Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 23 de xaneiro de 2011

As matemáticas da SXPL

Hai ben de tempo que non me ocupo da SXPL (Secretaría Xeral de Política Lingüística) e as súas cousas.
Unha nova no Galicia Hoxe na que se informa sobre unha denuncia feita pola Mesa denunciando a redución tanto en número como nas convocatorias do cursos de galego Celga, fíxome  volver a botarlle un ollo ao departamento que dirixe Anxo Lorenzo. Collo dúas noticias da web da SXPL escritas con 3 días de diferencia.
16 de xaneiro: "No ano 2010, a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou en Galicia, con carácter voluntario e gratuíto, 185 cursos preparatorios para as probas dos niveis Celga [..] nos que participaron un total de 2.595 persoas"
19 de xaneiro:  "Durante o 2010 en Galicia, 2.741 persoas beneficiáronse dos cursos Celga" Polo que no prazo de 3 días houbo un incremento de 146 participantes no Celga 2010.
"Co fin de fomentar a competencia en galego da sociedade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca para 2011 un total de 140 cursos de lingua galega" Polo que a oferta deste ano é de 45 cursos menos, e sendo así as cousas non deberían dicir co fin de reducir, no canto de co fin de fomentar



O programa de actividades Bocaberta promovido pola SXPL foi publicitado indicando que o seu obxectivo era o de promover a lingua galega entre rapaces e rapazas de 3 a 18 anos, desenvolvendo 747 accións en todos os concellos de Galicia coas que se chegaría a máis de medio millón de rapaces e rapazas.
Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), o número de galegos entre 0 e 19 anos, ambos incluídos, é de, exactamente 440.517. Se temos en conta que o número de rapaces de 0, 1, 2 e 19 anos debe andar algo por riba dos 100.000, temos unha medida da mentira que nos conta o organismo dirixido por Anxo Lorenzo: a cantidade que vai de "como moito 350.000" a "máis de 500.000"
Como a SXPL promove unha política fundamentada en que as matemáticas deben quedar fóra dos ámbitos do uso da lingua galega, acaba tratando aos números como enemigos. E mentras as cousas sigan así as matemáticas revolveranse, unha e outra vez, contra as mentiras e os intentos de redución do uso do galego.
Por unhas matemáticas en galego. Agora e sempre. 

Lingua e autonomía

por  X. L. Rodríguez Pardo, avogado,  no Xornal:


Dende logo, á vista do xeito de gobernar que ten o goberno galego de agora, calquera pensaría que non nos atopamos nun intre de crise económica da envergadura do que temos neste tempo xa que, de primeiras, foi o follón da lingua e o seu ensino e uso na Galicia e agora, por se fora pouco, atopámonos con que o señor Aznar mandou traballar contra das autonomías e, polo tanto, a Xunta e os seus compoñentes adícanse a pregoar en contra da España autonómica e, polo tanto, en contra da autonomía galega.
Claro é que, no partido de onde proveñen, xa non é de agora a súa posta en entredito do Estado autonómico e non hai que esquecer que xa o señor Fraga ideou a Administración Única, á que tan só lle fallaba chamala polo seu nome, así considerada, de Administración do Estado madrileño xa que, deste xeito, podíase consolidar a idea do centralismo puro e duro, gobernando nese mundo creado arredor de Madrid que abrangue as chamadas autonomías e que, polo tanto, converte estas nunha especie de concellos.
Mais falando da lingua, co que escomezamos antes, temos para lle botar aos animais na corte todo canto se poida obter da valoración do escándalo que armaron dúas senadoras do PP e logo, tamén, o propio presidente do partido cando afirmou, coma se tal cousa, que non é normal o uso dos idiomas cooficiais, o galego tamén, polo tanto, nos debates da Cámara do Senado, xa que as linguas non deben servir para crear problemas e o mellor xeito de eliminalos, e isto xa é unha conclusión miña, sería o de eliminar, na España, todas as linguas nela existentes, deixando unha soa: o castelán, craro é.
Máis adiante, se iso funcionase, posibelmente pasara a se chamar madrileño por en vez de español, deixando o nome de español para os países da América, e outros así, que precisan, como pasa na Bolivia, con 36 linguas cooficiais, un único idioma e non poden facer cooficiais todas as linguas indíxenas.
Por certo que unha das senadoras que rexeitou o uso do galego no Senado o pasado día 18 leva tempo de abondo nesa Cámara para ter un amplo coñecemento do por que ese recoñecemento da nosa lingua nesa Cámara non supón, en ningún caso, refugar o español senón, pola contra, darlle un grao de recoñecemento baseado, precisamente, na cooficialidade que a Constitución establece para salvar as linguas minoritarias, o cal si é un traballo ben feito, como acostuma a facer a Cámara Alta.

sábado, 22 de xaneiro de 2011

O erro co galego no Senado foi meu

por Rafael Cuíña, nun artigo no que fala do caso do uso do galego no senado e fai referencia a outro seu artigo, como sempre desde as páxinas do Xornal:


Debo recoñecelo, estou profundamente arrepentido de ter baixado a garda, ante o que as circunstancias demostran que nunca o podes e debes facer.
Escribía nesta mesma columna sobre o meu posicionamento ao respecto da utilización do noso idioma no Senado do Estado. Os meus argumentos básicos falaban da non necesidade de esixilo na “Cámara alta”, por coherencia, cando algúns o esiximos como único na Cámara galega. Engadía o custe por sesión de 12.000 euros, e o ridículo da utilización de aparatos de tradución existindo un idioma común castelán –o que se fala entre todos nos corredores–, xunto coa miña opinión da necesidade de desaparición do Senado, e a súa suposta función de cámara de representación interterritorial, por inútil e custosa.
Equivoqueime profundamente, e pido desculpas. Dinme conta do meu monumental erro –un non se cre un oráculo– cando sentín unha profunda vergonza ao observar a actitude de dúas senadoras do meu partido, nominalmente galegas. O seu desprezo pola nosa lingua, adornado de excusatio non petita sobre o seu amor a nosa cultura e a nosa lingua, resultoume un bochorno inasumible, para calquera que na súa alma albergue o máis mínimo sentimento de galeguidade. É evidente que non podes dar argumentalmente o máis mínimo indicio, para que a inmundicia atope acomodo. A actitude cos que danan o noso patrimonio, debe ser a de “nin un paso atrás”.
Estou aínda por ver unha soa medida, nestes tempos de convulsión cultural no país, na que en caso de dúbida, o galego non sexa o grande prexudicado. Se as senadoras Sáinz e Pan, e quen lles manda ter esa actitude, consideran que deben facer un limiar da súa inmundicia, asegurando un respecto e amor por algo que seguidamente desprezan, é que ou ben “non lles dá para máis”, ou ben obedece a estratexias nas cales, o obxectivo final –gobernar a calquera prezo–, debe estar por riba do futuro da terra á que eles cren representar –outra cousa é que o fagan.
Lémbrolles a esas representantes “nominais” da nosa terra, que militan nun partido de 100.000 afiliados, que na súa inmensísima parte aman un idioma co que se criaron, e que non cren en complexos co que forma parte da súa esencia. O que foi, pode volver a ser, e das voltas que en política da a vida, dou fe…
Non volverei a cometer ese erro de condescendencia. A miña palabra queda empeñada. Hoxe, se mo permiten, non hai “ou non?” que valga…

Os usos da lingua galega

por Lois Oreiro, xornalista, no Xornal:


A lingua galega non é un instrumento litúrxico. Non é só para usala nos discursos ceremoniais da tribu. Tampouco é un anacronismo rural só apto para coplas populares. Nin tan lírica como para reducila a xogos florais.
Non é o idioma do terruño. É unha lingua española e compatible tamén con 250 millóns de lusófonos en todo o mundo. A nosa fala non é asunto exclusivo de políticos e funcionarios. Non serve para disimular os trinta anos que leva o Senado sen reformar.
O galego non é para excitar os apetitos electorais dos que o desprezan e dos que o reivindican. O idioma propio de Galicia non é a lingua franca dos progresistas de esquerda. Nin a do nacionalismo galego. Nin obxecto de mofa do nacionalismo español.
A lingua galega non é un embolado do que a-ver-como-sae Anxo Lorenzo. Non é unha carencia. Nin tampouco un exceso. Non é a fala dos vellos porque os novos falen inglés.
Non é o desdouro dos provincianos de cidade. Non é un enredo para cobrar subvencións. Nin minusválida. Nin imposición ningunha. O idioma non é cousa de intelectuais. E non causa o complexo de pailán. Non é diglosia.
Non é a primeira vez que lles escribo disto pero comprendan que me pregunte qué carallo pensarán que é o idioma galego para andar decote con voltas e ter tan mal encaixe.

venres, 21 de xaneiro de 2011

As senadoras, o galego e o Espírito Santo

por Manuel Rivas, no xornal El País:


Nós non temos un idioma. Temos un problema.
Eu pensar pensaba que tiñamos un idioma nacido en Galicia e que iso era un ben, unha sorte, unha propiedade en man común, unha marabillosa crianza. Unha benzón. Se tivese que lle pór un prezo, non sabería. Canto vale un idioma de seu? Mais agora xa sei que para algúns non vale un can. Nin o prezo duns pinganillos. É un gasto. Un traste. Un problema. Como dixo o señor Rajoy, "las lenguas son para entenderse y no para crear problemas". Que é o que iso significa na práctica, falando en prata? Pois, polo que imos vendo, que hai dúas clases de linguas. Unha lingua,stricto sensu. E logo, os problemas. Así que eu pensaba que falaba galego e o que falo é un problema.
E ten razón don Mariano. Iso funciona así, de xeito orgánico. Canto máis galego falas, máis problemático te encontras. Por iso el non fala unha verba en galego. Para non meterse en problemas.
Os políticos andan como tolos detrás do "momento histórico". Alí onde hai un "momento histórico" alí procuran aparecer todos. Resulta conmovedora esa querenza polo "momento histórico". Tamén no fútbol hai a teima do "partido histórico". De tal xeito que se facemos caso dos fanáticos todas as tardes de domingo serían "históricas". "Eses momentos tan momentáneos", que diría Cantinflas. Mais, no fondo, a xente sabe o que é "histórico" e o que non é.
O do outro día, no Senado, ben merece o adxectivo. Si que foi un día histórico na historia de España. Na mellor, e non na triste historia. Algunha que outra vez se oíra falar en éuscaro, catalán e galego, ademais do castelán. Pero fora dun xeito moi excepcional, efémero. Mais nese día, o martes 19 de xaneiro de 2011, o que sucedeu foi a estrea dunha nova xeira. O uso normal das linguas cooficiais no que debería ser a cámara de representación territorial. Un gran espazo democrático de convivencia e integración. Este, o de ser hábitat exemplar da pluralidade lingüística, é o paso máis importante e serio que se ten dado nese sentido.
A mellor proba de que foi unha xornada histórica para o Senado é que nunca se falou tanto do Senado. Pasou de ser un ente invisíbel a converterse no epicentro do ágora. Mais non foi por un disparate, como esbardalla a opinión máis túzara, senón polo intelixente acordo dunha gran maioría que achega o Senado ao papel constitucional. Todo o proceso de tradución que garante a pluralidade lingüística, ese motivo de tanto escándalo, suma arredor dos 300.000 euros en persoal e medios técnicos, durante un ano. Menos do custe dun festexo taurino. Nin unha campaña publicitaria de millóns de euros faría tanto polo Senado. Oxalá en todos os momentos "históricos" houbese ese balanzo positivo entre o que se acada e o seu custe.
E se ese martes plural fixo visíbel o Senado, tamén permitiu saber da existencia de dúas senadoras galegas.
Non porque falasen o galego, senón por negarse a falalo.
Non por exercer os seus dereitos, senón por rexeitalos.
Non por representar o seu país, a súa cultura, senón por representar soamente un oportunismo sectario.
Mais estes que refiro son trazos parciais do caso Sáinz & Pan. Poderíamos pensar que non estiveron á altura da historia. Mais depende de que altura. E depende de que historia. O seu comportamento pode ser criticado, mais non por non ser "histórico". Mesmo deberíamos recoñecer que Sáinz & Pan fixeron todo o posíbel para pasar á historia. Coido que o lóxico é que falasen galego, polo menos en situación tan extraordinaria. Despois da moción do catalán Ramón Aleu, a senadora galega Sáinz tiña a ocasión de inaugurar un tempo novo. E o que fixo foi desinauguralo. Pois ese é outro xeito de pasar a historia! Desinaugurala.
Xa o dixo Mallarmé: "A destrución foi o meu amor, a miña Beatriz!"
Sei de xente que viviu ese desaire con vergonza allea. Que o sufriu como unha mágoa e como un aldraxe, envolto nunha declaración amorosa. A min, en troques, pareceume unha situación conmovedora. Velaí unha senadora, unha dona competente, con formación académica, profesoral, e que declara que podería falar galego, mais que non o vai facer. Por que? Por amor.
Este detalle apaixonante de María Jesús Sáinz, na liña "quen te quere, fará que sufras", permitiu dous intres históricos. O dela. E o da senadora guipuscoana, do PNV, Miren Leanizbarrutia, que no seu parlamento en éuscaro meteu unha frase en galego: "É unha pena que vostede sexa galega e non faga uso da lingua na que Rosalía de Castro escribiu tan fermosos versos".
Se Sáinz falase en galego, só teriamos un "momento histórico". E así temos dous. O da senadora galega que ama o galego pero non o fala. E o da senadora vasca, unha muller de Aretxabaleta, que non sabemos que tipo de relación ten con el, pero que non o ignora.
Hoxe non hai ninguén en Galicia que non declare amar o galego. Mais o amor ou é carnal ou é platónico. O galego debe ser a lingua que máis amores ten, estando como está entre dúas estacións pouco recomendábeis. As que os estudosos das políticas lingüísticas denominan Morte (Language Death) e Perigo (Language Endangerment). O amor coas linguas, dispensando, ou é ou non é.
A relación cunha lingua, co que se di dunha lingua, tamén se pode ver á luz da dialéctica de Eros e Tánatos.
Se o que temos non é un idioma senón un problema, ou un Idioma ao que chamamos Problema, pois máis que política lingüística o que nos fai falta é ir ao santo Freud.
Ou ao Espírito Santo.
Sigmund Freud e o Espírito Santo son de diferentes escolas, pero, verbo das linguas, veñen dicir o mesmo. Aínda que eu vexo moito máis resolutivo ao Espírito Santo no "momento histórico", como ben se demostra no Pentecostés.
Ese "intre histórico" é relatado así no Novo Testamento (Feitos dos apóstolos): "Sucedeu de súpeto que se produciu un ruído como do ceo semellante a un vento. Apareceron entón linguas de lume que pousaron sobre a cabeza da cada un deles (dos apóstolos e discípulos) enchéndose todos do Espírito Santo e comezaron a falar en diferentes linguas".
E se non o remedian nin Freud nin o Espírito Santo, sempre haberá para o galego un convoi ou un coche de liña con parada en Aretxabaleta. Ou na Universidade de Bremen, onde Zuzana Pesselova vén de escribir unha tese que atribúe á "modestia galega" a marcha que leva a lingua cara ao "falecemento". A Bremen fuxiron os músicos do conto cando se decataron de que ían morrer en mans do amor.

Sobre o uso de todas as linguas oficiais no senado

Prolingua publicou o seguinte comunicado sobre a perversamente interesada polémica do uso do galego no senado.


O Senado español aprobou, a finais do pasado ano, o uso normal, nos seus plenos, de todas as linguas oficiais do Estado español. O día 16 de xaneiro de 2011 as senadoras ou senadores dirixíronse á Cámara Alta en castelán, en éuscaro, en catalán ou en galego.
A xuízo desta Plataforma, a aprobación nesta cámara de medidas legais que permiten o uso de idiomas diferentes do castelán supón un aceno de respecto cara aos seus falantes, tantas veces discriminados ao longo da historia por non se expresar nalgún dos “dialectos” da que chegou a ser considerada como lingua única e obrigatoria do territorio español. Sexa benvida, pois, esta medida, que debería abranguer outros ámbitos, como pode ser o seu uso normal no Congreso dos Deputados, ou que os cidadáns poidamos dirixirnos legalmente a calquera administración valéndonos da nosa lingua propia.
Desde ProLingua queremos agradecer publicamente e felicitar a senadora vasca Miren Lore Leanizbarrutia de Bizkarralegorra, que realizou parte da súa intervención no idioma propio de Galicia. Así recollen os xornais as súas palabras no Senado: “É unha pena que vostede sexa galega e non faga uso da lingua na que Rosalía escribiu tan fermosos versos”.
A senadora referíase á representante do Partido Popular María Jesús Sainz García, elixida pola provincia da Coruña, e que mesmo exerceu no pasado de Conselleira de Educación en Galicia. Maria Jesús Sainz rexeitou expresamente no pleno utilizar a nosa lingua, invocando o castelán como lingua para se entender. A seguir, María Dolores Pan Vázquez, tamén da Coruña e representante do mesmo partido, interveu, coma a súa compañeira, na lingua de Cervantes. A actitude de ambas as senadoras defendeuna o máximo líder do PP, Mariano Rajoy Brey, compostelán de nacemento.
En ProLingua estamos convencidos de que a actitude destas senadoras e do Sr. Rajoy segue ao pé da letra as consignas da FAES, do mesmo xeito que o conxunto do partido ao que pertencen, con honrosas excepcións como, por exemplo, a de militantes da súa organización política que son parte da nosa Plataforma. Desde a FAES promoven abertamente, e non só no terreo das linguas, unha volta ao pasado.
En Galicia estamos a padecer en carne propia estas políticas, o implante das medidas regresivas polas que turra o goberno do Sr. Núñez Feijoo, as cales, ademais da forte contestación social, que levou ás rúas de Galicia as maiores manifestacións da historia a prol da lingua de noso, xa acenderon o farol vermello na comunidade científica de occidente, como se pode ler na tese de licenciatura que dirixe, na Universidade de Bremen, o profesor Klaus Zimmermann, titulada Auswirkungen der neueren galicischen Sprachpolitik im Kontext des galicischen Weltbildes ("As consecuencias da política lingüística galega recente nun contexto do mundo galego"). A súa autora, Zuzana Pesselova, expón que o Decreto do ensino do Goberno Feijóo "corta" un campo do uso do galego (as matemáticas e as ciencias naturais, denominados Loss of existing Domain), de tal xeito que recorta a lingua na súa vitalidade, "porque de facto prohibe a creación da lingua nun campo determinado e prohibe o desenvolvemento libre dos seres humanos", en conexión tanto cos dereitos lingüísticos como cos dereitos humanos.
Eduardo Galeano, no seu libro Espejos, no apartado que lle dedica á fundación dos idiomas nos mitos da creación que naceron no antigo México, escribe estes parágrafos que copiamos textualmente:
Poquito a poco, los pueblos fueron brotando de las bocas de la montaña.
Cada pueblo habla, todavía, la lengua del dios que lo creó.
Por eso las lenguas son sagradas, y son diversas las músicas del decir.
En ProLingua seguiremos a defender arreo a música do noso dicir galego, que non desafina con ningunha das outras músicas do dicir que enriquecen a humanidade. Por iso insistimos en rexeitar con toda enerxía actitudes e políticas xenófobas, síntomas preocupantes dunha estrema posición reaccionaria.
Galicia, 21 de xaneiro de 2011

Non ao galego. Falemos inglés

por J. V. Domínguez, no Xornal:


Os portugueses falan o inglés mellor ca nós. A maioría da xente ilustrada do país veciño, understand and speak English. Os nosos, pouco máis ca un vergoñento a little bit. Os homes de negocios e os políticos portugueses tamén cultivan o inglés con calquera que veña de fóra e non sexa quen de falar en portugués. Os nosos políticos falan idioma política; un xeito de falar interesado mais sen sentimento.
Uns máis e outros menos pero todos cos mesmos tópicos. Quen di inglés di francés. A maioría dos nosos políticos de altura, tampouco falan gabacho. Como moito un escusativo e non menos vergoñento, un petit peu. Pero hai moitos políticos españois que falan moi ben o español, o euskera, outros o galego e outros moitos o catalán.
Polo que atinxe a Galicia, moi cedo coas eleccións municipais e despois cando cheguen as eleccións autonómicas, escoitaremos de novo os nosos políticos falar nesa lingua galego política que aprenderon por pura comenencia. As senadoras polo PP de Galicia que non o quixeron facer no Senado, malia súa pesareira manifestación de amor profundo á lingua de leite e cooficial do seu País, tamén o farán cando teñan que rabuñar votos entre os habitantes locais, aínda que estes sexan estranxeiros residentes.
Semella que as/os nosos políticos/as da dereita teñen tanto de autonomistas coma José Antonio Primo de Rivera; pero como todos non caben no quiñón de Castela para vivir da política, non lles queda outra que falar nesa pequena e folclórica lingua que para eles/as é o galego.
Pois así lles é. Agora que no Senado cada quen pode presentar as mocións na súa lingua, aos/ás nosos/as representantes políticos, elixidos polos galegos, dálles por mofarse e queixarse do pinganillo e mais do custe do sistema. Non se acordan das molestias do aparello ou dos cartos que custan os intérpretes polo feito de que case ningún deles é quen de falar unha lingua estranxeira, cando teñen a obriga de representar os que vivimos nun lugar chamado Galicia no que tamén se fala galego.
No entanto, o máis lamentable de todo isto, non é tan só que os nosos políticos saiban menos inglés ou francés ca os portugueses –aínda que tamén, pois representan máis cidadáns e por riba cobran máis– senón que argumenten cuestións crematísticas e ata de vergoña nacional para rirse do sistema plurilingüista do Senado. O peor de todo é que ningún deses políticos do PP de Galicia defenda e fale da importancia do feito diferencial de Galicia que, por mor da nosa lingua e costumes, aporta unha impagable riqueza cultural para España enteira. Pero claro, que lles imos pedir cando eles/as, cambiarían sen dubidalo o galego polo inglés.
É posible que, se os senadores/as que desprezaron a nosa lingua na chamada Cámara de Representación Territorial, foran galegofalantes de verdade e viviran os seus soños en galego, serían quen de coñecer o valor da lingua materna nun país plural, ¡plural, si! malia lle doia a quen renega da lingua máis aló do folclore e do interese electoral.
É cultura ¡estúpidos/as!, parodiando o que lle dixeron a aquel político americano, falando de economía. Non está de máis recordárvolo a vos, senadoras/es do PPdeG, que non falades inglés nin francés e, por enriba, renegades do galego.

Canto de permanencia



O  foi documental relizado por de Píxel Films  e promovido pola AS-PG e a Fundación Manuel María. 

