Non é normal que un xuíz lle pida a un avogado que deixe de usar o galego, que para asinar unha hipoteca en galego se tarde un mes ou que para que un vigués busque un funeral en galego teña que ir dar a Cedeira (Redondela) e aínda para máis escoite dos curas que “a que vén o empeño de politizar un funeral”... Isto demostra que en Galiza hai imposición do castelán e emposición (expulsión) do galego.O libro fala da síndrome de Michael Jackson en Galiza.
Estabelécese un paralelismo coa etnia. No Brasil, os máis racistas son os mulatos, que defenden que non son negros. En Galiza acontece algo semellante co idioma. As persoas máis refractarias son galegofalantes arrepentidos ou xente que procede de galegofalantes. Connotan a nosa lingua negativamente e impiden que os seus fillos a utilicen.
Vostede foi compañeiro na Universidade de Vigo do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo. Que lectura fai do papel que está a desenvolver?
Triste e completamente desconcertado. Todos os que coñecemos o seu traballo estamos abraiados e arrepiados coas medidas que está a tomar en contra do galego, mesmo os que o celebramos cando foi nomeado... O peor é que Anxo Lorenzo coñecía os males da nosa lingua e sabía como atallalos e no canto de remendar as doenzas do galego está empeorándoas. Agora actúa como un histórico militante do PP centralista. Queimou todas as naves e xa non ten volta atrás.
Cal é o horizonte do galego na sociedade actual?
Cómpre corrixir a situación con educación, para o que fai moita falta a pedagoxía social e o diálogo sen rebaixas. Porén, hai que dialogar sempre para mellorar e nunca para retroceder. O plurilingüismo é un ben que se lle fai á sociedade, pero quen sabe galego, sabe máis. A nosa lingua debe ser a base da educación e non se pode eliminar para introducir outro idioma. Non se pode impartir menos do 60 por cento da lingua que se quere protexer. Todo o que baixe desa porcentaxe está abocado ao fracaso.
Henrigue Monteagudo: “A Xunta debe reflexionar, falamos do futuro do galego, non de votos”

O secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo (Muros, 1959) amósase sorprendido da resposta belixerante que a Xunta tivo ao seu ditame sobre o novo decreto do galego. “Non sei que esperaban, a verdade” conta este filólogo. Sobre as voces que criticaban que dende o Consello non se estaba a tomar partido no conflito lingüístico, Monteagudo trata de conciliar. “Nós non podemos reaccionar en quente xa que o noso protocolo é moi serio, pero temos que defender o pobo galego”, di. Aínda que medidas, as súas respostas deixan claro que o novo decreto da Xunta non lles chista nada. “É inconsistente, con falta de ideas e criterio sólido”, di.
O pasado martes, logo de facer público o seu ditame sobre o decreto do galego, a Xunta cargou contra as súas valoracións. Como se tomaron as críticas?
A verdade é que é un pouco sorprendente. Nós fixemos un ditame porque se nos solicitou e fixémolo con toda a nosa mellor intención e con todo o noso saber. A reacción da consellería, publicando a mesma tarde que nós damos a coñecer o noso ditame unha nota moi curta e con moi poucos matices, é un pouco impactante. Esa nota da consellería pón o til nun asunto que non é o fundamental: a inmersión lingüística. Os nosos apuntamentos sobre a inmersión están recollidos na parte de consideracións previas e non forman parte das conclusións do ditame. Por iso, parécenos un pouco falto de lugar pór o acento nese punto, pero ben, non imos entrar a facer debate político dende o Consello.
A Xunta críticou as valoracións tanto do Consello da Cultura como as feitas pola Real Academia manifestando que pulaban pola inmersión lingüística. Por que o PP emprega este termo como algo negativo?
Hai un uso completamente carente de rigor do termo inmersión na linguaxe política. A aclaración que nós queremos facer sobre a inmersión lingüística non forma parte do corpo analítico nin das conclusións do ditame, simplemente nós, como expertos no asunto, queremos destacar que se está a facer un uso totalmente carente de rigor dese termo. Sorpréndenos moito que a consellería incida neste mal entendemento do concepto. Cando eles falan de reservar un terzo do espazo para o inglés, tamén estamos a falar de inmersión. A inmersión é un procedemento didáctico para aprender linguas. No fondo, eles propoñen a inmersión parcial. Estase a usar este termo de forma distorsionada. Aquí non está o debate. O debate está na obriga legal da promoción do galego que insta ás autoridades públicas da comunidade a implantar un principio de progresividade do idioma no ensino. Algo que se aplicou en todos os gobernos dende os anos 80 e que agora se pretende rachar.
Amosa sorpresa pola resposta da Consellería de Educación...
Sorprendeunos porque nós só respondemos a un requirimento do Goberno. Non sei se esperaban unha cousa distinta logo de todo o que se dixo neste último mes. Xa tivemos unha entrevista co conselleiro hai quince días e, a verdade, dificilmente penso que podían esperar un ditame distinto pola nosa banda.
Este novo decreto minusvalora o galego?
Eu só constato que hai mandato da Lei de Normalización Lingüística que di que o galego se fomentará de forma progresiva. Iso foi sempre respectado, con distintos ritmos, por todos os gobernos e por todos os presidentes da historia da autonomía galega. Agora, por primeira vez, temos unha norma que sae do noso Goberno que prevé unha redución substancial do uso do galego na ensinanza. Ese é o dato que nós poñemos sobre a mesa. Isto contradí un mandato legal. Logo, as consideracións políticas xa non son cousa nosa.
Como é posible logo que un profesional como Anxo Lorenzo, que participou na elaboración do Plano Xeral de Normalización, estea de acordo con estas bases?
Nós non podemos entrar a valorar o papel de cada persoa. O que si dá a impresión é que, pola súa propia inconsistencia, as bases parecen máis ben responder á busca dun equilibrio político dentro do PP máis que a unha opinión experta. Se Anxo Lorenzo tivo un papel, como se supón que o tivo, non foi un papel de experto senón que o que tivo que facer foi poñer de acordo ao partido do Goberno.
Cre que a Xunta tomará en consideración ás súas achegas?
A min gustaríame que este proceso de debate público non fose un simple trámite de cara a galería. Reaccións como a da Consellería ao noso ditame non convidan ao optimismo. Ao mellor todo isto é un simple trámite e non hai vontade real de escoitar a voz da cidadanía nin a voz dos expertos. Iso sería unha mágoa. O Goberno ten unha responsabilidade moi grande nisto e non pode manter este tema en permanente campaña electoral, como parece que está a pasar. Hai unha falta de ideas e de criterio sólido que parece que non vai máis alá da liorta política. Estamos a falar de cousas moi serias para o futuro do noso país, non de cantos votos ou deputados imos sacar.
Morre unha lingua de 70.000 anos: a lingua bo, unha boa lingua.

Mais a riqueza estiña. Hai catro meses expertos universitarios indios alertaban do final dunha das linguas que se falaba na rexión desde hai máis de 50.000 anos. Hoxe outra lingua desaparece. Tal e como recolle a BBC, Boa Sr morreu aos 85 anos levando consigo a lingua bo, que mantivo durante os últimos 35 anos en soidade.
A profesora india Anvita Abbi explica para a canle británica que Boa Sr quedou soa hai máis de tres décadas, sen ter ninguén con quen compartir a súa lingua. Os especialistas aproveitaron o seu testemuño vivo para recoller a lingua bo e estudala pero foi imposíbel mantela viva. A propia Boa Sr tivo que renunciar ao seu uso (por falta de interlocutores) e aprendeu o hindi para se comunicar coa comunidade.
A lingua bo procede de África e podería ter 70.000 anos. Os expertos explican que outras moitas linguas desta zona e doutras da India están en perigo de extinción. Nas illas Andaman hai altas taxas de paro e marxinalidade. Os indíxenas reciben amparo económico do goberno de Nova Delhi pero a falta de motivación acaba conducíndoos ao alcol e á soidade
O concello de Cerdeda contra o decreto.
Manuel Becerra: 'Se Franco non arrincou o galego, menos o fará Feixóo'
E Feijoo non dá marcha atrás:
Feijóo só sumará propostas sobre o decreto que falen de equilibrio
Feijóo: ''Non estou autorizado a manter o decreto do bipartito por promesa electoral''
Queremos (matemáticas en) galego (e II)
por Iván Area, vicerreitor da Universidade de Vigo, no Xornal de Galicia
Podemos tentar explicar a situación xeral desde outra conceptualización do argumentario: estamos diante de falacias, é dicir, diante de razoamentos loxicamente incorrectos aínda que psicoloxicamente persuasivos. Este tipo de razoamentos falaces non o son por chegar a unha conclusión falsa, senón por un erro no procedemento. Se o tentamos simplificar, unha falacia é un razoamento no que a conclusión non se deriva estritamente das premisas pero parece facelo. Por dar algún exemplo de falacia ou sofisma explicamos un da categoría do argumentum ad populum; un político, en lugar de presentar probas acerca dunha determinada medida, trata de lograr o asentimento popular aludindo ao “progresista” da medida en cuestión que executada dinamiza un sistema obsoleto e superado polos países altamente desenvolvidos. Esta linguaxe trata de provocar unha actitude de aprobación por parte do auditorio que, por factores emocionais, non analizará detidamente se o enunciado é a conclusión dun razoamento válido.
Nos últimos anos temos detectadas tres grandes falacias sobre as matemáticas e o galego, nomeadamente:
1. Aquilo que é aprendido en galego só pode ser empregado no futuro en galego. Neste sentido, aprender matemáticas en galego implicaría que só se podería con posterioridade facer matemáticas en galego.
2. A competencia lingüística pode adquirirse sen problema simplemente estudando esa lingua.
3. O galego non se pode empregar no proceso de ensino aprendizaxe da ciencia porque non é unha lingua de ciencia.
Modelos para o estudo da intelixencia
O primeiro punto atenta contra a esencia das matemáticas como ciencia universal, independente da linguaxe utilizada para expresalas e a propia noción de intelixencia humana. Algúns modelos para o estudo da intelixencia en animais estipulan que esta pode observarse e mesmo cuantificarse se, por exemplo, un mono é capaz de empregar un obxecto (p. ex. un pau) para outro uso (chegar a unha banana). Sobre ensino-aprendizaxe das matemáticas en galego (ou en calquera lingua do mundo) cómpre sinalar en primeiro lugar que fornecen conceptos e non só obxectos concretos, e que tales conceptos pertencen á intelixencia se poden ser empregados fóra do contexto concreto en que se adquiriron. Ademais, é evidente para calquera que as coñeza, que as matemáticas teñen a súa propia linguaxe que podemos expresar en calquera lingua do mundo. Finalmente, as dificultades nos procesos de ensino/aprendizaxe son comúns a calquera estudante de matemáticas e nunca escoitei a un estudante de Portugal ou de Brasil dicir que non comprende un concepto por explicarllo na súa lingua e que pida que llo expliquen en castelán ou en inglés para mellorar a súa comprensión. Ou mellor aínda, tampouco sei de ningún estudante inglés que solicitase explicacións en galego ou castelán para mellorar a súa comprensión por exemplo, do concepto de límite ou derivada dunha función nun punto. Non hai ningunha lingua que sexa intrinsecamente mellor ou peor para a ciencia que outras, e o galego non é unha excepción ao tempo que é a lingua propia do noso país segundo consta no Estatuto de Autonomía. Alén disto, as disquisicións feitas sobre a idoneidade dunha lingua para determinadas disciplinas debe facerse con sumo coidado, xa que a historia proporciona desgraciados exemplos en que, a través dunha falacia, se apoiou e se argumentou a favor da marxinación e mesmo do exterminio de culturas enteiras.
