A Mesa pola Normalización fai de altofalante da denuncia que fixo unha rapaza que se presentou ao premio extraordinario da ESO. A nota da organización é a seguinte:
A Mesa pola Normalización Lingüística faise eco da queixa realizada publicamente por unha alumna de primeiro de bacharelato que denunciou que a última convocatoria de exames para premio extraordinario da ESO estaba realizada nun galego moi deficiente e que dificultaba a comprensión dalgúns enunciados, o que forzaba a utilizar a versión castelá, esta si redixida coa corrección debida. Para Carlos Callón “é unha desidia procurada pola propia Xunta, que máis unha vez deturpa o galego porque non considera que sexa un idioma de verdade, útil e cohesionador da sociedade galega” e lamenta a “exhibición de desprezo pola cultura galega” por parte de quen debería ser “a primeira institución en coidala e promovela”.
Segundo declara a estudante, nas probas introducíase y no canto da conxunción galega e, una no canto de unha, la no de a, etc. Ademais, nas probas de matemáticas (unha das materias que a actual Xunta prohibe ministrar en galego), o galego macarrónico da Xunta dificultaba gravemente a comprensión: “A cousa falaba dun foguete que despegaba e había que representar unha gráfica coa altura á que chegaba. Ao final, dicía: ‘dende o eixe do chan é x’. Con todo o que dicía antes e o pouco que viña despois, non puiden comprender o que esa frase viña a dicirme polo que tornei o papel para comprobar se é que o meu pavor polas matemáticas facía que non entendese de que ía o problema ou, como ben supuxen, era cousa da redacción. En castelán dicía: ‘donde el eje del suelo es x’. Obviamente, hai unha moi clara diferenza entre dende e onde.” A rapaza conclúe por iso a súa queixa sinalando: “Coido que como estudante galega que son, teño todo o meu dereito a poder ler, entender e facer un problema de matemáticas no meu idioma sen ter que darlle a volta ao exame.”
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística dirixiuse ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, para lle reclamar unha explicación e para que situacións como as anteditas non se volvan a producir.
P.S.: a noticia no Galicia Hoxe
Ningún comentario:
Publicar un comentario