Só o español é necesario e rendíbel

por Alfonso Eiré, na Nosa Terra:

“É innecesario pois todo o mundo entende castelán. Calquera persoa sensata o sabe”. Son palabras de Alfonso Guerra referíndose á tradución simultánea no Senado. As expresións doutros socialistas, como o presidente extremeño, Guillermo Fernández Vara, ou o presidente do Congreso, José Bono, son semellantes. As que utilizan os voceiros do PP non se diferencian moito para argumentar a negativa a que se empreguen todas as linguas cooficiais do Estado nas cámaras de representación.
Con estes argumentos o que están é a negar unha realidade: a pluralidade do Estado. Existen catro nacións con catro linguas diferentes. Os seus desexos dun Estado unitario e centralista é falsa. A mesma Constitución española recolle esas linguas como cooficiais. Pero a maior parte dos españois só acepta como lingua común o castelán, rexeitando como propias do Estado as outras tres.
A lingua, como ben saben e defenden os españolistas (por iso miran pola súa e atacan as outras), ademais de ser un vehículo de comunicación é un símbolo de identidade.
É innecesaria a identidade? Para a maioría do PP e do PSOE son todas innecesarias menos a súa, a española.
Para remendar o argumento de “innecesario”, apelan á demagóxica afirmación (máis en tempos de crises) de que é un gasto excesivo.
Afirman que 350.000 euros ao ano significan un escamoche no Senado para ter unha tradución simultánea.
Pouco importa que só represente o 1% do orzamento da Cámara Alta. Ou que saia dese mesmo orzamento que, neste ano minguou nun 5%. Ou que haxa outros gastos que non teñen xustificación. Poderiamos lembrar a famosa piscina que construíron na Cámara Alta hai algúns anos. E sen saír do tema lingüístico, cantos cartos gasta anualmente o Instituto Cervantes co único fin de "representar" o castelán en territorios tan dispares como o Brasil, a China ou os Estados Unidos?
Algúns mesmo afirman que están de acordo coa utilización das catro linguas, pero que este “non é o momento”.
Cando é o momento? Máis de 30 anos agardando para que se cumpra a legalidade ao xeito coa realidade.
Tamén afirman que “ese espectáculo da tradución simultánea nun Estado moderno non se dá”.
É Bélxica un Estado moderno? E Suíza un estado equiparábel aos máis evolutivos e democráticos? E Finlandia? Son exemplos de tres Estados que tamén teñen tradución simultánea nas súas cámaras de representantes.
Non, eses non son os verdadeiros problemas, como ben quedou demostrado coa senadora do PP, María Xesús Sainz, cando se negou a ser a primeira en falar galego no Senado. O gasto estaba feito, pero preferiu desprezar o galego coa súa actitude e, coa súa palabra, atacalo.
O problema é que hai toda unha franxa ideolóxica-política que nin sequera asume a Constitución, que sempre está a levar a súa peana de procesión identitaria. Española, por suposto, como diría o garda civil golpista Antonio Tejero.
O problema é que, coa tradución simultánea, dáse no Senado un tímido avance na asunción do Estado plurinacional cando esas forzas reaccionarias comezaron unha nova cruzada recentralizándoa para volver ao Estado unitario e centralista español imposto polo franquismo. Só hai que ler a Jorge de Esteban, catedrático de Dereito Constitucional e presidente do Consello Editorial de El Mundo: "É moi difícil volverlle pór as plumas ao perú cando xa se desplumou pero algo hai que facer se queremos que España siga a existir como Nación unitaria".
O problema é que a realidade non ten nada que ver coa súa vontade.

Algúns consellos para mellorarmos a nosa lingua

por Xosé Manuel Sánchez Rei, profesor da UdC, en Terra e Tempo:

Hai unhas semanas chamabamos a atención sobre a necesidade de utilizarmos unha lingua de calidade, destonada de españolismos e harmónica coa súa tradición histórica. Daquela sinalabamos que un dos principais problemas que ten o galego nos nosos tempos é a súa confluencia, por hibridación, co español. E esa mestura, se se non fixer algo ao respecto, pode acabar nunha sorte de castelán dialectal con algúns trazos galaicos que lle darían cor e exotismo. Nesta ocasión, imos aprofundar máis un pouco nesas cuestións a facermos fincapé en varios aspectos que nos poden coadxuvar a mellorarmos a utilización da lingua. Non aspiran a ser remedios infalíbeis, pois vira unha tarefa imposíbel acharmos solucións acrónicas modelares para o conxunto de galegofalantes, mais tencionan, iso si, serviren como punto de reflexión a respecto de que mananciais debemos beber para conseguirmos unha maior calidade no emprego diario do idioma. Antes de entrarmos neses aspectos, podemos sintetizalos como segue: a) unha propositada vontade de empregarmos unha lingua de calidade; b) atención á lingua popular sabéndolle limpar os elementos foráneos; c) atención aos textos da literatura tradicional, produto igualmente desa lingua popular, mais tamén coa previa cautela diferenciadora do que é lexítimo e do que non; d) ponderación da valiosísima ferramenta da literatura da Idade Contemporánea; e) atención ás varidades lusitana e brasileira do noso mesmo tronco lingüístico; e f) a consulta puntual de obras especializadas.

Para conseguirmos ese propósito, debemos ter en conta que a lingua, parafraseando as palabras de Ricardo Carvalho Calero, é un asunto demasiado serio para o deixarmos nas exclusivas mans dos filólogos ou lingüistas. Quere isto dicir que non é patrimonio exclusivo de persoas formadas en gramática, en lingüística ou en filoloxía. A lingua ten unha elementar dimensión social e é por este motivo que pertence a todos os seus utentes. Ás veces escoitamos sentenzas do tipo Eu non son lingüista ou Os lingüistas e filólogos son os que deben utilizar o galego con propiedade e non nós, que non nos dedicamos a iso. Evidente e felizmente, nin todas as persoas que habitan a Galiza son lingüistas, nin compete exclusivamente aos especialistas un uso da lingua libre de influencias alleas, pois o idioma é o milenario produto da transmisión xeracional que tenciona continuar a se perpetuar de idéntico xeito. Querermos gozar de boa saúde non é desexo inherente das persoas que traballan na sanidade, conducirmos unha motocicleta harmonicamente e sen riscos non é típico só das persoas das autoescolas ou levarmos unha vida sen delinquir non ten de ser asociado unicamente ás coñecidas como forzas de seguranza, aos xuíces ou ás xuízas. Analogamente, empregarmos o idioma con propiedade, mellorándomos o seu uso de maneira constante, non pode ser dereito e vontade daqueles individuos que profesionalmente se dedican ao seu estudo ou que leccionan aulas de lingua, mais ten de se poder verificar no resto da sociedade.

Dito isto, e aínda que poida parecer obvio de máis, a primeira reflexión que queremos sinalar asenta nunha necesaria actitude de compromiso cara á lingua no referente ao seu uso. Isto significa que é preciso partirmos da vontade individual, principio que ten de servir como motivación inicial. Non se trata de mellorar noutras ordes da vida? Acaso non se condensan esforzos na consecución de certas metas consideradas mellores que estadios anteriores en certos ámbitos (laborais, profesionais, académicos etc.)? Pois coidamos que debemos actuar de parecido modo coa lingua, xa que, para alén de ser un mecanismo de cohesión social útil para interaxirmos con ela na nosa praxe diaria, é a entidade que nos identifica como membros do pobo galego. Pensemos en cal é o motivo de podermos detectar españolismos sabéndoos como tales: talvez costume, acaso desleixo, quizais falta de vontade de rexeneración da lingua, se callar pouca consideración co propio idioma, se cadra infravalorización? Algunha destas explicacións vira o suficientemente poderosa para continuar a xustificar a utilización dese léxico estraño ou desas estruturas foráneas? Non parece abondar mudarmos unhas cantas palabras españolas que temos incrustadas polas correspondentes galegas, mais ten de se abandeirar unha actitude que tencione varrer toda a presión externa e que nos posibilite gradualmente aproximármonos do ideal de lingua a que aspiramos. É certo que por moitos anos que vivísemos nunca dariamos chegado a dominar completamente mesmo o propio idioma, fose este o galego, o italiano ou o francés, mais isto non debe servirnos como xustificación para non perseguirmos ese modelo lingüístico digno.

Outra recomendación que se podería formular desde aquí céntrase na atención á lingua popular, nomeadamente a das persoas de idade. É certo que as variedades coloquiais e populares son presentemente as que máis sofren a erosión do español, mais, se formos capaces de separarmos o que lles é alleo e de nos fixarmos na súa enxebreza, teremos nese campo unha importante fonte de (in)formación lingüística: construcións sintácticas, fraseoloxías, léxico etc. Trátase, en definitivo, dunha praxe xa defendida por importantes referentes da cultura e da literatura galega contemporánea. Así, Rafael Dieste comentaba aló pola década de 20 do pasado século que o pobo é un verdadeiro mestre "en cousas da fala cando sabemos escoitalo e temos tino de abondo" para escolmarmos o bo e rexeitarmos o desnecesario. Por seu turno, Losada Diéguez salientaba a validade da expresión popular e a súa posíbel proxección en rexistros non estritamente populares tamén por aquelas datas, ao paso que Fole, xa nas décadas de 50 e 60, ponderaba a necesidade de conceder especial ouvido a esas modalidades de galego enxebre. 

Como resulta obvio, nin todo o elemento popular debe ter proxección nun modelo de lingua culto, pois para iso xa están os diferentes rexistros e situacións comunicativas, mais o certo é que o galego, que se mantivo practicamente sen cultivo literario desde o século XVI até ao XIX, soubo nalgunha medida compensar esa falta de textos escritos cunha expresividade oral e cunha literatura tradicional dignas de nota. Así, en moitos dos cantares compilados por Pérez Ballesteros e publicados nos anos 1885 e 1886 aparecen estruturas morfosintácticas e unidades lexicais que caracterizan as tales manifestacións líricas por teren unha notábel enxebreza idiomática; nesas estrofes transmitidas xeracionalmente, que constitúen por tanto unha das manifestacións da lingua popular máis xenuínas, poderemos obter modelos lingüísticos merecentes de seren imitados: Teño de ir (en vez de Teño que ir, hoxe máis habitual), cuarta feira (hodiernamente máis usado mércores), Viaxarei cando puider (hoxe en día *Viaxarei cando poida), A lei que me tes (máis frecuente actualmente O respecto que me tes), Por lle dar (presentemente máis detectábel Por darlle), Con licenza (actualmenteCon permiso), Dá memorias á familia (na actualidade moito máis común Dálle recordos á familia) etc.

Falarmos de manifestacións literarias lévanos a salientarmos máis unha fonte de relevante (in)formación lingüística, cal é a constituída polos textos da literatura clásica de autor dos séculos XIX e XX. Con efecto, sabéndomos identificar o que puider haber de foráneo nesas obras, teremos no legado de Rosalía, Blanco-Amor, Cunqueiro, Curros, Fole, Lamas, Manuel María, Novoneyra, Otero Pedrayo, Pondal, Risco etc. preciosas fontes para aperfeizoarmos o emprego do idioma. Por que motivo resulta en ocasións máis 'enxebre' a lingua, por exemplo, de Blanco-Amor, cos españolismos que tiver, que a linguaxe literaria de autores e autoras da nosa época, sen influencias foráneas, embora cunha sintaxe descafeinada, en liñas xerais concidente coa do castelán? Con isto non estamos a criticar as preferencias de uso que os escritores ou as escritoras puideren escoller para a elaboración dos seus textos, mais, en xeral, achamos en falta esa marca de autoctonía lingüística que se detecta nos máis dos textos modernos.

Máis un consello que se pode sinalar aquí é a necesaria atención ás variedades lusitana e brasileira da nosa lingua. Con frecuencia, moito léxico e moitas posibilidades de construcións sintácticas foron reintroducidas no galego grazas á súa vitalidade en Portugal, no Brasil ou nos países en que o portugués é lingua oficial. Unidades como carimbo, deus/a galego/a,Galiza, igrexa, orzamento, pobo, xanela etc. son palabras que se recuperaron desde o portugués dos nosos tempos e/ou desde a lingua antiga. Temos, por tanto, unha poderosa axuda nas variedades de galego-portugués que se utilizan no mundo para mellorarmos a nosa praxe cotiá do idioma. E, nestes medios, que pobo non se sentiría orgulloso de ser o berzo en que naceu unha das linguas máis faladas do mundo? Aproveitemos, pois, ese ricaz manancial que nos ofrece o galego nas súas variedades máis internacionais, identificadas comunmente co nome de portugués. Vira curioso que canta maior for a vontade de empregarmos unha lingua de calidade, o produto resultante máis se parecerá á tradición histórica do galego e tamén ás modalidades actuais de portugués...

Finalmente, cómpre termos presente que, para utilizarmos o mellor posíbel unha lingua, o continuo aprendizado pasa por a empregarmos de xeitos talvez inapropiados ou pouco acaídos nos momentos iniciais. Isto é común para todos os idiomas do mundo e así pode constatarse en cada realidade lingüística particular. Mais, de as dúbidas se proxectaren sobre a nosa práctica, contamos hoxe en día con obras especializadas que son capaces de solucionaren eses momentos de hesitación: "Como debemos dicir, Teño que lle dar ou Teño que darlle?", "Como se di en galego, coello ou conexo"? A estas preguntas dan resposta fácil as gramáticas modernas e as obras lexicográficas actuais, que souberon situar o galego á mesma altura que outras linguas do noso contorno no tocante a rigor científico, pesquisa lingüística e compromiso investigador co idioma. Así pois, cando tivermos dúbidas, consultemos eses textos, que os hai de moitos tipos e destinados a públicos ben diferentes: para o estudantado do ensino medio, para o alumnado universitario, para un público máis xeral e menos familiarizado con este tipo de traballos etc. 

En fin. Estes seis aspectos tentaron servir como ilustracións para así podermos aperfeizoar a nosa lingua na praxe diaria. Obviamente, algúns deles estarán máis ao alcance de certos grupos de falantes e outros serán máis ou menos doadamente asimilábeis dependendo dos utentes. De calquera modo, perpasa todos eles a vontade e o compromiso co idioma e coa súa utilización modelar.

Reducir (aínda máis) o ensino en galego



por Anxo Louzao, secretario xeral da CIG-ensino, en Terra e Tempo:

Só con altas doses de demagoxia e afán propagandístico se pode explicar que se presente unha lei titulada de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa para,supostamente, reforzar a autoridade do profesorado e a participación da comunidade escolar e que, porén, se furte todo tipo de debate social  e se impida a participación a un colectivo de 32.000 docentes, evitando as súas propostas e a negociación na Mesa Sectorial Docente, único órgano lexítimo de negociación do profesorado. A conduta autoritaria e antidemocrática do Conselleiro de Educación resulta inaceptábel, tanto polo procedemento como pola desconsideración co conxunto da sociedade e, nomeadamente, co profesorado e cos seus representantes. 

Non deixa de ser preocupante, ademais de reincidente, que a Consellería agardara ás datas non lectivas do Nadal para presentar o anteproxecto de Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa. Recorre, máis unha vez, a prácticas nada democráticas nin participativas, igual  que sucedera no seu día coas Bases para o Decreto de Plurilingüismo, para presentar proxectos de transcendencia para o ensino, actuando en función dos intereses dunha minoría reaccionaria e non representativa, coa pretensión de que teñan a mínima resposta posíbel, xa que a maioría dos destinatarios conflúen no seu rexeitamento.

A Consellaría, máis unha vez, fai bo o dito de "quen fai a lei fai a trampa". Non é, polo tanto, o principio de autoridade do profesorado, nin a redución da conflitividade o que a move para elaborar este proxecto. A verdadeira e única intencionalidade deste anteproxecto de Lei non é dar cobertura legal á consulta dos pais e das nais para determinar a lingua de ensino, unha vez que o informe do Consello Consultivo ditaminou a súa ilegalidade, co obxectivo claro de marxinar, aínda máis, o noso idioma no ensino. Por iso se lle dá rango de lei, xa que para o resto do seu contido abondaría cun regulamento, mediante un decreto. 

A pretensión de dar cobertura legal a que as familias participen para definir a  política educativa e idiomática, ademais de ser ilegal por conculcar dereitos recollidos no Estatuto de Autonomía, na lei de Normalización Lingüística, na LOE  e na propia Carta Europea de Linguas Minoritarias, supón un disparate, tanto social como pedagóxico. A educación, como servizo público básico, compétenos e interésanos a todos os cidadáns e cidadás. Porque todos e todas contribuímos cos nosos impostos a mantela e porque o futuro dunha sociedade está condicionado polo modelo educativo. A programación xeral e a ordenación da educación correspóndelles exclusivamente aos poderes públicos e a procura da normalización lingüística é unha obriga da administración galega. Os pais e as nais xa teñen fixadas as súas canles de participación, mediante as ANPAs e os consellos escolares.  Neste caso, a cuestión reviste maior gravidade, xa que o que se busca é prohibirlle ao profesorado impartir aulas no noso idioma e impedir a normalización lingüística,  en definitiva, erradicar o ensino en galego.  O procedemento de "participación directa das familias  no ensino e no proceso educativo" non é máis que unha ferramenta para uso partidario, antidemocrático e manipulador, tinxido de participación, para conseguir avalar unha política anti-galeguizadora e retrógrada. Alguén no seu san xuízo defendería que as nais e os pais fixasen, por exemplo, a carga lectiva e as materias que se deben impartir en cada nivel educativo ou os currículos educativos? Ou que os familiares dos doentes decidiran a medicación a receitar aos pacientes, impóndolles tamén os criterios de actuación profesional aos propios médicos e médicas? Sería de cándidos  pensar que esta artimaña, inventada polo Partido Popular para perseguir o noso idioma,  tamén se vai utilizar, por exemplo, para consultar  se se está de acordo ou non con que o 11% do orzamento da Consellaría (250 millóns de euros) de cada ano se desvíe para subvencionar o ensino privado-concertado, ou  se é necesario máis profesorado nos centros e a redución das ratios de alumnado por aula. 

Mentres, o profesorado, os profesionais do ensino, é absolutamente ignorado, non se lle ten en conta nin se lle permite a súa opinión e, moito menos, a negociación cos seus representantes, tal como é preceptivo legalmente. Todos e todas sabemos que calquera consulta que programe esta Consellaría nunca será en beneficio de maiores investimento para o ensino público, para a súa  galeguización ou para dotar de máis servizos e profesorado aos centros escolares.

Son, polo tanto, motivacións políticas espurias, as que levaron á Consellaría a presentar este proxecto de Lei, importando tamén propostas lexislativas lideradas por aqueles sectores máis extremistas do Partido Popular, tendo os seus antecedentes e alimento na Lei de autoridade  del Profesor, aprobada  en xuño do 2010, na Comunidade Autónoma de Madrid. A falta dun modelo educativo galego e o seu centralismo pernicioso, comporta  que o PP presente unha proposta de lei para realidades escolares alleas a galega, nas que a conflitividade escolar  pode ser  máis  preocupante e ten outras características diferentes á nosa.  A conflitividade escolar galega, segundo todos os informes, non reverte, en termos globais, agás casos illados, en ningún tipo de situación alarmante. A percepción xeneralizada entre a comunidade escolar non é outra que a de que a conflitividade nos centros, ademais de ser reducida, é maioritariamente disruptiva, ligada,  moitas veces, á desmotivación do alumnado, nomeadamente na ESO. Se nos atemos aos expedientes disciplinarios, como indicador da conflitividade nos centros, a media non alcanza nin sequera o 0,3% nos últimos dez anos, oscilando entre o 0,31% e o 0,27%. Isto amosa  que o PP está interesado en reforzar esa  visión alarmista que busca sobredimensionar unha problemática, distorsionando a realidade dos centros educativos públicos para reforzar e potenciar a escolarización nos centros privados concertados.  Mais o que realmente se necesitan son recursos e medios para atender a un alumnado cada vez máis diverso e para facer fronte ao fracaso escolar .

É preocupante que con esta lei se estea trasladando á sociedade que a mellora da  convivencia nos centros escolares só ten solución con actuacións coercitivas, disciplinarias e represivas e non con actuacións formativas e educativas, cando a solución pasa por aplicar medidas pedagóxicas e de atención á diversidade. Temos que ter en conta que moitos dos comportamentos que inflúen na convivencia teñen relación directa co fracaso escolar e a obxección a aprender. Polo tanto, habería que investir en persoal, en formación e en recursos, e non en procurar xudicializar o sistema educativo.

Os problemas do Ensino non se resolven con propaganda barata. A presunción de veracidade ou o recoñecemento da autoridade pública do profesorado da que falan non son criterios que empregan ao prohibir por decreto dar aulas en galego en determinadas materias,  recortar o noso salario, recargar o profesorado con numerosas tarefas burocráticas, ampliar as súas responsabilidades, realizar traballos e funcións que non  lle  corresponden, impartir materias das que non é especialista, etc. Tampouco son os que presiden as relacións cos centros escolares aos que lles negan sistematicamente as peticións de profesorado e outras dotacións para facer fronte ás necesidades de cada centro. Cuestións todas elas que verdadeiramente redundarían no recoñecemento da función docente do profesorado e na mellora da calidade do ensino.

Ao longo de diferentes normas educativas, o profesorado observou como o claustro de profesores ía perdendo competencias  educativas, pedagóxicas e laborais e como se incrementaba a xerarquización, creando múltiples perfís que nada achegaron ao traballo en equipo e á cooperación, coordinación e interacción do profesorado. A xestión democrática dos centros segue tendo grandes carencias, o modelo actual tende á xerarquización e suprime a elección democrática directa das direccións nas que se concentra o poder de decisión. O feito de que a Consellaría desconsidere o traballo dos docentes lévaa a que, mesmamente, nos desautorice como colectivo ante a sociedade. Esta lei nada aporta  para mudar esta situación.

Trátase, en definitiva, dunha lei, tal como xa afirmamos, cun obxectivo pernicioso: prohibir ensinar en galego. A fundamentación da lei baséase en criterios correctivos e non formativos e educativos. Obsérvase unha tendencia á xudicialización do sistema educativo, en lugar do principio que a escola ten que ter como primordial que non é outro que a formación integral da persoa, tanto na súa dimensión persoal como social. Temos que desenmascarar, máis unha vez, esta burla e exixir medidas reais para atender a diversidade escolar, mellorar a convivencia nos centros e valorar, na súa xusta medida, o noso traballo como docentes. Para iso é preciso unha nova lei. De aí que só caiba a retirada deste proxecto, abrir un amplo debate social, nomeadamente no ámbito do ensino, convocar a Mesa Sectorial e, a partir de aí, elaborar unha verdadeira Lei do Sistema Educativo Galego que dea resposta satisfactoria ás necesidades da educación pública galega que pasan por, entre outras,  derrogar o decreto 79/2010 de plurilingüismo no ensino, avanzar na normalización, dotar de profesorado suficiente os centros públicos, reducir o alumnado por aula, incrementar o investimento no ensino público, até o 7% do PIB, para facer real a igualdade de oportunidades; incrementar os recursos para a atención á diversidade e á educación personalizada e mellorar as condicións profesionais e laborais do profesorado, restituíndo,  en primeiro lugar, os seus salarios. Esta sería a única maneira de que o alumnado galego teña o ensino que lle corresponde e de que o profesorado poida desempeñar o seu traballo en condicións satisfactorias. Esta é, e non outra, a autoridade que precisa e demanda o profesorado galego.