Por moito que se prometeran, hai compromisos que a Xunta está a demostrar, día tras día, que non é quen de cumprir. Un deles é a promesa que fixo o Goberno galego de ter máis coidado cos tradutores automáticos do galego ao castelán para que non se escapasen polo medio topónimos deturpados.
A polémica naceu coa famosa referencia do conselleiro de Cultura, Roberto Varela, a Desván de los Monjes en lugar de Sobrado dos Monxes. Varela atribuíu o erro a que o texto orixinal en galego pasou por un tradutor informático e ninguén o revisou despois. A Xunta prometeu que tería máis coidado no futuro.
Porén, onte o Boletín Oficial del Estado publicaba en castelán un anuncio traducido do galego sobre unha obra da Consellería de Infraestruturas que dirixe Agustín Hernández indicando en tres ocasións que parte dos traballos se realizarán en La Guardia, errando así novamente no topónimo oficial de A Guarda.
En todo caso, o erro puntual do departamento de Hernández non debe facer esquecer que, pese a non nacer en Galicia, é un dos conselleiros que máis respecta o galego. Fronte a el, a consellería que máis erros de toponimia está a cometer nas traducións destinadas ao BOE é a de Economía de Javier Guerra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario