Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 9 de xaneiro de 2011

Contra a lingua con autoridade

por Alba Nogueira, profesora na USC, no Xornal:


Escurrindo o vulto unha vez máis, ás autoridades públicas autonómicas pésalles o fardo de ter que gobernar e queren agora compartir a súa autoridade cos docentes. O anteproxecto de Lei de Convivencia e Participación, presentado con “natividade” como adoita, fundaméntase na premisa falsa de que o ensino en Galiza, un dos que ten as ratios máis baixas de conflitividade do Estado e cun número moi pequeno de sancións, ten como problema principal a violencia nas aulas. A solución, como sempre sucede cos gobernos extremistas, é desviar a atención da realidade con medidas represivas. O acoso, os conflitos, son a cortina de fume detrás da que se agacha o obxectivo de meter de matute unha regulación ilegal sobre a consulta ás familias para avanzar na exterminación do galego das aulas. As eleccións municipais están próximas e hai que tapar con propaganda a ineficacia.
Dous son os aspectos que son máis preocupantes, por ilegais, dese anteproxecto autoritario, que non supera uns requisitos mínimos de boa técnica normativa.
O primeiro punto no que a lei teimudamente pretende violar a legalidade é na restritiva concepción da participación e consulta ás familias. Consulta sobre o que non se pode, a programación educativa (artigo 6.4 da LOE) que lle corresponde facer á Administración central e autonómica nas porcentaxes que fixa a LOE. E forman parte da programación educativa os contidos que se imparten e os coñecementos transversais que integran o curriculum (linguas de aprendizaxe, valores...). Consultarannos sobre o mantemento de relixión? Ou sobre se preferimos as teorías creacionistas como explicación da evolución? Pero non regula as consultas sobre o que debe, porque non quere saber a nosa opinión: os medios cos que conta o ensino público, os horarios escolares (fixados tantas veces polas compañías de transporte e non polas familias e os ensinantes)ou o desbalde de recursos públicos en propaganda sobre o ensino ou financiando centros privados que segregan por sexo.
Non vai ser esta a ferramenta tampouco pola que poida violar as previsións da Lei de Normalización Lingüística que recoñece o dereito a ser atendidos no primeiro ensino na lingua materna –sen que maiorías pírricas poidan poñer en causa este dereito que a lei recoñece. Nin tampouco a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, na que España ratificou a existencia de modelos de inmersión lingüística en tódolos niveis educativos que a Xunta de Galicia ten que poñer en marcha. Ou a necesidade de aplicar políticas de normalización lingüística no ensino de carácter progresivo. Como acaban de reiterar tres sentenzas do Tribunal Supremo (tendenciosas e sen efectos reais pois non ten este órgano competencia para declarar a inconstitucionalidade da lexislación catalá) pero que, desde o nivel de normalización lingüística de Galiza, claramente manteñen a necesidade de aplicar políticas de discriminación positiva coa intensidade necesaria para acadar a igualdade das dúas linguas oficiais.
En segundo lugar, o anteproxecto quere enganar a opinión pública con fogos de artificio en relación cos problemas de convivencia nas aulas nun proceso no que faría ben en aprender das experiencias exitosas de resolución de conflitos que existen en moitos centros escolares. Hai que aclarar que a atribución de condición de autoridade pública non ten máis efectos que darlle unha presunción de veracidade ás probas existentes nun eventual procedemento sancionador. Sería bo saber cantos procedementos foron tramitados nos que algunha familia cuestionara a veracidade das afirmacións do profesorado e concluise sendo anulada a sanción por esta razón. Matar moscas a cañonazos chámase isto.
Non ten ningún valor esta declaración de autoridade pública, en cambio, en relación coa calificación como atentado á autoridade a efectos penais se houber agresións no ámbito escolar xa que esta é unha cuestión que depende da definición que incorpora o Código Penal –materia de competencia exclusiva estatal.
Incumprindo o principio de legalidade e abrindo a porta á violación das garantías e dereitos protexidos (integridade física e moral, intimidade, dignidade persoal, liberdade de pensamento) a lei permite que as “normas dos centros” fixen que obxectos, substancias ou produtos non poden terse no recinto escolar. Só as normas con rango legal, por tanto as normas dos centro son a estes efectos papel mollado, poden realizar restricións de dereitos. Esta esixencia propia de países democráticos ten como fin evitar, por exemplo, que unha interpretación pouco garantista dos dereitos poida levar a impedir a posesión de folletos ou publicacións coas que non se comparte a ideoloxía, preservativos porque vai en contra da moral sexual do centro, ou símbolos por non compartir as ideas políticas ou relixiosas. E todo iso, folletos, preservativos, símbolos, entran na ampla definición de obxectos, substancias ou produtos que a lei menciona xenericamente e que se os centros, ilegalmente, regularan poderían ser anulados tan pronto se presentara o primeiro recurso. Unha vez máis Feijoo decae na súa responsabilidade e deixa o nesporeiro aberto nos centros educativos.
Fala o anteproxecto de recuperar a consideración social dos docentes e erra o tiro ­unha vez máis. A Xunta de Feijóo ten moito que ver coa falta de recoñecemento desa función docente. Os mestres son administrativos, coidadores, vixiantes de comedores, contratistas e agora... policías.
En definitiva, os problemas do ensino neste momento non son de disciplina, nin de vestimenta. Eses son os problemas que ten na súa cabeza quen non coñece a realidade da educación en Galicia nin viu un neno/a máis que nos anuncios televisivos e só ten na cabeza un proxecto autoritario e sen ideas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario