por Iván Méndez López, acertado como sempre, no Xornal:
“Esperpéntico”, “hilarante”, “obscenidade”, “patochada”, “circo rexionalista de covardes e mexericas”, “pallasos”, “ridículo”. Así abriu a prensa madrileña a súa edición do mércores. Artigos de opinión e portadas incluídas. Nalgunhas até se sinala os e as interpretes como os novos controladores aéreos por teren a ofensa de cobraren as súas tarifas.
Nalgunha prensa de provincias, os ecos dos ouveos escoitáronse mesmo amplificados. A “belxificación” orquestrada polos nacionalistas no Senado, supón un “drama para España”. Nesa prensa, galega disque, aínda non houbo unha palabra de benvida.
Os políticos, como non podía ser menos, tamén deixaron os seus titulares: para María Dolores de Cospedal o asunto é “un tremendo disparate”; Sáenz de Santamaría xulga a medida de “innecesaria e cara”, que atenta contra “o sentido común”; o senador Van Halen laiábase do “desprestixio cara os españois”. Supoñemos que nese desprestixio tamén entrarán os galegofalantes.
O “supremo representante dos galegos”, unha semana despois de se emocionar no Gaiás, considérao un “exceso económico e político”. Cando o dixo non se lle escoitou ningún riso. El continuou co seu ricto aínda que no fondo estaba a esmendrellarse.
Con todo, quen mellor definiu a “obscenidade” foi o líder da oposición, galego coma nós: “Isto, nun país normal, non pasa”. Por unha vez, comparto unha sentenza do pontevedrés, aínda que para nos referir cousas diferentes.
Nun país normal, as primeiras palabras na lingua propia nunha institución non as di unha foránea para recriminar unha nativa por o non facer. Nun país normal, o propio presidente non estaría contra unha medida que dignifica o propio país e a súa máxima expresión definitoria. Nun país normal, a prensa saudaría como mostra de dignidade ou feito histórico a medida.
Por desgraza isto só pasa nun país como este.Por certo, eskerrik asko, Miren
Ningún comentario:
Publicar un comentario