A matemática, como disciplina, presenta unha dobre particularidade: ao ser unha ciencia abstracta, e polo tanto cuns contidos independentes da lingua concreta en que se expresen (razón pola cal ningunha lingua, nin o castelán nin o inglés, é mellor para a súa aprendizaxe), tamén é certo que constitúe unha ferramenta intelectual para apropiarnos do mundo real que nos rodea, tanto para contabilizar obxectos (rodas, parafusos, olas de viño ou a altura dun outeiro), como para operativizar relacións entre estes (o tempo que tardaría un tren en percorrer a distancia de Ponteareas a Niñodaguia se tivésemos unha rede de ferrocarrís axeitada, ou a vantaxe de incorporar unha certa taxa nos orzamentos da Xunta para educación). Por tanto, só quen pense que a lingua galega non é viable en todos os eidos da vida cotiá no noso país pode pretender que a aprendizaxe da matemática en galego vai ser prexudicial para os seus fillos.
O teorema de Cauchy
Permítanme contarlles unha anécdota persoal dunha viaxe a China hai uns anos. Por casualidades da vida puiden ver nun parque unha estudante repasando uns apuntamentos de matemáticas. Evidentemente, as palabras escritas en chinés non as entendín pero fun quen de saber que estaba a estudar o teorema de Cauchy de variable complexa e por suposto, despois de falar con ela, observar que tiña dúbidas nos mesmos puntos críticos que ten calquera estudante galego.
Como é comprensible, isto só trata dunha mera anécdota mais no caso de ser certo que “aquilo que é aprendido nunha lingua só pode ser empregado no futuro nesa lingua” de verdade que non sei como é posible ter o altísimo nivel por parte por exemplo dos investigadores/as chineses ou rusos en publicacións científicas en inglés (por certo, no ámbito das matemáticas durante moito tempo tamén foron ou son linguas habituais nas publicacións científicas o latín, o alemán, o francés, o chinés…).
Porque alén das cuestións técnicas dun proceso demostrativo, resulta básico na docencia das matemáticas pensar na dificultade de transmitir non só os conceptos e como relacionalos senón a propia lóxica clásica que no día a día e trivializando se traduce na dificultade de entender a diferenza entre “necesario” e “suficiente”. Posiblemente sería “necesario” un capítulo da ra Gustavo, pero tampouco sería “suficiente” para moitos dos nosos gobernantes que tamén mesturan estas dúas implicacións lóxicas, ben é certo que nalgúns casos, como o que nos ocupa, de xeito interesado. Poñamos como exemplo a clásica afirmación “todos os cans teñen rabo” e cando os nosos estudantes ven un animal con rabo (p. ex. un gato) inmediatamente mesturan as implicacións lóxicas para afirmar berrando “é un can”.
Xa que logo, este capítulo de Barrio Sésamo habería que llelo poñer a moitas persoas que cren que é necesario 1/3 da docencia en galego para que os estudantes adquiran competencias pero... evidentemente non é suficiente. Da experiencia que temos co inglés (e incluso co galego) podemos afirmar que cómpre ter marcos nos que efectivamente se fale. Toda a rama da lingüística que ten unha orientación pragmática e discursiva, e non só se centra na gramática ou na semántica, apoia e demostra este argumento. Xa que logo, a competencia lingüística só pode crearse habilitando contextos nos que se use, ou noutro caso estariamos novamente nunha situación semellante ao do latín non hai tanto tempo. De igual xeito, a pretensión de creación dunha lingua artificial que todo o mundo puidera aprender, o esperanto, non a fala ninguén.
Mais este debate de tentar debilitar e atacar aquelas persoas que escollen o galego para a docencia das matemáticas penso que ten máis dunha derivada. En particular, no proceso lexislativo actual resulta interesante pensar cales materias se impartirán en galego, castelán e inglés co borrador da última proposta de réxime lingüístico no ensino por parte da Administración. Permítanme unha redución do problema para situar en 25 horas de docencia en ensino primario (se ben é certo que existe certa variabilidade, pois como é ben sabido, por exemplo, en sexto curso aparece a materia “Cidadanía”, que non hai nos cursos previos e para a cal se retira unha hora de castelán e outra de galego). Teñamos en conta os seguintes números lectivos por materia: lingua galega 4 horas, lingua castelá 4 horas, coñecemento do medio 4 horas, matemáticas 4 horas, inglés (p. ex.) 3 horas, educación física 2 horas, educación artística 2 horas, e relixión ou materia optativa 2 horas.
Unha primeira opción podería ser ter en galego lingua galega e coñecemento do medio (8 horas en total); en castelán, lingua castelá e matemáticas (outras 8 horas); nesta distribución teriamos o 32% do total en galego e en castelán. Para inglés, estarían as 3 horas de inglés, e o resto en función da capacidade do profesorado para impartilas en inglés.
No período transitorio ao que se refiren no borrador das bases en que o profesorado “aínda non saiba inglés”, repartiríanse en función da escolla dos pais e nais, que de acordo coa Consellaría sería equilibrada (achegándose ao “desideratum” do 50%). Mais se as matemáticas tamén fosen impartidas en galego teriamos 12 horas ou, se preferimos, o 48% do total e quedaría o resto das horas para distribuír entre castelán e o inglés, por suposto en función do plan de normalización do centro e da dispoñibilidade do profesorado. Estariamos, xa que logo, nunha situación case idéntica á actual.
De xeito resumido: a diferenza entre as dúas posicións estriba en establecer ou non o ensino das matemáticas en galego (se se fai, garántese un mínimo do 48% na nosa lingua, e se non se fai, córrese o risco de deixala nun 32%, en función do ambiente “paterno” e “materno” do alumnado de cada centro).
Unha das razóns que dificultan os procesos de ensino/aprendizaxe das matemáticas é que se expresan nunha lingua especial, que é un dialecto da linguaxe natural (que pode ser galego, castelán, inglés, alemán, chinés, aranés ou calquera outra), en que non debe caber a posibilidade de interpretacións diversas. Por tanto, para entender e aprender matemáticas cómpre coñecer a súa lingua, pois no caso contrario, aínda que se digan cousas moi sinxelas, non se entenderán.
No caso de que as tres falacias anteriormente mencionadas conseguisen facer o efecto para o que foron concibidas, estariamos usando a matemática como un elemento central na actual estratexia de redución dos usos da nosa lingua nos centros de ensino.
Ergo, matemáticas tamén en galego.
Retrouso
O cálculo de horas é no fondo matemáticas e vímolo de facer en galego, o que demostra que o movemento faise andando. De igual xeito, cando desde o Goberno galego calculan as horas, tamén empregan galego nos seus comunicados, ou sexa, que fan matemáticas en galego.
Máis que a afirmación de que o movemento se demostra andando, o que matematicamente se proba é un discurso falaz.
mércores, 3 de febreiro de 2010
Valoración da CTNL (do decreto, de que vai ser!)
O “erro” de Vilariño de Conso
por Rafael Cuíña, empresario, en Vieiros
Sucede que en ocasións non hai maior cego, que o que non quere ver. A dirección do PPdeG tenta vender mediaticamente o rexeite ao borrador do decreto do galego, coma un erro dun alcalde e concelleiros do partido “indocumentados”, e polo tanto, non aptos para emitir en liberdade un xuízo de valor, sobre un decreto que remitíndonos aos feitos, evidentemente non comparten.
O “erro” de Vilariño de Conso, pode chegar a ser tan famoso como aquel estraño caso que tan ben relatara Camilo José Cela no tardofranquismo, do “Cipote de Archidona” se fixeramos caso da valoración da dirección galega do partido a tamaña rebeldía ourensán. Os que temen unha revolución galeguista no Partido Popular, comezando por este digno concello ourensán, non deben temer a aquelas persoas e institucións que amosan un compromiso galeguista firme na defensa da nosa cultura, senón apoialo en sinal de respecto á historia desa organización en Galicia. O portavoz do PPdeG, na súa enfermiza obsesión de asemellarse ao papel que desempeñaba Xaime Pita noutros tempos, sae a palestra para defender o indefendible ao respecto da toma de posición dun Concello soberano. Rodríguez Miranda debe aplicar nas súas declaracións a recomendación destes días do Presidente Feijóo do “manual do home sensato”, para non rematar sendo algún día próximo –dito sexa con todo o respecto-, un potencial personaxe do “Celebrities” do programa televisivo “Muchachada Nui”, máis que un representante da militancia do partido co que en ocasións disentimos das súas proclamas.
A valentía dos populares de Vilariño de Conso non é máis que o reflexo do que pensan outros alcaldes, deputados e militantes, que non saen aos medios por temor a perder moito máis do que poidan gañar. Hai un movemento claro de galeguismo no PPdeG máis activo ca nunca ao que non lle gusta que un partido que nos seus estatutos se autodefine como “galeguista” poida dar un só paso atrás na defensa e implantación do noso idioma. Somos herdeiros da tradición galeguista de Risco, e ao mesmo tempo, dende posicións críticas nesta teima, leais co Presidente do partido, ao que respectamos por riba de diferencias que cando son deste calado non poden ser consideradas puntuais. Dicía Napoleón que el o que quería eran xenerais con sorte. As veces dá a sensación que esa fortuna abandona a aqueles que están na comodidade de non buscala, por estar seguros que o devir dos tempos seralle favorable, utilizando a vella táctica “marianista” de mirar cara outro lado e agardar que escampe. Asemade non perdemos o tempo en rebater as críticas que chegan por opinar nun dixital de suposto corte nacionalista como “Vieiros”, no que só atopei liberdade para dicir o que quero, e xente comprometida con Galicia, aínda que algúns lle chamen Galiza.
Aos que din dende o anonimato que só “causamos problemas”, dicirlle que eu a iso chámolle decencia e coherencia. E aínda que algúns consideren que é doado facer proclamas estando supostamente no cumio da pirámide de necesidades de Maslow, -que tan ben relata o compañeiro Marcelino Fernández Mallo no seu espléndido libro “Klásicos”-, non pararemos de dicir que coa cultura deste pobo non se xoga, e reclamar o dereito a disentir sendo fieis a unha estructura coa que nun momento dado podemos non compartir determinadas cuestións.
Ou non?
Queremos (matemáticas) en galego (I)
Hoxe en día circulan por internet numerosos correos que desde un punto de vista abstracto podemos clasificar dentro da categoría dos chamados ‘hoax’ (bulos). Trátase de mensaxes de correo electrónico con contidos falsos ou enganosos e cunha peculiaridade esencial: son altamente atraentes. Este tipo de mensaxes tentan semellar que veñen dunha fonte fiable ao tempo que, contando coa boa fe ou mesmo coa solidariedade do receptor, lle piden que os encamiñe aos enderezos electrónicos da túa axenda de correos. Por suposto que este tipo de iniciativas teñen finalidades; entre outras captar enderezos de correo electrónico para enviar correo lixo, virus, mensaxes con phishing ou máis bulo, tentar enganar o destinatario para que revele contrasinais ou acepte arquivos de malware ou confundir a opinión pública da sociedade. O que chama a atención en ocasións son algúns dos contidos, cuxa finalidade é facer caer no engano. Por citar algúns exemplos, un día, de repente, un rapaz (p.ex. de Bouzas) caeu ao chan fulminado por sufrir leptospirose, enfermidade producida polo veleno contido nos ouriños das ratas, xusto despois de beber un refresco de cola. Segundo a historia, “as latas de refrescos gárdanse en almacéns infectados polos roedores para despois seren transportadas ás tendas sen a debida limpeza”; tamén o que afirma que “unha determinada compañía telefónica comezou a cobrar polas chamadas perdidas”; ou aqueloutro que afirma que unha determinada bebida láctea é moi prexudicial para a saúde se se consome máis de 14 días seguidos, xa que a persoa deixa de desenvolver defensas. Este tipo de mensaxes non é nova e algunhas persoas lembrarán as cadeas de cartas.
Os ‘hoax’ basean a súa atracción no seu contido aparente, polo que as máis das veces toman a forma do que na cultura popular se deron en chamar as lendas urbanas. Richard Dorton definíunas coma “unha historia moderna, que nunca sucedeu, pero que é contada coma se fose certa”. Se tentamos caracterizar hoax e lendas urbanas dende unha perspectiva narrativa, poderíamos dicir que se tratan de pseudo-mitos. É xustamente na súa condición de narracións próximas ao mitolóxico onde atopamos o seu poder de atracción e mesmo a súa verosimilitude, xa que cumprirían unha función social. Podemos definir estas funcións de acordo coas que na antigüidade tiñan os mitos:
–función relixiosa: en canto á súa capacidade de xerar temor e humildade.
–función cosmogónica: en canto á súa capacidade prover unha explicación do mundo.
–función social: en canto mantén a orde e o poder establecido.
–función psicolóxica: en canto elimina dúbidas no individuo e contén a angustia existencial.
Outro tipo de comunicación especial tomada do mundo da informática é o chamado ‘fake’. Refírese xeralmente a un arquivo ou servidor falso que non é o que aparenta, situación que aparece con relativa frecuencia ao empregar programas de descargas (como os P2P). Por exemplo, cando unha persoa pensa que está a descargar unha película e resulta ser outra completamente distinta. Na súa orixe, o ‘fake’ proviña dos movementos ecoloxista e pacifista, ou sexa, de posicións subversivas. Pretendían ocupar temporalmente o discurso do poder para facer oír a súa mensaxe, que en condicións normais, estaba condenada ao silencio. Se o ‘hoax’ era atraente polo seu contido pseudomítico, o ‘fake’ faise atraente en tanto falsifica a aparencia doutro obxecto, mensaxe ou enunciador.
Creo que no discurso en relación ao ensino, máis concretamente no ensino das matemáticas, existen por parte do actual goberno galego unha serie de mensaxes que se sustentan nunha dinámica ‘hoax’ (pseudomito) e outros que se sustentan nunha dinámica ‘fake’ (falsificación). Vexamos o asunto un pouco máis polo miúdo.
Mensaxes/Hoax
II/ Outra das funcións do mito é a cosmogónica, é dicir, fornece explicacións do mundo. Pola contra, no exemplo citado, a mensaxe conecta coa ignorancia. Pensemos que realmente interpretamos a expresión “dous ao cubo” como un proceso que consiste en multiplicar o número dous por si mesmo tres veces. De feito, nada pasaría por empregar “dous ao caldeiro” xa que as matemáticas teñen a súa propia linguaxe. Porén, se queremos respectar a asociación entre o produto repetido e o cálculo do volume dunha figura cúbica, temos en galego o termo “cubo” que é perfectamente acaído ao respecto, polo que só un erro de tradución automática por máquina e sen revisión podería levar ao emprego da expresión “caldeiro” no seu lugar. O mesmo acontece en castelán e en calquera outra lingua se usaren traducións directas e mecánicas sen revisar. O curioso é que sabendo o problema que ás veces xeran as traducións automáticas, poucas veces pensamos que determinados lectores prefiren etiquetalas dende o prexuízo que dende o erro. Quizais deberíamos nomear este tipo de fenómenos coma prexuízos automáticos baseados nunha propiedade que comparte os correctores a algunhas persoas: a rixidez.
Nun nivel discursivo completamente distinto é interesante lembrar o proceso de axiomatización da xeometría. No ano 1899 o grande matemático David Hilbert publicaba Grundlagen der Geometrie en que substituía os tradicionais axiomas de Euclides por un conxunto formal de 21 axiomas, coa pretensión de evitar as debilidades detectadas nos do recoñecido matemático grego (daquela aínda se empregaban a nivel de libro de texto). O enfoque de Hilbert marcou o cambio ao sistema axiomático moderno no que os axiomas non se toman como verdades evidentes. Como sinalaba Hilbert, a xeometría pode tratar de cousas sobre as que temos poderosas intuicións pero non é preciso asignar un significado explícito aos conceptos indefinidos. Deste xeito podemos substituír elementos como o punto, a recta o plano e outros por mesas, cadeiras e xerras de cervexa ou outros obxectos para pasar a discutir as súas relacións definidas. Este Hilbert amosou na súa teorización unha cualidade ben diferente da rixidez chamada flexibilidade, que seguramente precisen tanto os correctores automáticos coma os prexuizosos automáticos.
III/ Unha terceira función do mito é a social, posto que estas narracións contribúen a manter a orde e o poder establecido. Nunha situación coma a que está o galego, cómpre dicir que o desenvolvemento da terminoloxía nun campo do saber é moi importante para a dignificación dunha lingua. Por iso, este tipo de mensaxes/hoax, non son neutros senón que son profundamente inmobilistas e conservadores. Pola contra, exemplos prácticos como o Vocabulario de Matemáticas que o profesor Xosé Masa da Universidade de Santiago de Compostela coordinou no ano 1995 para que poidamos coñecer o nome de moitos conceptos matemáticos en galego, castelán, inglés, e portugués é de alta utilidade á hora de facermos unha construción terminolóxica acaída para o noso estudantado. Por citar un exemplo, o concepto de conxunto limitado permite sen dúbidas un maior achegamento á internacionalización, como pode deducirse dos nomes en castelán (acotado) e inglés (limited). Non sexamos, pois, limitados como as persoas que criticaban o título da celebérrima película Foise co vento (Gone with the wind) pois non estaba ben traducida desde o castelán.
IV/ A última función dos mitos que quixera comentar é a psicolóxica, en canto como consideran ao suxeito. De feito, nesta función, postúlase que os suxeitos prefiren unha explicación tranquilizadora –aínda que sexa falsa–, a recoñecer que as cousas son ás veces complexas e que non existe unha explicación para todo, xa que esta última postura ás veces xera incerteza a angustia. Por iso, estas mensaxes/hoax teñen uns destinatarios conformistas e crédulos (supoño que é como máis lles gusta que se comporten os votantes, pero iso xa é outra cuestión)
Falar en galego, que difícil é.2
O BNG pide que os cargos públicos usen o galego
A iniciativa do BNG
As teses son moi claras, segundo o Plan Xeral de Normalización da Lingua o Parlamento insta á Xunta para que adopte as medidas para que os cargos públicos da mesma, así como os dos organismos e entes autonómicos, ... e institucións delas dependentes, fagan uso público, tanto oral como escrito, de xeito sistemático da lingua galega no desempeño da súa responsabilidade pública
A lei 4/2006, apunta na mesma dirección: todos os cargos e entidades con participación da Xunta usarán normalmente o galego, oralmente e por escrito, nas relacións coa cidadanía.
No entanto hai empresas que si aposta pola nosa lingua... e venden máis.Xosé Manuel Sendín: 'O galego na etiqueta é unha baza'
Mª Vitoria Cosme: 'O noso produto fala galego como algo natural'

Máis sobre o decreto:
O Goberno, aínda máis só
Educación minusvalora o Consello da Cultura Galega por criticar o decreto do galego
Logo de votar contra o decreto, o alcalde de Vilariño de Conso opta polo 'no comment'
O PP impón silencio sobre o caso de Vilariño de Conso
Outros asuntos:
O BNG rexeitará pactar o ensino con ZP se non ten en conta a lingua galega
A Xunta promociona cursos de galego en Expolangues
Outros contra o decreto: o departamento de galego da Universidade de Vigo
Uvigo: ‘Moitos universitarios chegan cun galego deficiente'
O Departamento de Filoloxía Galega e Latina dan a seguinte resposta ao decreto:
O Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, reunido en Consello
extraordinario o día 27 de xaneiro de 2010, ante a publicación das “Bases para o decreto de
plurilingüísmo” da Consellería de Educación da Xunta de Galicia quere manifestar:
1. O seu apoio ó documento redactado pola Real Academia Galega no que se poñen de
manifesto, argumentadamente, as eivas das mencionadas bases e se pide unha volta ó
consenso lingüístico manifestado no Parlamento coa aprobación do Plano de Normalización
Lingüística en 2004.
2. O galego segue sendo unha lingua desfavorecida en moitos ámbitos da sociedade.
Concretamente, no ensino universitario, a utilización da nosa lingua como vehicular é moi
limitada, malia que as universidades a recoñezan nos estatutos como lingua propia. Pouco se
ten avanzado neste sentido nos últimos 25 anos.
3. Estas “Bases” pretenden selo dun futuro decreto que condicionará o ensino durante os
próximos anos e que substituirá outro, o aprobado en 2007, que aínda non foi avaliado nos
seus resultados prácticos.
4. Como docentes universitarios, vemos con moita alarma calquera medida que limite aínda
máis a competencia lingüística que o alumnado ten cando chega ó ensino superior. Notamos
que un número significativo de estudantes chegan ás aulas universitarias cun dominio
deficiente das competencias básicas en lingua galega. Isto é debido, evidentemente, ó feito de
viviren nun mundo que se expresa maioritariamente en castelán (medios de comunicación,
ocio) pero tamén ó feito de que o ensino primario e secundario non deu situado o galego ó
mesmo nivel có castelán. As “Bases” non están deseñadas para corrixir estes problemas e
tememos que o único que farán será agravalos. Se o alumnado accede ó nivel universitario con
carencias nas linguas oficiais, galego e castelán, terá problemas no desenvolvemento das súas
carreiras, maiores sobre todo naquelas que non están centradas no estudo de contidos
lingüísticos e literarios.
5. A nosa responsabilidade como docentes do último período de educación dos estudantes
(graos e mestrados) fainos pedirles ós responsables das “Bases”, algún deles profesores
universitarios, que enxerguen a ameaza que supón este proxecto para a calidade do ensino
universitario. O ensino secundario non debe ser entendido como un compartimento estanco,
sen proxección na educación superior.
5. A Universidade baséase no diálogo e no contraste de ideas. Solicitamos que o Decreto que
regule o ensino das linguas oficiais, entre as que está a propia de Galicia, obxecto dunha
discriminación histórica, sexa consensuado entre as forzas políticas e que se teña en conta a
opinión do profesorado das distintas etapas educativas, tomando como referencia a da RAG,
máxima autoridade lingüística do país.
Este documento foi aprobado por unanimidade na sesión do Consello.
Vigo, 27 de xaneiro de 2010
La Voz. Disparate
martes, 2 de febreiro de 2010
Aumenta o uso do galego na USC
Segundo informa o Cartafol dixital, boletín editado na universidade compostelá, neste curso académico que andamos, a USC imparte en galego o 27,50% das horas da docencia dos graos e das titulacións de 1º e 2º ciclo, segundo o Plan de Ordenación Docente 2009-2010, sete puntos máis ca no curso anterior.As aulas en inglés alcanzan o 1,54%.
Valoración do Consello da Cultura Galega

Ditame do CCG sobre as “Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia“
A TVG resumíao neste titular: "O Consello da Cultura Galega pide que non se empregue o inglés como lingua vehicular no ensino"
A) As liñas mestras da política lingüística en Galicia, e calquera modificación
substantiva da normativa legal vixente, deben ser arroupadas por un amplo consenso
político, social e institucional.
B) En ningún caso se deben tomar medidas que supoñan pasos atrás no proceso de
recuperación do galego como lingua propia de Galicia, co obxectivo de situalo en pé de
igualdade co castelán.
C) Os responsables políticos e o goberno galego deben impulsar un discurso público en
que o idioma galego deixe de formularse en termos de problema e pase a comprenderse
en termos de recurso ou activo social.
D) O goberno galego está obrigado a dispor dos recursos necesarios para o eficaz
desenvolvemento de políticas de promoción do galego. Estas actuacións non deben
reducirse ao ámbito educativo, senón que deben ir dirixidas ao conxunto da sociedade,
procurando concitar a colaboración activa dos axentes civís.
Como medida adicional aconsellan ao Parlamento unha comisión co fin de elaborar unha proposta consensuada a partir do Plan Xeral de Normalización Lingüística.
Non resulta adecuado, mesmo desde o punto de vista formal, tratar esta cuestión (a das linguas estranxeiras como vehiculares no ensino)nunha norma que ten como obxecto a regulación da utilización no sistema educativo das dúas linguas oficiais de Galicia.
A previsión de utilización dunha lingua estranxeira como lingua vehicular nun
terzo do horario lectivo, con carácter xeral e uniformemente desde a educación
primaria ata a fin do bacharelato, resulta desaconsellable desde o punto de vista
pedagóxico e inviable na práctica,
a previsión xenérica de que o alumnado utilice nas aulas e nos exames o
idioma da súa preferencia, con independencia da lingua asignada a cada materia, carece
de lóxica educativa.
Máis contra o decreto: concellos e o Consello da Cultura Galega
Vilariño de Conso (PP) vota en contra do decreto
"Agresión á dignidade"
Vilariño de Conso, do PP, apoia unha moción contra o decreto do galego
Tamén o fai o Consello da Cultura Galega
Plenario de "luva branca"O Plenario do Consello da Cultura aproba o seu ditame sobre o decreto
E a pesar de todos os pronunciamentos en contra, Anxo Lorenzo, o Secretario Xeral de Política Lingüística di que
Educación non está a modificar 'nada' das bases do decreto
A Xunta da Facultade de Ciencias da Educación tamén contra o decreto.
Lembra alguén dalguén que se pronunciara contra o decreto do 2007? que manifestacións houbo
?
Menos mal que este é o do consenso (lembremos que segundo a prensa oficial todos os que non din nada están de acordo con el).
Declaración da Xunta de Facultade de Ciencias da Educación sobre as Bases para o uso do galego no ensino, vai enteira. Pódese dicir máis claro (nas facultades non tiran pola vía da claridade) pero non máis distinto.
A Facultade de Ciencias de Educación da Universidade de Santiago de Compostela, pola súa responsabilidade académica na formación de profesionais da educación e polo seu compromiso coa sociedade, non quere nin debe permanecer allea ao actual debate social sobre o papel das linguas e a súa aprendizaxe no sistema educativo galego, directamente derivado da recente presentación pública por parte da Xunta de Galicia dunha proposta de novo Decreto (“de plurilingüismo”), que especifica a presenza da lingua galega no ensino non universitario, a través de medidas e indicacións que reducen e modifican moi apreciablemente os criterios de tal presenza, con respecto ao que se establece no Decreto aprobado en 2007 e aínda en vigor. Por esta razón, reunida en Xunta Ordinaria o día 21 de xaneiro do 2010, aproba a seguinte declaración institucional:
a) As linguas non son só códigos formados por signos abstractos que permiten comunicármonos, senón tamén instrumentos básicos no proceso de aprendizaxe e construcións colectivas que reflicten unha historia comunitaria. É dicir, teñen unha dimensión educativa e social que demanda que a súa utilización escolar se realice desde o maior consenso democrático e desde o rigor científico.
b) O actual contexto histórico e social reclama cidadáns con competencia en varias linguas, pero tamén con capacidade para respectar e valorar a diversidade lingüística, sinaladamente a relacionada tanto con variedades minoritarias, como coas minorizadas. A responsabilidade das institucións educativas é, polo tanto, dobre: garantir o dominio instrumental deses códigos e formar individuos que asenten o seu comportamento lingüístico sobre valores cívicos e respectuosos dos dereitos lingüísticos.
c) O obxectivo plurilingüe ao que debe aspirar o sistema educativo ten que modularse en función do papel social que a lexislación lle atribúe a cada código e da vinculación que mantén con eles o alumnado. Non é razoable nin realista ningunha meta educativa plurilingüe, aplicable ao conxunto da poboación escolar, que non acepte niveis de competencia diferentes para as linguas ambientais e para as demais.
d) O rango de oficialidade que lle recoñece a lexislación ao castelán e ao galego, co carácter de ‘lingua propia’ para este último, por seren específica creación e construción patrimonial e histórica das xentes de Galicia, compromete aos poderes públicos e ás institucións escolares na consecución dun dominio funcional pleno nos dous idiomas por parte de todos os cidadáns. En troques, a desexable competencia do conxunto do alumnado noutras linguas ten que formularse desde parámetros competenciais máis básicos.
e) Temos que referirnos a dúas dimensións, unha política e unha técnica, que son complementarias. Unha dimensión é a definición dun proxecto lingüístico colectivo, que compete aos representantes políticos, como consecuencia das expresións electorais e a súa concordancia cos mandatos xurídicos constitucionais, e outra a definición do itinerario ou itinerarios para chegar a el, que debe realizarse con criterios científicos e de racionalidade curricular. Trasladar responsabilidades substantivas sobre estas cuestións técnico-didácticas ás familias e aos centros non se xustifica, entón, desde o reclamo dunha aposta democrática pola participación, senón que representa unha inhibición indebida por parte dos poderes públicos, que ademais pode xerar tensións e fracturas sociais inoportunas nas comunidades educativas e nos centros escolares, así como no corpo social galego, dados os usos, as percepcións e a realidade sociolingüística de Galicia.
f) As linguas apréndense a través do contacto con elas, tanto no contorno escolar coma no extraescolar, o que significa que unha lingua socialmente prevalente dispón de recursos engadidos para ser aprendida. Todos os estudos sociolingüísticos avalan que a lingua hexemónica en Galicia é o castelán, tanto desde o punto de vista da valoración social como desde o da presenza no universo vital dos escolares. En consecuencia, o obxectivo de competencia bilingüe semellante non se pode asentar sobre a filosofía do formal equilibrio e reparto lingüístico na escola, senón que reclama un papel de discriminación positiva para o galego, compensatoria da súa minorizada situación social, como expoñen repetidamente as investigacións e informes internacionais de socio e de psicolingüística, que recomendan programas de inmersión lingüística.
g) O uso vehicular das linguas no currículo favorece a súa aprendizaxe, pero a decisión sobre o momento e a proporción na que se han de empregar debe estar orientada, en conxunción, pola realidade contextual sociolingüística próxima e por principios sociolingüísticos e psicopedagóxicos. Isto é especialmente relevante nos primeiros chanzos da escolarización e na aprendizaxe da lectura e da escritura, polo que deixar estas decisións nas mans das familias podería entorpecer ou ser contraditorio co desexable establecemento dun proxecto lingüístico integrador, e pode provocar desaxustes no proceso de aprendizaxe, alén de indesexables problemáticas socioculturais.
h) A planificación lingüística escolar, como parte dun proxecto de normalización lingüística da lingua propia minorizada e de plurilingüismo de maior alcance, é un instrumento necesario nun sistema educativo plurilingüe; debe estar estritamente atento, por outra parte, ao seu desenvolvemento curricular e didáctico dado que o adecuado e correcto dominio das competencias lingüísticas precisas só se pode garantir cunha renovación do ensino e da aprendizaxe das linguas e coa colaboración didáctica dentro das áreas lingüísticas. Este é un espazo técnico e menos condicionado polo debate dos proxectos e programas políticos arredor das linguas que a administración educativa debería coidar especialmente.En función do exposto, esta Xunta de Facultade fai un chamamento ás autoridades educativas e aos grupos políticos galegos para que:
- Retiren o actual documento de Bases para o uso do galego no ensino por manifestarse inadecuado, distante ou mesmo contrario dos criterios anteriormente sinalados.- Traballen por reconstruír o consenso social e político encol da lingua galega e da súa normalización, como prevén as disposicións xurídicas, e a liña progresiva seguida pola normativa existente ata o momento.
- Separen deste debate o que se refire á aprendizaxe de linguas estranxeiras pois, sendo moi importante, é de natureza claramente diferente.
- Tratándose dunha toma de decisións políticas propia da acción de goberno e da actuación dunha administración pública correctamente informada non trasladen ao terreo particular das familias as decisións de índole curricular e de organización institucional escolar.
- Poñan en marcha medidas eficaces de promoción do uso social e escolar da lingua galega, na liña do sinalado no Plan de Normalización Lingüística, aprobado por consenso político no Parlamento de Galicia en 2004.
luns, 1 de febreiro de 2010
Fala Ferrín.
Os equipos de normalización censuran o silencio de Lorenzo
A Xunta recupera a cordura: Galego e castelán ao 50% no ensino
Ferrín pide a oficialidade do galego na franxa Navia-Eo
Ferrín: “Radical é o que desfai todo o feito polo galego nestes anos”
Entrevista: Ferrín: ''Inmersión lingüística é o que me fixeron a min ao educarme en castelán!''
Reproducimos aquí un anaco:
P: Pois no plano da lingua xa deu a súa resposta: un suspenso rotundo ás bases do decreto. Cal é a postura persoal de Méndez Ferrín a respecto do borrador?

R: A título persoal, eu coincido con todos os puntos da Academia, igual que a totalidade dos académicos. Foi aprobado xa non só por unanimidade, senon por aclamación (enfatiza o termo 'aclamación')
P: Con que termo definiría ese borrador?
R: Creo que algún académico dixo 'trapallada'... (ri) É algo así. É unha cousa que non ten solidez, que ten moitos defectos, non é satisfactorio para ninguén que queira defender o idioma e que queira frear o seu proceso de desaparición e descomposición. Así se viu nos apoios que recibiu a resposta da Academia.
P: Deféndese a inmersión lingüística no informe, como dixo Alfonso Rueda?
R: (levanta a voz) A inmersión lingüística é o que che fixeron a ti, cando te educaron en castelán, igual que a min! E a todo o mundo! (ri) E é o que está recomendado en varios modelos pedagóxicos cando se quere fomentar e recuperar unha lingua que está a perderse. O exemplo que se pon é o do Canadá, onde se ensina o inglés e o francés, pero as linguas indíxenas están especialmente protexidas. A inmersión é un ben! Eu, as linguas que aprendín, aprendinas por inmersión lingüística.
P: E as críticas de que o galego que defende a RAG é artificial?
R: (non deixa rematar a pregunta) E o castelán é artificial porque o artificiou a Real Academia española! Por iso ningunha das persoas que asina esa crítica pode escribir 'vaca' con 'b' para falar do animal! (ri a gargalladas)P: Que papel xogarán as súas opcións políticas no seu novo cargo? Será quen de deixalas a un lado?
R: Non, non podo deixar de pensar como penso. Sería coma se cres nas teses de Freud e tes que deixar de crer. Pero é certo que a Academia é a Academia, e a ela me vou dedicar, a servila as 24 horas.
P: E que fará a Academia se o decreto do galego vai adiante?
R: Nada. Xa fixo o que tiña que facer: emitiu unha doutrina admitida polas persoas dispostas a salvar o galego. A RAG non é un partido político, nunca vai ter representación no Parlamento. Non hai nada máis que facer.
55 mentiras sobre a lingua galega

Lingua de calidade
