Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
venres, 21 de xaneiro de 2011
Reducir (aínda máis) o ensino en galego
por Anxo Louzao, secretario xeral da CIG-ensino, en Terra e Tempo:
Só con altas doses de demagoxia e afán propagandístico se pode explicar que se presente unha lei titulada de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa para,supostamente, reforzar a autoridade do profesorado e a participación da comunidade escolar e que, porén, se furte todo tipo de debate social e se impida a participación a un colectivo de 32.000 docentes, evitando as súas propostas e a negociación na Mesa Sectorial Docente, único órgano lexítimo de negociación do profesorado. A conduta autoritaria e antidemocrática do Conselleiro de Educación resulta inaceptábel, tanto polo procedemento como pola desconsideración co conxunto da sociedade e, nomeadamente, co profesorado e cos seus representantes.
Non deixa de ser preocupante, ademais de reincidente, que a Consellería agardara ás datas non lectivas do Nadal para presentar o anteproxecto de Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa. Recorre, máis unha vez, a prácticas nada democráticas nin participativas, igual que sucedera no seu día coas Bases para o Decreto de Plurilingüismo, para presentar proxectos de transcendencia para o ensino, actuando en función dos intereses dunha minoría reaccionaria e non representativa, coa pretensión de que teñan a mínima resposta posíbel, xa que a maioría dos destinatarios conflúen no seu rexeitamento.
A Consellaría, máis unha vez, fai bo o dito de "quen fai a lei fai a trampa". Non é, polo tanto, o principio de autoridade do profesorado, nin a redución da conflitividade o que a move para elaborar este proxecto. A verdadeira e única intencionalidade deste anteproxecto de Lei non é dar cobertura legal á consulta dos pais e das nais para determinar a lingua de ensino, unha vez que o informe do Consello Consultivo ditaminou a súa ilegalidade, co obxectivo claro de marxinar, aínda máis, o noso idioma no ensino. Por iso se lle dá rango de lei, xa que para o resto do seu contido abondaría cun regulamento, mediante un decreto.
A pretensión de dar cobertura legal a que as familias participen para definir a política educativa e idiomática, ademais de ser ilegal por conculcar dereitos recollidos no Estatuto de Autonomía, na lei de Normalización Lingüística, na LOE e na propia Carta Europea de Linguas Minoritarias, supón un disparate, tanto social como pedagóxico. A educación, como servizo público básico, compétenos e interésanos a todos os cidadáns e cidadás. Porque todos e todas contribuímos cos nosos impostos a mantela e porque o futuro dunha sociedade está condicionado polo modelo educativo. A programación xeral e a ordenación da educación correspóndelles exclusivamente aos poderes públicos e a procura da normalización lingüística é unha obriga da administración galega. Os pais e as nais xa teñen fixadas as súas canles de participación, mediante as ANPAs e os consellos escolares. Neste caso, a cuestión reviste maior gravidade, xa que o que se busca é prohibirlle ao profesorado impartir aulas no noso idioma e impedir a normalización lingüística, en definitiva, erradicar o ensino en galego. O procedemento de "participación directa das familias no ensino e no proceso educativo" non é máis que unha ferramenta para uso partidario, antidemocrático e manipulador, tinxido de participación, para conseguir avalar unha política anti-galeguizadora e retrógrada. Alguén no seu san xuízo defendería que as nais e os pais fixasen, por exemplo, a carga lectiva e as materias que se deben impartir en cada nivel educativo ou os currículos educativos? Ou que os familiares dos doentes decidiran a medicación a receitar aos pacientes, impóndolles tamén os criterios de actuación profesional aos propios médicos e médicas? Sería de cándidos pensar que esta artimaña, inventada polo Partido Popular para perseguir o noso idioma, tamén se vai utilizar, por exemplo, para consultar se se está de acordo ou non con que o 11% do orzamento da Consellaría (250 millóns de euros) de cada ano se desvíe para subvencionar o ensino privado-concertado, ou se é necesario máis profesorado nos centros e a redución das ratios de alumnado por aula.
Mentres, o profesorado, os profesionais do ensino, é absolutamente ignorado, non se lle ten en conta nin se lle permite a súa opinión e, moito menos, a negociación cos seus representantes, tal como é preceptivo legalmente. Todos e todas sabemos que calquera consulta que programe esta Consellaría nunca será en beneficio de maiores investimento para o ensino público, para a súa galeguización ou para dotar de máis servizos e profesorado aos centros escolares.
Son, polo tanto, motivacións políticas espurias, as que levaron á Consellaría a presentar este proxecto de Lei, importando tamén propostas lexislativas lideradas por aqueles sectores máis extremistas do Partido Popular, tendo os seus antecedentes e alimento na Lei de autoridade del Profesor, aprobada en xuño do 2010, na Comunidade Autónoma de Madrid. A falta dun modelo educativo galego e o seu centralismo pernicioso, comporta que o PP presente unha proposta de lei para realidades escolares alleas a galega, nas que a conflitividade escolar pode ser máis preocupante e ten outras características diferentes á nosa. A conflitividade escolar galega, segundo todos os informes, non reverte, en termos globais, agás casos illados, en ningún tipo de situación alarmante. A percepción xeneralizada entre a comunidade escolar non é outra que a de que a conflitividade nos centros, ademais de ser reducida, é maioritariamente disruptiva, ligada, moitas veces, á desmotivación do alumnado, nomeadamente na ESO. Se nos atemos aos expedientes disciplinarios, como indicador da conflitividade nos centros, a media non alcanza nin sequera o 0,3% nos últimos dez anos, oscilando entre o 0,31% e o 0,27%. Isto amosa que o PP está interesado en reforzar esa visión alarmista que busca sobredimensionar unha problemática, distorsionando a realidade dos centros educativos públicos para reforzar e potenciar a escolarización nos centros privados concertados. Mais o que realmente se necesitan son recursos e medios para atender a un alumnado cada vez máis diverso e para facer fronte ao fracaso escolar .
É preocupante que con esta lei se estea trasladando á sociedade que a mellora da convivencia nos centros escolares só ten solución con actuacións coercitivas, disciplinarias e represivas e non con actuacións formativas e educativas, cando a solución pasa por aplicar medidas pedagóxicas e de atención á diversidade. Temos que ter en conta que moitos dos comportamentos que inflúen na convivencia teñen relación directa co fracaso escolar e a obxección a aprender. Polo tanto, habería que investir en persoal, en formación e en recursos, e non en procurar xudicializar o sistema educativo.
Os problemas do Ensino non se resolven con propaganda barata. A presunción de veracidade ou o recoñecemento da autoridade pública do profesorado da que falan non son criterios que empregan ao prohibir por decreto dar aulas en galego en determinadas materias, recortar o noso salario, recargar o profesorado con numerosas tarefas burocráticas, ampliar as súas responsabilidades, realizar traballos e funcións que non lle corresponden, impartir materias das que non é especialista, etc. Tampouco son os que presiden as relacións cos centros escolares aos que lles negan sistematicamente as peticións de profesorado e outras dotacións para facer fronte ás necesidades de cada centro. Cuestións todas elas que verdadeiramente redundarían no recoñecemento da función docente do profesorado e na mellora da calidade do ensino.
Ao longo de diferentes normas educativas, o profesorado observou como o claustro de profesores ía perdendo competencias educativas, pedagóxicas e laborais e como se incrementaba a xerarquización, creando múltiples perfís que nada achegaron ao traballo en equipo e á cooperación, coordinación e interacción do profesorado. A xestión democrática dos centros segue tendo grandes carencias, o modelo actual tende á xerarquización e suprime a elección democrática directa das direccións nas que se concentra o poder de decisión. O feito de que a Consellaría desconsidere o traballo dos docentes lévaa a que, mesmamente, nos desautorice como colectivo ante a sociedade. Esta lei nada aporta para mudar esta situación.
Trátase, en definitiva, dunha lei, tal como xa afirmamos, cun obxectivo pernicioso: prohibir ensinar en galego. A fundamentación da lei baséase en criterios correctivos e non formativos e educativos. Obsérvase unha tendencia á xudicialización do sistema educativo, en lugar do principio que a escola ten que ter como primordial que non é outro que a formación integral da persoa, tanto na súa dimensión persoal como social. Temos que desenmascarar, máis unha vez, esta burla e exixir medidas reais para atender a diversidade escolar, mellorar a convivencia nos centros e valorar, na súa xusta medida, o noso traballo como docentes. Para iso é preciso unha nova lei. De aí que só caiba a retirada deste proxecto, abrir un amplo debate social, nomeadamente no ámbito do ensino, convocar a Mesa Sectorial e, a partir de aí, elaborar unha verdadeira Lei do Sistema Educativo Galego que dea resposta satisfactoria ás necesidades da educación pública galega que pasan por, entre outras, derrogar o decreto 79/2010 de plurilingüismo no ensino, avanzar na normalización, dotar de profesorado suficiente os centros públicos, reducir o alumnado por aula, incrementar o investimento no ensino público, até o 7% do PIB, para facer real a igualdade de oportunidades; incrementar os recursos para a atención á diversidade e á educación personalizada e mellorar as condicións profesionais e laborais do profesorado, restituíndo, en primeiro lugar, os seus salarios. Esta sería a única maneira de que o alumnado galego teña o ensino que lle corresponde e de que o profesorado poida desempeñar o seu traballo en condicións satisfactorias. Esta é, e non outra, a autoridade que precisa e demanda o profesorado galego.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario