No ano 2003 realizouse un proceso para conseguir unha normativa ortográfica e morfolóxica oficial do idioma do país que supuxese un moito maior consenso que a vixente neses momentos. O diálogo produciuse grazas á iniciativa da Asociación Socio-Pedagóxica Galega e nel participaron tamén o Instituto da Lingua Galega da USC, os departamentos de Filoloxía Galega das tres universidades de Galiza e a Real Academia Galega, que, coas competencias que lle atribúe a Lei, ratificou o acordado.
Dous anos antes, en 2001, tentárase chegar ao mesmo consenso, mais nese caso non fora posíbel debido ás fortes inxerencias da Xunta de Galiza, presidida por Manuel Fraga Iribarne, quen, mesmo con chamadas persoais a algúns académicos, logrou imposibilitar esa unión na última hora. (Será este outro mérito polo que se lle concedeu o ano pasado o premio Ramón Otero Pedrayo?!) Cando xa a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, o Instituto da Lingua Galega e as tres universidades tiñan un texto acordado, a Real Academia Galega decidiu nunha das súas máis lamentábeis sesións rexeitar o pacto; algo que, por fortuna, esta institución soubo emendar dous anos máis tarde.
O caso é que as normas de 2003 supuxeron un paso adiante, non só polos cambios concretos que introducían, senón sobre todo polo espírito de diálogo e procura dun acordo multilateral que nelas reinou. As mudanzas a respecto da anterior norma oficial, de 1995, a verdade é cuantitativamente foron escasas. As máis relevantes podémolas resumir nestes dez puntiños:
1)Preferencia de ao sobre ó: Ao mellor, fágoo.
2)Admítese plenamente a terminación -bel / -beis (amábel, amábeis).
3)Só é obrigatorio o uso da segunda forma do artigo coa preposición por (Vou polo camiño) e co adverbio interrogativo u (U-los óculos?).
4)Os signos de interrogación e admiración só son obrigatorios ao final do enunciado: Dimo! Por que non mo dis?
5)Preferencia do sufixo -aría sobre -ería: Consellaría, libraría.
6)Galiza é recoñecida tamén como nome da nación, xunto a Galicia.
7)Nos grupos consonánticos cc e ct, suprímese a consoante que segue as vogais i e u (produto, conflito).
8)Elimínanse esto, eso e aquelo e considéranse como únicas normativas isto, iso e aquilo.
9)Recoñécense como plenamente admisíbeis os adverbios aquén e alén, o relativo cuxo, as preposicións e locucións a respecto de, após, até e canto a, e as conxuncións e locucións adversativas no entanto e porén.
10)Terminan en -zo / -za as palabras diferenza, espazo, estanza ("estrofa"), graza, licenza, nacenza, novizo, perseveranza, presenza, sentenza, servizo e terzo.
A pesar do tempo transcorrido, aínda hoxe hai moitísima xente que segue a falar de que "unhas estrañas" formas como "grazas" ou "estrutura" se incorporaron coa "nova" normativa do galego. Oito longos anos despois, a verdade é que xa non resulta tan nova...
Ademais, a polémica estivo servida porque moitas persoas aducían e aducen como motivo para non usaren normalmente o idioma de Galiza argumentos como que "o galego sempre está a cambiar", polo que -supostamente- se carecería dun referente de corrección claro e estábel. O galego sería, así, un idioma de laboratorio, en directa comparación co español, tan limpo, tan fixo, tan esplendoroso. E, sobre todo, tan natural.
O argumento, na realidade, é un prexuízo que responde ao resultado dunha realidade social inxusta, que bebe da exclusión secular do galego de moitos ámbitos de poder e cultura nos cales se fai necesaria a fixación dun estándar. A incomunicación de Galiza cos outros territorios do seu sistema lingüístico, especialmente o veciño e normalizado Portugal, é tamén chave para entendermos como chegamos até aquí. Mais non vaiamos moito para atrás no tempo e pensemos un pouquiño na máis estrita actualidade.
Os medios de comunicación informáronnos abondosamente nas últimas semanas da última reforma da ortografía do español: mudanza de denominación de letras (de y griega a ye, é a máis rechamante), mudanzas na acentuación de moitas palabras habituais (solo, guion, guie, truhan, esta, hui, riais...) e na grafía doutras cantas (Catar, cuórum, seudo, posdata...). Ademais, sen que tal duplicidade causar escándalo, o conxunto da poboación soubo tamén que había algunhas destas formas que agora se oficializan que a Real Academia Española xa as levaba utilizando nas súas publicacións desde 1960. No entanto, neste tempo todas as nenas e todos os nenos poderían ver reducida a súa puntuación nos exames escolares se escribían dese xeito. Mais hai alguén que diga que vai deixar de usar o castelán por ese motivo? Evidentemente: non..
Ningún comentario:
Publicar un comentario