Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 24 de xaneiro de 2011

A carta de Elena

Hai cousa dunha semana que A Mesa denunciaba o caso do desprezo á nosa lingua onde o coidado debía ser exquisito, nos exames para premios extraordinarios da ESO. A organización de defensa da lingua facía de altofalante dunha denuncia que fixera públicamente unha alumna de primeiro de bacharelato. A rapaza chámase Elena Vázquez Sarandeses e estuda no IES Sánchez Cantón de Pontevedra. A súa carta, que recollo do blogue Mesturas, é a aparece máis abaixo.
O obxectivo final da escola consiste en formar persoas autónomas, independentes, críticas, capaces de avaliar  as situacións que se lle presenten na vida e reaccionar diante delas. A pesar de enfrentarse a un entorno pechado e moi regulamentado, Elena foi quen de debullar o que sucedía máis alá das liñas dos enunciados das probas dos premios extraordinarios e aplicarllo acaídamente ao que estaba observando. Tirou conclusións propias, precisas e acaídas á situación. Identificou o problema, recoñeceu aos culpables, soubo como reaccionar durante a proba para super as dificultades que tiña diante súa, e finalmente elevou o seu dedo acusador a quen correspondía : a Consellería de Educación.
Non hai ningunha dúbida de que Elena acadou antes de acabar a súa etapa educativa, as capacidades que todos desexaríamos, non xa nun alumno, senón nun profesional. Elena sabe que o desleixo que se filtraba no exame debíase ás mesmas razóns polas que a ela lle queren desproveer dun profesor de matemáticas que lles ofreza cuestións da materia redactadas correctamente en galego. Se por estas razóns eu, sen coñecela, me sinto orgulloso dela,  os seus pais, os seus profesores e os seus amigos deben pasear por Pontevedra co peito enchido, ...e a un tempo, non lles quedaría outra, se tiveran vergoña, que andar cabeza gacha  a todos os da Consellería de Educación que dalgunha maneira sexan responsables deste e doutros desprezos semellantes.
Grazas Elena. Mañán entrarei na aula con máis folgos pensando en que entre os pupitres pode haber alguén semellante a ti, alguén a quen non podo decepcionar.

O día trinta de novembro celebráronse os premios extraordinarios da ESO, exame no que participan todos aqueles alumnos cunha media de máis de 9 nesta etapa. O exame consta de seis partes onde matemáticas, ciencias sociais e unha materia optativa, presentan un dobre formato no que por unha cara do folio o exame está escrito en galego e na outra está en castelán. Despois de ter feito o exame, tan só teño unha dúbida na miña cabeza, non é que desde que somos ben cativos nos ensinaron a non cometer faltas de ortografía? Non era que escribir incorrectamente denotaba non só un certo grao de incultura senón tamén de despreocupación? Ao comezar a ler os exames de matemáticas, historia e física e química, a ortografía brillaba pola súa ausencia. Estas faltas, como puiden comprobar ao tornar o papel, só se producían na versión en galego e non, non eran erratas, non era cousa de letras descolocadas senón que a penetración de palabras en castelán repetíase ao longo dos exercicios. O curioso é que ao outro lado do papel todo estaba correctamente escrito. Que pasa entón co galego? Pretendo deixar a un lado as ideas políticas, a polémica da supremecía dun idioma ou doutro, esquezámonos das imposicións e novas leis, na miña opinión anticulturais, e voltemos a aquelas clases de lingua, lembrémonos da monótona voz da nosa mestra, daquela musiquiña incesante que repetía unha e outra vez todas esas normas. Lembran? A miña intención é criticar a despreocupación do órgano que redactou o exame e que a Consellería de Educación se esquecese todas esas leccións que vimos de lembrar. Pois ben, isto indignoume e irritoume. Non só pola falta de atención da Consellería de Educación senón que non podo asimilar que os textos non estean perfectamente revisados e corrixidos xa que o nivel de importancia e seriedade é enorme. Como é que unha consellería pode permitirse a impresión de centos de exames sen que a pulcritude, a escrupulosidade e a limpeza gobernen nos textos de ditas probas? Cometíase a introdución da conxunción y, letra que nin existe no idioma, así como o cambio de artigos, aparecía una no lugar de unha e la no de a, omitíase a contración de con máis unha, no canto de país desenvolvido esubdesenvolvido, infiltrábase desenvolto subdesenvolto. Ler aquel exame resultaba semellante a ler something como this, é dicir, the inclusión of outras words which veñen from outro language. Pode que sexa algo esaxerado, que si, que somos bilingües e entendemos perfectamente pero iso non fai que poidamos marxinar á seriedade. O peor é que isto non remataba aquí, xa non só foi cousa desa arrepiante inxección de vocábulos foráneos senón que, lendo a versión da terra, non fun quen de entender un dos problemas de matemáticas. A cousa falaba dun foguete que despegaba e había que representar unha gráfica coa altura á que chegaba. Ao final, dicía: “dende o eixe do chan é x”. Con todo o que dicía antes e o pouco que viña despois, non puiden comprender o que esa frase viña a dicirme polo que tornei o papel para comprobar se é que o meu pavor polas matemáticas facía que non entendese de que ía o problema ou, como ben supuxen, era cousa da redacción. En castelán dicía: “donde el eje del suelo es x”. Obviamente, hai unha moi clara diferenza entre dende e onde. Coido que como estudante galega que son, teño todo o meu dereito a poder ler, entender e facer un problema de matemáticas no meu idioma sen ter que darlle a volta ao exame. Resúltame frustrante este abandono do idioma, é un desprestixio cara á lingua e cara a todas esas persoas que se esforzan por defender o seu uso correcto, desde os máis galeguistas até os que non o son e, sinxelamente, saben que cometer faltas ortográficas implica ineptitude e incompetencia.
Aínda non podo proxectar a idea de como puido ocorrer tal cousa, deume a impresión de que o exame foi feito e revisado por completos ignorantes e, se se me permite, por uns túzaros agrestes que non coidan algo tan fermoso, singular e propio como o é unha lingua. Seica foi iso o que pasou...

2 comentarios: